Xordanes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xordanes
Nacementoc. século VIxuliano
Lugar de nacementoImperio Romano
Falecementoc. século VIxuliano
NacionalidadeImperio Bizantino
EtniaGodos
Ocupaciónhistoriador e escritor
Coñecido porDe origine actibusque Getarum e Life of Boethius
editar datos en Wikidata ]

Xordanes, (en latín, Iordanis) tamén coñecido como Iornandes[1] ou Iordannes, foi un funcionario e historiador do Imperio Romano de Oriente, probablemente de orixe gótica[2][3] e que viviu no século VI.[4] A súa obra de maior interese é De origine actibusque Getarum (en galego, A orixe e as fazañas dos Godos), ou Getica, escrita en latín (probabelmente a terceira lingua de Xordanes) en Constantinopla, sobre o 551. Neste traballo faise referencia a unha illa chamada Scandza -que se identifica como Escandinavia- e aos distintos pobos alí existentes entre os que cita aos Gautigodos -quizais os godos-, os ostrogodos e os Svea.

A segunda obra que escribiu foi De Regnorum ac Temporum Successione, un compendio dos feitos máis salientables até a vitoria de Narsés, no 527, sobre o rei ostrogodo Teodato.[5]

Tamén foi cónsul no 470.

O ambiente político en Constantinopla[editar | editar a fonte]

O Imperio Romano (capital Constantinopla), mostrado en rosa, cando Xordanes escribiu Getica. As conquistas de Xustiniano aparecen en verde

Xustiniano chegara ao poder como emperador asociado en 527, tomando pouco máis tarde o control en solitario trala morte de seu predecesor. Desde 523, ademais, estaba casado con Teodora. Naquela época, Italia era unha mestura de antigos romanos, pobos italianos e godos. As relacións entre estes pobos variaban entre períodos de paz e outros de non tanta harmonía. No aspecto relixioso, Italia quedaba en territorio de influencia de Roma, mentres Xustiniano e Teodora pertencían á Igrexa ortodoxa oriental.

Xustiniano foi coñecido como "o emperador que nunca durmía".[6] El e máis Teodora (que foi unha parella excelente e de semellante intelixencia á do emperador) dedicaron case cada momento do seu tempo e recursos a un obxectivo: a reunificación e restauración do Imperio Romano. Os seus métodos foron en ocasións extremos, ao igual que desapiadados. Lograron un éxito parcial neste obxectivo, e dese modo, ambos os dous foron coñecidos como os últimos emperadores propiamente romanos.

Como astuto estadista que era, comprendeu a necesidade de vencer os seus inimigos facendo certas concesións. Continuou a política de recoñecer á sede papal como suprema autoridade eclesiástica. A pesar diso, confiaba en controlar ese poder grazas á súa influencia persoal. En 536, a súa esposa chegou a un acordo co representante papal, Vixilio, un nativo romano. No quid pro quo subseguinte (expresión que aínda hoxe é a base dos acordos legais), o quid era a concesión do papado e 700 libras de ouro. O quo era a cooperación de Vixilio con Xustiniano.

Tras este acordo, o xeneral dos exércitos de Xustiniano, Belisario, estableceu a súa gornición na cidade de Roma. O Papa Silverio (un guerreiro godo) foi expulsado do papado mediante falsas acusacións. Belisario asegurouse que a elección do novo Papa favorecese a Vixilio. Xustiniano, porén, que actuara so a motivación da razón de estado, non contaba con que Vixilio, máis pendente da súa propia conciencia, terminaría actuando en contra da política imperial.

A crise do papado[editar | editar a fonte]

A controversia dos tres capítulos foi un asunto complexo dentro dos círculos das igrexas cristiás. Pediuse a Xustiniano que tomase parte (como xa fixera Constantino I ao entrar nos debates sobre temas relixiosos), cousa que fixo en 543 ou 544, cun edicto que condenaba os Tres Capítulos. Xustiniano esperaba que o edicto facilitase a reconciliación cos monofisitas. Patriarcas e Bispos foron entón obrigados a asinaren o edicto.

Vixilio negouse a asinar. Sacárono á forza en medio dun servizo relixioso que celebraba a festividade de Santa Icía e foi escoltado ata un barco que, no río Tíber, esperaba para transportalo a Constantinopla. Tras unha estadía en Sicilia, chegou a Constantinopla en 547, pasando na capital os seguintes oito anos, aínda que non só pola súa teimosa negativa a asinar o edicto, senón tamén porque Xustiniano prefería mantelo afastado das guerras cos godos e dos violentos conflitos políticos que devoraban Italia. En 555, trala derrota dos godos, Vixilio accedeu aos desexos do soberano e permitíronlle abandonar a capital, só para morrer na viaxe de regreso a Roma, onde foi enterrado á súa chegada.

Xordanes involúcrase no conflito[editar | editar a fonte]

Como e onde chegou Xordanes a unirse a Vixilio en Constantinopla segue sendo un enigma. Como bispo de Crotona, non debía acharse en Roma no momento do arresto de Vixilio. Tras unirse a el, podería non ser autorizado a marchar, xa que este compartía a política conciliatoria de Vixilio que concernía aos restos dos hunos e aos godos. A última cousa que Xustiniano quería era a reconciliación, xa que enviara a Belisario a Italia para derrotar estes pobos.

O libro sobre a historia de Roma, Romana, empezou como unha forma de alixeirar a carga do arresto e para encher as longas horas do mesmo. Esta obra sobreviviu baixo varios títulos descritivos: De summa temporum vel origine actibusque gentis romanorum, De regnorum et temporum successione, e incluso Liber de origine mundi et actibus romanorum ceterarumque gentium ou De gestis romanorum. Trátase dunha apresurada compilación, iniciada antes, pero publicada despois da Historia dos Godos de 551, cubrindo a historia do mundo desde a Creación, baseada en Xerome e outros escritores, pero que ten o seu maior valor en canto trata os acontecementos entre 450 e 550, cando Xordanes aborda a historia recente da súa época.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nunha pasaxe da súa propia obra, na Getica, escribe sobre si mesmo:[7]

Os esciros, os sadagares e algúns alanos, co seu líder Candaco, recibiron a Escitia Menor e a Mesia Baixa. Paria, o pai de meu pai, chamado Alanoviiamuth (é dicir, meu avó), foi secretario daquel Candaco toda a súa vida. Ao fillo da súa irmá, Grutungi, tamén chamado Baza, mestre dos soldados (magister militum), que era fillo de Andagis e fillo de Andela, descendía da dinastía dos Amalos, eu tamén, Xordanes, aínda que antes da miña conversión era un analfabeto. tamén fun secretario.

Xa no texto da edición de Mommsen de 1882, suxeríase que o nome longo do pai de Xordanes debía dividirse en dúas partes: Alanovii Amuthis, ambas as dúas formas xenitivas. O primeiro probablemente alude á pertenza aos alanos, mentres que Amute sería o seu verdadeiro nome. A palabra anterior debería pertencer entón a Candacus, o que significa que era un alano. Mommsen, con todo, rexeitou suxestións para modificar un texto corrompido.[8]

Paria era o avó paterno de Xordanes. Este escribiu que era secretario de Candaco, dux dos alanos (dux Alanorum), un líder dos alanos ata entón descoñecido. Xordanes foi notario (notarius; secretario) do grutungo Baza, mestre de soldados, sobriño de Candaco, do clan ostrogodo dos Amalos. Isto foit ante conversionem meam ("antes da miña conversión").

Xordanes bispo[editar | editar a fonte]

Non se sabe moito sobre a carreira de Xordanes na Igrexa e a natureza e os detalles da conversión seguen sen estar claros. A conversión probablemente non foi do paganismo ao cristianismo. Os godos foran convertidos ao arianismo coa axuda de Ulfilas (un godo), nomeado bispo por iso. A conversión de Xordanes puido ser unha conversión ao credo Niceno (Trindade), que se pode expresar en anti-arianismo en certas pasaxes da Getica.[9] Nas cartas a Vixilio, menciona que espertou a vestris interrogationibus, ("polo seu interrogatorio"). Alternativamente, a conversión de Xordanes podería significar que se converteu nun monxe, ou nun clérigo ou nun membro do clero. Algúns manuscritos din que foi bispo, algúns mesmo din bispo de Rávena, pero o nome Xordanes non aparece na lista dos bispos de Rávena.

O papa Pelaxio I menciona a un Iordanis, defensor Ecclesiae Romanae ("Xordanes, defensor da Igrexa romana"), que podería referirse ao historiador bizantino. A énfase no termo "Iglesia Romana" final, en oposición a algunha outra igrexa, parece implicar o coñecido conflito entre o credo niceno e o credo ariano, entón aínda en curso. Ao redor do ano 551, ao papa Vixilio, detido en Constantinopla, uniuse un bispo Xordanes de Crotona (Calabria, Italia), comunmente identificado como "Xordanes" o historiador.

Getica[editar | editar a fonte]

Moito do que sabemos sobre a Batalla dos Campos Cataláunicos vén da Getica, escrita por Xordanes.

Os avatares do tempo fixeron que esta sexa a única fonte supervivente sobre a orixe dos pobos godos que ocuparon as beiras do Mar Báltico, arredor da actual Polonia, e que se estenderon ao sur ata o Mar Negro, formando un imperio diferenciado cunha lingua propia e sobre como os godos foron derrotados polos hunos e gradualmente se dispersaron por Europa ata desapareceren por asimilación con outros pobos.

Esta obra foi escrita por Xordanes a pedimento dun amigo, quen lle pediu escribila para a igrexa, como resumo dunha obra de varios volumes (hoxe desaparecida) sobre a historia dos godos, compilada polo político e escritor Casiodoro. Os factores máis importantes na selección de Xordanes para este traballo foi o seu interese pola historia (xa estaba traballando nunha historia de Roma), a súa habilidade para escribir de forma sucinta, e as súas propias relacións cos godos. Xordanes fora funcionario de alto nivel, notario ou secretario, dun pequeno estado cliente de Constantinopla na fronteira de Mesia, ao norte da actual Bulgaria.

Outros escritores como Procopio escribiron obras aínda existentes sobre a historia posterior dos godos. Como único traballo supervivente sobre a orixe dos godos, a Getica de Xordanes foi obxecto dunha extensa revisión crítica. Xordanes escribiuno en latín tardío, denigrado polos clasicistas por non respectar as regras do latín clásico de Cicerón. Segundo a súa propia introdución, só tivo tres días para revisar o traballo de Casiodoro, e polo tanto, debía confiar no seu propio coñecemento. Algunhas das súas exposicións son moi concisas.

Así e todo, parte desa consideración de escritor en latín decadente de Xordanes viuse recentemente cambiada, ao se descubriren novos manuscritos -o Panornitanus Arch. Stato. cod. Basile- parecendo que os abundantes erros atribuídos á pluma de Xordanes corresponden aos copistas nórdicos posteriores, descoñecedores do latín.[10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Christensen 2002, p. 86
  2. Croke 1987, p. 119.
  3. Christensen 2002, p. 88
  4. Miranda 2007, p. 449.
  5. Smith (1867), p. 608
  6. Webster, Hutton. "EARLY EUROPEAN HISTORY". fullbooks.com (en inglés). Consultado o 26 de decembro de 2022. 
  7. "Jordanes. THE ORIGIN AND DEEDS OF THE GOTHS, L, 266". people.ucalgary.ca (en inglés). 22 de abril de 1997. Consultado o 26 de decembro de 2022. 
  8. Christensen (2002), p. 91
  9. Getica 132, 133, 138, notado por Croke 1987, p. 125
  10. Sánchez Martín (2001)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Christensen, Arne Søby (2002). Cassiodorus, Jordanes, and the History of the Goths. Studies in a Migration Myth (en inglés). Copenhague: Museum Tusculanum Press. ISBN 978-87-7289-710-3. 
  • Croke, Brian (abril 1987). The University of Chicago Press, ed. "Cassiodorus and the "Getica" of Jordanes". Jornal of Classical Philology (en inglés) (Chicago) 82 (2): 117–134. JSTOR 270102. 
  • Miranda, Ulrika Junker; Hallberg, Anne (2007). Jordanes (en sueco). Estocolmo: Albert Bonniers Förlag. ISBN 91-0-011462-6. 
  • Sánchez Martín, José María, ed. (2001). Jordanes. Origen y gestas de los godos (en castelán). Madrid: Cátedra. ISBN 84-376-1887-8. 
  • Smith, William, ed. (1867). A Dictionary of Greek and Roman biography and mythology. Vol II (en inglés). Boston: Little, Brown and Company. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]