Kronentaler

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Anverso dun kronentaler de 1770 a nome de María Tareixa de Austria, coa cruz de Borgoña e catro coroas

O kronentaler (en galego: "tálero da coroa") foi unha moeda de prata cuñada por primeira vez en 1755 nos Países Baixos austríacos e que se converteu en moeda de comercio habitual na Europa Central da primeira metade do século XIX.[1][2][3]

A tipoloxía orixinal destes táleros caracterízase pola aparición de tres ou catro coroas nos seus reversos, das que tomou o nome.[1][2][4]

Historia[editar | editar a fonte]

O kronentaler cuñábase nos seus inicios co mesmo peso que o escudo francés (écu), arredor de 29,44 gramos de prata de 837 milésimas (25,7 g de prata fina), aínda que cun valor inferior, de 54 soldos (stuivers) ou 2,7 floríns (gulden), en tanto que o escudo francés equivalía a 56 soldos ou 2,8 floríns. De feito, os escudos franceses podían fundirse para seren novamente cuñados como kronentalers, con 26 gramos de prata fina.[5]

Kronentaler de Würtemberg de 1837

Logo da anexión por parte de Francia dos Países Baixos do Sur en 1794, o kronentaler abandonou o seu lugar de orixe, aínda que se estendeu por mor dunha lixeira sobrevaloración con respecto ao tálero de convención (konventionstaler), particularmente nos estados alemáns do sur. Xa en 1793, o seu valor fora fixado en 2 floríns e 42 kreuzer.[3]

Kronentaler de Nassau de 1817

O kronentaler usouse e cuñouse abundantemente sobre todo en Babiera, Baden, Hesse-Darmstadt, Nassau e Württemberg, e chegou a se converter, nas tres primeiras décadas do século XIX, practicamente na única moeda grande de prata en circulación no sur de Alemaña. En Würtemberg cuñáronse entre 1816 e 1837, a nome de Guillerme I (1816-1864), máis de 660.000 exemplares de kronentaler, fronte a só 3.440 de táleros de convención. [6][7]

O acordo monetario de 1837 e os seguintes establecidos pola Unión Alfandegueira Alemá (Zollverein) aboliron o kronentaler en favor do vereinstaler.[8][9]

En Milán, Xosé II (1780-1790) cuñou unha versión italiana do kronentaler denominada crocione.[10][11]

O kronentaler era tamén a moeda máis habitual en Suíza antes da adopción do franco suízo en 1850. A taxa de conversión á nova moeda suíza foi de 5 5⁄7 francos suízos por kronentaler.[12][13]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Kronenthaler". En Frey, A. R. (1917). Páxina 126.
  2. 2,0 2,1 "Kronentaler". En Münzen Lexikon. Reppa.de
  3. 3,0 3,1 "Kronenthaler". En Pierer's Universal-Lexikon. Vol. 9. Altenburg. 1860. Páxina 837.
  4. Clain-Stefanelli, E. (1978). Monnaies européennes et mannaies coloniales américaines entre 1450 et 1789. Smithonian Institution. L'Univers des monnaies. Páxina 213.
  5. 1 franco = 1,0125 libras = 0,16875 escudos franceses = 0,175 kronentaler. A conversión 1 franc = 0,4725 floríns neerlandeses guarantía o valor do kronentaler de 0,4725 / 0,175 = 2,7 floríns neerlandeses. Fonte: Shaw, W. A. (1896). The History of Currency, 1252-1894. Putnam. Páxinas 202, 353.
  6. "Kronentaler". En Münzen Lexikon. Reppa.de
  7. "La evolución del Thaler o Taler". Cervera Colecciones.
  8. Holtferich C. L. (1990). "Towards a unification of the coinage systems, 1837-1867". Páxinas 220-226.
  9. Jansen, A. E. (1911). Les conventions monétaires. Université de Louvain.
  10. "Crocione". En Frey, A. R. (1917). Páxina 57.
  11. "1 Crocione, 1 Kronenthaler - Franz II". En Numista.com.
  12. Walcher, S. (1840). Livre de poche du Voyageur en Suisse (...). Zúric. Páxina 372.
  13. Feuille Fédérale de la Confédération Suisse. Tomo 1. Berna. 1851. Páxina 3.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]