Nicéforo I, patriarca de Constantinopla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Nicéforo I, patriarca de Constantinopla
Chludov Nikephoros I of Constantinople.jpg
Nacementoc. 758
 Constantinopla
Falecemento5 de abril de 828
 Constantinopla
SoterradoIgreja dos Santos Apóstolos
NacionalidadeImperio Bizantino
RelixiónIgrexa
Ocupaciónsacerdote e historiador
editar datos en Wikidata ]
Nicéforo de Constantinopla.

Nicéforo I ou San Nicéforo (Nicephorus , Νικηφόρος), nado en Constantinopla en 758 e finado na mesma cidade no 828,[1] foi un escritor cristián bizantino e Patriarca de Constantinopla (806 - 815).[2] É coñecido polos alcumes de Patriarca, Homoloxeta e Confesor.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Constantinopla no seo dunha familia estritamente ortodoxa, que sufriu a persecución dos iconoclastas: o seu pai Teodoro, un dos secretarios do emperador Constantino Coprónimo, foi exiliado polo seu apoio celoso do uso de imaxes, e o seu fillo herdou as súas conviccións relixiosas. Entrou ao servizo do Imperio, e converteuse en secretario do gabinete, e baixo a emperatriz Irene, tomou parte como comisionado imperial no Segundo concilio de Nicea (787)[3] onde defendeu as imaxes, feito polo que seu pai fora mandado ao exilio en dúas ocasións. Despois retirouse a un mosteiro fundado por el en Propóntide.

Logo da morte de san Tarasio, aínda sendo laico, foi elixido patriarca por desexo do emperador (na Pascua, o 12 de abril do 806). Esta elección pouco canónica atopou oposición na parte estritamente clerical, oposición que se intensificou até romper completamente con Nicéforo, que en calquera caso era un moralista moi estrito, pero que estivo de acordo co emperador en restituír ao excomungado sacerdote Xosé.

No 814, o emperador León V de Bizancio emitiu un edicto co que comezou a segunda etapa da persecución contra as iconas e tanto Teodoro Estudita como Nicéforo se opuxeron.[4] Como consecuencia,Nicéforo foi arrestado e deposto polo emperador no 815, retirándose a un mosteiro da Propóntide fundado por el:[5] Tu Agathu, despois chamado Tu hágiu Theodóru. De aí comezou un debate pola causa das iconas contra o sínodo iconoclasta do 815, mais grazas á morte de León V en 820, por fin prometéuselle tolerancia.

Morreu no mosteiro Tu Agathu, reverenciado como confesor (mártir). Os seus restos foron levados solemnemente a Constantinopla polo Patriarca Metodio I de Constantinopla o 13 de marzo do 874, e depositados na igrexa dos Santos Apóstolos, onde anualmente foron obxecto de devoción imperial. A súa festa celébrase este día tanto nas igrexas grega como romana; os gregos ademais celebran o 2 de xuño como o día da súa morte.

Obra[editar | editar a fonte]

Comparado con Teodoro Estudita, Nicéforo parece amigo da conciliación, coñecedor da patrística, máis inclinado a tomar a defensiva que a ofensiva, e posuidor dun estilo simple e comparativamente casto. Era sinxelo nas súas regras eclesiásticas e monásticas e non era partidario no seu tratamento histórico do período 610 a 769 (Historia syntomos, breviarium).

As súas táboas de historia universal (Chronographikon syntomon), en pasaxes estendidas e continuadas, estaban en gran favor dos bizantinos, e circularon tamén por Occidente na versión Latina de Anastasio. A Cronografía ofrecía unha historia universal desde a época de Adán e Eva até o seu propio tempo. Ao final anexoulle un catálogo de libros canónicos, disputados (antilegomena) e apócrifos do Antigo e Novo Testamentos. O catálogo é unha estichometría, é dicir, indica o número das liñas de cada obra, o que permite comparar os textos actualmente aceptados e xulgar que tanto foi agregado ou omitido. Isto é especialmente útil para os apócrifos, para os cales só sobreviviron fragmentos de textos. Métese entre os antilegomena do Novo Testamento a Apocalipse xunto coa Epístola de Bernabé, a Apocalipse de Pedro e o Evanxeo dos hebreos[6].

As principais obras de Nicéforo son tres escritos que se refiren á iconoclasia:

  • Apologeticus minor, probabelmente composto antes do 814, unha obra explicativa para laicos sobre a tradición e a primeira fase do movemento iconoclasta.
  • Apologeticus maior, con tres Antirrhetici contra Mamonas-Constantino Coprónimo, un completo dogmatismo sobre a crenza nas imaxes, cunha exhaustiva discusión e refutación das obxeccións feitas en oposición ás súas obras, así como aquelas feitas dos traballos dos Pais.
  • A terceira das súas maiores obras é unha refutación do sínodo iconoclástico do 815 (ed. Serruys, París, 1904).

Nicéforo segue o camiño de Xoán Damasceno. O seu mérito é a firmeza con que traza as súas probas literarias e tradicionais, e as súas refutacións detalladas serven polo coñecemento que achegan de textos importantes aducidos polos seus opoñentes e en parte tomados de literatura da igrexa antiga.

Predecesor:
san Tarasio
Patriarca de Constantinopla
806 - 815
Sucesor:
Teodoro I

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Na Enciclopedia universal ilustrada europeo-americana (1920), de Espasa Calpe (vol. 38, p. 553), afírmase que morreu o 2 de xuño do 829.
  2. Analecta Gregoriana. 23-24. Aedes Universitatis Gregorianac. 1940. p. 192. 
  3. Schönborn (1999), p. 182
  4. Vázquez Borau, J.L. (2013). La experiencia religiosa camino de la mística (en castelán). Barcelona: Horeb. p. 24. ISBN 978-1-291-60701-7. 
  5. Amat de Palau y Pont, Félix (1806). Tratado de la Iglesia de Jesucristo ó Historia eclesiástica (en castelán) VIII (2ª ed.). Madrid: Imprenta de don Benito García y compañía. p. 286. 
  6. The Development of the Canon of the New Testament: The Stichometry of Nicephorus (9th century?

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Schönborn, Christoph (1999). El icono de Cristo: Una introducción teológica. Col. Ensayo (en castelán). Madrid: Ediciones Encuentro. ISBN 978-84-7490-513-7. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]