A Bela Otero
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Agustina Otero 4 de novembro de 1868 Valga, España |
Morte | 10 de abril de 1965 (96 anos) Niza, Francia |
Causa da morte | infarto agudo de miocardio |
Lugar de sepultura | Cementiri de l'Est (en) (valor descoñecido–) Russian Orthodox Cemetery in Nice (en) (1965–século XX) |
Outros nomes | Carolina Otero Caroline Otero La Belle Otero |
Residencia | Francia |
Actividade | |
Campo de traballo | Actuación, danza, canto e Prostitución |
Ocupación | actriz, actriz de teatro, cortesá, bailarina, prostituta, vedete, cantante, guionista |
Instrumento | Voz |
Descrito pola fonte | Dictionary of Women Worldwide |
Agustina del Carmen Otero Iglesias, máis coñecida como a Bela Otero ou Carolina Otero, nada na parroquia de San Miguel de Valga do concello pontevedrés de Valga o 4 de novembro de 1868 e finada en Niza o 12 de abril de 1965, foi unha célebre actriz, bailarina, cantante e cortesá galega residente en Francia e un dos personaxes máis destacados da Belle Époque francesa nos círculos artísticos e na vida galante de París.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nada en Valga, Pontevedra, os seus apelidos son os da súa nai, xa que nunca foi recoñecida polo pai. Dada a súa difícil situación, xa de pícara foi traballar de criada a Santiago de Compostela. Aos dez anos sufriu unha violación por parte dun veciño, Venancio Romero, alcumado "Conainas", que a deixou estéril.[3] Aos catorce, namorou do seu compañeiro de baile Paco e fuxiron xuntos a Lisboa, até que este a abandonou. Alí comezou a utilizar o seu segundo nome, Carolina, en vez do primeiro, Agustina. Traballou nunha compañía de cómicos ambulantes portugueses e tras deixar a compañía viuse obrigada a exercer oficios humildes para saír adiante, como traballar de criada doméstica, bailar en locais da máis diversa índole, e incluso exercer a prostitución.[4]
En 1888 coñeceu en Barcelona un banqueiro chamado Ernest Jurgens, que moveu os fíos para facela triunfar como bailarina en Francia. Foi con el até Marsella, onde axiña o abandonou e se labrou un nome por si mesma, converténdose nunha bailarina famosa en toda Francia co nome de Bela Otero. Enfatizaba a súa orixe española e presentábase como unha andaluza de orixe xitana. Perseverou neste papel toda a súa vida e realizou giras por todo el mundo como bailarina exótica e actriz, conseguindo fama internacional.
Sábese que actuou en Nova York en 1890, ademais de visitar outros países como a Arxentina, Cuba e Rusia, coincidindo neste último con Rasputin.[5] Otero actuou durante moitos anos no Folies Bergère de París, onde era a estrela, e no Cirque d'Été, converténdose nunha das primeiras artistas galegas e españolas coñecidas internacionalmente. Nas súas danzas mesturaba diferentes estilos como o flamenco, os fandangos ou danzas exóticas. Tamén era unha cantante competente e tiña calidade como actriz. Representou Carmen de Bizet e pezas teatrais como Nuit de Nöel.[6]
A pesar dos seus éxitos profesionais, Otero conseguiu ascender no mundo artístico prostituíndose e facéndose amante de numerosos homes influíntes. Era unha práctica habitual na Belle Époque, conseguindo así un diñeiro extra as mulleres do espectáculo e prestixio os homes que podían pagalo. Otero era unha das máis famosas e cotizadas da alta sociedade parisiense. Foi amante, entre outros, de Guillerme II de Alemaña, Leopoldo II de Bélxica, Afonso XIII de España, Eduardo VII do Reino Unido, dos grandes duques Pedro e Nicolás de Rusia e do escritor italiano Gabriele D'Annunzio, así como de Aristide Briand, co que mantivo unha relación que durou ata a morte do político.[7] Deste xeito, a Bela Otero chegou a reunir unha gran fortuna que, debido á ludomanía que padecía, foi perdendo nos casinos de Montecarlo e Niza, despois de retirarse en 1910.[4]
Arruinada e soa, viviu en Niza ata o seu falecemento en 1965. Ata entón subsistiu grazas a unha pensión que lle pasaba o Casino de Montecarlo en agradecemento polos millóns de francos que nel deixara.[4]
Influencia na cultura popular
[editar | editar a fonte]- La Belle Otéro[8], Felix Mesguich, 1898. Gravación cinematográfica documental de finais do século XIX realizada en San Petersburgo por un empregado dos irmáns Lumière, onde a Bela Otero baila unha peza de La Valse Brillante, de Chopin.
- La Belle Otero, Richard Pottier, 1954. Filme francés onde a actriz mexicana María Félix interpreta o papel de Carolina Otero.
- A Bela Otero, Jordi Frades, 2008. Filme galego onde a actriz arxentina Natalia Verbeke interpreta o papel de Carolina Otero. Tamén participan galegos como Mabel Rivera, Belén Constenla ou Pedro Alonso e a catalá Asunción Balaguer, no papel da Carolina anciá.
- A Bella Otero, Ana Kiro, 1996. Canción en homenaxe á Bela Otero que narra a súa vida a ritmo de valse, incluída no seu LP Coa miña xente.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes da Bela Otero.
-
A Bela Otero fotografada por Charles Reutlinger.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ «La Bella Otero. Unha icona da Belle Époque europea», artigo de Encarna Otero Cepeda na páxina web Cultura Galega. Consultado o 3 de xullo de 2013.
- ↑ Camilo Seira é o nome artístico do escultor Camilo Rodríguez Vidal, natural de Seira, Rois.
- ↑ Nuño, Ada (19 de setembro de 2021). "La Bella Otero: historia de la cortesana más famosa de la Belle Époque" (en castelán). Consultado o 11 de outubro de 2024.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Osorio, Alejandro (4 de novembro de 2015). "La amante del kaiser, el zar y de los rey de Bélgica y España que padecía ludopatía" (en castelán). Consultado o 11 de outubro de 2024.
- ↑ "La extraña fascinación de la Bella Otero" (en castelán). 1 de novembro de 2020. Consultado o 11 de outubro de 2024.
- ↑ "La Bella Otero según el Ballet Nacional de España" (en castelán). 16 de decembro de 2023. Consultado o 11 de outubro de 2024.
- ↑ "¿Quién fue la Bella Otero? La trágica vida detrás de la musa gallega de la "Belle Époque"" (en castelán). 21 de feb. de 2022. Consultado o 11 de outubro de 2024.
- ↑ John Hall (2013-11-08). "La Belle Otéro' (Carolina Otéro) - Caught On Film in 1898". Consultado o 2016-10-16.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: A Bela Otero |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Carbonel, Marie-Helène; Figuero, Javier (2003). Arruíname pero no me abandones. La Bella Otero y la Belle Époque. Madrid: Espasa Calpe.
- Chao, Ramón (2001). A paixón de Carolina Otero. Biografía ficticia
- Fernández, Miguel Anxo (2003). A Bela Otero, pioneira do cine. Vigo: Galaxia. ISBN 84-8288-617-7.
- Otero, Carolina (2001). As auténticas memorias da Bela Otero. Vigo: Xerais. ISBN 84-8302-685-6. (as memorias orixinais fóronlle ditadas a Madame Claude Valmont en 1926)
- Pérez Leira, Lois (2009). Mulleres da emigración (bilingüe: galego-castelán). Vigo: Grupo de Comunicación Galicia en el Mundo. ISBN 978-84-936759-9-8.
- La Belle Otero. Postais. Limiar de Luís Seoane. Vigo: Xerais. 2001.
- Val, Marga do (2001). Carolina Otero. Vigo: A Nosa Terra.