Lago Mälaren
Lago Mälaren | |
---|---|
![]() | |
![]() | |
País | ![]() |
Superficie | 1 140 km² |
Profundidade | 64 m |
Prof. media | 13 m |
Cidades | Estocolmo, Enköping, Köping, Södertälje, Strangnas, Torshälla e Västerås |
O Mälaren é o terceiro lago de auga doce máis grande de Suecia, tras o Vänern e o Vättern. A súa superficie é de 1 140 km² e a súa parte máis profunda ten 64 m. O Mälaren esténdese 120 quilómetros de leste a oeste. O lago drena, dende o suroeste cara o nordé, ao mar Báltico a través das súas saídas naturais nos ríos Norrström e Söderström (que flúen cara a illa de Stadsholmen), e a través das saídas artificiais da canle de Södertälje e da vía fluvial de Hammarbyleden. A baía máis ao leste do Mälaren, no centro de Estocolmo, chámase Riddarfjärden. O lago está situado en Svealand e limita coas provincias de Uppland, Södermanland, Närke e Västmanland. As súas dús illas máis grandes son Selaön (91 km²) e Svartsjölandet (79 km²).
Os asentamentos da era viquinga de Birka, na illa de Björkö, e de Hovgården, na illa de Adelsö, foron declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1993, a o igual que o Palacio de Drottningholm na illa de Lovön. O túmulo de Björn Järnsida atópase na illa de Munsö.
Etimoloxía[editar | editar a fonte]
O nome Mälaren deriva da palabra do antigo nórdico mælir, que aparece en rexistros históricos na década de 1320 e significa grava.[1] Anteriormente coñecíase polo nome de Lǫgrinn, que en antigo nórdico significa "o lago".[2]
Xeoloxía[editar | editar a fonte]
A finais da derradeira idade de xeo hai uns 11 000 anos, gran parte do norte de Europa e Norteamérica estaba cuberta por inlandsis de ata 3 quilómetros de espesor. Ao final da idade de xeo, cando os glaciares retrocederon, a eliminación do peso da terra deprimida levou a un axuste postglacial. Inicialmente o axuste foi rápido, duns 7,5 cm/ano. Esta fase durou uns 2 000 anos, e tivo lugar mentres se retiraba o xeo. Unha vez que se completou a desglaciación, a elevación reducíuse a uns 2,5 cm/ano, e decreceu exponencialmente posteriormente. No presente, as taxas de elevación típicas son de 1 cm/ano ou menos, e os estudos suxiren que o axuste continuará durante outros 10 000 anos. A elevación total dende finais da desglaciación pode ser de ata 400 metros.
Na era viquinga o Mälaren aínda era unha baía do mar Báltico,[3][4] e os barcos podían navegar ata o interior de Suecia. Birka estaba convenientemente preto das rutas comerciais a través da canle de Södertälje. Debido ao axuste postglacial, a canle e a boca da baía de Riddarfjärden fixéronse tan pouco profundos ao redor do ano 1200 que os barcos tiñan que descargar preto das entradas, e progresivamente a baía foi converténdose nun lago.[5] O declive de Birka e a posterior fundación de Estocolmo no momento no que se bloqueou Riddarfjärden debéronse en parte ao axuste postglacial que cambiou a topografía da conca do Mälaren. A superficie do lago no presente está de media a uns 0,7 metros sobre o nivel do mar.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Nationalencyklopedin (ed.). "Mälaren". Consultado o 19 de xuño de 2018.
- ↑ Grimes, Heilan Yvette (2010). Hollow Earth Publishing, ed. The Norse Myths. pp. 285–286. ISBN 978-1879196025.
- ↑ Dahlbäck, Göran (1974). "Landhöjning och bebyggelse i nordligaste Uppland" (PDF). Forn vännen (121).
- ↑ Friman, Helena, Söderström, Göran (2008). Bonnier Fakta, ed. Stockholm : en historia i kartor och bilder. ISBN 9789146218432.
- ↑ arne.ljungdahl.info (ed.). "Om Mälaren". Consultado o 19 de xuño de 2018.