Saltar ao contido

William Dampier

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaWilliam Dampier

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento1651 Editar o valor en Wikidata
East Coker, Reino Unido (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Morte1715 Editar o valor en Wikidata (63/64 anos)
Londres, Reino Unido Editar o valor en Wikidata
EducaciónKing's School (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónnavegante, pirata, botánico, explorador, naturalista, corsario Editar o valor en Wikidata
Obra
Abreviación dun autor en botánicaDampier Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteNordisk familjebok
Dictionary of National Biography
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1632789 WikiTree: Dampier-57

William Dampier, nado en East Coker, Somerset o 5 de setembro de 1652 e finado en Londres en marzo de 1715,[1] foi un capitán de barco inglés, ocasional bucaneiro e corsario, que tamén foi un salientable escritor, botánico e observador científico.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Foi o primeiro británico en explorar e cartografar as costas de Nova Holanda (agora Australia) e de Nova Guinea. Circunnavegou o mundo dúas veces, e mesmo puido completar unha terceira sendo o primeiro home en realizar esta fazaña.

Diana e Michael Preston, na Pirate of Exquisite Mind [Un pirata de mente exquisita], descríbeno como o máis grande explorador-aventureiro mariño británico, ou polo menos, entre os isabelinos (en particular, Sir Francis Drake e Sir Walter Raleigh) e James Cook. Aínda que tamén descrito polo naturalista Alex George como «o primeiro historiador natural de Australia», Dampier é relativamente pouco coñecido en Australia, e aínda menos coñecido no seu país natal.

Fillo dun granxeiro de Somerset, enrolouse ós 17 anos nun buque mercante. En 1673 entrou na Royal Navy coa axuda dos seus coñecementos de navegación. A bordo do Royal Prince combateu contra os holandeses. Logo partiu cara a Xamaica en 1674, onde exerceu diversos traballos duros e volveu a Inglaterra, onde casou.

Primeira circunnavegación

[editar | editar a fonte]
Carta da New Voyage Round the World, publicado en 1697 por Dampier. A costa de Mosquitos está marcada cunha estrela. Dampier e o seu asociado, o cirurxián e bucaneiro Lionel Wafer, describiron os pobos miskitos no período 1690-1700. Estes grupos tribais, a miúdo mesturados con escravos fuxitivos, formaron unha cultura distinta na rexión costeira, ás veces formando alianzas cos piratas contra as autoridades españolas nos séculos XVI-XVIII.

En 1678 participou en tripulacións con bucaneiros en terras españolas de América Central, visitando dúas veces a baía de Campeche. Isto conduciu á súa primeira circunnavegación: de 1679 a 1681 formou parte da tripulación do bucaneiro Bartholomew Sharp, que abordou gran número de barcos españois e saqueou moitas poboacións incluíndo Portobelo. En 1679 acompañou un ataque a través do istmo de Darién, en Panamá, e capturaron os barcos españois na costa do Pacífico dese istmo. Na costa de Chile capturaron o San Pedro cunha rica carga de viño, pólvora e 37.000 reais da oito e arrasaron os asentamentos españois no Perú antes de regresar ó Caribe. A entrega dunhas cartas de navegación que contiñan importante información proporcionou ós homes de Sharp o perdón de Carlos II.

Dampier dirixiuse a Virxinia, onde en 1683 se comprometeu co corsario John Cooke (ou Cook). Cook entrou na Pacífico vía o Cabo de Fornos e pasou un ano atacando as posesións españolas no Perú, as illas Galápagos (Ecuador), e México. Esta expedición recolleu os bucaneiros e barcos que atopaba ó seu paso, até chegar a ter unha frota de dez buques. En México Cook morreu, e a tripulación elixiu un novo líder, o capitán Edward Davis (1680-88). Dampier foi transferido ó barco do capitán Charles Swan, o corsario Cygnet, e o 31 de marzo de 1686 navegaban a través do Pacífico para tecer unha emboscada ó galeón de Manila, en dirección ás Indias Orientais, facendo escala en Guam e Mindanao.f Cando Swan decidiu abandonar a persecución ó estar curtos de provisións, a tripulación amotinouse e abandonárono, con outros 36 homes, en Mindanao. O resto de corsarios navegaron a Manila, Poulo Cóndor, a China, as illas das Especias, e Nova Holanda (Australia).

Máis tarde, ese mesmo ano, mediante acordo, el e dous compañeiros foron abandonados nunha das illas Nicobar. Obtiveron unha pequena canoa que modificaron despois de envorcar por vez primeira e logo despois de sobrevivir a unha gran tormenta no chamado «Acheen» (Aceh) en Sumatra. Tras diversas aventuras Dampier volveu a Inglaterra en 1691 polo cabo de Boa Esperanza, sen cartos, pero en posesión dos seus diarios. Tamén tivo como fonte de ingresos ó famoso príncipe tatuado Jeoly, e á súa nai, dous indios que adquirira como escravos e que posteriormente expuxo en Londres, o que tamén o fixo máis coñecido, mentres o seu libro estaba a imprimirse.

A expedición do Roebuck 1699-1701

[editar | editar a fonte]
Carta da zona cartografiada polo HMS Roebuck en 1699.

A publicación destes diarios como New Voyage Round the World [Nova viaxe arredor do mundo] en 1697 foi unha sensación popular creando interese no Almirantado Británico. En 1699 déuselle a Dampier o mando da HMS Roebuck[2] cun encargo do Almirantado, por inferencia do rei Guillerme III e a raíña María II, que reinaban de maneira conxunta. A súa misión era explorar a costa oriental de Nova Holanda, o nome dado polos neerlandeses a Australia, e a intención de Dampier era viaxar alí a través do cabo de Fornos.

O HMS Roebuck, barco de William Dampier.

A expedición partiu cara ó cabo de Fornos o 14 de xaneiro de 1699, demasiado tarde na tempada, e achegouse a Nova Holanda, vía cabo de Boa Esperanza. Seguindo as rutas neerlandesas ás Indias, o 26 de xullo de 1699 Dampier chegou á illa Dirk Hartog na boca do que el chamou baía Shark, na costa de Australia Occidental. Desembarcou e elaborou o primeiro rexistro detallado coñecido da flora e a fauna de Australia. As imaxes considéranse polo seu secretario James Brand. Dampier despois seguiu a costa nordés, alcanzando o arquipélago Dampier e logo a baía LaGrange, xusto ó sur do que agora se chama baía Roebuck, sempre tomando notas e recollendo e coleccionando espécimes, incluíndo moitas cunchas. Dende alí puxo rumbo ó norte, a Timor. Logo navegou cara ó leste e o 3 de decembro de 1699 bordeou a illa de Nova Guinea, que pasou polo norte. Navegando ó leste, trazou as costas do sueste das grandes illas de Nova Hanover, Nova Irlanda e Nova Bretaña, cartografando o estreito de Dampier, entre estas illas (na actualidade parte do arquipélago de Bismarck) e a grande illa de Nova Guinea. Na ruta detívose para recoller espécimes cunha parada que resultou nunha colección de moitas ameixas xigantes.

O seu barco estaba podrecido, cun carpinteiro ó parecer inepto, e Dampier viuse obrigado a abandonar o seu plan de explorar a costa oriental de Nova Holanda cando soamente percorrera menos de cen millas. En perigo de afundir, tratou de facer a viaxe de regreso a Inglaterra, pero o HMS Roebuck naufragou o 21 de febreiro de 1701 fronte á illa Ascensión, no Atlántico, a metade de camiño entre África e América. Mentres estaba ancorado augas dentro, o barco comezou a facer auga, e aínda que tentaron reparalo, o carpinteiro só fixo que a cousa empeorase. Como resultado, o buque foi guindado a terra. A súa tripulación quedou abandonada alí durante cinco semanas antes de ser recollidos o 3 de abril por un barco da Compañía Británica das Indias Orientais, estando de regreso en Inglaterra en agosto de 1701.

Aínda que moitos traballos se perderon co HMS Roebuck, Dampier foi quen de salvar moitas novas cartas das costas e os seus informes dos ventos alisios e as correntes nos mares de Australia e Nova Guinea. Tamén conservou algúns dos seus espécimes.

Ó seu regreso, Dampier foi sometido a un consello de guerra por crueldade. Na viaxe de saída, Dampier levaba como tripulante a George Fisher, que foi expulsado da nave e encarcerado no Brasil. Fisher volveu a Inglaterra e queixouse do seu tratamento ó Almirantado. Dampier escribiu unha irada reivindicación da súa conduta, pero foi declarado culpable, retirado o seu salario da viaxe e expulsado da Royal Navy.

Escribiu un relato da expedición de 1699–1701, que titulou A Voyage to New Holland [Unha viaxe a Nova Holanda], e que se publicou en Londres en dúas partes en 1703 e 1709.

Segunda circunnavegación

[editar | editar a fonte]
Ruta da segunda circunnavegación de Dampier.

A Guerra de Sucesión española estalou en 1701 e os corsarios ingleses estaban a ser preparados para axudar en contra dos intereses franceses e españois. Dampier foi nomeado comandante dun buque do goberno de 26 canóns, o St George, cunha tripulación de 120 homes. A eles uníuselles o galeón de 16 canóns Cinque Ports, con 63 homes. Embarcaron o 30 de abril de 1703.

En ruta, atacaron sen éxito a un buque francés, pero capturaron tres pequenos barcos españois e un buque de 550 toneladas.

O Cinque Ports quedou separado do St George na costa do Pacífico das Américas e afundiuse un mes despois (despois de deixar a Alexander Selkirk (1676–1721) en terra, abandonado nunha illa deshabitada no arquipélago Juan Fernández por queixarse das condicións de navegación ó seu capitán Thomas Stradling). Selkirk foi rescatado despois de permanecer só dende 1704 até 1709. Crese que neste feito baseouse Daniel Defoe para escribir o seu Robinson Crusoe.

Dampier foi acusado de propiciar o afundimento ó non ter asegurado de ter os cascos ben limpos de vermes antes de saír de porto.

Terceira circunnavegación

[editar | editar a fonte]

Dampier convenceu ó inglés Woodes Rogers (1679–1732) para levar a cabo unha expedición como corsarios, xa que coñecía ó seu pai. Rogers, co apoio financeiro de moitos comerciantes de Bristol, conseguiu fretar en 1708 dúas fragatas, o Duque e a Duquesa, e contratou a Dampier como navegante principal no Duque, do que el ía como capitán. Esta viaxe foi máis exitosa e nel rescataron a Selkirk o 2 de febreiro de 1709.

A expedición regresou a Inglaterra e ancoraron no Támesis o 14 de outubro de 1711, tras acumular case £ 200.000 (máis de 20 millóns de libras de 2009) de ganancias. Os investidores non estiveron de acordo na repartición das ganancias e estabelecéronse varios preitos. Dampier morreu en Londres en 1715, antes de recibir a súa parte.

  • A New Voyage Round the World (1697)
  • Voyages and Descriptions, (1699)
  • A Supplement of the Voyage Round the World
  • The Campeachy Voyages
  • A Discourse of Winds
  • A Voyage to New Holland (Parte 1, 1703)
  • A Continuation of a Voyage to New Holland (Parte 2, 1709)
  1. "William Dampier". NNDB. 
  2. "Dampier, William (1651 - 1715)". Australian Dictionary of Biography.