Moeda viquinga
A moeda viquinga foi a utilizada na Idade Media, durante a chamada era viquinga en diversas rexións da Europa do Norte e das Illas Británicas.
Antes da cuñaxe e do uso de moedas, a economía viquinga utilizaba eminentemente pezas de metal e lingotes, sen un valor predeterminado, senón que este estaba en función do seu peso e do valor do metal concreto.[2][3]
No século IX as incursións viquingas puxeron en contacto este pobo con outras culturas europeas que estaban familiarizadas co uso da moeda nas súas economías, feito este que influíu no inicio da propia produción de moedas por parte dos viquingos.[3]
Dentro da propia Escandinavia, os viquingos coñecían xa as moedas propias dalgunhas rexións próximas, e mesmo chegaron a ter contacto con emisións de pobos árabes que chegaron a Escandinavia a través do comercio, que tamén supuxeron unha influencia para o desenvolvemento das posteriores cuñaxes viquingas.[3]
Os reinos gobernados polos dinamarqueses nas Illas Británicas, coñecidos como Danelaw, comezaron a producir as súas moedas, con alusións aos seus soberanos e diversas imaxes cristiás. E dentro de Escandinavia, as emisións dos daneses, dos suecos e dos noruegueses tiveron as súas particularidades, sinaladamente pola alusión aos seus respectivos gobernantes, e a habituación ao seu uso seguiu ritmos diferentes en cada rexión.[3]
Os achados de numerosos tesouros de moedas de prata tanto nas Illas Británicas como en Escandinavia proporcionou información acerca da diversidade de tipos e deseños das moedas a nome de cada gobernante, e tamén sobre a influencia de culturas e tradicións monetarias externas. Entre estes achados cómpre salientar algúns producidos no Reino Unido, como o de Cuerdale (consistente en arredor de 7.000 moedas, case todas depositadas no Museo Británico) e o de Silverdale, ambos no condado inglés de Lancashire.[4][5] Ademais destes, os achados producidos en Dinamarca e Suecia amosan unha gran proporción de moedas árabes e fragmentos de diversos obxectos de prata, así como xoias e brazaletes.[6][7]
Antecedentes: a economía dos metais preciosos
[editar | editar a fonte]Nos comezos da era viquinga, as transaccións económicas realizábanse fundamentalmente con metais preciosos, en diversas manifestacións, cun valor que viña determinado polo seu peso.[3] Algúns autores suxiren que as moedas escandinavas comezaron a desenvolverse na cidade de Ribe cara a principios do século VIII, con probas de sceattas danesas das que aínda non se acharon evidencias da súa ceca de proveniencia.[8]
Nesta economía baseada no metal precioso, a prata era o metal utilizado no comercio con maior frecuencia. Os fragmentos de obxectos de prata pesábanse con pesas de chumbo e posteriormente fundíanse para lles dar outras formas, como brazaletes e outras xoias. Estas balanzas, que portaban os comerciantes, permitían determinar con gran precisión o peso do metal, o que facilitaba o intercambio de produtos no comercio nesta etapa premonetaria. Ademais de utilizarse como medio de pagamento, os metais preciosos convertéronse tamén nun símbolo de poder e riqueza na sociedade viquinga.[9]
Cara ao século IX, diversas incursións levaron o pobo viquingo a tomar contacto con varias cidades e pobos lindeiros co mar do Norte e co mar de Irlanda. Logo destas incursións en nacións estranxeiras, os viquingos foron coñecendo e asumindo novas formas de exercicio das relacións económicas e comerciais. Como resultado, o uso da prata como medio de pagamento fíxose aínda máis influente.[10] Os diferentes reinos anglosaxóns xa estaban afeitos ao uso da moeda, que comezaron a utilizar adoito para o pagamento aos viquingos como vía para evitar as súas incursións, aínda que non sempre con éxito.[3] Ademais da influencia das moedas anglosaxoas, arredor do 35 % das moedas que entraban en Escandinavia eran de orixe oriental, o que dá mostra da ampla influencia de culturas alleas aos viquingos no desenvolvemento das súas posteriores cuñaxes de moeda propia.[11]
Emisións en Escandinavia
[editar | editar a fonte]Dinamarca
[editar | editar a fonte]Moeda viquinga de Dinamarca | |
---|---|
ZVEN REX AD DENER ("Sven, Rei dos Dinamarqueses"); busto do monarca. | GOD-WINE M-AN D-NER ("Godwine, moedeiro dos dinamarqueses"). |
Moeda a nome de Svend I (Sweyn Tveskæg), rei de Dinamarca (986-1014), cuñada en 995.[12] |
As primeiras moedas dinamarquesas coñecidas da época viquinga foron cuñadas a nome de Svend I (Sweyn Tveskæg), rei de Dinamarca (986-1014) cara ao ano 995.[3][13] Estas moedas amosaban diversas inscricións, que sempre incluían o nome do monarca nos anversos e que tamén aludían á autoridade responsable da emisión, nos reversos (por exemplo: GODWINE M-AN DNER: "Godwine, moedeiro dos dinamarqueses").[14]
Durante os séculos seguintes mantívose a emisión destas moedas, todas elas de prata e cun valor que viña determinado polo seu peso.[13] Proceden dunha ou de varias cecas de localización indeterminada e hoxe hai poucos exemplares coñecidos.[15]
Svend I de Dinamarca e Olaf I (Olaf Tryggvasson) rei de Noruega (995-1000) comandaran previamente os exércitos invasores viquingos nas Illas Británicas, o que conduciu ao establecemento do imposto coñecido como Danegeld, que o rei inglés Etelredo II (978-1013 e 1014-1016) lle tiña que pagar ao dinamarqués. As moedas inglesas utilizadas para este pagamento convertéronse nun dos primeiros padróns para as emisións de Dinamarca.[15] Esta influencia manifestouse en dous modelos monetarios: por unha banda os peniques feitos a imitación dos ingleses e moi similares aos cuñados en Inglaterra, mesmo reproducindo o busto e o nome do rei inglés, pero producidos en Dinamarca; e por outra banda os que, sendo tamén imitación dos ingleses, amosan unhas lendas e uns motivos xa máis vinculados con Dinamarca.[16]
Durante o reinado de Svend II (Svend Estridsen), rei de Dinamarca (1047-1076), foi frecuente que as moedas dinamarquesas imitasen os modelos da moeda bizantina, sinaladamente cara á derradeira parte do seu reinado, e os peniques amosaban lendas con caracteres rúnicos dinamarqueses. Máis tarde, baixo o reinado de Harald III (Harald Hen), rei de Dinamarca (1074-1080), o reino pasou a ter xa unha moeda propiamente nacional.[15]
A implantación da moeda en Dinamarca tivo uns inicios consistentes e foi consolidándose baixo o goberno de Canuto II, rei de Dinamarca (1018-1035), de Inglaterra (1017-1035) e de Noruega (1029-1035).[3] Durante este período, na década de 1020, produciuse unha reorganización do sistema monetario e as moedas foron cuñadas principalmente en Lund, aínda que tamén había cecas noutras cidades, como Ribe, Hedeby e Aalborg.[13]
Noruega
[editar | editar a fonte]Moeda viquinga de Noruega | |
---|---|
+ ARALD REX NAR(vegiae); busto coroado do monarca. | + OÐNKAR ON OÐS(vi) |
Moeda a nome de Harald III, rei de Noruega (1047-1066).[17] |
Do mesmo xeito que noutros lugares da Escandinavia viquinga, en Noruega introducíronse moedas procedentes de diversos lugares do mundo, como consecuencia da expansión do comercio. Nos territorios viquingos producíronse uns 150 achados monetarios, con arredor de 400 moedas de procedencia árabe, unhas 3.300 da propia Noruega e un número similar de moeda inglesa.[18]
Algunhas das primeiras moedas cuñadas en Noruega correspóndense coa década de 990 e portan nos anversos a imaxe de Olaf I (Olaf Tryggvasson) rei de Noruega (995-1000).[15] Considérase probable que a cuñaxe local de moeda continuase en Noruega, o que se apoia nos diversos achados monetarios atopados. Baixo o goberno de Harald III (Harald Hardrada), rei de Noruega (1046-1066) que coñecera e manexara a moeda bizantina por mor dos seus servizos co emperador bizantino, estableceuse xa unha moeda nacional.[18]
Xeralmente, os peniques emitíanse en prata cun peso de 0,89 gramos.[15] Inicialmente estas moedas cuñábanse cunha grande proporción de prata, mais a presenza deste metal na aliaxe foi diminuíndo progresivamente, en favor do cobre, sinaladamente no período de Olaf II (Olaf Haraldsson), rei de Noruega (1015-1028). É probable que a principal ceca do reino neste período estivese situada en torno á zona costeira de Nidaros.[15]
A introdución da moeda en Noruega foi lenta nos seus inicios, mais conseguiu a súa época de expansión durante o reinado de Harald III (1046-1066).[3]
Suecia
[editar | editar a fonte]Moeda viquinga de Suecia | |
---|---|
OLVF REX ZBEVOX; busto drapeado do monarca. | + GODPINE MO ZIHT; dobre cruz curta con letras nos cuadrantes. |
Penique de prata a nome de Olaf Skötkonung, rei de Suecia (ca. 995-1012), cuñada en Sigtuna ca. 995-1005.[19][20] |
A chegada de moedas de orixe estranxeira a Suecia comezou cara ao ano 800 e continuou aproximadamente ata 1150, cando comezou a facerse máis común a cuñaxe local de moeda. Foi habitual a entrada de dirhams do mundo musulmán a través de Rusia, aínda que tamén chegaron a Suecia a través de Alemaña, de Inglaterra e doutros lugares.[21]
A emisión de moeda autóctona comezou na Suecia viquinga arredor de 990, baixo o goberno do rei Olaf Skötkonung (ca. 954-1022), cando se emitiron moedas co seu busto e lendas alusivas a el a aos seus títulos.[3] As cuñaxes reais tiveron lugar principalmente arredor da cidade de Sigtuna e estaban baseadas no sistema monetario inglés.[16] É probable que as emisións se producisen tamén baixo o reinado de Canuto o Grande. O rei Anund Jacob (1022-1050) continuou a cuñaxe de moeda en Sigtuna, aínda que esta cesou cara á fin do seu reinado. [22]
En xeral, a moeda sueca viquinga tiña uns trazos primitivos, en comparación con outras emisións da súa época, e eran frecuentes as alteracións do seu peso e as lendas carentes de sentido ou incomprensibles. Estas moedas puideron ter sido usadas como medio de pagamento exclusivamente para os soldados, no canto de utilizarse adoito nas transaccións comerciais domésticas.[16][21] A imaxinaría cristiá, sobre todo a cruz, era moi recorrente, sinaladamente nas primeiras emisións, e con frecuencia se incluían entre as súas lendas expresións como IN NOMINE DOMINI ("No nome do Señor").[23]
As cuñaxes en Sigtuna finalizaron cara a 1030.[15]
Emisións en Danelaw
[editar | editar a fonte]Moeda viquinga de Danelaw | |
---|---|
+SCEAIDM; letra A de gran tamaño no centro. | +CVFREOI; cruz patada no centro. |
Penique viquingo altomedieval de prata, da Anglia Oriental, cuñado ca. 895 e 910.[24] |
Danelaw, unha rexión situada no actual Reino Unido que estivo baixo o dominio dos viquingos dinamarqueses desde aproximadamente o século IX ata o século XI, comezou a utilizar moeda baixo influencia dinamarquesa. Nos primeiros momentos tratábase de moedas feitas a imitación das dos territorios próximos.[3] Entre estas moedas de imitación, eran poucas as que reproducían imaxes ou lendas relativas aos reis viquingos e era moi frecuente que se referisen nas súas lendas a Alfredo o Grande, rei dos saxóns occidentais (871-ca. 886) e dos anglosaxóns (ca. 886-899). Estas moedas tiñan un estándar de peso de aproximadamente 1,6 gramos e mantivéronse ata as décadas de 870 e de 880, xa amosando algúns sinais do dominio escandinavo.[25]
A mediados da década de 890 produciuse un pulo na introdución e no desenvolvemento das cuñaxes autóctonas nos reinos principais do Danelaw. York produciu as súas propias moedas reais a nome de Sigfred (ca. 770-ca. 798/804) e, xa posteriormente de Canuto o Grande (1017-1035), en tanto que no Reino de Anglia Oriental alternaron as cuñaxes de San Eadmund (854-870) coas de Alfredo o Grande (871-899).[26] As moedas de San Aedmund adoitaban amosar simboloxía cristiá.[26] As primeiras cuñaxes dos viquingos no reino de York producíronse a nome de Guthred, caudillo de Northumbria finado en 895. Conforme os espécimes coñecidos, son de tipo anglosaxón, co nome do mandatario, unha cruz e o nome do moedeiro. Tanto as cuñaxes de Sigfred como as de Canuto baséanse tamén na imaxinaría cristiá e rexia, e amosan influencias da moeda bizantina.[27]
A imaxinaría cristiá, tan común nas emisións monetarias de Danelaw, ía acompañada por inscricións como DOMINUS DEUS REX ("Señor Deus e Rei") e estaba caracterizada particularmente pola cruz cristiá. Paralelamente tamén eran notables as influencias escandinavas, con imaxes como o martelo do deus nórdico Thor e outras referencias. As lendas das moedas do rei Olaf demostran tamén a influencia escandinava.[3] Moitas das moedas viquingas que amosan imaxes de Thor e de Odín están acompañadas tamén por simboloxía cristiá. Nas moedas de Olaf Guthfrithsson (finado en 941) dáse unha maior presenza da simboloxía nórdica.[27]
Achados monetarios
[editar | editar a fonte]Moitos dos tesouros de moedas viquingas achados datan dos séculos IX a XI e sitúanse nas Illas Británicas. Os fondos destes achados atópanse comunmente en institucións museolóxicas como o Museo Británico e consisten particularmente en moedas de prata e outros obxectos.[6]
Entre os tesouros de prata achados en Dinamarca cómpre salientar o producido en Terslev, que conta con 1.751 moedas das que 1.708 son de orixe árabe. A moeda deste tesouro cunha data máis tardía corresponde ao ano 944. Tanto neste como noutros achados en Dinamarca aparecen tamén abundantes xoias e outros obxectos como colgantes, correas, pulseiras, doas e fragmentos de prata. Outros achados dinamarqueses de importancia son os de Duesminde e Vedsted, cuxos fondos se conservan na Colección Real de Moedas e Medallas de Dinamarca, no Museo Nacional de Dinamarca. Existen tamén algúns achados con obxectos de ouro, como o de Hornelund, que tamén se albergan no Museo Nacional de Dinamarca.[6]
En Suecia, dous terzos dos achados proceden de Gotland e conteñen 259.524 moedas da época viquinga en toda Suecia.[21] Ademais destes de Gotland, houbo outros achados importantes na illa báltica de Öland. Os tesouros de moedas dos séculos VIII e IX atopados aquí adoitan estar compostos por moedas árabes na súa maioría. Os achados de moedas do século XI redúcense en número, e adoitan ter unha maior proporción de moedas da Europa Occidental.[7]
No Reino Unido, o tesouro de Ashdon, con pezas datadas cara a 895, inclúe entre os seus obxectos 71 peniques de prata, a maioría dos cales amosan o busto de Alfredo o Grande, en tanto que outras reproducen o de Guthrum e outras son de atribución incerta. Catro das moedas procedentes deste achado pertencen ao Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico e o resto ao Museo Fitzwilliam e ao Saffron Walden Museum, en Essex.[29]
Un dos maiores tesouros de prata viquinga achados ata o momento é o de Cuerdale, en Lancashire, composto por arredor de 8.600 obxectos cun peso total de preto de 40 quilos, entre eles abundantes moedas, cuxa tipoloxía fai supor que puido ser soterrado entre 905 e 910. As moedas deste achado aproxímanse aos 7.000 exemplares, principalmente pertencentes ás emisións anglosaxoas e dinamarquesas, aínda que tamén hai outras cuñadas polos francos e polos bizantinos. Ademais das moedas, hai tamén máis de 36 quilogramos de prata en diferentes manifestacións, principalmente como xoias e pequenos fragmentos. A maior parte do tesouro de Cuerdale consérvase no Museo Británico.[4]
O tesouro de Silverdale, tamén en Lancashire, componse de 27 moedas e outras 200 pezas de xoiaría.[30][31] É de sinalar que algunhas destas moedas teñen a lenda DNS (Dominus) REX, que reflicte os ideais cristiáns, aínda que tamén amosan a inscrición AIRDECONUT, que probablemente se trate do nome escandinavo de Canuto Hardeknut, o primoxénito de Canuto o Grande.[32] Este grupo de moedas contén pezas angloviquingas, anglosaxoas, árabes e francas, así como outras de Northumbria, o que dá mostra dos amplos contactos culturais e comerciais dos viquingos e as influencias nas súas cuñaxes.[31]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Blackburn, M. (2001).
- ↑ Kershaw, J. (2017).
- ↑ 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 Williams, G. (2011). “Viking Money.” En BBC. 17 de febreiro.
- ↑ 4,0 4,1 Williams, G.; Webster, L. (2011). “The Cuerdale Hoard”.17 de febreiro.
- ↑ “Important Viking Hoard Highlights the Continuing Success of the Treasure Act and Portable Antiquities Scheme”. The Portable Antiquities Scheme, British Museum Office. 4 de xaneiro de 2012
- ↑ 6,0 6,1 6,2 “The Silver Hoards of the Vikings.” Nationalmuseet i København.
- ↑ 7,0 7,1 Thurborg, M. (1988).
- ↑ Graham-Campbell, J.; Williams, G. (eds.) (2007).
- ↑ “Decorated Weight”. Waterford Museum of Treasures.
- ↑ Graham-Campbell, J. (2011). Páxina 84.
- ↑ "What does coinage tell us about Scandinavian society in the late Viking Age?". En Alcock, L (1991). Páxina 157.
- ↑ Hauberg, P. C. (1900). Tab. I.
- ↑ 13,0 13,1 13,2 “History of Danish Coinage”. Royal Danish Mint. 22 de marzo de 2012.
- ↑ Bolton, T. (2009). The Empire of Cnut the Great: Conquest and the Consolidation of Power in Northern Europe in the Early Eleventh Century. Brill. Páxinas 162 e seguintes. ISBN 90-04-16670-X.
- ↑ 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 15,5 15,6 Skaare, K. (1993). “Coins and Mints”. Pulsiano, P.; Wolf, K. (eds.). En Medieval Scandinavia: An Encyclopaedia. Routledge. Páxinas 101-103. ISBN 978-0824047870
- ↑ 16,0 16,1 16,2 Alcock, L.; Malmer, B. (1997). “What Does Coinage Tell Us about Scandinavian Society in the Late Viking Age?. En Austin, D. From the Baltic to the Black Sea: Studies in Medieval Archaeology. Routledge. Páxinas 162-164. ISBN 9780415152259
- ↑ Schive, C. I. (1865). Páxina 26.
- ↑ 18,0 18,1 Malmer, B. (1976). "Coins and Coinage in Viking-Age Norway". En Scandinavian Economic History Review, 24:2, 153-156.
- ↑ Nordisk familjebok. Vol 13. Till art. Järnåldern. II. (1910). Fig. 21.
- ↑ "Schweden: Olaf Skötkonung". Münzkabinett. Staatliche Museen zu Berlin.
- ↑ 21,0 21,1 21,2 Jonsson, K. (2015). “Viking-Age coins found in Sweden”. En Helgesson, B. et a.l Small Things - Wide Horizons: Studies in honour of Birgitta Hårdh. Archaeopress Archaeology, Páxinas 51-57. ISBN 9781784911324
- ↑ Blackburn, M.,; Chown J. (1984). "A die-link between the Sigtuna coinage of Olof Skötkonung and some Long Cross imitations reading 'OCLOD'". En The Numismatic Chronicle, 144. Páxinas 166-172.
- ↑ Graham-Campbell, J.; Williams, G. (eds.) (2007). Páxina 194
- ↑ "Unique ID: SUR-5F6EA5". Portable Antiquities Scheme. The British Museum.
- ↑ Blackburn, M. (2005).
- ↑ 26,0 26,1 Blackburn, M. (2006).
- ↑ 27,0 27,1 Gooch, M. L. (2012). Páxinas 43-109.
- ↑ "Skattefund fra Terslev". Nationalmuseet, Danmark.
- ↑ Blackburn, M. (1989).
- ↑ “Silverdale Viking Hoard Examined by British Museum”. BBC News. 14 de decembro de 2011.
- ↑ 31,0 31,1 “Important Viking Hoard Highlights the Continuing Success of the Treasure Act and Portable Antiquities Scheme”. The Portable Antiquities Scheme, British Museum Office. 2012.
- ↑ Hough, A. (2011). "Viking hoard provides new clues to 'previously unknown ruler'". En The Telegraph. 14 de decembro de 2011
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Moeda viquinga |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alcock, L (1991). From the Baltic to the Black Sea. London: Routledge. ISBN 9780044451198
- Blackburn, M. (1989). "The Ashdon (Essex) Hoard and the Currency of the Southern Danelaw in the Late Ninth Century". En British Numismatic Journal, 59. Páxinas 13-38.
- Blackburn, M. (2001). "A Viking coin hoard from Thurcaston, Leics. Preliminary report". En The Numismatic Chronicle, 161. Páxinas 349-352, Lámina 54.
- Blackburn, M. (2005). "Currency under the Vikings. Part I: Guthrum and the Earliest Danelaw Coinages". En British Numismatic Journal, 75. Páxinas 18-43.
- Blackburn, M. (2006). "Currency under the Vikings. Part II: The Two Scandinavian Kingdoms of the Danelaw, c. 895-954". En British Numismatic Journal, 76. Páxinas 204-226.
- Blackburn, M. (2007). "Currency under the Vikings. Part III: Ireland, Wales, Isle of Man and Scotland in the Ninth and Tenth Centuries". En British Numismatic Journal, 77. Páxinas 119-149.
- Blackburn, M. (2011). Viking Coinage and Currency in the British Isles. Special Publication 7. British Numismatic Society, Londres. ISBN 978-1907427053
- Dolley, M. (1965). Viking Coins of the Danelaw and of Ireland. British Museum, Londres.
- Gooch, M. L. (2012). Money and Power in the Viking Kingdom of York, c. 895-954. University of Durham (tese de doutoramento).
- Graham-Campbell, J.; Williams, G. (eds.) (2007). Silver Economy in the Viking Age. Routledge. ISBN 9781598742220
- Graham-Campbell, J. (2011). Silver economies, monetisation and society in Scandinavia, AD 800-1100. Aarhus University Press. ISBN 978-8779345850
- Hauberg, P. C. (1900). Myntforhold og Udmyntninger i Danmark indtil 1146. Bianco Lunos, Copenhague.
- Kershaw, J. (2017). "An early medieval dual-currency economy: bullion and coin in the Danelaw". En Antiquity, 91 (355): 173-190. ISSN 0003-598X.
- Schive, C. I. (1865). Norges Mynter i Middelalderen. Oslo.
- Thurborg, M. (1988). "Regional Economic Structures: An Analysis of the Viking Age Silver Hoards from Oland, Sweden". En World Archaeology, 20(2), 302-324.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]