Giuseppe Romagnoli
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 14 de decembro de 1872 Boloña, Italia |
Morte | 7 de marzo de 1966 (93 anos) Roma, Italia |
Actividade | |
Lugar de traballo | Roma |
Ocupación | escultor, medallista |
Período de actividade | (Con vida en: 1905 ) |
Membro de |
Giuseppe Romagnoli, nado en Boloña o 14 de decembro de 1872 e finado en Roma o 7 de marzo de 1966, foi un escultor, medallista e deseñador e gravador de moedas italiano.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Giuseppe Romagnoli naceu o 14 de decembro de 1872, fillo de Rita Mazzanti e de Alfonso Romagnoli, e foi inscrito no Rexistro Civil de Boloña cos nomes de Giuseppe Angelo Ferdinando.[2]
Cursou o seu ensino secundario na escola artística Venturoli, de Boloña, entre 1885 e 1892, onde tivo como mestres o pintor Luigi Serra e o decorador Alfredo Tartarini. O ano seguinte acadou a bolsa cuadrienal para artistas Angiolini, o que lle permitiu formarse en escultura na Academia de Belas Artes de Boloña, con Enrico Barberi.[2][3]
Carreira como escultor
[editar | editar a fonte]Logo da súa etapa formativa, na segunda metade da década de 1890 comezou unha intensa actividade creativa e foi asiduo participante en exposicións e certames convocados por diferentes entidades promotoras das belas artes, celebradas por toda Italia: Turín (1896-1898), Florencia (1896, 1898), Xénova (1897-1899), Venecia (1897,1899), Boloña (1898), Verona (1900), etc.[3] Nalgunhas delas seguiu participando con asiduidade, como é o caso da Exposición Internacional de Arte de Venecia, na que expuxo en doce ocasións ata 1932.[2]
En 1898 Romagnoli formou parte do grupo de fundadores da sociedade artística Aemilia ars,[2] unha entidade promovida por un grupo de nobres en torno ao arquitecto e restaurador Alfonso Rubbiani e o conde Francesco Cavazza, co obxectivo de promover a actividade manufactureira nas artes decorativas, inspirándose na experiencia inglesa do movemento Arts and Crafts de William Morris.[3]
Nos inicios do século XX trasladouse a Roma e mantivo a súa participación en exposicións, como a primeira Exposición Internacional de Arte Decorativa Moderna de Turín (1902), a Exposición Internacional de Arte de Venecia (1903), a Exposición Nacional de Belas Artes de Milán (1906), ao tempo que realizaba, entre outros traballos, mausoleos e monumentos funerarios en cemiterios que se consideran entre os mellores exemplos da escultura da Art Nouveau italiana e do chamado estilo floral.[2]
En 1908 recibiu unha das súas primeiras encargas romanas de prestixio, o baixorrelevo Gloria para o monumento a Vítor Manuel III, e o ano seguinte encomendóuselle o que se considera un dos seus traballos máis salientables, o gran conxunto monumental de travertino alegórico da liberdade Fedeltà allo Statuto ("Lealdade ao Estatuto") para a decoración da ponte de Vítor Manuel en Roma, cuxa creación rematou en 1911.[2][4]
Tamén en 1911, foi nomeado académico residente de mérito na clase de Escultura na Academia de San Lucas, de Roma. E no mesmo ano gañou o concurso convocado pola Unión Telegráfica Internacional para erguer un monumento en Berna co gallo do cincuentenario desa institución,[2] que foi concluído e inaugurado en 1922, na Helvetiaplatz da cidade suíza. Este feito proporcionoulle un gran recoñecemento internacional como artista.[5]
En 1930 participou na segunda Exposición do Sindicato Fascista de Belas Artes do Lacio e foi tamén como delegado da Academia de San Lucas á inauguración da American Academy of Arts and Letters en Nova York, e en 1937 participou na Exposición da Unión de Belas Artes do Lacio.[2]
En 1953 encomendóuselle a creación dunha estatua de la Inmaculada Concepción para a igrexa da Inmaculada Concepción de Raddusa, en Catania.[2]
Desde o seu ingreso en 1911, Romagnoli estivo sempre moi vinculado á Academia de San Lucas, de Roma, entidade na que ocupou os cargos de secretario (1924-1925) e presidente en dous períodos (1953-1954 e 1959-1961). En 1955 foi, ademais, un dos galardoados coa Orde Ecuestre dos Príncipes da Academia.[2]
Medallista e deseñador de moeda
[editar | editar a fonte]Ademais da súa actividade como escultor, Romagnoli foi un prolífico gravador de moedas e medallas. En 1909 foi nomeado ademais profesor de Modelaxe e primeiro director da Escola de Arte da Medalla, na Zecca dello Stato, de Roma, cargo que desempeñou durante máis de catro décadas, ata 1952.[6] Particularmente a partir da primeira guerra mundial, a súa actividade na Ceca de Roma, no ámbito da medalla e a moeda motivou un notable decrecemento da súa produción de escultura monumental, ata o punto de que en 1920 presentou unicamente obra medallística na XII Exposición de Arte de Venecia.[7]
Son particularmente relevantes as medallas de Romagioli dedicadas á conmemoración dos anos da era fascista, producidas entre 1922 e 1941, que representan acontecmentos mesturados con citas mussolinianas e imaxes icónicas da propaganda oficial. Entre outras creacións medallísticas de Romagnoli cabe salientar as seguintes:[2][8][9][10]
- Vittorio Puntoni (1911).
- Guerra pola Integridade da Patria (1915).
- Giulio Monteverde (1917).
- VI centenario de Dante Alighieri (1921).
- Cesión de Fiume ao Reino de Italia (1923).
- Milicia Voluntaria (1923).
- Enrico Silvani (1927).[11]
- Alegoría do traballo (1929).
- Matrimonio dos príncipes de Piemonte e Bélxica (1930).
- Bimilenario do nacemento de Virxilio (1930).
- Adolfo Venturi, historiador da arte (1931).
- Academia de San Lucas, de Roma (1934).
- Conquista de Etiopía (1937).
- Bimilenario de Augusto (1937).
- Atletas italianos (1949)
- Pier Renato Casorati (1966).
En 1919, Romagnoli recibiu da Zecca dello Stato a encarga da súa primeira moeda, unha peza de níquel de 50 centésimos a nome de Vítor Manuel III, o primeiro doutros deseños que completaron todos os valores faciais cuñados posteriormente a nome deste monarca.[7] Logo da segunda guerra mundial e coa instauración da república, Romagnoli foi novamente o encargado de crear a imaxe monetaria do novo réxime, cargada da simboloxía romana habitual da retórica fascista.[2] E superada a etapa fascista, tamén se encargou de crear algunhas das moedas da serie circulante da lira italiana que, desde os primeiros anos da década de 1950, se mantivo en produción e en circulación ata a substitución deste sistema polo do euro en 2002.[10][12][13]
Ademais das moedas italianas, Romagnoli ocupouse tamén do deseño e o gravado das series monetarias de Albania emitidas entre 1926 e 1941, durante as sucesivas etapas da república, a monarquía e o protectorado italiano, que tamén se emitían na Casa da Moeda de Roma.[14] E Igualmente, en 1950 encargouse da serie de moedas do somalo como unidade monetaria, emitidas pola ceca romana para Somalia durante o período de administración fiduciaria italiana deste territorio africano.[10][15]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]O 14 de decembro de 1912, o mesmo día en que facía os 40 anos, Romagnoli casou en Roma con Eva Roux.[2]
Giuseppe Romagnoli faleceu en Roma o 7 de marzo de 1966, aos 93 anos de idade.[2]
Escolma de moedas
[editar | editar a fonte]Monarquía
[editar | editar a fonte]República
[editar | editar a fonte]Albania
[editar | editar a fonte]-
10 qindar leku (1926).
-
Albania, 5 qindar leku (1926).
-
2 lek (1939).
-
1 lek (1927).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Romagnòli, Giusèppe". Sapere.it
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 Franco, F. (2017).
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Villani, R. M. (2013). Páxina 122.
- ↑ Villani, R. M. (2013). Páxina 124.
- ↑ Villani, R. M. (2013). Páxina 124-125.
- ↑ Villani, R. M. (2013). Páxinas 121, 124.
- ↑ 7,0 7,1 Villani, R. M. (2013). Páxina 132.
- ↑ Villani, R. M. (2013). Páxinas 126-140.
- ↑ Forrer, L. (1930).
- ↑ 10,0 10,1 10,2 "Giuseppe Romagnoli". En Numismatica-italiana. lamoneta.it
- ↑ "Romagnoli G. (1927), Medaglia di Enrico Silvani". Beweb. Beni storici e artistici (Beweb.chiesacattolica.it).
- ↑ Villani, R. M. (2013). Páxina 140.
- ↑ "Giuseppe Romagnoli - Italy". Numista.com
- ↑ "Giuseppe Romagnoli - Albania". Numista.com
- ↑ "Giuseppe Romagnoli - Italian Somaliland". Numista.com
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Giuseppe Romagnoli |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Forrer, L. (1930). "Romagnoli, Prof. Giuseppe". En Biographical dictionary of medallists. Supl. 5. Spink & Son., Londres. Páxina 170.
- Franco, F. (2017). "Romagnoli, Giuseppe". En Dizionario Biografico degli Italiani. Istituto dell'Enciclopedia Italiana. Volume 88.
- Villani, R. M. (2013). "Giuseppe Romagnoli, sculture e medaglie a confronto". En Bolletino di Numismatica. Istituto Poligrafico e Zecca dello Stato. Nº 60. Páxinas 121-144.