Saltar ao contido

Lúpulo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Humulus lupulus»)

O lúpulo ou lupio[1] (Humulus lupulus) é unha planta herbácea perenne e rubideira da familia das cannabáceas que medra en zonas húmidas. As flores macho e femia medran en plantas diferentes, as primeiras son de cor verde clara e as segundas son amerelo verdosas. O seu froito madurece no outono e contén unha substancia, chamada tamén lúpulo, que tradicionalmente se utilizou para darlle sabor e aroma á cervexa.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Aínda que é considerada unha rubideira, non posúee gabiáns nin ningún outro apéndice para este propósito, senón que se serve de rexos talos provistos de ríxidas vilosidades inclinadas cara a abaixo. É unha herbácea perenne que pode acadar oito metros de altura, con follas palmato-lobuladas de 3 a 5 lóbulos dentados. Sendo unha especie dioica, as flores femininas e masculinas xorden en plantas separadas, as primeiras, de cor verde clara, reúnense en candeas e son usadas como saborizante e axente estabilizador na cervexa, as masculinas, amarelo verdosas, forman panículas. O froito é un aquenio.

Composición

[editar | editar a fonte]

Contén aceites esenciais (até un 1 %, sobre todo humuleno, mirceno, b–cariofileno e farnesceno) e máis de cen principios doutro tipo, entre eles xeraniol, linolol, citral, linioneno e serolidol; tamén posúe un complexo de resinas agres ( 3-12 % ) no que hai ácido valerónico, lumulona e lupulona. O aceite esencial e mais as resinas amargas reciben o nome conxunto de lupulina.

O lúpulo en Galicia

[editar | editar a fonte]

En 1914 o enxeñeiro Leopoldo Hernández Robledo iniciou cultivos experimentais de lúpulo en Betanzos con variedades traídas de Kent (Inglaterra). En paralelo, José María Rivera, empresario fundador de La Estrella de Galicia realizaba experimentos de aclimatación nunha propiedade anexa á fábrica que tiña na Coruña. Precisamente nesta cidade, e durante a Guerra Civil, creouse o Servicio Oficial para el Fomento del Cultivo de Lúpulo, dependente do ministerio de Agricultura dos sublevados. Este servizo administrativo daría paso, durante a crise da importación de lúpulo que aconteceu durante a segunda guerra mundial (1939-1945), á Sociedad Anónima de Fomento del Lúpulo, que recibe a concesión monopolística para a explotación do lúpulo no noroeste de España[2].

Durante o tempo de funcionamento da empresa, entre 1946 e 1983, cultivouse lúpulo en Abegondo, Aranga, Cabanas, Cambre, Cesuras, Coirós, Culleredo, Curtis, Irixoa, Láncara, Lugo, Melide, Miño, Mondoñedo, Ortigueira, Oza dos Ríos, Paderne, Padrón, Pontedeume, O Porriño e Vedra, pero que tivo o seu epicentro en Betanzos, onde se atopaba a sede da empresa e a maior parte da produción[3]. En 1946 recolléronse xa 4000 kg de lúpulo, cantidade que foi aumentando anualmente ata 1963, cando se recolleron 630 000 kg de lúpulo seco, e que representou o punto álxido da produción.

A decadencia do cultivo do lúpulo en Galicia empezou a comezos da década de 1960 e débese a varios factores: dunha banda, a esixencia da Sociedade Anónima de Fomento do Lúpulo de que os produtores lle entregasen o lúpulo xa seco, e non fresco; os sequeiros supuñan un investimento elevado e unha boa parte dos produtores optaron pola supresión dos cultivos. Doutra banda, a mediados da década de 1970 o lúpulo galego sufriu unha viríase que levou á súa práctica extinción no país[4].

No ano 2013 comeza a se recuperar o cultivo do lúpulo na provincia da Coruña de xeito ecolóxico principalmente para fornecer á industria cervexeira galega. Agárdase superar as 30 hectáreas de cultivo.[5]

Ano Colleita (kg) Colleita (miles de ptas
1946 4340 163
1947 5300 212
1948 4580 206
1949 6130 321
1950 21778 1531,3
Ano Colleita (kg) Colleita (ptas
1970 86 294 10 600

Sinonimia

[editar | editar a fonte]
  • Humulus lupulus var. lupulus L.
  • Lupulus scandens Lam.
  1. Termo popular galego en Díaz Vizcaíno, Elvira; et al. (2004). Termos esenciais de botánica : [galego-español-inglés]. Universidade de Santiago de Compostela. Servizo de Publicacións e Intercambio Científico. ISBN 978-84-9750-377-8. 
  2. Maino [Marcelino Álvarez López], El cultivo del lúpulo en Galicia. In Anuario Brigantino, 1983, p. 101
  3. Maino [Marcelino Álvarez López], El cultivo del lúpulo en Galicia. In Anuario Brigantino, 1983, p. 102
  4. Maino [Marcelino Álvarez López], El cultivo del lúpulo en Galicia. In Anuario Brigantino, 1983, p. 103
  5. "Galicia recoge la primera cosecha de lúpulo ecológico". La Voz de Galicia (en castelán). 12 de setembro de 2013. Consultado o 23 de setembro de 2021. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]