Ludomanía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Ludomanía
Clasificación e recursos externos
O xogo compulsivo nas máquinas comecartos adoitan producir ludomanía
ICD-10 F63.0
ICD-9 312.31
MedlinePlus 001520
MeSH D005715
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

A ludomanía[1] ou ludopatía[2] consiste nunha alteración progresiva do comportamento pola que un individuo sente unha incontrolable necesidade de xogar e apostar, de forma persistente e progresiva, afectando de forma negativa á vida persoal, familiar e vocacional.[3] Trátase dunha adicción e é un trastorno recoñecido pola Organización Mundial da Saúde (OMS) a partir do ano 1992 na súa Clasificación Internacional de Enfermidades. Con todo, esta non foi a primeira vez que, como categoría diagnóstica e co nome de xogo patolóxico, se reflectiu nos ámbitos profesionais, xa que en 1980 aparece no Manual Diagnóstico e Estatístico (DSM III). Para detectar casos de xogo patolóxico en poboación normal (normalmente coa fin de coñecer a prevalencia e incidencia do problema), utilízanse diversos instrumentos estatísticos como o South Oaks Gambling Screen ou a Escala Breve de Detección de xogo patolóxico.[4]

O xogo pode chegar a ser algo máis importante na vida dun xogador que a súa familia, traballo ou bens materiais. Tan forte pode ser a dedicación ao xogo que a alimentación, sexo ou relacións sociais pasan a constituír algo secundario.

O xogador compulsivo é manexado por un impulso incontrolable para aceptar riscos, feito que vai minando toda a súa vida. En moitas ocasións, o xogador ten que recorrer a actividades ilegais ou contra a súa propia natureza para obter o diñeiro que escapa das súas mans. Tamén presenta un elevado risco de cometer suicidio.

Os ludónamos poden manifestar outras enfermidades de orixe psicosomático. Adoita estar aparellada con outras adiccións como o alcoholismo e o tabaquismo. As familias adoitan ter un patrón característico de funcionamento, de maneira que o propio afectado polo problema non adoita ser a persoa que solicita axuda aos servizos profesionais e/ou as asociacións de autoaxuda.

Indicios de xogo compulsivo:

  • O seu comportamento produce na familia síntomas de depresión ou desesperación.
  • Ameaza aos recursos económicos familiares.
  • Desatención ao traballo.
  • Actividades ilegais para poder xogar ou ben para reintegrar o diñeiro a amigos, familiares, entidades financeiras etc.

Clasificación da APA[editar | editar a fonte]

O xogo patolóxico foi recoñecido oficialmente como entidade nosolóxica de saúde mental no ano 1980 cando a Sociedade Americana de Psicoloxía (APA) inclúeo por primeira vez como trastorno no manual diagnóstico e estatístico dos trastornos mentais, na súa terceira edición (DSM-III).

De acordo co DSM-IV, o xogo patolóxico defínese actualmente de xeito separado á dun episodio maníaco. Só cando o xogo se da de forma independente doutros trastornos impulsivos, do pensamento ou do estado de ánimo considérase como unha patoloxía separadamente. Para recibir o diagnóstico, o individuo debe cumprir polo menos cinco dos seguintes síntomas:

  1. Preocupación. O suxeito ten pensamentos frecuentes sobre experiencias relacionadas co xogo, xa sexan presentes, pasadas ou produto da fantasía.
  2. Tolerancia. Como no caso da tolerancia ás drogas, o suxeito require apostas maiores ou máis frecuentes para experimentar a mesma emoción.
  3. Abstinencia. Inquietude ou irritabilidade asociada cos intentos de deixar ou reducir o xogo.
  4. Evasión. O suxeito xoga para mellorar o seu estado de ánimo ou evadirse dos problemas.
  5. Desquite. O suxeito intenta recuperar as perdas do xogo con máis xogo.
  6. Mentiras. O suxeito intenta ocultar as cantidades destinadas ao xogo mentindo á súa familia, amigos ou terapeutas.
  7. Perda do control. A persoa intentou sen éxito reducir o xogo.
  8. Actos ilegais. A persoa violou a lei para obter diñeiro para o xogo ou recuperar as perdas.
  9. Arriscar relacións significativas. A persoa continúa xogando malia que iso supoña arriscar ou perder unha relación, emprego ou outra oportunidade significativa.
  10. Recurso a alleos. A persoa recorre á familia, amigos ou a terceiros para obter asistencia financeira como consecuencia do xogo.

Fases[editar | editar a fonte]

Segundo Becoña,[5] as fases da adicción son tres:

  1. Etapa dourada: o xogador é máis consciente do que gaña que do que gasta.
  2. Etapa de desesperación: o xogador decátase do perdido.
  3. Aceptación: o xogador toma conciencia do seu problema.

Base biolóxica[editar | editar a fonte]

De acordo co Illinois Institute for Addiction Recovery, as últimas evidencias indican que o xogo patolóxico é unha adicción similar ás adiccións químicas.[6] Notouse que nalgúns xogadores patolóxicos teñen menores niveis de norepinefrina que os xogadores normais.

De acordo cun estudo dirixido por Alec Roy, M.D., antigo membro do National Institute on Alcol Abuse and Alcoholism, a norepinefrina secretase en condicións de tensións ou ameaza, de modo que os xogadores patolóxicos xogan para elevar os seus niveis.

Abundando nisto, de acordo cun informe da Harvard Medical School Division on Addictions, xerouse un experimento no que aos suxeitos presentábanselles situacións nas que podían gañar ou perder nunha contorna que simulaba un casino. As reaccións dos suxeitos medíanse utilizando RMNf, unha técnica de neuroimaxe moi similar á Resonancia magnética nuclear. E de acordo co doutor Hans Breiter, codirector do Centro de neurociencia da motivación e a emoción do Hospital Xeral de Massachusetts, as "recompensas en metálico nun ambiente que reproduce un ambiente de xogo produce unha activación cerebral moi similar á que se observa nun adicto á cocaína recibindo unha dose."

As deficiencias de serotonina tamén poden contribuír a unha conduta compulsiva, o cal inclúe unha adicción ao xogo.

Relación con outros problemas[editar | editar a fonte]

A medida que se acumulan as débedas os afectados poden acudir a "solucións" desesperadas para conseguir diñeiro para "recuperar" a través do xogo, como pequenos furtos, ou pedir novos créditos para tapar as débedas máis difíciles de ocultar. A existencia do feito delituoso depende das circunstancias facilitadoras do medio para cometelo e da personalidade base do afectado.

Como consecuencia da enfermidade, o afectado pode ter depresión,[7] ansiedade, ataques cardíacos (consecuencia da tensión), pode ter ideacións suicidas por desesperación se non recibe tratamento.[8]

Doutra banda un número considerable de afectados ten TDAH. Tamén se sabe que algúns antiparkinsonianos poden provocar ludopatía. Nun estudo de 1991 sobre relacións en homes estadounidenses atopouse que o 10% dos xogadores compulsivos casáronse tres veces ou máis. Só o 2% dos non xogadores casaron máis de dúas veces.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ludomanía.
  2. Xusto Rodríguez Río, Gumersindo Guinarte Cabada e Fernando Vázquez-Portomeñe Seijas Vocabulario de criminoloxía (galego-español-inglés)
  3. Ochoa, E. y Labrador, F.J. (1994). Juego patológico. Barcelona: Plaza y Janés
  4. American Psychiatric Association (2013). Diagnostic and statistical manual of mental disorders (5th ed.). Arlington, VA: American Psychiatric Publishing.
  5. Becoña Elisardo, Enrique (1996). La ludopatía. Aguilar. 
  6. Vanguardia, ed. (18 de decembro de 2015). "Javier Rodríguez Borgio: La ludopatía es algo serio". México. Consultado o 23 de xuño de 2016. 
  7. Ramirez LF, McCornick RA, Russo AM, Taber JI: "Patters of substance abuse in pathological gamblers undergoing treatment". Addict Behav 1983;8:425-8
  8. Paul, Laura: High Stakes: Teens Gambling With Their Futures Arquivado 09 de agosto de 2011 en Wayback Machine.
  9. Eidsmoe, John: Legalized Gambling; America's Bad Bet

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]