Manuel García Barros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Ken Keirades")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Manuel García Barros
Manuel García Barros2.jpg
Nacemento16 de novembro de 1876
 Ulla
Falecemento11 de abril de 1972
 Callobre
NacionalidadeEspaña
Alma máterEscola Normal de Santiago de Compostela
Ocupaciónescritor e xornalista
XénerosPoesía
EstudosMaxisterio
editar datos en Wikidata ]

Manuel García Barros ("Ken Keirades"), nado en Ulla (Berres, A Estrada) o 16 de novembro de 1876 e finado en Callobre (A Estrada) o 11 de abril de 1972, foi un escritor e xornalista galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nacido nunha familia labrega, Manuel García Barros comezou sendo pastor e torneiro e estudou por libre a carreira de maxisterio na Escola Normal de Santiago de Compostela, que rematou en 1905, para ocupar a praza de mestre de primeiro ensino na parroquia de Rubín (A Estrada). No ano 1906 casou en Callobre, onde viviu o resto da súa vida.

Xa en 1903, cando estaba a realizar o servizo militar en Vigo, comezou a colaborar en revistas e a tomar contacto cos movementos culturais de Vigo, moi especialmente co teatro. No ano 1907, e por mor do seu labor como director do xornal El Estradense, pasou por primeira vez pola cadea, feito que se volveu a repetir no ano seguinte.

Os seus contactos e simpatía cos movementos agrarios de comezos de século son moi salientábeis así coma cos membros das Irmandades da Fala e posteriormente co Grupo Nós, moi especialmente co seu grande amigo e soporte cultural Ramón Otero Pedrayo. Xa a partir do 1920, pasou a ser un persoeiro recoñecido nas nosas letras e no galeguismo, canto máis ao ser un dos “alma máter” do xornal El Emigrado, que foi o xornal de maior duración da Estrada ata hoxe, e no que colaborou con todo tipo de traballos. Neste último xornal escribía unha sección, baixo o nome de Rexoubas, na que promoveu unha afamada campaña contra o caciquismo.

No ano 1927 aprobou as oposicións de Mestre Nacional, indo no seu primeiro destino a Pepín (Castrelo do Val). O levantamento militar supúxolle a suspensión de emprego e soldo, cando xa fora trasladado a unha parroquia da beira (San Pedro de Ancorados). Este emprego non lle foi xamais restituído. Na súa casa de Callobre agocháronse Ramiro Alfonso Castro Dono e José María Sánchez Brea.

Manuel García Barros.jpg

No ano 1955 foi levado de novo ao cárcere, xunto con Francisco Fernández del Riego e Domingo Lemos Suárez, no seu caso simplemente por lle atoparen unhas revistas (Bohemias) que lle mandaran dende Cuba.

No ano 1957 foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega.

Obra[editar | editar a fonte]

Os seus primeiros escritos xa saíron da súa pluma a finais do século XIX, sendo nestes comezos case en exclusiva poemas, que apareceron publicados por separado nos máis variados medios.

O seu primeiro artigo coñecido publicouse en Luz y Sombra de Vigo no ano 1898. A partir de aquí é destacable o seu labor xornalístico, especialmente no semanario El Estradense, unha publicación agrícola-social que se comezou a publicar no 1906 e no que participou con artigos, relatos curtos etc. e do que foi o seu director. O periódico deixou de se publicar en 1909. Tamén publicou colaboracións poéticas e literarias en Eco de La Estrada.

Contiños da terra, de García Barros, é o v. 21 da Biblioteca Galega 120.

No ano 1920 creouse o xornal El Emigrado, publicación financiada polos Hijos del Ayuntamiento de La Estrada, de Cuba. Neste xornal comezou a publicar periodicamente os seus “Contiños da terra” e comezou a ser recoñecido e respectado no ámbito cultural galego e no movemento galeguista. No ano 1924, o seu conto O fútbol en Malpocados foi premiado nos Xogos Florais de Santiago. Dous anos máis tarde púxose en escena a súa pequena peza teatral Carta da Habana (publicada na Revista Céltiga, Edicións Fervenza, 2002). No 1929, o seu longo traballo Falemos na nosa fala gañou o Certame Literario de Exaltación da Muller Galega (Pontevedra). Posteriormente recolleu os contos e relatos breves que fora sacando en El Emigrado, e publicounos so o título Contiños da terra (Nós, 1930; Hnos. Caporaletti, 1952; Edicións Xerais de Galicia, 1999; Biblioteca Galega 120, La Voz de Galicia, 2002). Xa en vida non viu publicadas máis obras, a pesar de pasar toda a vida escribindo.

No ano do seu pasamento, meses despois, saíu á rúa As aventuras de Alberte Quiñoi (Colección Pombal, Edicións Castrelos, 1972; Editorial Vía Láctea, 1990), a pesar de que xa fora finalista nun concurso literario convocado polo Centro Galego de Buenos Aires no 1949.[1] Máis tarde publicáronse a súas obras Enredos (Editorial Galaxia, 2000), Fiunchos (2001) e Dos meus recordos (Editorial Galaxia, 2001), esta última de corte autobiográfico. En 2019 apareceu A pluma insubmisa. Ensaios inéditos, tres ensaios inéditos escritos entre 1939 e 1945 e asinados como Fulgencio Tizón.[2]

Toda a súa obra está escrita en galego, excepto un artigo: Divagaciones sobre lo discutible y lo indiscutible, no que se manifestaba contra a guerra e o fanatismo relixioso.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

O Concello da Estrada adicou o ano 1997 á lembranza da súa memoria. Actualmente no Concello da Estrada sitúase un centro de estudos co seu nome.[3]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]