Hijra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hijras en Islamabad.

Na cultura hindú, unha hijra ou kojja é un individuo dun terceiro sexo, intermedio entre o masculino e o feminino.

Características[editar | editar a fonte]

Hijras en Nova Delhi.

A meirande parte dos hijras son homes ou intersexuais, pero algunhas son mulleres. A falta dun censo oficial, as estimacións oscilan entre 50.000 e 5 millóns de hijras tan só na India. A pesar de que os occidentais se refiren a eles frecuentemente como eunucos, o certo é que poucos deles se someteron a algún tipo de modificación xenital.

A maioría dos hijras refírense a si mesmos en feminino e adoitan vestir como mulleres. Adoptan nomes de muller cando ingresan na súa comunidade e empregan entre eles apelativos familiares femininos, tales como irmá, tía ou avoa. Nalgunhas partes da India usan dentro do grupo unha linguaxe feminizada, con expresións e entoacións femininas. No transporte público utilizan os asentos reservados para mulleres.[1]

Orixe e ritos[editar | editar a fonte]

Os hijras adoran a deusa Bachuhara Mata. Posto que no hinduísmo non existe unha definición clara de sexos, varios dos seus deuses presentan características dun e outro sexo, o que dá pé á aceptación natural da existencia dun terceiro sexo.

A orixe divina dos hijras provén dunha lenda de hai máis de 20.000 anos, segundo a cal Krishna, ao sentir a un soldado moribundo que se lamentaba de morrer solteiro, se transformou en doncela. Por esta razón cada ano celébrase en Kutayan, ao sur da India, unha peregrinación á que acoden hijras de todo o país para celebraren as súas nupcias co deus. Para esta ocasión vístense con galas de noiva e, rememorando a morte do soldado, os hijras convértense en viúvas cortando as súas pulseiras e os seus adornos festivos.

Algúns hijras cástranse voluntariamente. Antes facíano en condicións de hixiene insuficientes, o cal provocaba a morte dun de cada dez. A pesar de que a lexislación india prohibe a castración desde 1860, nalgunhas clínicas aínda é común que se practique. Despois de ser castrado, o hijra cumpre cun último rito: verter leite nun regato como símbolo da perda da súa fertilidade. Os hindús cren que os hijras, ao renunciaren a ter fillos propios, teñen facultades para bendicir o maldicir. Por iso cando nace un neno, os hijras acoden a festexar o nacemento con cantos, bendicións e augurios de longa vida e prosperidade, así como para libralo do mal de ollo. A cambio reciben arroz, azucre e diñeiro. Se os hijras consideran que reciben pouca cantidade como esmola, o neno pode recibir maldicións como, por exemplo, a impotencia.[2]

Papel social[editar | editar a fonte]

Hijras en Nova Delhi.

A historia desta condición conta cunha longa tradición, tanto na cultura védica como nas cortes dos gobernantes islámicos do subcontinente. Durante o século XVI os hijras ocupaban empregos de toda condición ata postos de alto rango, como o de conselleiro de estado do emperador. Nesa época os hijras chegaban a posuír terras, pazos, templos e serventes e inspiraban fe e respecto.

Tras a ocupación británica da India promulgáronse leis homófobas que castigaban a homosexualidade e que marxinaron a esta poboación, que se ve obrigada a vivir da mendicidade e da prostitución. Máis recentemente relaxouse a persecución deste colectivo, chegando un hijra a ser elixido alcalde dunha vila da India. Porén, a discriminación segue sendo a constante.

A meirande parte dos hijras renuncian a levar unha vida sexual activa. Aqueles que se dedican á prostitución non consideran esta actividade como unha actividade sexual, senón como o seu traballo. Hai homes que deciden converterse en hijras por consideraren que "quedaron inservibles" despois de manteren relacións homosexuais mantendo un rol pasivo-penetrado.

Moitos hijras viven xuntos en casas que constitúen unidades de identificación física e social, e de filiación a unha liñaxe. Hai sete liñaxes hijra na India.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. ABELOVE, H.; BARALE, M.A.; HALPERIN, D.M. (1993). The Lesbian and gay studies reader. Routledge. ISBN 0-415-90519-2. (en inglés)
  2. S.C.M. DOÑA JUANA LA LOCA. www.enkidumagazine.com, ed. "Los Hijras". Arquivado dende o orixinal (Htm) o 03/03/2010. Consultado o 28/06/2010. (en castelán)
  3. REDDY, G. (2005). With respect to sex: negotiating hijra identity in South India. University of Chicago Press. ISBN 0-226-70756-3. (en inglés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]