Saltar ao contido

Gallia Narbonensis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Galia Narbonense»)
Modelo:Xeografía políticaGallia Narbonensis
Imaxe

EpónimoNarbo Martius Editar o valor en Wikidata
Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 44°N 4°L / 44, 4
CapitalNarbo Martius Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Bañado porMar Mediterráneo Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Creacióndécada de 120 a. C. Editar o valor en Wikidata
DisoluciónPrimeiro cuarto século IV Editar o valor en Wikidata
Sucedido porNarbonensis I (en) Traducir, Narbonensis II (en) Traducir e Viennensis (en) Traducir Editar o valor en Wikidata

A Galia Narbonense (orixinalmente en latín: Gallia Narbonnensis ) era unha provincia do Imperio Romano creada a partir da primeira colonia fundada no 118 a. C. polos romanos no litoral mediterráneo da Galia, actual Francia.[1]

Esta colonia primitiva, Narbo (Narbona), situada nas beiras do río Aude, daralle máis tarde o seu nome a toda a provincia romana que se estrutura ao seu redor. Os romanos déronlle o nome de Narbo Martius, xa que estaba dedicada a Marte, deus romano da guerra, sendo a primeira cidade romana fóra da Península Itálica.[2] Outra cidade importante da Galia Narbonense, Aquae Sextiae (Aix-en-Provence), foi fundada na mesma época (122 a. C.).[3] Os vinculos desta provincia con Roma foron tan fortes que os romanos a miúdo se referían con Provincia só a esta rexión. Esta denominación deu lugar ao actual nome da Provenza (Provence, en francés).[4]

Roma ocupa a Galia Narbonense mediante varias campañas militares, entre 125 e 121 a. C., co obxectivo de crear unha ligazón terrestre entre a Hispania e a Galia Cisalpina.[5] A colonia grega de Massilia (Marsella) e a súa comarca constitúen un enclave territorial especial no seo da Narbonnensis, até a súa integración definitiva nela decretada por Xulio César. Esta medida foi tomada como castigo á cidade de Marsella, que apoiara a Pompeio na súa guerra contra César. Este, procónsul da Galia narbonesa do 58 ao 49 a. C., estabeleceu alí a súa base para a conquista da Galia.

Durante o Imperio, sobre todo a partir do principado de Octavio Augusto, Narbona pasará a ser unha cidade importante. Co obxectivo de estabelecer un censo dos galos e de organizar o seu territorio, Augusto estabelécese en Narbona. No 22 a. C., a Galia Narbonense pasa a ser unha provincia senatorial, isto é, situada baixo a autoridade do Senado romano. O territorio da provincia foi dividido en 22 civitates, unidades administrativas intraprovinciais de diferente tamaño e creadas sobre as divisións territoriais indíxenas.

Narbona convértese nun dos grandes portos comerciais do Mediterráneo, no cruzamento de dúas grandes vías romanas: a Via Domitia (construída no -120 para unir Italia con Hispania a través da Galia Narbonense) e a Via Aquitana (ligazón da costa mediterránea coa atlántica a través de Tolosa, e que ía de Narbona a Bordeos). A bisbarra de Narbona estaba composta de grandes explotacións agrícolas nas que se producían trigo, aceite e diferentes viños, xa famosos naquela altura. O período de esplendor de Narbona e a súa provincia prolóngase durante os dous primeiros séculos da nosa era. Un texto de Plinio o Vello describe a Galia Narbonense dándonos unha boa idea de como percibían os romanos esta provincia no século I :

Chámase Provincia Narbonesa á parte das Galias situada no litoral mediterráneo. Noutrora chamada Bracata, limita con Italia no río Var e nas montañas dos Alpes, a muralla natural máis segura do Imperio Romano. Máis para o norte, encóntrase separada do resto da Galia polas montañas do Cebenna e do Xura. A provincia narbonesa non se debe considerar a última das provincias debido á calidade dos seus cultivos, a respectabilidade dos seus habitantes e das súas tradicións, e a abundancia de recursos. En definitiva, a Narbonesa parécese máis a Italia que unha simple provincia.[6]

No século IV, durante a tetrarquía, a Galia Narbonense dividiuse en tres provincias vinculadas á Prefectura das Galias:

  • A Narbonense Primeira, que integraba as terras ao oeste do Ródano, limitando polo oeste coas tres Aquitanias e ao sur coa Hispania. A súa capital era Narbona e os seus principais pobos os Tectosages, Arecomici, Sardones, Tolosates, Atacini, Helvii e Umbranici.
  • A Narbonesa Segunda, que se corresponde cunha parte da actual Provenza e do Delfinado. Limitaba ao oeste coa Narbonesa Viennensis e ao leste coa provincia dos Alpes Marítimos. Os seus principais pobos eran os Albioeci, Commoni e Salyes. A capital encontrábase en Aix-en-Provence.

Durante as grandes invasións do século V, a Narbonense Primeira foi ocupada en 406 polos visigodos, mentres que a Segunda e a Viennensis mantivéronse vinculadas a Roma até o 476, cando foron anexionadas ao reino dos ostrogodos e dos burgundios respectivamente.

Notas

  1. "ÉPUISÉ - Gallia Narbonnensis. Southern France in Roman Times, 1988, nbr. ill., rel. -". librairie-archeologique.com. 
  2. "Narbona, la cita obligada - Côte du Midi (Costa del Midi)" (en castelán). 2022-12-05. Consultado o 2024-06-20. 
  3. Carney, Thomas F. (1961). A Biography of C. Marius: An Inaugural Lecture Given in the University College of Rhodesia and Nyasaland (en inglés). African Classical Associations. 
  4. "PROVENZAL". Etimologías de Chile - Diccionario que explica el origen de las palabras (en castelán). Consultado o 2024-06-20. 
  5. "Rome's Cimbric Wars (114-101 BC) and their impact on the Iberian Peninsula". Sabinet. African Journals. journals.co.za; Acta Classica : Proceedings of the Classical Association of South AfricaVol. 48, No. 1. Consultado o 20 de xuño de 2024. 
  6. " Narbonensis provincia appellatur pars Galliarum quae interno mari adluitur, Bracata antea dicta, amne Varo ab Italia discreta Alpiumque vel saluberrimis Romano imperio iugis, a reliqua vero Gallia latere septentrionali montibus Cebenna et Iuribus, agrorum cultu, virorum morumque dignatione, amplitudine opum nulli provinciarum postferenda breviterque Italia verius quam provincia ".

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]