Saltar ao contido

Coroa de Fiume

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para outras moedas coa denominación de "coroa", véxase a páxina de homónimos Coroa (moeda).
Coroa de Fiume †
Corona fiumana en italiano
Ámbito: Estado Libre de Fiume
Fracción:
Billetes:1, 2, 10, 20, 25, 50, 100, 200, 1.000 e 10.000 coroas.
Emisor:Consello Nacional Italiano de Fiume.

A coroa de Fiume (en italiano: Corona Fiumana; en croata: Riječka kruna; en húngaro: Fiume korona), abreviado Cor. ou FIUK, foi a moeda oficial do Estado Libre de Fiume entre abril de 1919 e setembro de 1920.

Logo do colapso do Imperio Austrohúngaro, o Banco Austrohúngaro, administrado conxuntamente por Austria e Hungría, continuou a emitir billetes de coroa austrohúngara, que seguía a ser a moeda común de Austria, Hungría e Checoslovaquia, e que circulaba tamén en territorios que formaban parte doutros estados. No entanto, a partir de 1919, os novos estados comezaron a crear os seus propios sistemas monetarios nacionais.[1]

A coroa de Fiume

[editar | editar a fonte]

O 18 de abril de 1919, o Consello Nacional Italiano de Fiume, que era a entidade que exercía a autoridade na cidade, introduciu a denominada "coroa de Fiume", cuxa especie física consistiu no reselo dos billetes da coroa austrohúngara, que circulara ata a data naquel territorio.[2] Estes reselos eran de dous tipos: o escudo de armas de Savoia e a inscrición CITTA DI FIUME.[3][4][5]

Billete de 10 coroas de Fiume

Logo da ocupación levada a cabo en setembro de 1919 polo poeta e político italiano Gabriele D'Annunzio con preto dun cento de lexionarios italianos[6][7], selouse unha nova serie de billetes en nome do Instituto de Crédito do Consello Nacional (Istituto di Credito del Consiglio Nazionale) segundo se dispuxo nun decreto do 6 de outubro.[2] O reselo, nesta ocasión, era rectangular, de 45x60 mm, coa lenda CITTA DI FIUME. ISTITUTO DI CREDITO DEL CONSIGLIO NAZIONALE.[3][4][5][8]

A coroa de Fiume foi a moeda oficial da cidade ata o 26 de setembro de 1920, cando, por un decreto do xeneral Amantea, comandante das tropas italianas en Fiume, se introduciu a lira italiana como moeda oficial do territorio.[2]

A coroa seguiu a circular ata a anexión da cidade a Italia en febreiro de 1924. O Real decreto 235 do 24 de febreiro de 1924 fixou a data concreta da conversión no 30 de abril dese mesmo ano,cunha taxa de cambio de 0,40 liras italianas por cada coroa de Fiume.[9]

Tipos de cambio

[editar | editar a fonte]

En novembro de 1919, unha coroa de Fiume equivalía a tres coroas do Estado dos Eslovenos, Croatas e Serbios, e a 0,40 liras italianas. No entanto, no mercado negro, o cambio real situábase nas 0,21 liras italianas.[10]

  1. ↑ Травин Д., Маргания О. (2004). Европейская модернизация. — Глава 4. «Австро-Венгрия: Развод по Габсбургскому счёту». Терра Фантастика. Moscova.
  2. 1 2 3 Dobrinić, J. (2005). Riječka numizmatika - Riječki novci i novci s riječkim obilježjima 1848.-2002. Muzej grada Rijeke. Páxinas 74-79. ISBN 9536587270
  3. 1 2 Rádóczy G. (1984). A legújabb kori magyar pénzek (1892-1981). Budapest. Corvina, Páxina 216. ISBN 963-13-1528-2
  4. 1 2 Emoroso, O. (2015). "Il caos valutario del periodo interalleato: dalla corona ungherese a quella fiumana". En FiumeFil. 29 de outubro.
  5. 1 2 "Fiume Rijeka banknotes". World Paper Money Catalog and History (ATSnotes.com).
  6. ↑ Parlato, G. (2000). La sinistra fascista. Storia di un progetto mancato. Boloña. Il Mulino. Páxina 88. ISBN 978-8815127051
  7. ↑ "L’“impresa di Fiume”". En Post. 16 de marzo de 2014.
  8. ↑ Emoroso, O. (2017). "La riforma monetaria del periodo dannunziano a Fiume". En FiumeFil. 17 de novembro.
  9. ↑ Sirsen, G. (1984). "Fiume e la numismatica". En Fiume. 7. Páxina 84.
  10. ↑ Matejčić, R. (1963). "Krune "Citta di Fiume" i problem valute u Rijeci od godine 1918-1924". En Numizmatičke vijesti. Nº20.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]