Gavial

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Gavial
Rango fósil: Late EocenoPresente
(desde hai 33,9 millóns de anos)
Gharial san diego.jpg
Estado de conservación
Crítico
Crítico[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Clase: Reptilia
Orde: Crocodilia
Familia: Gavialidae
Xénero: Gavialis
Especie: Gavialis gangeticus
(Gmelin, 1789)
Nome binomial
G. gangeticus
Área de distribución do gavial

Área de distribución do gavial

O gavial[2] (Gavialis gangeticus), ás veces chamado na literatura gavial do Ganxes ou indio, é unha especie de crocodiliano da familia Gavialidae, e única especie viva do seu xénero, nativa da parte norte do subcontinente indio.[3] A poboación silvestre global de gaviais estímase en tan só 235 individuos, que están ameazados pola perda dos hábitats de ribeira dos ríos, a diminución dos recursos de peixes e por quedar atrapados nas redes de pesca. Como a súa poboación diminuíu drasticamente nos últimos 70 anos, o gavial está hoxe considerado unha especie en perigo crítico na Lista vermella da IUCN.[1]

O gavial é un dos crocodilianos vivos máis longos, xa que chega a medir ata 6,25 m, aínda que este é o límite extremo superior, e un adulto medio adoita medir de 3,5 a 4,.5 m de lonxitude.[4] Ten 110 dentes afiados e interdixitados no seu longo fociño, e está ben adaptado para capturar peixes, que son a súa dieta principal.[5] O macho ten unha protuberancia distintiva ao final do morro, que lembra un pote de barro coñecido en hindi como ghara.[3]

Os gaviais antes habitaban en todos os sistemas fluviais principais do subcontinente Indio, desde o río Irawady ao leste ao río Indo ao oeste. As súas áreas de distribución están agora limitadas a só un 2% da súa área anterior. Habitan nos grandes ríos de ribeiras areosas que usan para tomar o sol e construír os niños. Xeralmente aparéanse na estación fría. As crías eclosionan antes do comezo do monzón.[5]

O gavial é un dos tres crocodilianos nativos da India; os outros dous son o crocodilo das marismas (Crocodylus palustris) e o crocodilo de auga salgada (Crocodylus porosus).[6]

Características[editar | editar a fonte]

Primeiro plano da protuberancia dun macho de gavial
Macho de garvial no Madras Crocodile Bank Trust
Esqueleto de gavial

O gavial caracterízase polas súas mandíbulas extremadamente longas e finas, que se considera son unha adaptación a unha dieta predominantemente piscívora. Os machos chegan aos 6 m de lonxitude cun peso medio duns 160 kg.[3]

Son de cor oliva claro ou escuro na parte superior con bandas transversais escuras e manchas na cabeza, corpo e cola. As superficies dorsais fanse máis escuras, case negras agrisadas, a aproximadamente os 20 anos de idade. As superficies ventrais son brancas amareladas.[7] Os xoves son de cor oliva clara, con manchas marróns escuras ou bandas transversais. O pescozo é alongado e groso. As cristas dorsais están máis ou menos restrinxidas ás rexións medias do dorso. Os dedos son extremadamente curtos e cunha ampla membrana interdixital. Os machos desenvolven unha protuberancia nasal oca no extremo do fociño cando chegan á madurez sexual.[8] Esta protuberancia semella un pote de barro local chamado 'ghara'.[3] Os gaviais son os únicos crocodilos existente cun dimorfismo sexual visible.[5] Aínda que a función desta protuberancia nasal non se coñece, aparentemente úsana como indicador visual do sexo, como resoandor de sons emitidos polo animal, ou para producir burbulleos ou outros comportamentos asociados co sexo.[9]

O tamaño medio dos gaviais maduros é de 3,5 a 4,5 m. O récord de lonxitude é de 6,25 m, e o peso maior rexistrado foi de 977 kg. As crías miden aproximadamente 37 cm.[4] Os gaviais poden chegar á lonxitude de 1 m en 18 meses.[10] O peso medio corporal está entre 159 e 250 kg. Os machos alcanzan comunmente unha lonxitude total de 3 a 5 m, mentres qie as femias son menores e miden de 2,7 a 3,75 m.[11]

A diminución actual do número de individuos está acompañada dunha diminución do seu tamaño. Os tres espécimes máis longos dos que se informou eran un individuo de 6,5 m matado en 1920 no río Gogra de Faizabad, outro de 6,3-m matado a tiros no río Cheko de Jalpaiguri en 1934, e un exemplar xigante de 7 m cazado no río Koshi no norte de Bihar en 1924. Aínda que os espécimes de máis de 6 m non eran raros no pasado, individuos dese tamaño xa non existen hoxe en día.[12]

O estreito e alongado fociño ten 110 dentes agudos e interdixitados, que se fan proporcionalmente máis curtos e grosos a medida que o animal se fai vello.[5] En cada lado ten de 27 a 29 dentes superiores e 25 our 26 inferiores. Estes dentes non encaixan en espazos interdentais; o primeiro, segundo e terceiro dentes mandibulares encaixan en amosegas da mandíbula superior. Os dentes da parte anterior son máis grandes. O fociño é estreito e longo, cunha dilatación no extremo dos ósos nasais, que son comparativamente curtos e están moi separados dos premaxilares. A abertura nasal do gavial é menor que a fosa supratemporal. A marxe antero-inferior da órbita (xugal) está elevada e a súa sínfise mandibular é extremadamente longa, estendéndose ao 23º e 24º dentes. Unha placa dorsal está formada por catro series lonxitudinais de escudos óseos xustapostos carenados. A lonxitue do fociño é de 3,5 (en adultos) a 5,5 veces (nos xoves) a anchura da base do fociño. Os escudos nucal e dorsal forman unha soa placa continua composta de 21 ou 22 series transversas. Os gaviais teñen unha ringleira externa de escamas lisas ou lixeiramente carenadas ademais de escudos dorsais óseos. Tamén teñen dous pequenos escudos pos-occipitais. As dedas exteriores teñen membrana interdixital ata os seus 2/3, mentres que o dedo medio só ata o seu primeiro terzo. Hai unha crista no bordo externo do antebrazo, perna e pé.[13]

A súa ben desenvolvida cola, que está aplanada lateralmente, e os pés posteriores palmados proporciónanlle unha gran manobrabilidade en hábitats de augas profundas. Porén, en terra, un gavial adulto só pode impulsarse cara adiante e deslizarse sobre o seu ventre. A cola comprimida lateralmente serve tanto para propulsarse coma para atacar as presas.[5]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Grupo de gaviais e un crocodilo das marismas no río Karnali do Parque Nacional de Bardia
Gavial na herba

O gavial antes prosperaba en todos os sistemas fluviais principais do subcontinente Indio, e podía encontrarse nos ríos da parte setentrional desde o río Indo en Paquistán pasando polo Ganxes e a súa cunca ata o Irawady en Myanmar. Hoxe, está extinto no Indo, no Brahmaputra de Bután e Bangladesh e no Irawady. A súa distribución está agora limitada a só o 2% da área que ocupaba outrora.[5]

O gavial é simpátrico co crocodilo das marismas (Crocodylus palustris) e anteriormente o era co crocodilo de auga salgada (Crocodylus porosus) no delta do Irawady.[19] En 1977, atopáronse catro niños de gavial no río Girwa do Santuario de Vida Silvestre de Katarniaghat, onde se liberaran 909 gaviais ata 2006. En 2006 xa se atoparan 20 niños, polo que hai 16 femias nidificadoras como resultado de 30 anos de reintroducións, o cal é o equivalente ao 2% do total de liberacións previas a 2006. Aparentemente, este non é un gran resultado para o diñeiro e o esforzo considerable dedicado, e como suxeriron vaios investigadores, quizais se alcanzase alí xa a capacidade de carga. En 1978, rexistráronse 12 niños no río Chambal no Santuario Nacional de Chambal, no que foran liberados 3 776 gaviais ata 2006. En 2006, a nidificación incrementárase nun 500% chegando aos 68 niños, pero as femias maduras reprodutoras recrutadas constituían só o 2% da cifra total liberada. As crías que eclosionan son especialmente proclives a ser arrastradas pola corrente río abaixo fóra das áreas protexidas durante as inundacións monzónicas anuais.[1]

Ecoloxía e comportamento[editar | editar a fonte]

Gavial no Parque Zoolóxico Indira Gandhi, Visakhapatnam

O gavial pode considerarse o máis acuático de todos os crocodilianos existentes. Os adultos aparentemente non teñen a capacidade e camiñar nunha posición semiergueita, como a do "paso alto" doutros crocodilianos, e só avanzan en terra mediante un movemento de "escorregamento" cara adiante.[20] Xeralmente habita en ríos de augas fluentes con pozas profundas que teñen altas ribeiras areosas e unha boa poboación de peixes. As femias utilizan os bancos areosos expostos para nidificar.[10]

Toma de sol[editar | editar a fonte]

Como outros crocodilianos, o gavial é ectotermo e toma o sol para quecer e métese na auga para refrescarse.[11] Malia a súa capacidade limitada de locomoción terrestre, toma o sol diariamente nos bancos areosos expostos ao sol, raramente sobre rochas, excepto cando chove. Nalgunhas zonas da súa área de distribución a especie toma o sol máis tempo que o Crocodylus palustris.[21] Aínda que os gaviais a miúdo toman o sol en grupos, cada individuo ten un lugar preferido que defende.[11] Durante a estación fría toman o sol todo o día cando a temperatura do aire é normalmente duns 18 °C e a da auga de 17 °C. Durante a estación cálida toman menos o sol e evitan facelo a mediodía cando a temperatura do aire é de 35 °C e a da auga duns 25 °C.[21]

Ecoloxía de alimentación[editar | editar a fonte]

Os seus fociños estreitos e alongados reducen a resistencia da auga ao nadar cando cazan peixes, e os seus dentes moi agudos interdixitados están ben adaptados para capturalos.[5] Os gaviais novos comen insectos, cágados, pequenos peixes e ras. Os adultos aliméntanse de peixes e de pequenos crustáceos. As súas mandíbulas son demasiado delgadas e delicadas para atrapar grandes presas, especialmente persoas, polo que non son perigosos. Capturan peixes esperando a que os peixes pasen nadando, e cóllenos rapidamente cun rápido movemento lateral da cabeza agarrándoos coa boca. Dirixen os peixes cara ás beiras do ríos cos seus corpos, e atordan os peixes usando os golpes secos creados ao pechar a mandíbula baixo a auga. Non mastigan as presas, senón que as tragan enteiras.[11]

Os gaviais novos aliméntanse e agóchanse en augas pouco profundas. Cando se incrementa o seu tamaño, aliméntanse en augas máis fondas. Os gaviais de 120 cm prefiren augas de 1 a 3 m de profundidade, os que medraron ata os 180 cm cazan e agóchanse en augas de 2 a 3 m de profundidade. Os gaviais adultos prefiren profundidades de máis de 4 m.[22]

Os gaviais non comen nin matan seres humanos.[11] As xoias que se conta que se encontraron nos seus estómagos poden ser a causa do mito de que os gaviais son comedores de persoas. É posible que tragasen esas xoias para usalas como gastrólitos para axudar á dixestión ou ao control da flotabilidade.[10]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Os machos maduran aos 13 anos aproximadamente. Neste momento empézalles a crecer a protuberancia dos seus fociños. Buscan compañeira facendo bufidos e rumbando cando están patrullando os seus territorios. Son agresivos para formar un harén e defendelo doutros machos no seu territorio. As femias comunican a súa boa disposición para o apareamento elevando os seus fociños. Durante o cortexo, os machos e as femias seguen á posible parella ata que encontran unha parella axeitada. O cortexo tamén inclúe fretarse a cabeza e fociño e montarse enriba tanto os machos coma as femias.[11]

Os gaviais xeralmente aparéanse en decembro e xaneiro.[5] Durante a estación seca en marzo e abril, as femias escavan niños na area das ribeiras ou bancos de limo, a unha distancia de 1 a 5 m da auga. Escavan profundos buratos de 50 a 60 cm de profundidade usando as patas traseiras, e poñen de 20 a 95 ovos.[10] Os ovos son uns dos máis grandes de todas as especies de crocodilianos e pesan como media 160 g.[5] Despois de 71 a 93 días de incubación, eclosionan as crías en xullo, xusto antes do comezo da estación chuviosa monzónica. O sexo das crías está determinado pola temperatura de incubación, como é habitual nos crocodilianos.[10] As femias desenterran as crías no niño en resposta ao píos que estes fan cando van eclosionar, pero non lles axudan a chegar á auga, aínda que si os vixían durante algún tempo.[5]

Ameazas[editar | editar a fonte]

Estímase que a poboación de gaviais descendeu desde os 5 000 a 10 000 individuos que había en 1946 a tan só 235 individuos en 2006, un declive do 96–98% en tres xeracións. Os animais foron matados polos pescadores, pola sobrecaza para obter a súa pel, trofeos e medicina indíxena e os seus ovos eran recollidos para comelos. Hoxe, os restantes individuos constitúen varias subpoboacións fragmentadas. A caza xa non se considera unha ameaza significativa. Porén, as poboacións silvestres de gavial descenderon nun 58% entre 1997 e 2006 porque:[1]

  • a pesca e o uso de redes de enmalle se incrementou na maioría dos hábitats actuais do gavial, incluso en áreas protexidas;
  • o hábitat de ribeira dos ríos diminuíu pola construción de encoros, canais de irrigación e diques artificiais; a colmatación por limos e a extracción de area cambiou o curso dos ríos; a terra utilízase para a agricultura nas ribeiras dos ríos e para o pasto de gando.

En decembro de 2007, encontráronse varios gaviais mortos no río Chambal. Inicialmente, sospeitouse que os pescadores estiveran capturando ilegalmente peixes con redes nas cales quedaron atrapados os gaviais e afogaron. Posteriormente as probas patolóxicas de mostras de tecidos deses animais revelaron que tiñan altos niveis de metais pesados como chumbo e cadmio, que xunto coas úlceras de estómago e os protozoos parasitos atopados na maioría das necropsias se cre que foron a causa das mortes, o cal indica que a contaminación das augas é outro factor que ameaza o gavial.[23]

Conservación[editar | editar a fonte]

Gavial

O gavial está na lista do Apéndice I de CITES.[1]

En 1976, ante o declive da pobaoción de gaviais do 96% desde a década de 1940, o goberno da India acordou protexer a especie baixo a Lei de Protección da Vida Silvestre de 1972.[5]

En 1997, a poboación total estimada era de 436 adultos e descendeu a 182 en 2006. Este drástico declive ocorreu en só 9 anos, no decurso dunha xeración, polo que a IUCN clasificou o gavial como en perigo crítico.[1] As estimacións feitas en 2007 indicaron que só quedaban de 200 a 300 adultos reprodutores desta especie no mundo.[24]

Iniciativas in situ[editar | editar a fonte]

Gavial e tartarugas

Leváronse a cabo programas de conservación na India e Nepal, baseados no establecemento de áreas protexidas e repoboación con animais nacidos en catividade. Liberáronse gaviais xuvenís en hábitats bastante pouco hospitalarios de ríos da India e Nepal e foron abandonados á súa sorte. A reintrodución non funcionou moi ben, principalmente debido á crecente e incontrolada presión antropoxénica, incluíndo a diminución dos recursos piscícolas. A monitorización das reintroducións non foi levada a cabo consistemente, e fíxose pouca investigación sobre adaptación, migración e outros aspectos clave.[1]

O Proxecto Crocodilo empezou en 1975 baixo os auspicios do goberno da India coa axuda do Fondo para o Desenvolvemento das Nacións Unidas e a FAO. O proxecto comprendía un intenso programa de crianza en catividade para repoboar os hábitats con baixo número de gaviais. Houbo unha gran escaseza de ovos de gavial que foi solucionada coa compra de ovos en Nepal. Un macho de gavial tróuxose en avión desde o Zoo de Frankfurt para que fose un dos animais fundadores do programa de crianza. Establecéronse na India entre 1975 e 1982 dezaseis centros de rehabilitación de crocodilos e cinco santuarios de crocodilos incluíndo o Santruario Nacional de Chambal e o Santuario de Vida Silvestre de Katerniaghat. En 2004, recolléronse 12 000 ovos de gavial da natureza e dos niños da reprodución en catividade, e criáronse uns 5 000 gaviais ata qe medraron ata un metro ou máis de lonxitude e foron liberados na natureza. Pero en 1991, retirouse o financiamento para estes programas. En 1997–1998, uns 1 200 gaviais e uns 75 niños foron situados no Santuario Nacional de Chambal, pero non se realizaron avaliacións entre 1999 e 2003.[5]

En decembro de 2010, o entón ministro indio de Medio ambiente e bosques, Jairam Ramesh, visitou o Banco de crocodilos de Madrás xunto con Romulus Whitaker, e anunciou a formación dun Comité de coordinación e xestión do santuario de Chambal triestatal para a conservación do gavial en 1 60 km2 do Santuario Nacional de Chambal ao longo do río Chambal en Madhya Pradesh, Raxastán e Uttar Pradesh. O comité tiña representantes federais, estatais, e de diversas organizacións e fondos conservacionistas. O comité ten como misión planear estratexias para a protección destes animais e do seu hábitat, incluíndo a investigación sobre a ecoloxía do gavial e a avaliación socioeconómica das comunidades dependentes da agricultura de ribeira, baseadas nun esquema de ‘desenvolvemento integrado de hábitats da vida silvestre’, cun financiamento anual de 50 a 80 millóns de rupias (de 1 a 1,7 millóns de dólares) durante cinco anos.[25][26]

En catividade[editar | editar a fonte]

Dous gaviais no Zoo de San Antonio, Estados Unidos
Gaviais novos no Bosque da Reseva de Kukrail, India

Os gaviais críanse en catividade no Santuario Nacional de Chambal en Uttar Pradesh, e no Centro de Crianza do Gavial no Parque Nacional de Chitwan en Nepal, onde xeralmente se deixan eclosionar os ovos e críanse os gaviais ata que teñen dous ou tres anos e un metro de lonxitude, e despois son liberados.[1]

En India, tamén se teñen gaviais no Madras Crocodile Bank Trust, no Parque Zoolóxico Indira Gandhi, no Parque Biolóxico Jawaharlal Nehru en Bokaro Steel City, no Zoo de Bannerghatta de Bangalore, no Zoo de Junagadh, no Zoo de ChattBir en Chandigarh e no Parque Biolóxico de Itanagar. Os Xardíns Zoolóxicos Nacionais de Sri Lanka e o Zoo de Singapur teñen unha parella reprodutora. O Zoo de Nogeyama xaponés ten dúas femias. En Europa, hai individuos no Zoo de Praga e no Krokozoo na República Checa, no Zoo de Berlín en Alemaña, e no Zoo do Crocodilo en Dinamarca.[27] La Ferme aux Crocodiles de Francia recibiu seis individuos novos en 2000 do Centro de Crianza do Gavial de Nepal.[28] Nos Estados Unidos hai gaviais nos Zoo de Honolulu, no Zoo Metroparks de Cleveland, noa zoos de Fort Worth e San Diego, no Parque Zoolóxico Nacional, no Acuario e Zoo de San Antonio e no Parque Zoolóxico da Granxa de Aligátores de St. Augustine.[29] Tamén teñen parellas reprodutoras de gaviais o Zoo de Lahore de Paquistán[30] e o Bosque da Reserva de Kukrail preto de Lucknow.[31]

Evolución[editar | editar a fonte]

Os primeiros gaviais que apareceron poden estar directamente relacionados cos tipos modernos. Algúns extinguíronse ao mesmo tempo que os dinosauros ao final do Cretáceo, outros sobreviviron ata o Eoceno inicial. As formas modernas apareceron ao mesmo tempo, evolucionando en estuarios e augas costeiras de África, e cruzando o Atláantico e chegaron a Suramérica. O descubrimento de fósiles do gavial de Puerto Rico Aktiogavialis puertorisensis nunha cova, suxiren que o Caribe seviu como enlace entre os dous continentes.[32][33] Os fósiles e as análises moleculares indican unha relación entre Gavialis e Tomistoma (ver taxonomía).[34]

Os gaviais durante a súa evolución sacrificaron a forza mecánica das mandíbulas (como a dos crocodilos e aligátores) en favor doutras características máis apropiadas para capturar peixes, polo que non poden cazar animais grandes. No Plioceno os Gavialoidea eran numerosos e diversos e vivían en gran parte de Asia e América. Unha especie, Rhamphosuchus crassidens da India, era enorme e crese que medraba ata os 15 metros ou máis.[35]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

O gavial e os seus parentes extintos son agrupados polos taxónomos de diferentes maneiras:

  • Os paleontólogos tenden a falar dunha liñaxe ampla de animais de tipo gavial á que chaman Gavialoidea.
  • Se os tres grupos superviventes de crocodilianos se consideran familias separadas, entón o gavial é un dos membros dos Gavialidae, que están relacionados coas familias Crocodylidae (crocodilos) e Alligatoridae (aligátores e caimáns).
  • Alternativamente, os tres grupos poden clasificarse todos xuntos na mesma familia chamada Crocodylidae, pero distribuídos nas subfamilias Gavialinae, Crocodylinae e Alligatorinae.

Segundo os estudos de xenética moleclar o gavial e o falso gavial (Tomistoma) son parentes próximos, o que apoiaría clasificalos na mesma familia.[36] Ademais, os estudos moleculares de forma constante e inquívoca mostran que os Gavialidae son un grupo irmán dos Crocodylidae coa exclusión dos Alligatoridae, constituíndo os grupos Brevirostres (parafilético) e Gavialoidea (quizais polifilético). Para o clado que inclúe os crocodilos e gaviais suxeriuse o nome Longirostres.[37][38][39]

Clasificación paleontolóxica[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 "Gavialis gangeticus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2015.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2007. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para gavial.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Stevenson, C. and Whitaker, R. (2010). Gharial Gavialis gangeticus pp. 139–143 in: Manolis, S. C. and C. Stevenson. (eds.) Crocodiles. Status Survey and Conservation Action Plan. Third Edition. Crocodile Specialist Group, Darwin.
  4. 4,0 4,1 4,2 Maskey, T. M., Percival, H.F. (1994). Status and Conservation of Gharial in Nepal. Presented at the 12th Working Meeting of the Crocodile Specialist Group, Thailand.
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 5,11 Whitaker, R.; Members of the Gharial Multi-Task Force; Madras Crocodile Bank (2007). "The Gharial: Going Extinct Again" (PDF). Iguana 14 (1): 24–33. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de xullo de 2011. Consultado o 26 de xullo de 2017. 
  6. Choudhury, B.C. (ed.) (2006). West Asia Regional Report Arquivado 26 de xuño de 2013 en Wayback Machine.. Crocodile Specialist Group Steering Committee Meeting, 19 June 2006.
  7. Rare Animals of India. 2013-01-01. doi:10.2174/97816080548551130101. 
  8. Brazaitis, P. (2001). A Guide to the Identification of the Living Species of Crocodilians. Science Resource Center, Wildlife Conservation Society
  9. Martin, B. G. H.; Bellairs, A. D’A. (1977). "The narial excrescence and pterygoid bulla of the gharial, Gavialis gangeticus (Crocodilia)". Journal of Zoology 182 (4): 541–558. doi:10.1111/j.1469-7998.1977.tb04169.x. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Whitaker, R.; D. Basu (1983). "The Gharial (Gavialis gangeticus): A review". Journal of the Bombay Natural History Society 79: 531–548. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 GCA (2009). Gharial biology. Gharial Conservation Alliance
  12. Wood, G. L. (ed.) (1983). The Guinness Book of Animal Facts and Feats. Sterling Pub. Co Inc. ISBN 978-0-85112-235-9
  13. Boulenger, G. A. (1890). The Fauna of British India, including Ceylon and Burma. Reptilia and Batrachia. London: Taylor and Francis.
  14. Priol, P. (2003). Gharial field study report. Kathmandu: A report submitted to Department of National Parks and Wildlife Conservation. 
  15. Ballouard, J.M., Priol, P., Oison, J., Ciliberti, A. and Cadi, A. (2010). "Does reintroduction stabilize the population of the critically endangered gharial (Gavialis gangeticus, Gavialidae) in Chitwan National Park, Nepal?" (PDF). Aquatic Conservation: Marine and Freshwater Ecosystems 20 (7): 756–761. 
  16. Bustard, H.R. (1983). "Movement of wild Gharial, Gavialis gangeticus (Gmelin) in the River Mahanadi, Orissa (India)". British Journal of Herpetology 6: 287–291. 
  17. Chowfin, S. (2010). "Crocodilian and freshwater research and conservation project, Uttarakhand, India" (PDF). Crocodile Specialist Group Newsletter 29 (3): 19. 
  18. Choudhary, S. K. (2010). Multi-species Survey in River Gandak, Bihar with focus on Gharial and Ganges River Dolphin. Bhagalpur: T. M. Bhagalpur University. 
  19. Rao, R.J.; Choudhury, B.C. (1990). "Sympatric distribution of Gharial Gavialis gangeticus and Mugger Crocodylus palustris in India". Journal of the Bombay Natural History Society 89: 313–314. 
  20. Nawab, A.; Basu, D. J.; Yadav, S. K.; Gautam, P. (2013). Sharma, B. K.; Kulshreshtha, S.; Rahmani, A. R., eds. Impact of Mass Mortality of Gharial Gavialis gangeticus (Gmelin, 1789) on its Conservation in the Chambal River in Rajasthan. Springer International Publishing. pp. 221–229. ISBN 978-3-319-01344-2. doi:10.1007/978-3-319-01345-9_9. 
  21. 21,0 21,1 Shrestha, T. K. (2001). Herpetology of Nepal: A study of amphibians and reptiles of Trans-Himalayan Region of Nepal, India, Pakistan and Bhutan. p. 120. ISBN 978-9993351931. 
  22. Hussain, S. A. (2009). "Basking site and water depth selection by gharial Gavialis gangeticus Gmelin 1789 (Crocodylia, Reptilia) in National Chambal Sanctuary, India and its implication for river conservation". Aquatic Conservation: Marine and Freshwater Ecosystems 19 (2): 127–133. doi:10.1002/aqc.960. 
  23. Whitaker, R., Basu, D. and Huchzermeyer, F. (2008). Update on gharial mass mortality in National Chambal Sanctuary. Crocodile Specialist Group Newsletter 27 (1): 4–8.
  24. Gharial Conservation Alliance (2008). Mass Gharial Deaths in Chambal. International Reptile Conservation Foundation, San Jose.
  25. Mallapur, G. (2010). "Gharial Conservation gets a leg-up!". The Madras Crocodile Bank Trust and Center for Herpetology. Arquivado dende o orixinal o 19 de novembro de 2012. Consultado o 26 de xullo de 2017. 
  26. Oppilli, P. (2010). "A sanctuary coming up for ghariyals". The Hindu. Consultado o 2010-12-27. 
  27. Zootierliste: Gharial. Retrieved 23 de abril 2017.
  28. Fougeirol, L. (2009). "Le gavial du Gange, un rêve Arquivado 06 de febreiro de 2011 en Wayback Machine.. www.luc-fougeirol.com
  29. International Species Information System (2011). ISIS Species Holdings: Gavialis gangeticus. Retrieved 24 de xaneiro de 2012.
  30. Lahore Zoo
  31. Kukrail Reserve Forest
  32. Vélez-Juarbe, J.; Brochu, C. A.; H. Santos (2007). "A gharial from the Oligocene of Puerto Rico: transoceanic dispersal in the history of a non-marine reptile". Proceedings of the Royal Society (The Royal Society) 274 (1615): 1245–54. PMC 2176176. PMID 17341454. doi:10.1098/rspb.2006.0455. 
  33. "Crocodiles Swam Atlantic?". ABC: KCRG-TV9. 2007. Arquivado dende o orixinal o 15 de maio de 2013. Consultado o 2012-07-02. 
  34. Brochu, C. A. (1997). "Morphology, fossils, divergence timing, and the phylogenetic relationships of Gavialis". Systematic Biology 46 (3): 479–522. PMID 11975331. doi:10.1093/sysbio/46.3.479. 
  35. Animales prehistóricos
  36. Janke, A.; Gullberg, A.; Hughes, S.; Aggarwal, R. K.; Arnason, U. (2005). "Mitogenomic analyses place the gharial (Gavialis gangeticus) on the crocodile tree and provide pre-K/T divergence times for most crocodilians". Journal of Molecular Evolution 61 (5): 620–626. PMID 16211427. doi:10.1007/s00239-004-0336-9. 
  37. Harshman, J; Huddleston, C. J.; Bollback, J. P.; Parsons, T. J.; Braun, M. J. (2003). "True and false gharials: A nuclear gene phylogeny of crocodylia" (PDF). Systematic Biology 52 (3): 386–402. PMID 12775527. doi:10.1080/10635150309323. 
  38. Brochu, C. A. (2003). "Phylogenetic approaches toward crocodylian history" (PDF). Annual Review of Earth and Planetary Sciences 31: 357–397. doi:10.1146/annurev.earth.31.100901.141308. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de maio de 2013. Consultado o 26 de xullo de 2017. 
  39. Gatesy, J.; Amato, G. (2008). "The rapid accumulation of consistent molecular support for intergeneric crocodylian relationships". Molecular Phylogenetics and Evolution 48: 1232–1237. PMID 18372192. doi:10.1016/j.ympev.2008.02.009. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]