Tenca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tenca
Tinca tinca Prague Vltava 2.jpg
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Actinopterygii
Orde: Cypriniformes
Familia: Cyprinidae
Xénero: Tinca
Cuvier, 1816
Especie: T. tinca
Nome binomial
Tinca tinca
(Linnaeus, 1758)

A tenca[2] (Tinca tinca) é unha especie de peixe de auga doce e salobre da familia dos ciprínidos, que se encontra en Eurasia desde Europa Occidental incluíndo as Illas Británicas ao leste de Asia ata os ríos Obi e Yenisei.[3] O seu interese en pesca deportiva provocou a súa introdución en cursos de auga de Chile, Australia, Nova Zelandia, África, Norteamérica, sueste asiático e recentemente en Brasil.[4] Normalmente habita hábitats de augas doces de augas lentas, especialmente lagos e ríos de terrras baixas.[5]

Ecoloxía[editar | editar a fonte]

A tenca atópase con más frecuencia en augas con substrato de arxila ou lama e abundante vexetación.[6] Esta especie é rara en augas claras con substrato rochoso, e está ausente nas correntes rápidas. Tolera augas con baixa concentración de oxíxeno,[3] e atópase en augas onde nin sequera a carpa pode sobrevivir.[6]

Tencas exhibidas no "Subaqueous Vltava", Praga

As tencas aliméntanse principalmente de noite e comen preferentemente animais invertebrados como dípteros quironómidos, nos leitos de augas eutróficas[7] e caracois e ameixas Pisidium en augas con moita vexetación.[6][8]

É un peixe de augas temperadas que se reproduce a temperaturas superiores aos 18 °C. A posta de ovos pode chegar a alcanzar un peso superior ao 10% do peso da femia. A reprodución ten lugar en augas pouco fondas xeralmente entre plantas acuáticas, onde poden depositar os seus pegañosos ovos verdes, de 1 mm de diámetro.[3] Os ovos permanecen pegados ás plantas ata a súa eclosión, que pode durar de 3 a 5 días, segundo a temperatura. A desova ten lugar normalmente en verán,[5] e poden producir ata 300.000 ovos, normalmente menos.[9] O crecemento é rápido, e os peixes poden alcanzar un peso de 0,11 kg no primeiro ano.

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

As tencas teñen unha forma robusta parecida á da carpa e a pel é de cor verde oliva, máis escura por ariba e case dourada por debaixo. A aleta caudal é de forma bastante cadrada. As outras aletas son arredondadas.[6] A boca é terminal e máis ben estreita e ten en cada extremo pequenas barbas. O tamaño máximo do animal é de 70 cm, aínda que a maioría dos espécimes son moito menores.[10] Os dentes farínxeos son uniseriais. Os ollos son pequenos e de cor de laranxa a vermello.[11] O dimorfismo sexual é escaso, limitado a que as femias adultas teñen un perfil ventral máis convexo comparado co dos machos.[10] Os machos son normalmente menores que as femias, e poden recoñecerse por teren as aletas inferiores máis curvadas e uns múscuculos ben distinguibles arredor da base das aletas, que están xeralmente ausentes nas femias.

A tenca ten moi poucas escamas, que están profundamente inseridas na grosa pel, facendo que sexa tan escorregadiza como unha anguía.[9] As escamas son de pequeno tamaño; posúen máis de 80 delas na liña lateral.[12] As aletas carecen de raios espiñosos. A textura do tegumento é bastante mucosa.

Tinca fósil

Tenca dourada[editar | editar a fonte]

Unha variedade de tenca criada artificialmente é a chamada tenca dourada, que é popular como peixe ornamental para estanques. Esta forma varía en cor desde o dourado claro ao verde escuro, e algúns peixes teñen manchas negras ou vermellas nos flancos e aletas.[9]

Importancia económica[editar | editar a fonte]

As tencas son comestibles, e funcionan moi ben nas receitas para cociñar carpas.[6] Son pescadas con cana e usadas como penso para especies predadoras como os centrárquidos.[3] As tencas, especialmente a tenca dourada, so tamén peixes ornamentais en estanques e menos frecuentemente en acuarios.[13]

Posúe grande interese en acuicultura: segundo a Organización de Produtores Piscicultores (OPP) a produción europea no ano 2000 alcanzou case 1.500 toneladas, correspondendo a Francia 700 ton (70,4%), seguida por España con 160 ton (16,1%), 116 ton en Alemaña (12,0%), e Bélxica con apenas 15 Tm (1,5%).[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Freyhof, J., Kottelat, M. (2008). "Tinca". Lista Vermella da IUCN de Especies en Perigo (en inglés). IUCN 2008. Consultado o 25 de xaneiro de 2010. 
  2. BUSCatermos tenca, que dá como referencias: Vocabulario multilingüe de acuicultura. Santiago de Compostela, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 2002 ; Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 2000 ; VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración. Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Froese, Rainer e Pauly, Daniel, eds. (2007). "Tinca tinca" en FishBase. Versión de 5 de 2007.
  4. 4,0 4,1 "El cultivo de la tenca en España" (en castelán). Consultado o 30 de agosto de 2007.  |url-arquivo= ten un formato incorrecto: data (Axuda)
  5. 5,0 5,1 B. Whitton (1982). Rivers, Lakes and Marshes p 163. Hodder & Staughton, London.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 A. F. Magri MacMahon (1946). Fishlore, pp 156-158. Pelican Books.
  7. http://onlinelibrary.wiley.com/doi/10.1111/j.1095-8649.1996.tb01481.x/abstract
  8. Bronmark, C. (1994). "Effects of Tench and Perch on Interactions in a Freshwater, Benthic Food Chain". Ecology 75 (6): 1818. JSTOR 1939640. doi:10.2307/1939640. 
  9. 9,0 9,1 9,2 A. Lawrence Wells (date unknown). Observer Book of Freshwater Fishes, pp 101-105. Frederick Warne & Co.
  10. 10,0 10,1 G. Sterba (1962). Freshwater Fishes of the World pp 249-250. Vista Books, London.
  11. As femias poden chegar a pesar uns 7 kg, aínda que as de 4 kg xa se consideran grandes. Os machos raramente chegan aos 3 kg.Froese, Rainer e Pauly, Daniel, eds. (2007). "Tinca tinca" en FishBase. Versión de 5 de 2007.
  12. Andreu, A.; et al. (2003). Diversidad animal: fichas para el reconocimiento de especies. Diego Marín Librero Editor. ISBN 84-95095-15-7. 
  13. Dick Mills (2000). Understanding Coldwater Fish, p 106. Interpet Publishing. ISBN 1-903098-10-6