Corvo mariño grande

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Corvo mariño grande
Phalacrocorax carbo02.jpg
Estado de conservación
Risco baixo (LC)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Suliformes
Familia: Phalacrocoracidae
Xénero: Phalacrocorax
Especie: P. carbo
Nome binomial
Phalacrocorax carbo
(Linnaeus, 1758)

O corvo mariño grande ou corvo mariño real (Phalacrocorax carbo) é unha especie de corvo mariño que se atopa en calquera extensión grande de auga dentro da súa área de distribución mundial, incluíndo lagos, ríos, esteiros e augas costeiras. Aniña en grande parte das costas do Océano Atlántico, sobre todo en Europa e Norteamérica.

Descrición[editar | editar a fonte]

O corvo mariño grande é un paxaro negro duns 77-94 cm de longo e 121-149 cm de envergadura. Ten unha cola longa e a gorxa amarelenta. Os adultos locen plumas brancas nas patas durante a estación de cría. En Europa pode distinguirse do seu parente o corvo mariño cristado polo seu maior tamaño, constitución máis robusta, peteiro máis groso, carece de crista e a cor das súas plumas é escura, sen reflexos verdosos. En Norteamérica distínguese do corvo mariño orelludo porque tamén é máis grande e pesado e a gorxa deste último ten unha cor amarela máis intensa.

Do mesmo xeito que outros corvos mariños, ten unha plumaxe pouco impermeable, polo que estende as súas ás para secarse. Ten un voo aleteante e estable, con planeos ocasionais. É característica a súa silueta de voo en forma de aspa. A miúdo faino en fileira ou en formación.

Cando cría, ostenta manchas brancas nos francos e a cabeza e un lustre brillante na súa plumaxe escura. A ton é máis ben parduzca en xuvenís e inmaturos, coas partes inferiores claras.

É un animal gregario que adoita formar concentracións, en ocasións bastante grandes, en durmideiros e zonas de descanso. Durmen e poñen as súas postas en árbores. Poden chegar a danalos tanto por sobrepeso como pola gran cantidade de excrementos que van depositando, xa que son corrosivos.

Distribución[editar | editar a fonte]

Phalacrocorax carbo Vic.jpg

É unha especie moi común e espallada. Aliméntase no mar e nos esteiros fluviais, en lagos de auga doce e ríos. Os corvos mariños máis norteños emigran ao sur no inverno, asentándose en calquera lugar no que dispoñan de abondosa comida.

Existen varias subespecies:

  • Phalacrocorax carbo carbo atópase principalmente nas costas atlánticas, dende Groenlandia ata o Norte de África no leste e na Costa Leste de Norteamérica, onde aniña principalmente nas provincias marítimas do Canadá.
  • Phalacrocorax carbo novaehollandiae atópase nas augas de Australasia e ten crista. En Nova Zelanda é coñecido como Corvo mariño negro ou como kawau(nome maorí).
  • Phalacrocorax carbo lucidus tamén coñecido como Corvo mariño de peito branco atópase nas costas da África subsahariana, e caracterízase pola cor branca do seu peito e pescozo. Mide entre 80 -100 cm de longo.
  • Phalacrocorax carbo sinensis que habita dende o oeste de Europa ata o leste de Asia.
  • Phalacrocorax carbo maroccanus que habita no noroeste de África.
  • Phalacrocorax carbo hannedae que habita no Xapón.

Algúns biólogos tratan a todas estas subespecies como especies completamente diferentes.

Costumes[editar | editar a fonte]

O corvo mariño grande aniña principalmente nos cantís da costa ou en árbores, que en ocasións son destruídas polos desfeitos dos paxaros, e ocasionalmente en terra dentro. Pon 3-4 ovos nun niño construído con algas, herbas e excrementos.

Eminentemente piscívoro, aliméntase dun amplo abano de especies, entre elas as anguías, que ocupan unha parte considerable na súa dieta nas áreas onde está presente. Nada co seu corpo sobresaíndo pouco da auga, dexergando con frecuencia baixo a superficie para localizar os peixes. Depreda sobre as especies máis nadadoras e diurnas, ás que persegue nadando ou, máis frecuentemente, mergullándose. Pode mergullarse a profundidades considerables, pero non adoita afastarse da costa. Permanece mergullado unha media de 20-30 segundos. Devora as súas capturas na superficie. Ás veces cooperan varios individuos para acurralar conxuntamente ás súas presas.

Corvos mariños e humanos[editar | editar a fonte]

Moitos pescadores consideran ao corvo mariño un competidor. Por esta razón foi cazado case ata a extinción no pasado. Grazas aos esforzos conservacionistas o seu número incrementouse. Actualmente hai uns 450.000 exemplares adultos na Europa Occidental. En ocasións os pescadores chineses atan tiras de coiro ao redor do pescozo dos corvos, o bastante apertadas para impedirlles engulir ás súas presas e lévanos nas súas embarcacións. Os corvos mariños cazan aos peixes pero non poden engulilos, e deste xeito os pescadores poden retirárllelos peixes obrigándolles a abrir o peteiro.

Notas[editar | editar a fonte]

  • Sibley, C. G., & Monroe, B. L. (1990). Distribution and taxonomy of birds of the world. New Haven CT: Yale University Press.
  • Ian Sinclair, Phil Hockey and Warwick Tarboton, SASOL Birds of Southern Africa (Struik 2002) ISBN 1-86872-721-1.
  • Emma Guinart, Ricard Gutiérrez y Jordi Ruiz-Olmo, El cormorán grande en Europa. Crónica de un conflicto anunciado, Cuaderno 218 de la revista Quercus, abril de 2004, ISSN: 0212-0054.

Ligazons externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Corvo mariño grande
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Corvo mariño grande