Irving Berlin

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Irving Berlin
Irving Berlin Portrait2.jpg
Nome completo Israel Isidore Beilin e Израиль Исидор Бейлин
Nacemento 11 de maio de 1888
  Talachyn, Tobolsk e Tiumen
Falecemento 22 de setembro de 1989
  Nova York
Causa Infarto agudo de miocardio
Soterrado Cemiterio de Woodlawn
Nacionalidade Estados Unidos de América
Ocupación artista de rua, compositor, pianista, autor-compositor, guionista e compositor de bandas sonoras
Coñecido/a por White Christmas, Remember, Blue Skies e Always
Premios Medalla Presidencial da Liberdade, Grammy á carreira artística, Medalha de Ouro do Congresso e Medal of Liberty
editar datos en Wikidata ]

Israel Isidore Baline, nado en Tyumen, Rusia (ou probablemente Mogilev, actualmente en Belarús) o11 de maio de 1888 e finado en Nova York o 22 de setembro de 1989 foi un compositor e letrista estadounidense, coñecido como Irving Berlin, un dos máis prolíficos e famosos da historia contemporánea de América.

Berlin, xudeu, foi un dos poucos compositores de Tin Pan Alley/Broadway que escribiron tanto as letras como a música das súas cancións. Aínda que non chegou a aprender nunca a ler música máis aló dun nivel elemental, compuxo ao redor de 3000 cancións, moitas das cales se converteron en cancións populares e estándares, como "Cheek to Cheek", "Puttin' on the Ritz", "Alexander's Ragtime Band", "There's Non Business Like Show Business", as cancións festivas "White Christmas" (Branco Nadal) ou "Eastern Parade" (Desfile de Pascua) e himnos patrióticos como "God Bless America". Todas elas deixaron unha pegada indeleble na música e cultura estadounidense. Produciu dezasete filmes e vinte e un espectáculos de Broadway, ademais das súas cancións individuais.

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

A familia de Irving Berlin emigrou aos Estados Unidos en 1891. Os seus pais eran Leah (Lena) Jarchin e Moses Baline; o seu pai foi un rabino que conseguiu traballo como certificador de carne seguindo a lei kosher. Trala morte do seu pai en 1896, Irving houbo de buscar traballo para sobrevivir; estivo empregado como vendedor de xornais e tamén realizou actuacións na rúa para conseguir diñeiro. A dura realidade de ter que traballar aínda en traballos ínfimos para non morrer de fame deixou unha pegada profunda na valoración do diñeiro por parte de Berlin.

Cando estaba a traballar como camareiro cantante no Pelham's Cafe en Chinatown, Berlin foi requirido polo propietario para escribir unha canción orixinal para o café, debido a que un negocio rival tiña a súa propia canción publicada. "Marie from Sunny Italy" foi o resultado editándose pronto. Aínda que só gañou 37 centavos, abriulle as portas dunha nova carreira e un novo nome: Israel Baline foi erroneamente impreso como "I. Berlin" na partitura.

Moitas das súas primeiras cancións, entre elas "Sadie Salome (Go Home)", "That Mesmerizing Mendelssohn Tune" e "Oh How That German Could Love" alcanzaron un modesto éxito tanto en forma de partituras, de gravacións, no escenario do vodevil, ou como interpolacións en diversos espectáculos; pero foi "Alexander's Ragtime Band", escrita en 1911, a que o catapultou como unha das máis importantes estrelas de Tin Pan Alley. Richard Corliss, nun retrato de Berlin en Time Magazine en 2001, escribiu:

Alexander's Ragtime Band (1911). Era unha marcha, non un rag, cuxa pericia musical comprendía mencións do toque de corneta e de [a canción popular] Swanee River. Pero a melodía, que reviviu o fervor polo ragtime que Scott Joplin disparara unha década antes, converteu a Berlin nunha estrela da composición. Na súa primeira publicación, catro versións do tema alcanzaron os postos # 1, # 2, # 3 e # 4 nas listas de éxitos. Bessie Smith, en 1927, e Louis Armstrong, en 1937, copaban o top 20 coas súas interpretacións. En 1938 a canción foi de novo # 1, nun dúo entre Bing Crosby e Connee Boswell; outro dúo de Crosby, esta vez con Al Jolson, encabezou o top 20 en 1947. Johnny Mercer deseñou unha versión swing en 1945 e Nellie Lutcher situouna na lista de R&B no (# 13) en 1948. Se se engade a versión de 1959 de Ray Charles para Big Band, "Alexander" tivo unha ducia de versións exitosas en menos de medio século.

Obras para o ámbito musical[editar | editar a fonte]

Tralo éxito de "Alexander", rumoreouse que Berlin estaba a escribir unha ópera ragtime; non obstante, produciu a súa primeira obra extensa para os escenarios musicais, "Watch Your Step" (1914), protagonizada por Irene e Vernon Castle, a primeira comedia musical en facer un uso penetrante dos ritmos sincopados. Un espectáculo similar titulado "Stop! Look! Listen!" seguiu a aquel en 1915.

En 1917, durante a primeira guerra mundial, entrou no exército estadounidense e levou ao escenario unha revista musical Yip Yip Yaphank mentres estivo en Camp Upton en Yaphank, Nova York. Presentada como "unha lea militar cociñada polos mozos de Camp Upton", o elenco do espectáculo formouse con 350 membros das forzas armadas. A revista foi un tributo patriótico ao exército estadounidense, e Berlin compuxo unha canción titulada "God Bless America" para o espectáculo, aínda que finalmente non fixo uso dela. Cando foi estreada anos despois, "God Bless America" fíxose tan popular que se suxeriu que podería chegar a ser o himno nacional. Permaneceu dende entón como unha das cancións de maior éxito e máis coñecidas en todos os Estados Unidos. É particularmente lembrada a interpretación da mesma que se realizou tralo ataque terrorista do 11 de setembro de 2001, cando membros do congreso a cantaron nas escaleiras do capitolio.[1] Algunhas cancións da revista Yaphank foron máis tarde incluídas no filme de 1943 This Is the Army, no que tamén aparecían outras cancións de Berlin, tanto a canción que dá título ao filme como unha versión de "God Bless America" por Kate Smith.

Trala guerra, Berlin construíu o seu propio teatro, o Music Box, como local para revistas anuais que incorporaban as súas últimas cancións; a primeira desas revistas foi "The Music Box Revue of 1921". Aínda que a maioría das súas obras para o escenario de Broadway tomaron a forma de revistas (coleccións de cancións sen un tema común) escribiu uns cantos book shows. The Cocoanuts (1925) foi unha comedia, cun elenco no que aparecían, entre outros, os irmáns Marx.

Face the music[editar | editar a fonte]

Face the music (1932) era unha sátira política cun libreto de Moss Hart, e Louisiana Purchase (1940) era unha sátira dun político sureño, obviamente baseada nas proezas de Huey Long. As Thousands Cheer (1933) era unha revista cun tema: cada número era presentado como unha sección dun xornal, algún deles tocando asuntos do momento. O espectáculo presentaba unha sucesión de cancións de éxito, como "Easter Parade", "Heat Wave" (presentada como o prognóstico do tempo), "Harlem on My Mind" e a que quizais é a súa balada máis poderosa, "Supper Time", unha atormentada canción sobre o fanatismo racial, cun peso infrecuente nunha revista musical e que foi cantada por Ethel Waters nunha desgarradora interpretación.

Durante a segunda guerra mundial, tras recibir un permiso do xeneral George Marshall, Berlin organizou unha revista toda de soldados co espírito do Yip Yip Yaphank. This Is the Army estreouse o 4 de xullo de 1942 cun elenco de máis de 300 soldados, e permaneceu no escenario durante tres anos, primeiro en Broadway, logo nunha xira polos Estados Unidos e despois no estranxeiro.

Annie get your gun 1946[editar | editar a fonte]

O musical de Broadway máis exitoso de Berlin foi Annie Get Your Gun (1946), producido por Richard Rodgers e Oscar Hammerstein II. Baseado libremente na vida da tiradora Annie Oakley, a música e as letras foron escritas por Berlin, cun libreto dos irmáns Herbert e Dorothy Fields. Berlin fora contratado tras falecer Jerome Kern. En principio, rexeitou o ofrecemento, afirmando que non sabía nada de música hillbilly, mais o espectáculo terminou por cumprir as 1147 representacións. Sábese que a canción da tiradora, "There's No Business Like Show Business", estivo a piques de non ser incluída no espectáculo porque Berlin tiña a impresión equivocada de que non lle gustaba a Rodgers e Hammerstein. Annie Get Your Gun está considerado o mellor musical de Berlin non só pola cantidade de éxitos musicais que contén senón porque as súas cancións combinan acertadamente a descrición dos personaxes coa axuda ao desenvolvemento da historia.

Outros[editar | editar a fonte]

O seguinte espectáculo de Berlin, Miss Liberty (1949), foi un relativo fracaso. Call Me Madam (1950), con Ethel Minguan interpretando a Perle Mesta, funcionou algo mellor, pero o seu último espectáculo Mr. President (1962) foi un fracaso tan enorme que levou a Berlin a retirarse da escena pública.

Berlin e Hollywood[editar | editar a fonte]

En 1927, unha das cancións de Berlin, "Blue Skies", un éxito dende 1926, foi interpretada na primeira película falada, The Jazz Singer, cantada pola o Jolson. Top Hat (1935) foi o primeiro dunha serie de filmes musicais fomentadas por Berlin que contou coa presenza de intérpretes populares e atractivos (como Bing Crosby, Fred Astaire, Judy Garland e Ginger Rogers), con argumentos románticos e unha banda sonora a base das súas novas e vellas cancións. Outros filmes deste tipo foron On the Avenue (1937), Holiday Inn (1942), Blue Skies (1946) e Easter Parade (1948). A versión fílmica de This Is the Army (1943), que contou coa presenza do mesmo Berlin cantando "Oh, How I Hate to Get Up in the Morning", foi un éxito, pero outras versións dos seus musicais, como Annie Get Your Gun (1950) e Call Me Madam (1953), foron menos exitosas que os seus espectáculos explicitamente escritos para Hollywood.

White Christmas[editar | editar a fonte]

O filme Holiday Inn contiña "White Christmas", unha das cancións máis gravadas da historia. Nese filme, cantábaa Bing Crosby por primeira vez, e vendeu unhas 30 millóns de copias unha vez que se gravou independentemente. A canción foi reutilizada como o título do musical White Christmas, no que participaban Crosby, Danny Kaye, Rosemary Clooney e Vera-Ellen. O sinxelo de Crosby foi recoñecido como o máis vendido en calquera categoría durante máis de 50 anos, ata que o seuperou en 1997 a canción de Elton John en homenaxe a Diana de Gales, "Candle In the Wind". No entanto, o tema cantado por Crosby vendeu millóns de copias adicionais a través das súas múltiples aparicións en recompilatorios, entre os que se inclúen o propio Merry Christmas de Crosby, editado en 1949.

A versión máis familiar de "White Christmas" non é, con todo, a de Holiday Inn. Crosby foi chamado outra vez aos estudos de Decca o 19 de marzo de 1947 para volver gravar o tema, debido a que a toma principal de 1942 quedou estragada debido ao seu uso frecuente. As condicións de gravación incluíron a presenza, igual que no orixinal da John Scott Trotter Orchestra e das Ken Darby Singers. A gravación resultante é a máis coñecida para o público.

"White Christmas" gañou o Óscar á mellor canción orixinal, unha das sete candidaturas que recibiu o compositor ao longo da súa carreira. É o único gañador na historia dos premios que leu o seu propio nome como gañador nunha categoría na noite de entrega dos mesmos.

O seu amigo e colega Jule Styne dixo del que "É sinxelo ser listo. Pero a cousa realmente intelixente é ser simple".[2] Preguntado sobre o lugar de Berlin na música americana, Jerome Kern dixo que non o tiña pois "Irving Berlin é a música americana".[3]

Vida privada[editar | editar a fonte]

Berlin coa súa esposa Ellin Mackay contra 1920.

Berlin casou en dúas ocasións. A súa primeira muller, a cantante Dorothy Goetz, irmá do compositor E. Ray Goetz, contraeu a pneumonía e a febre tifoide na súa viaxe de noivos a Cuba, e morreu cinco meses despois tras a súa voda en 1912 á idade de vinte anos. A súa morte inspirou a canción de Berlin "When I Lost You", que se converteu nun dos seus primeiros éxitos. Curiosamente, un ano antes da morte de Dorothy Berlin, Irving Berlin, E. Ray Goetz e Ted Snyder coescribiron unha canción chamada "There's a Girl in Havana" (Hai unha moza na Habana).

A súa segunda muller foi Ellin Mackay, unha católica irlandesa-americana e herdeira da fortuna mineira de Comstock Lode, así como escritora vangardista que publicara en The New Yorker casaron en 1926, coa oposición das súas respectivas familias, que obxectaron motivos relixiosos, chegando o pai dela, Clarence Mackay, fervente católico, a desherdala.[4] Sen a dispensa da Igrexa, tiveron que casar nunha cerimonia civil o 4 de xaneiro de 1926 e foron inmediatamente rexeitados por sectores antisemitas da sociedade: a Ellin, por exemplo, anulóuselle a invitación para a voda da súa amiga Consuelo Vanderbilt, aínda non sendo esta católica. Economicamente non tiveron problemas, mais Berlin asignou á súa muller os dereitos da súa canción "Always", que lle rendería constantemente grandes beneficios.

A parella tivo tres fillas, Mary Ellin Barrett, Linda Emmett e Elizabeth Peters, e un fillo, Irving Berlin, Jr., que morreu de neno un día de nadal.

O patriotismo de Berlin foi real e profundo. Demasiado vello para o servizo militar cando o seu país entrou na Segunda Guerra Mundial en 1941, dedicou o seu tempo e enerxía a escribir novas cancións patrióticas, como "Any Bonds Today?", doando o beneficio de This Is the Army ao propio exército, e entretendo as tropas cunha compañía itinerante dese espectáculo, na que el era un membro máis. Tralas actuacións nos Estados Unidos, o espectáculo foi a Londres en 1943, nun momento en que a cidade estaba aínda baixo os ataques alemáns. Tras unha xira polas Illas Británicas, o espectáculo desprazouse ao norte de África e despois a Italia, tocando en Roma só semanas despois de que a cidade fose liberada. Logo foron a Oriente Medio e o Pacífico, onde as actuacións se realizaron a miúdo preto de zonas de combate. En recoñecemento a esta importante e valente contribución á moral das tropas, ao final da guerra Berlin foi recoñecido coa Medalla ao Mérito polo presidente Truman.

Politicamente conservador, Berlin apoiou a candidatura presidencial do xeneral Dwight Eisenhower, e a súa canción "I Like Ike" tivo unha ampla presenza na campaña de Eisenhower. Nos seus últimos anos fíxose tamén conservador nas súas apreciacións musicais; non fixo uso dos novos estilos emerxentes en Estados Unidos durante os anos cincuenta e sesenta, como o rock and roll e practicamente abandonou a composición tras o fracaso do seu musical Mr. President en 1962. En 1968, Berlin foi galardoado co Premio Grammy aos logros de toda unha carreira.

Convertido virtualmente nun recluso nos seus últimos anos de vida, Berlin non asistiu á festa polo seu 100 aniversario. Con todo, si asistiu ás celebracións polo centenario da Estatua da Liberdade en 1986.

Berlin morreu dun ataque ao corazón en Nova York aos 101 anos e foi enterrado no Woodlawn Cemetery no Bronx, Nova York.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Audio link
  2. It's easy to be clever. But the really clever thing is to be simple.
  3. Irving Berlin is American music.
  4. NY Daily News arquives

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Hischak, Thomas S. (1991). Word Crazy, Broadway Lyricists from Cohan to Sondheim. ISBN 0-275-93849-2. 
  • Leopold, David (2005). Irving Berlin's Show Business : Broadway - Hollywood - America. ISBN 0-8109-5891-0. 
  • Barrett, Mary Ellin (1994). Irving Berlin: A Daughter's Memoir. ISBN 0-671-72533-5. 
  • Bergreen, Laurence (1991). As Thousands Cheer: The Life of Irving Berlin. ISBN 0-670-81874-7. 
  • Hamm, Charles (1997). Irving Berlin: Songs from the Melting Pot. ISBN 0-19-507188-3. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]