Escudo francés

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Escudo francés de ouro de Luís IX (1226-1270).

Escudo francés (en francés: écu) é a denominación de varias moedas francesas, a primeira delas cuñada en ouro (écu d'or) por primeira vez en 1266, durante o reinado de Luís IX (1266-1270) e cuxo valor foi variando considerablemente ao longo dos séculos.[1][2][3][4][5]

En 1641 Luís XIII (1610-1646) introduciu o escudo de prata (écu d'argent).[1][2][3][4]

Historia[editar | editar a fonte]

Orixe[editar | editar a fonte]

Cando Luís IX accedeu ao trono, Francia tiña aínda en uso os pequenos diñeiros de billón que estaban en circulación desde tempos de Carlomagno (771-814), xunto con algunhas pequenas moedas de prata e ouro. Coa intención de pór orde no sistema, en 1262 emprendeu unha reforma monetaria que unificaba as diversas emisións que tiñan lugar no reino e que afirmaba a supremacía da libra tornesa sobre a de París, ao estender o uso da primeira a todo o territorio. A libra tornesa valía daquela 20 soldos (sous ou gros tournois) de 4,2199 gramos de prata de 958 milésimas.[6] A partir desta reforma naceu o escudo de ouro (écu d'or), cun peso medio de 4,04 gramos, o que supón a primeira emisión real neste metal despois de 250 anos.[7]

Ao longo dos anos, os reis franceses fóranse rodeando de numerosos nobres e bispos con dereito de cuñaren moedas de tipo "feudal", en competencia coas moedas "reais". Venecia e Florencia xa demostraran que existía no mercado unha demanda de moedas de ouro meirandes e, en 1266, Luís IX logrou tirar vantaxe para as cuñaxes reais ocupando ese baleiro no sistema monetario coa creación da nova moeda e limitando o uso das moedas feudais ao territorio en que se emitían.[8] O seu écu d'or amosaba un escudo (que lle dá o nome) sementado de flores de lis, que era o propio dos reis de Francia do momento.[4] Naquela época, a moeda de ouro valorábase soamente dez veces por riba da de prata, unha relación que non se correspondía coa realidade. En consecuencia, as moedas de prata de Luís IX supuxeron un grande éxito, en tanto que as de ouro non gozaron do mesmo acollemento, polo que o seu sucesor, Filipe III ( 1270-1285), acabou por cesar a súa cuñaxe.[9]

Escudo de ouro (écu d'or)[editar | editar a fonte]

Escudo à la chaise de Filipe VI (1328-1350).[10]

Filipe IV (1285-1314) reintroduciu a moeda de ouro en Francia en 1296, e con ela uns deseños que se consideraron extravagantes e que ían cambiando ao pouco tempo. O que máis chama a atención é o anovador dos seus anversos; por exemplo, o coñecido como écu à la chaise ("escudo da cadeira") que Filipe VI (1328-1350) introduciu en 1337 amosaba un escudo coas armas dos reis de Francia ao lado dunha figura do rei sedente. Filipe VI utilizou grandes cantidades destas moedas apoiando economicamente os seus aliados nos Países Baixos ao comezo da Guerra dos Cen Anos, a partir do cal a moeda foi moi imitada naquela rexión.[11]

Escudo à la couroune de Carlos VI (1380-1422).[12]

Co seu écu à la couronne ou "escudo da coroa" (caracterizado pola aparición dunha coroa real sobre un escudo de armas actualizado, con só tres flores de lis), Carlos VI (1380-1422) acabou en 1385 coa práctica de cambiar adoito os motivos dos anversos dos escudos, aínda que non a de alterar o seu peso e o seu valor. O seu pai, Carlos V (1364-1380) acadara importantes vitorias sobre os ingleses, aínda que os seus fillos herdaron os custos destas campañas. Así foi que Carlos VI abandonou a sólida política monetaria do seu pai e substituíu o franc à cheval daquel polo novo écu à la couronne, cun peso inferior e cun valor incrementado nunha libra.[13]

Escudo au soleil de Luís XII (1498-1515).[14]

En 1475, Luís XI (1461-1483) creou unha variante do écu à la couronne coñecida como écu au soleil ("escudo do sol"), dado que incorporaba un pequeno sol sobre a coroa do escudo de armas. Con ela, o proceso de desvalorización continuou. En 1515 o écu au soleil estaba valorado en 36¾ soldos (sous) e en 1547 pasou a 45 soldos, malia o seu peso e a súa pureza teren diminuído en 1519.[15]

En 1577, Henrique III (1574-1589) acordou estabilizar o escudo de ouro en tres libras tornesas e adoptar un novo sistema monetario con prezos cotizados en escudos. Como parte deste sistema, introduciu moedas dun cuarto e dun oitavo de escudo, cuñadas en prata, cunha tipoloxía moi semellante á das moedas de ouro, coas armas reais no anverso e unha cruz no reverso. Por primeira vez na numismática francesa, estas moedas tiñan unha marca de valor: un IIII ou un VIII colocados a ambos os lados do escudo.[16][17] As moedas reais cuñadas polas casas da moeda de Navarra e do Bearne engadiron a heráldica local á flor de lis de Francia. Pola súa banda, as cecas feudais de Bouillon e Sedan, Château-Renaud e Rethel tamén bateron cuartos de escudo coas súas propias armas, en substitución das reais.[18]

No relativo aos deseños, os escudos de ouro emitidos polos reis de Francia continuaron esencialmente sen cambios ata 1640.[19] No entanto, o escudo de ouro non lle proporcionou a Francia a posibilidade de competir cos táleros, tan populares en Alemaña e nas súas áreas de influencia. Ademais, as moedas francesas aínda se fabricaban á man, polo que o metal precioso podía rabuñarse ilegalmente dos cantos das moedas . E por se isto fose pouco, o écu d'or finalmente estaba feito de ouro de 23 quilates, o que non respondía ao padrón internacional. Luis XIII (1610-1643) arranxou esta situación instalando nova maquinaria para a fabricación de moeda na Monnaie de Paris e substituíu o escudo en 1640 por unha nova moeda de ouro: o "luís" (louis d'or).

Escudo de prata (écu d'argent)[editar | editar a fonte]

Escudo de prata de Luís XIII (1610-1643) cuñado en 1642 (gravador: Jean Varin).[20]

A partir de 1580, o Consello da Moeda decidiu a creación dun escudo de prata co valor dunha cuarta parte do de ouro, é dicir, 15 soldos. As emisións deste primeiro escudo de prata continuaron ata o reinado de Luís XIV (1643-1715).[21]

O 23 de decembro de 1641, logo da creación do luís de ouro, chamóuselles tamén escudo de prata ou escudo branco (écu blanc) ás moedas deste mental co peso de 27,03 gramos e un valor de 60 soldos ou 3 libras tornesas.[21] Xunto a este escudo cuñáronse tamén as fraccións dun oitavo, un cuarto e medio escudo.[22]

Escudo de prata de Luís XVI (1774-1789), cuñado en 1784 (gravador: B. Duvivier).[23]

En 1689, o valor do escudo branco pasou a tres libras e seis soldos, e en 1709 a cinco libras, antes de estabilizarse en torno ás seis libras a mediados do século XVIII, logo da reforma monetaria de 1734.[21]

Baixo a Revolución, unha nova reforma monetaria en 1795 determinou a substitución do escudo branco ou escudo de prata, de seis libras, pola nova moeda de cinco francos que amosaba a figura de Hércules.[21]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Escudo (2)". En Alfaro Asins, C. et al. (2009). Páxina 79.
  2. 2,0 2,1 "Ecu, Scudo". Martinori, E. (1915). Páxinas 141-144.
  3. 3,0 3,1 "Ecu". Frey, A. R. (1916). Páxinas 75-77.
  4. 4,0 4,1 4,2 "Ecu". En Inglis Palgrave, R. H. (1894). Páxina 679.
  5. "Écu d'or". En Münzen Lexikon. Reppa.de.
  6. Wailly, N. (1857). Mémoire sur les variations de la livre tournois... Impr. Impériale, París. Páxina 222.
  7. "Ecu d'or". ArchivesMonétaires.org
  8. Porteus, J. (1969). Páxina 89.
  9. Porteus, J. (1969). Páxina 93.
  10. "Écu d'or "à la chaise" - Philippe VI de Valois". Numista.com
  11. Grierson, P. (1991). Páxinas 143, 159 e 176.
  12. "Ecu d'Or - Charles VI". Numista.com
  13. Grierson, P. (1991). Páxina 144.
  14. "Écu d'Or - Louis XII Sun type". Numista.com
  15. Porteus, J. (1969). Páxina 164.
  16. "⅛ Ecu - Henri III" e "¼ Écu - Henri III". Numista.com
  17. Porteus, J. (1969). Porteus 182.
  18. Roberts, J. (1996). Páxina 341.
  19. Friedberg, R. (1991).
  20. "Ecu - Louis XIII Count of Catalonia". Numista.com
  21. 21,0 21,1 21,2 21,3 Dérens, J. "Écu d'argent". En Encyclopædia universalis.
  22. "1/8 écu", "1/4 écu", "1/2 écu". Numista.com
  23. "1 Écu - Louis XVI". Numista.com

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]