Saltar ao contido

Troita lacustre americana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Troita lacustre americana
Estado de conservación
Non avaliado
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Orde: Salmoniformes
Familia: Salmonidae
Subfamilia: Salmoninae
Xénero: Salvelinus
Especie: S. namaycush
Nome binomial
Salvelinus namaycush
(Walbaum, 1792)
Sinonimia
Véxase o texto
Larvas de troita lacustre americana ao saíren dos ovos

Troita lacustre americana[1] (Salvelinus namaycush) é unha troita a de auga doce que vive principalmente nos lagos oligótrofos[2] do setentrión de América do Norte.

Distribución

[editar | editar a fonte]

Dende unha perspectiva zooxeográfica, a troita lacustre americana ten unha distribución relativamente reducida. É orixinaria do norte de América do Norte, atópase en case todo o Canadá, mais tamén de Alasca e nos estados dos Estados Unidos que bordean os Grandes Lagos [3]. A troita lacustre introduciuse amplamente en augas non nativas do resto de América do Norte [4] e en moitas outras partes do mundo, en Europa xa se introduciu entre 1881 e 1885[5], pero tamén en América do Sur, Marrocos, o Xapón e Nova Zelandia[6]. Na década de 1890 introduciuse legalmente nos lagos Shoshone, Lewis e Heart do Parque Nacional de Yellowstone, e na década de 1980 introduciuse, accidental ou ilegalmente no lago Yellowstone, onde agora se considera invasora [7].

Descrición

[editar | editar a fonte]

A troita lacustre americana é un dos salmónidos máis grandes, xunto co salmón real e o Hucho taimen e a meirande troita; o seu crecemento varía segundo o alimento ao seu dispor e da latitude da masa de auga. Pode acadar máis do metro de lonxitude e pasar dos 30 kg de peso[8]. O maior exemplar coñecido capturouse no lago Athabasca en 1961, pesaba 46,3 kg e tiña unha lonxitude de 126 cm.[9] Así e todo, o normal é que a súa lonxitude estea entre os 61 e os 91 cm e o seu peso entre 7 e 18 kg, o maior capturado con pana de pescar tiña un peso de 32,65 kg e a súa captura foi en 1995 en Gran Lago do Oso [10].

Presenta un corpo longo cheo de pequenas manchas pálidas sobre fondo máis escuro, e que varía de verde claro ou gris a verde escuro, marrón ou case negro[11]. As súas aletas pectorais e pelvianas amosan no bordo unha banda branca. É un peixe de crecemento lento, chega á madurez tarde, entre os 6/7 anos no sur e os 13 anos no norte[12]. Animal lonxevo, pode vivir ata os 30 e como máximo 50 anos.

A troita lacustre americana require augas frías e ricas en osíxeno. Son peláxicos, sobre todo durante o período estival e nos lagos dimícticos, a miúdo viven a profundidades de entre 20 e 60 metros, aliméntanse no termoclima principalmente de corégonos de Artedi e de Osmerus mordax e agás moi raras excepcións non frecuentan as ribeiras nin o medio mariño [13]. Ao ser un peixe de crecemento lento, propio das augas oligotróficas, e moitas poboacións autóctonas resultaron gravemente danadas polos efectos combinados da actividade das instalacións eclosionadoras e da sobrepesca. Outra ameaza é a acidificación, que pode ter efectos a longo prazo sobre as poboacións tanto por danos directos como pola redución nas poboacións das súas presas (p. ex. Mysis relicta ) [14].

Hai tres subespecies de troita lacustre, a común Salvelinus namaycush namaycush , a Salvelinus namaycush siscowet e a menos común Salvelinus namaycush huronicus. Algúns lagos non teñen peixes de presa peláxicos durante o período de estratificación estival e a troita lacustre americana actúa como planctívoro, e nestes casos os exemplares abondan, medran moi lentamente e chegan a madurez con tamaños relativamente pequenos. Naqueles lagos que conteñen presas de augas profundas, a troita lacustre faise piscívora e os exemplares medran moito máis rápido, maduran a un tamaño maior e son menos abundantes.

Aspecto da troita lacustre americana durante a desova.

No Lago Superior conviven a común S. n. namaycush e S. n. siscowet . A común adoita permanecer en augas menos profundas, mentres que a siscowet permanece en augas máis fondas. A troita lacustre común é máis delgada ca relativamente gordecha siscowet. O número de siscowet diminuíu moito ao longo dos anos por mor da extinción local dalgunhas das presas coregoninas de augas profundas e máis á sobreexplotación. Os siscowet tenden a crecer máis grandes e gordos e atraeron un grande interese comercial no século pasado. As súas poboacións repuntaron dende 1970.

Híbridos

[editar | editar a fonte]

Sábese que a troita de lago hibrida na natureza coa Salvelinus fontinalis; estes híbridos, son polo xeral estériles pero nalgúns lagos existen poboacións autosuficientes fértiles [15]. Tamén se crían artificialmente en criadeiros e introducíronse en moitos lagos de América do Norte[16].

Pesca comercial

[editar | editar a fonte]
Pescadores descargando troitas lacustres americanas; parte dun mural de 1940 na oficina de correos de Sturgeon Bay.

A troita lacustre pescábase comercialmente nos Grandes Lagos ata que a introdución da lamprea, a sobrepesca e a contaminación extinguiron ou diminuíron ata o extremo o número de exemplares. A pesca comercial aínda existe nalgunhas áreas dos Grandes Lagos e lagos do norte do Canadá como o Gran Lago do Escravo ou o Gran Lago do Oso A pesca tradicional e comercial da especie polos ojibwe no Lago Superior está permitida en virtude de varios tratados e está regulada pola Comisión de Peixe e Vida Silvestre dos Grandes Lagos (GLIFWC)[17].

  1. Lahuerta, F. e Vázquez, F. X. (2000). Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. p. 61. 
  2. Claude Lassus (1992). Évaluation des modes de gestion de la faune aquatique. Ministère du Loisir, de la Chasse et de la Pêche, Québec. p. 30. 
  3. "Salvelinus namaycush Lake trout". Animal Diversity Web. 
  4. "Salvelinus namaycush (Walbaum in Artedi, 1792)". USGS. 
  5. Bruslé, Jacques e Quignard, Jean-Pierre (2013). Biologie des poissons d'eau douce européens. Lavoisier. p. 147. 
  6. "Salvelinus namaycush (lake trout)". Invasive Species Compendium. 
  7. Munro, Andrew R., McMahon, Thomas E. e Ruzycki, James R. (2006). "Where Did They Come From? Natural Chemical Markers Identify Source and Date of Lake Trout Introduction in Yellowstone Lake" (PDF). Yellowstone Science 14 (2). 
  8. Fondation de la faune du Québec (1996). Habitat du poisson: le touladi (PDF). p. 4. 
  9. Nelson, Joseph S. e Patez, Martin J. (1992). The Fishes of Alberta. The University of Alberta Press. p. 293. 
  10. "Trout, lake (Salvelinus namaycush)". IGFA. 
  11. Soctt, W. B. e Crossman, E. J. (1974). Poissons d'eau douce du Canada. Ministre des Approvisionnements et Services Canada. p. 238. 
  12. "Touladi". MFFP-Poissons du Québec. Arquivado dende o orixinal o 28 de marzo de 2022. Consultado o 23 de abril de 2022. 
  13. Harris, Les N., Swanson, Heidi K. e Malley Brendan K. (2020). "Anadromy and marine habitat use of Lake trout (Salvelinus namaycush) from the central Canadian Arctic". Journal of Fish Biology 96 (6): 1489–1494. ISSN 1095-8649. doi:10.1111/jfb.14305. 
  14. Ogden, Lesley Evans (9 de outubro de 2018). "Acid Rain: Researchers Addressing Its Lingering Effects". BioScience 68 (11). ISSN 0006-3568. doi:10.1093/biosci/biy113. 
  15. Ihssen, P. E.; Spangler, G. R. (1980). "The splake, a hybrid charr Salvelinus namaycush x S. fontinalis". En Balon, E. K. Charrs, Salmonid Fishes of the Genus Salvelinus. Dr. W. Junk Publishers. pp. 841–887. 
  16. "Salvelinus namaycush (Walbaum, 1792). Lake trout". fishbase.de. Arquivado dende o orixinal o 24 de abril de 2022. Consultado o 24 de abril de 2022. 
  17. "Lake Superior Treaty Fishery". GLIFWC.