Illa dos Estados

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Illa dos Estados
Isla de los Estados
Statenlant
[1]
Imaxe de satélite da illa dos Estados,
coa Terra do Fogo á esquerda.
Situación
País Flag of Argentina.svg Arxentina
Provincia Terra do Fogo, Antártida e Illas do Atlántico Sur
Mar Océano Atlántico
Xeografía
Superficie 534 km²
Longura máxima 65 km oeste-leste
Largura máxima 16 km norte-sur
Punto máis alto 823 msnm
Demografía
Poboación 4 hab.
Densidade 0,2 hab./km²

A illa dos Estados está situada no océano Atlántico Sur, ao leste da península Mitre da illa Grande da Terra do Fogo, da cal está separada polos 24 km do estreito de Le Maire.

Pertence ao departamento de Ushuaia da provincia de Terra do Fogo, Antártida e Illas do Atlántico Sur, na Arxentina.

Dado que foi declarada reserva provincial ecolóxica, histórica e turística, o acceso está restrinxido a determinados continxentes turísticos que parten desde Ushuaia, que deben pernoctar na embarcación que os traslada.

Todo o arquipélago é administrado pola Armada Arxentina.[2]

Xeografía[editar | editar a fonte]

Localización da illa (á dereita do mapa).
Montañas na illa dos Estados.

A illa en dirección norte-sur chega a ter só 500 m de longo, alcanzando no seu punto máximo os 16 km. Ten 65 km de lonxitude e elévase até uns 800 msnm, representando a última manifestación no continente americano da cordilleira dos Andes, antes de afundirse no mar.

Abarca 534 km². A orografía é sumamente accidentada, ao igual que a súa costa recortada por fiordes e baías, e o seu clima é hiperhúmido, con 2000 mm de chuvia anuais. A costa recortada da illa orixinouse pola acción dos glaciares no plistoceno. O monte Bove, de 823 m, é o pico máis alto das illas.

Na costa norte da illa de oeste a leste están as baías Crossley, Balmaceda (separadas polo cabo Galeano), Flinders (separada polo Beaulieu), San Antonio (separada polo cabo San Antonio) e Colnett (separada polo cabo Colnett). Ao sur da isla destacan as baías Franklin, Capitán Cánepa, York, Grant e Blossom.

Os portos na costa norte, de oeste a leste, son: Hoppner, Parry, Presidente Roca, Basil Hall, Año Nuevo, Cook, Pactolus e San Juan del Salvamento. Na costa sur, de leste a oeste, están: Back ou Lencina, Vancouver, Lobo, Heredia e Celular.

A costa sur esténdese desde o cabo San Bartolomé, no extremo sur do estreito de Le Maire, até o cabo San Juan, no extremo oriental da península Aguirre.

Illotes[editar | editar a fonte]

A illa está acompañada por oturas illas menores e illotes que conforman o arquipélago do Ano Novo, sendo a maior a illa Observatorio, a 6,5 km ao norte da illa dos Estados, cunha superficie de 4 km², formando parte do grupo as illas Elizalde, Zeballos e Alférez Goffre. Outro grupo está ao sur da illa, as illas Dampier, das que a maior é a illa Barrionuevo e as menores os illotes Azar, Gazal, Gianotti e de Chiara. Ao sur da baía York áchanse as illas Menzier, grupo formado polas illas Ruiz, Sánchez, Vargas, Velázquez e, máis afastado, o illote Gatica. O grupo dos illotes fronte á punta Soria está conformado polos illotes Villegas, Peña, Rojas, Méndez e Maragliano. Forman tamén parte do arquipélago os illotes os Tres García, Trípode, illa Mendieta, illote Gemma, illote Montegrosso, rocha Ibáñez, illote Colnett, illote Pellares, os illotes os Tres Fernández, illote Pleamar, illote San Juan, rocha Sapo, rocha Tévez, rochas Miretti, rochas Bordón, illotes Fabián, illotes Gilbert, rochas Laporte, rochas Amesgaray, illotes Siri, rochas Amarilla, illote Martino, rochas Duks, illote Zurbriggen , illote Alexander, illotes os Cáceres, illotes Zalazar, illotes Cinco Romero, illotes Los Chaile, illote Muñoz (todos na baía Capitán Cánepa), illotes los Bordón (na baía Franklin).[3]

Medio ambiente[editar | editar a fonte]

Nothofagus betuloides.
Lontra mariña (Lontra felina).

Flora e fauna[editar | editar a fonte]

A vexetación da illa componse de bosques de Nothofagus betuloides, árbore da familia das notofagáceas, ou das fagáceas, para algúns autores,[4] e Drimys winteri, da familia das winteráceas; ambas as especies son árbores moi resistentes ao frío, e foron introducidas como cultivo nas illas Feroe,[5]

Debaixo do estrato arbóreo hai un sotobosque de fentos, liques, musgos e arbustos espiñentos, como Berberis buxifolia.

Dentro da fauna destacan en especial as aves e os mamíferos mariños que habitan nas augas e costas da illa, como pingüíns de varias especies, cetáceos, lobos mariños, como Otaria flavescens e Arctocephalus australis, a lontra mariña (Lontra felina), e varias especies de gaivotas, corvos mariños e petreis. Nas lagoas interiores destacan unha londra de auga doce (Lutra provocax) e o peixe Galaxias maculatus.

Ademais introducíronse cabras en 1868 e cervos comúns (Cervus elaphus) en 1976. Tamén foron introducidos coellos e vacas, pero estas últimas non prosperaron.

Así mesmo, escondidas nos barcos, lograron arribar e colonizar esta illa as daniñas ratas comúns (Rattus norvegicus) que, co tempo, evolucionaron alí, sendo máis peludas e grandes que noutras rexións.

Reserva provincial[editar | editar a fonte]

En 1991 sancionouse a Constitución da nova Provincia arxentina da Terra do Fogo, Antártida e Illas do Atlántico Sur, establecendo no artigo 54, inciso 7:

Declárase á illa dos Estados, a illa do Ano Novo e illotes adxacentes, patrimonio intanxíbel e permanente de todos os fueguinos, Reserva Provincial Ecolóxica, Histórica e Turística.

O 19 de setembro de 1991 foi promulgada a lei provincial N° 469 que estableceu:

Artigo 1º.- Declárase "Área dos Estados" á primeira unidade de conservación oceánica do noso país, a denominada illa dos Estados e illotes do seu litoral adxacente, segundo Decreto Nacional Nº 104.169/37.
Artigo 2º.- Determínanse "Áreas de Monumento Natural ou Santuarios" a aquelas exclusivamente reservadas ao acceso científico e baixo rigoroso control, como base dun Destacamento Científico. Estas áreas estarán situadas nos sectores máis representativos da diversidade biolóxica da illa.
Artigo 3º.- Créanse "Áreas de Reservas Naturais" con acceso humano limitado, a aquelas destinadas ao aproveitamento científico e turístico da illa, determinándose nelas o trazado de sendeiros sinalizados e a construción de centros de interpretación, pudendo prever un pequeno aloxamento ou refuxio con posibilidade de anexar alí un establecemento meteorolóxico.
Faro San Juan del Salvamento en 1898.

En 1997 os restos do Faro de San Juan de Salvamento foron trasladados ao Museo Marítimo de Ushuaia mediante unha operación de rescate realizada polo Museo e a Armada Arxentina. Nesa oportunidade o enxeñeiro Mirón Gonik elaborou os planos cando se levantou o faro que se derrubara sobre si mesmo. No Museo Marítimo de Ushuaia construíuse unha maqueta a escala 1/1 do Faro que contén os restos do orixinal. En 1998 instalouse unha réplica do faro no seu lugar orixinal de punta Lasserre, en base á única fotografía existente tomada en 1898.[6] O Faro da illa Observatorio foi declarado Monumento Histórico Nacional en 1999.

Historia[editar | editar a fonte]

Época precolombina[editar | editar a fonte]

A illa dos Estados é visíbel desde a costa da illa Grande da Terra do Fogo e coñécense ledas onas e haush sobre ela. Os haush chamábana Jaius ou Jaiwesen, mentres que os onas a coñecían como Kéoin Harri ou Keoin Hurr. Pola súa parte, os iámana chamábana Chuainisin.[7]

Entre xaneiro e febreiro de 1982 a etnóloga francesa Anne Chapman realizou escavacións na zona da baía Crossley achando evidencias de presenza humana que se produciría entre os anos 300 a.C. e 500 d.C. É probábel que esa presenza humana fora dos iámanas, xa que a súa actividade canoeira se desenvolvía polos canais da Terra de Fogo.[8][9]

Primeiras exploracións[editar | editar a fonte]

O 24 de xaneiro de 1616 o buque neerlandés Eendracht, capitaneado por Willem Schouten e no que ía a bordo Jacob Le Maire, avistou o extremo oeste da illla que, ao día seguinte, chamaron Statenlant ("Terra dos Estados") crendo que era parte da Terra Australis Incognita.

O 24 á mañanciña vimos terra á man dereita (...) despois do mediodía vimos ao oriente outra terra tamén montañosa e recortada, e distarían estas dúas terras unha da outra como oito millas. Contra a mediodía eran grandes as correntes. Achámonos a mediodía a 54 graos 46 minutos (...) O 26 declináramos cara á terra descuberta, cara á parte do oriente, alta e quebrada, e corría ai parecer, do setentrión ao leste-sueste, pusímoslle por nome na nosa lingua Statenlantpp, na honra dos nosos Estados Xerais (...) Parecíanos a costa dunha e outra parte ser costa limpa, e as praias areosas de area grosa. Non vimos árbores nestas costas; había gran cantidade de pingüíns, e de vacas mariñas, e de aves, e de auga doce.[10]

En 1619 pasaron polo estreito os irmáns Nodal (Bartolomé e Gonzalo García de Nodal) enviados polo rei de España Filipe III para verificar o descubrimento de Schouten e Le Maire. Para iso, construíronse e armáronse as carabelas Nuestra Señora de Atocha e Nuestra Señora del Buen Suceso, de 80 toneladas e 40 tripulantes cada unha. A primeira ía como capitá baixo mando o de Bartolomé, e a outra como almiranta co capitán Gonzalo ao mando. Saíron de Lisboa o 27 de setembro de 1618. A mediados de xaneiro de 1619 tiveron coñecemento do cabo das Virxes, cerca do cal viron flotar os restos dun navío que naufragara. Seguindo o seu rumbo ao longo da costa oriental da Terra do Fogo, o 22 de xaneiro adentráronse no estreito de Le Maire, denominándoo estreito de San Vicente, nome que aínda conserva un dos cabos da costa occidental da Terra do Fogo. O 10 de febreiro descubriron no sueste do cabo de Hornos as illas Diego Ramírez, chamadas así en honra a Diego Ramírez de Arellano, cosmógrafo e piloto da expedición. Seguidamente os irmáns Nodales remontaron cara ao norte, entrando no estreito de Magalláns, chegando ao extremo oposto e, despois de dar a volta á Terra do Fogo, tomaron o camiño de regreso a Europa. Fondearon o 7 de xullo cerca de Lagos e desde alí foron a dar conta da súa expedición ao rei, que se encontraba en Lisboa. Os dous irmáns publicaron o diario da súa expedición co título: Relación del viaje hecho por los capitanes Bartolomé García de Nodal y Gonzalo de Nodal, hermanos, naturales de Pontevedra, para el descubrimiento del nuevo estrecho, publicado en Madrid eb 1621, un tomo co seu mapa.[11][12]

A illa dos Estados vista desde o estreito de Le Maire.

En 1624 pasou polo estreito de Le Maire a expedición neerlandesa de Jacques L'Hermite, permanecendo un mes nel.

O almirante holandés Hendrick Brouwer circunnavegou a illa en 1643, descubrindo por tanto que era unha illa e non unha península da Terra Australis Incognita. Brouwer describiuna como "un reducido bastión de rocha azoutado pola ondada e os ventos do polo".

En 1701 o francés Jacques Gouin de Beauchêne avistou a illa, describíndoa como «unha illa moi importante de imponentes cumes".

En 1703 a nave Cinque Ports da expedición corsaria británica de William Dampier recalou na illa dos Estados despois dunha tempestade.

En 1706 dúas expedicións francesas procedentes do porto bretón de Saint-Malo avistaron o extremo oriental da illa: a de Xoán de Noail, señor de Parc (Jean Nouail ou Nouaille, sieur du Parc, en francés), capitán do navío corsario Sage-Salomon, que o bautizou como "cabo San Juan" o 29 de xaneiro de 1706,[13][14] e a do abade Noël Jouin, no verán.

As corvetas Atrevida e Descubierta, as naves da expedición Malaspina.

En 1789 atravesou o estreito de Le Maire a expedición Malaspina da Coroa española. Os propósitos da expedición serían os seguintes: incrementar o coñecemento sobre ciencias naturais (botánica, zooloxía, xeoloxía), realizar observacións astronómicas e "construir cartas hidrográficas para las regiones más remotas de América". O proxecto recibiu a aprobación de Carlos III, dous meses exactos antes da súa morte.

A expedición, que contaba coas fragatas Atrevida e Descubierta, saíu de Cádiz o 30 de xullo de 1789, levando a bordo á flor e nata dos astrónomos e hidrógrafos da Mariña española, acompañados tamén por grandes naturalistas e debuxantes.

Os navíos foron deseñados e construídos especialmente para a viaxe, e foron bautizados por Malaspina en honor dos navíos de James Cook Resolution e Discovery ("Atrevida" e "Descuberta").[15]

En 1790 o bergantín Hancock de Estados Unidos recala na illa matando moitos lobos mariños de dous pelos e elefantes de mar.

En 1787 o capitán británico James Colnett realizou a primeira explotación coñecida de peles de lobo mariño e graxa de pingüíns na illa

En 1822 a expedición francesa de Louis Isidore Duperrey recolectou mostras botánicas e zoolóxicas da illa dos Estados.

Primeiras explotacións na illa[editar | editar a fonte]

O xermano-arxentino Luis Vernet explorou a illa en 1823 e instalou un serradoiro na baía Flinders. Un decreto do goberno de Buenos Aires do 5 de xaneiro de 1828 concedeulle a illa para colonizala, aínda que reservándose 10 leguas. Vernet estableceu en 1828 una factoría para procesar lobos mariños en Puerto Hopner. A illa dos Estados foi incluída dentro da Comandancia Política e Militar das illas Malvinas cando esta se creou o 10 de xullo de 1829, sendo Vernet o seu comandante. Este construíu en 1829 algúns refuxios en Puerto Cook, instalacións de pesca na baía Flinders e un serradoiro na baía Capitán Cánepa. Coa fin da súa comandancia nas illas Malvinas, en 1832, a illa dos Estados tamén foi abandonada.

En 1828 o tenente Kendal da expedición británica do HMS Beagle realizou un completo estudo do relevo da illa. Ese mesmo ano outra expedición británica, ao mando de Henry Foster, no barco HMS Chanticleer, cartografou a illa e deu nome á maioría dos seus accidentes xeográficos, tales como os fiordes Hoppner, Parry, Basil Hall, Cook e Vancouver, a baía e o cabo Colnett, as baías Blossom e York etc. En 1832 a illa foi visitada por Charles Darwin a bordo do HMS Beagle.

Coñecedor do perigoso dos mares circundantes, o mariño arxentino Luis Piedrabuena, que rescatara xa un grupo de náufragos alemáns, construíu en 1862 un refuxio cerca da baía ―case fiorde― chamada Puerto Cook. Piedrabuena xestionou durante varios anos a extracción de aceite de foca e de pingüín na illa á que arribara por primeira vez en 1847 e izado a bandeira arxentina en 1859.

Asentamento definitivo arxentino[editar | editar a fonte]

O 6 de outubro de 1868, mediante a lei Nº 269, o Estado arxentino concedeu a Piedrabuena a propiedade da illa dos Estados como recoñecemento aos seus labores humanitarios e de afirmación da soberanía arxentina nas terras austrais: "a propiedade da illa denominada Estado, situada sobre o cabo de Hornos, extremidade leste do cabo de San Diego". En 1869 Piedrabuena fixo construír un refuxio na baía Rockery Penguin para iniciar actividades de explotación. No verán de 1873 instalou unha caldeira para fundir graxa de pingüíns na illa, pero durante unha tempestade o seu barco, o Espora, foi destruído, debendo construír cos seus restos o cúter Luisito para poder retornar ao continente.

A gobernación da Patagonia creouse pola lei Nº 954 do 11 de outubro de 1878. O seu territorio nominal estendíase até o cabo de Hornos, incluíndo a illa dos Estados. En 1881 foi asinado o tratado de límites entre Arxentina e Chile que, no seu artigo 3 estableceu: "... pertencerán á República Arxentina a illa dos Estados, os illotes proximamente inmediatos a esta...", finalizando así a reclamación chilena sobre a illa.

En 1881 chegou á illa dos Estados a expedición arxentino-italiana de Santiago Bove ao mando de Piedrabuena, que recalou durante dous meses na baía Rockery Penguin renomeándoa como Puerto Roca en homenaxe ao presidente arxentino Julio Argentino Roca, que patrocinou a expedición. Realizaron traballos hidrográficos e xeolóxicos, mediron as alturas de algunhas montañas e escalaron algunhas delas.

O 17 de abril de 1884 chegou a San Juan del Salvamento unha expedición naval arxentina (División Expedicionaria ao Atlántico Sur) ao mando do comodoro Augusto Lasserre, quen fixo construír edificios para establecer unha estación de salvamento e unha subprefectura, un peirao e celas para presos militares.

Puerto San Juan de Salvamento.

O 25 de maio de 1884 Lasserre inaugurou en punta Lasserre o Faro de San Juan de Salvamento e a Subprefectura Marítima na illa dos Estados. O faro funcionou até 1902, en que foi substituído polo da illa do Ano Novo (outubro de 1902) dados os naufraxios que ocasionou.[16]

O faro é máis coñecido como O faro do fin do mundo, dado que pola súa historia de naufraxios inspirou a Jues Verne a súa novela O faro do fin do mundo, publicada en 1905. Esta novela é de lectura obrigatoria nas escolas de Francia até o día de hoxe.[17]

O 26 de setembro de 1884, Lasserre continuou cara a Ushuaia, deixando unha gornición de 24 homes e 10 presos militares trasladados desde Bos Aires, que tiñan oficios acordes coas necesidades como carpintaría, cociña etc.

O 16 de outubro de 1884 o goberno arxentino promulgou a lei N° 1532 de Organización dos Territorios Nacionais, que creaba no seu artigo 6 a gobernación da Terra do Fogo, cos seus límites naturais, segundo o tratado do 23 de xullo de 1881, e ademais a illa dos Estados.

O 25 de xullo de 1890 foi creada unha estafeta postal en San Juan del Salvamento. Un censo de 1895 contou 154 habitantes na illa. En marzo de 1899 a subprefectura e o presidio militar foron trasladados a Puerto Cook.

Despoboamento e novo poboamento[editar | editar a fonte]

O 30 de setembro de 1902 foi clausurado o faro de San Juan de Salvamento, iniciando ao día seguinte o funcionamento o faro da illa Observatorio. En decembro do mesmo ano trasladouse a Ushuaia a prisión militar, quedando a illa deshabitada, sendo os seus edificios desmantelados a principios de 1903. En 1904 estableceuse en Puerto Cook unha industria de obtención de graxa e de tratamento de peles de pingüíns e lobos mariños, pero pouco despois foi abandonada.[18]

O 19 de maio de 1909 estableceuse por decreto a división territorial dos chamados daquela Territorios nacionais, concretando os límites do hoxe extinto Departamento Illa dos Estados (dependente do Territorio Nacional da Terra do Fogo), que comprendía "(...) as illas do mesmo nome e todas as outras que se encontren no Atlántico baixo a soberanía de dereito da República Arxentina".

En 1912 o Estado arxentino comprou a illa aos herdeiros de Piedrabuena. En 1936 mediante un decreto do presidente Agustín P. Justo estableceuse que:

Resérvanse con fins de utilidade pública e con destino ás necesidades do Ministerio de Mariña, a totalidade da superficie que constitúe a illa denominada dos Estados e os illotes do seu litoral, adxacentes, inclusive o grupo das illas do Ano Novo.

A illa pasou así a dominio da Armada arxentina.

O 8 de abril de 1970 quedou comprendida no Departamento de Ushuaia. En 1984 o Tratado de Paz e Amizade entre Arxentina e Chile denominou "mar da Zona Austral" ao mar que baña a costa sur da illa dos Estados.

Desde o 4 de outubro de 1978 os únicos habitantes da illa son os militares instalados no Posto de Vixilancia e Control de Tránsito Marítimo, Comandante Luis Piedrabuena, que a Armada arxentina ten en Puerto Parry. Encóntrase nun fiorde profundo e angosto, flanqueado a ambos os lados por montañas de máis de 600 m de altura. É o único sitio habitado na illa dos Estados e a súa función é vixiar os barcos que navegan pola zona. Ten unha dotación de catro mariñeiros que se rota cada 45 días, e conta cun heliporto e unha estación de comunicacións.[19] Foi establecido en medio do Conflito do Beagle para incrementar a presenza arxentina en torno ás zonas en conflito.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Statenlant ou "Terra dos Estados" foi o nome que lle deron os exploradores holandeses Willem Schouten e Jacob Le Maire o 25 de xaneiro de 1616, no curso da súa viaxe ao redor do mundo, crendo que era parte da Terra Australis Incognita. Staten ("dos Estados") deriva do nome do parlamento dos Países Baixos, Estados Xerais (Staten-Generaal). As Terras dos Estados era o nome que se lles daba na época aos territorios dependentes da República das Sete Provincias Unidas, daquela en guerra contra o rei de España. O seu nome actual en neerlandés é Stateneiland.
  2. Deutsche Gesellschaft für Technische Zusammenarbeit (GTZ) GmbH da República de Alemaña (1998). "Desarrollo y Conservación de la Isla de los Estados" (PDF). Sitio do Goberno da Provincia de Terra do Fogo, Antártida e Islas do Atlántico Sur. Del análisis de la información disponible surge que la Isla de los Estados se encuentra en jurisdicción de la Provincia de Tierra del Fuego, Antártida e Islas del Atlántico Sur, pero es de dominio de la Armada Argentina. 
  3. Mapa de la isla de los Estados
  4. Nothofagus betuloides en GRIN Taxonomy for Plants.
  5. Højgaard, A., J. Jóhansen, and S. Ødum (eds.) (1989): A century of tree planting in the Faroe Islands. Torshavn: Føroya Frodskaparfelag.
  6. Línea del tiempo centrada en la Isla de los Estados, el Canal Beagle y el Cabo de Hornos.
  7. El Correo en Isla de los Estados - 1, por Humberto Brumatti
  8. Tecpetrol
  9. Chapman, Anne. — La Isla de los Estados en la Prehistoria. Primeros datos arqueológicos.
  10. Relación diaria del viaje de Jacobo Le Mayre y Guillermo Cornelio Schouten.
  11. 1618 - Viaje de los Capitanes Nodal a Tierra del Fuego en Histamar. Historia y Arqueología Marítima. (en castelán)
  12. Mapa do estreito de Magalláns, debuxado ra "Relación" dos irmáns Nodal en Raremaps.com Con texto (en inglés)
  13. Naves francesas que exploraron los mares de Chile. En infanciadechile.info, Infancia de Chile-Museo virtual de grabados anteriores a 1800.
  14. [1] En archivoshistoricos.com.ar, Lugares de Argentina, Ushuaia, Lugares propuestos para su declaratoria, San Juan de Salvamento.
  15. Felipe Fernández-Armesto (2006): Los conquistadores del horizonte. Una historia mundial de la exploración. Bracelona: Destino. ISBN 978-84-233-3867-2
  16. Carlos Pedro Vairo (2000): Naufragios en el Cabo de Hornos Isla de los Estados, Magallanes, Península Mitre, Malvinas y Georgias del Sud. Buenos Aures: Zagier & Urruty. ISBN 1-879568-75-6.
  17. Vairo, Carlos Pedro (1999): La Isla de los Estados y el Faro del Fin del Mundo. Buenos Aires: Zagier & Urruty. ISBN 1-879568-52-6.
  18. El Correo en Isla de los Estados
  19. Gaceta marinera

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ames Colnett & Robert Galois (2004): A Voyage to the North West Side of America: The Journals of James Colnett, 1786-89. University of British Columbia Press. ISBN 0-7748-0855-1
  • Vairo, Carlos Pedro (1998): La Isla de los Estados y el Faro del Fin del Mundo. Buenos Aires: Zagier & Urruty Publicaciones. ISBN 978-1-879568-52-5.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]