Lago Vänern

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Vänern
Vänern
PaísSuecia Suecia
ProvinciaVästergötland vapen.svg Västergötland
Dalsland vapen.svg Dalsland
Värmland vapen.svg Värmland
Superficie5.650 km2[1]
Conca fluvialKlarälven
Cota44 msnm
Profundidade106[1] m
Prof. media27[1] m
DesauguesGöta älv

O Vänern é o lago máis grande de Suecia, o máis grande da Unión Europea e o terceiro máis grande de toda Europa despois dos lagos Ladoga e Onega en Rusia. Está situado nas provincias de Västergötland, Dalsland e Värmland, no suroeste do país.

Historia[editar | editar a fonte]

Xeoloxicamente o lago formouse despois da derradeira glaciación, hai uns 10.000 anos; cando o xeo se fundiu toda a anchura de Suecia cubríuse de auga, creando un estreito entre Kattegat e o golfo de Botnia. Debido ao conseguinte axuste isostático, lagos como o Vänern e o Vättern quedaron atrapados. Como resultado, aínda quedan especies da era glacial que non adoitan a atoparse en lagos de auga doce, como o anfípodo Monoporeia affinis. O 6 de maio de 2009 atopouse un barco viquingo no fondo do lago.

Unha historia contada polo mitógrafo islandés do século XIII Snorri Sturluson na súa obra Prose Edda sobre a orixe do lago Mälaren foi probablemente sobre o Vänern na súa orixe: o rei sueco Gylfi prometeu a unha muller, Gefjun, tanta terra como catro bois puidesen arar nun día e nunha noite, pero ela usou bois da terra dos xigantes, e ademais arrincou a terra e arrastrouna cara ao mar, onde se converteu na illa de Selandia. Snorra Edda di que "as entradas no lago se corresponden cos promontorios en Selandia"; xa que este feito é máis certo no Vänern, o mito probablemente na súa orixe falase deste lago e non do Mälaren.[2]

A Batalla no lago xeado de Vänern foi unha batalla do século VI rexistrada nas sagas Norse e aparece referido no poema épico anglosaxón Beowulf. En Beowulf o Vänern dise que está preto da localización do "montículo dos Dragóns" en Earnanæs.

Xeografía[editar | editar a fonte]

O Vänern cobre unha área de 5 655 km². A súa superficie está 44 metros sobre o nivel do mar e ten unha profundidade media de 27 m. A profundidade máxima do lago é de 106 metros.[3]

Xeograficamente está situado na fronteira entre as rexións suecas de Götaland e Svealand, dividido entre varias provincias: o corpo occidental do lago coñécese como Dalbosjön, coa súa parte principal pertencendo a Dalsland; o corpo oriental coñécese como Värmlandsjön, a parte do norte pertence a Värmland e a do sur a Västergötland.

O seu principal tributario é o río Klarälven, que desemboca no lago na cidade de Karlstad, na ribeira norte. Outros tributarios son o Gullspångsälven, o Byälven e o Norsälven. É drenado ao suroeste polo Göta älv, que forma parte da Canle Göta, unha canle de navegación construída no século XIX que une Gotemburgo co mar Báltico pasando a través do Vänern e do lago Vättern.

As oportunidades económicas que ofrece o Vänern están ilustradas polas cidades que o rodean, que durante séculos viviron da pesca e de permitir un trasporte doado ao mar de Kattegat a través do Göta älv. Entre estas cidades están Karlstad (con título de codade dende 1584), Kristinehamn (1642), Mariestad (1583), Lidköping (1446) Vänersborg (1644), Åmål (1643), Säffle (1951), e indirectamente Trollhättan (1916).

O arquipélago de Djurö rodea a illa do mesmo nome no medio do lago, e hoxe en día ten o status de parque nacional, sendo coñecido como o Parque nacional de Djurö.

A meseta de Kinnekulle é unha popular atracción turística preto da ribeira suroriental do Vänern ao ter as mellores vistas sobre o lago xa que está elevada ao redor de 270 metros sobre o nivel da auga. Outra montaña próxima é Halleberg, a uns 50 km ao suroeste de Kinnekulle.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Seppälä, Matti (2005). The Physical Geography of Fennoscandia. Oxford University Press. p. 145. ISBN 978-0-19-924590-1. 
  2. Heimir Pálsson, 'Tertium vero datur: A study of the text of DG 11 4to', p. 44 http://urn.kb.se/resolve?urn=urn:nbn:se:uu:diva-126249.
  3. "World Lake Database". Consultado o 6 de xaneiro de 2017.