Pato frisado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pato frisado
Anas strepera.jpg
Estado de conservación
Status iucn3.1 LC gl.svg
Preocupación baixa
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Anseriformes
Familia: Anatidae
Xénero: Anas
Nome científico
Anas strepera
Wikispecies-logo.svg Coñeza toda a Bioloxía en Wikispecies, o directorio dos seres vivos
Pato frisado alimentándose
Macho e femia

O pato frisado (Anas strepera) é un parrulo de plumaxe pouco rechamante e ampla distribución. Foi descrito cientificamente por primeira vez en 1758 por Carl von Linné. É unha das especies incluídas no Acordo para a protección de aves acuáticas de África e Eurasia (AEWA).

Descrición[editar | editar a fonte]

Os patos frisados miden entre 44 e 55 cm e o seu peso vai dos 500 ós 1.300 g. A envergadura das alas acada os 95 cm. A plumaxe reprodutora dos machos e gris, cun debuxo de liñas finas no lombo e os lados. Teñen a cabeza parduzca, tamén cun vermiculado fino, e o bico negro. As plumas coberteiras da cola son negras, o peito ten manchas escuras e claras en forma de medias lúas. O espello é branco brillante, bordeado por unha faixa negra e outra vermella, e destaca moito nas alas grises, tanto cando voan coma cando están pousados. A parte inferior do corpo é branca.

A plumaxe de eclipse dos machos é semellante á das femias, que son castañas claras, coa cabeza agrisada, semellantes ás do lavanco, das que se diferencian polo menor tamaño, o bico escuro coa punta alaranxada e a falta dun espello visible.

As patas dos dous sexos son amarelas alaranxadas e os ollos negros.

Distribución[editar | editar a fonte]

Os patos frisados crían no leste, norte e centro de Europa, en Nortemérica e en Asia. Atópanse principalmete en lagos das zonas de estepas e pradeiras. En Europa central son menos comúns que en Asia ou América do Norte.

Segundo Hartmut Kolbe pertencen ás especies que se benefician do quecemento global, que fixo aumentar as áreas axeitadas para se asentaren, e permitiu o crecemento dos seus números.

Conduta migratoria[editar | editar a fonte]

Moitos dos exemplares asiáticos e europeos voan no inverno á cunca mediterránea, onde procuran preferentemente zonas de augas tranquilas con arredores de vexetación abundante. Nesa época ten lugar a parte máis importante do cortexo, polo que as aves volven xa emparelladas ós territorios de cría.

Alimentación[editar | editar a fonte]

A súa fonte de alimentación principal son as plantas acuáticas, que obteñen mergullando a cabeza na auga, e os rizomas, sementes e partes verdes da plantas dos prados adxacentes á auga. Complementan a dieta cuns poucos insectos acuáticos, moluscos, anfibioss, vermes e peixiños.

Conduta[editar | editar a fonte]

Os patos frisados son menos gregarios cós doutras especies de parrulos e só forma pequenos bandos fóra da época reprodutora. Son máis silenciosos: os machos emiten un asubío rouco e a chamada das femias recorda a da femia dos lavancos.

Adulto con polos

Maduran sexualmente ó ano de idade. A época de posta e incubación vai de maio a xullo. Fan os niños no chan, preto da ribeira, ben agachado entre a vexetación. As femias poñen de 8 a 12 ovos amarelos, que chocan soas entre 24 e 26 días. Os polos poden comezar a voar con sete semanas de idade.

O pato frisado en catividade[editar | editar a fonte]

A plumaxe pouco rechamante e a conduta discreta dos patos frisados fai que non sexan populares como ave de adorno. É máis corrente velos en zoolóxicos.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Hartmut Kolbe: Die Entenvögel der Welt. Ulmer Verlag, Stuttgart-Hohenheim 1999, ISBN 3-8001-7442-1.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Pato frisado
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Pato frisado