Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Colección Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor
Placa co logo da Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor

A Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor creouse no ano 1995 pola doazón filantrópica de materiais bibliográficos e documentais do propio Francisco Pillado á Universidade da Coruña, por este motivo leva o seu nome.[1] Sendo o primeiro arquivo extenso do teatro de Galiza e, polo tanto que se favorecesen e desenvolvesen os estudos sobre o mesmo.

Historia[editar | editar a fonte]

Francisco Pillado Mayor (A Coruña, 1941) é un dos máis relevantes nomes no panorama teatral galego. É ensaísta e especialista na historiografía do teatro galego, tradutor, adaptador e animador de múltiples iniciativas teatrais, moitas delas argalladas xunto con Manuel Lourenzo e editoriais como Edicións Laiovento. É titulado en Declamación e Arte Dramática, e cofundou algunhas das experiencias máis interesantes da escena galega recente, como o Grupo de Teatro O Facho, a Escola Dramática Galega e a Compañía Luís Seoane. Participou na prensa periódica e en diversas revistas, especialmente con artigos sobre teatro. Foi director da revista Casahamlet, un dos promotores da revista Don Satúrio e das coleccións Castrodouro, Caderno do Espectáculo da Compañía Luís Seoane e mais os Cadernos da Escola Dramática Galega, unha colección básica da literatura e da crítica teatral galega. Traduciu ao galego pezas de autores clásicos universais como Chekhov, Ghelderode ou Molière e mesmo O irlandés astrólogo de Luís Seoane.[2]

Francisco Pillado Mayor.

Decidiu doar o seu valioso arquivo teatral á Universidade da Coruña para a accesibilidade de toda a comunidade estudantil, a xente dedicada á investigación e a toda a cidadanía en xeral que se preocupara pola cultura teatral galega.

No ano da doazón, a licenciatura de Filoloxía Galega fora recentemente eliminada polas autoridades gobernantes da universidade. Malia todo isto, Francisco Pillado, como unha aposta de futuro e confiando no persoal docente-investigador do Departamento de Filoloxía Francesa e Galego-Portuguesa da Facultade de Filoloxía, asina un convenio no ano 1996, co reitor José Luís Meilán Gil, no que a Universidade da Coruña se compromete a subministrar o material, económica e investigadora mais todo baixo a supervisión e/ou coordinación científica do Departamento da Área de Filoloxías Galega e Portuguesa.

Os comezos da Biblioteca-Arquivo foron difíciles polos problemas económicos derivados do relativo cumprimento do convenio asinado pola administración e avanza grazas ao traballo desinteresado da Biblioteca de Filoloxía, dos sucesivos coordinadores e do profesorado de Filoloxía Galega.

Nesta época, debido aos problemas económicos [3], para o correcto funcionamento do arquivo foi esencial a colaboración do IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais), do que o propio Pillado foi reitor nesa época, a través de convenios anuais sucesivamente renovados e adaptados ao longo de anos. O primeiro do 1997, permite iniciar as publicacións editadas e a partir do ano 1999, permite a contratación de persoal bolseiro para as labores de catalogación, informatización e atención ao persoal investigador, sempre en colaboración coa Biblioteca da Facultade.

A Biblioteca-Arquivo constitúe un centro documental e bibliográfico (que segue incrementando polas achegas do propio Francisco Pillado), recibe visitas puntuais ou permanentes de persoal investigador tanto galego como estranxeiro, está integrada na Universidade da Coruña e no tecido cultural galego, asinou convenios con diversas institucións como IGAEM, Consello da Cultura Galega, Goberno das Illas Baleares ou Deputacións que permitían realizar actividades investigadoras e difusoras de actividades teatrais, tales como publicacións, campañas de promoción da lectura e exposicións.

Cando se comezou na Biblioteca-Arquivo coa actividade editorial, constitúese un Comité Científico, integrado inicialmente por Francisco Pillado, Manuel Lourenzo e a dirección das coleccións previstas. Con posterioridade, o Comité Científico amplíase coa incorporación de ilustres investigadores estranxeiros. Tamén aparecen novas coleccións que se pensaron necesarias para completar o deseño editorial da Biblioteca-Arquivo.

Na actualidade, a súa labor investigadora continúa e neste intre a profesora da Facultade Laura Tato está levando a cabo unha investigación sobre traducións de obras teatrais do inglés ao galego e do español ao galego. E tamén se recibe algunha que outra solicitude de persoal investigador sobre o teatro en Galiza.

A Biblioteca-Arquivo non ten persoal propio e depende exclusivamente da Biblioteca de Filoloxía e da Facultade de Filoloxía mais hai unha axudante encargada da clasificación e catalogación cando hai achegas novas.

A súa conformación actual é: Francisco Pillado Mayor como presidente de honra, Laura Tato Fontaíña como coordinadora científica, Carlos Paulo Martínez Pereiro como coordinador editorial e forman parte do Consello Científico: Xosé Carlos Carrete Díaz, Perfecto Cuadrado, Manuel Ferreiro, Manuel Lourenzo, Carlos Paulo Martínez Pereiro, José Oliveira Barata, Francisco Pillado Mayor, Francisco Salinas Portugal, Arnaldo Saraiva, Luciana Stegagno Picchio (†) e Laura Tato Fontaíña.[4]

Localización[editar | editar a fonte]

A Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor está situada no segundo andar da Biblioteca da Facultade de Filoloxía [5] no Campus da Zapateira. Está separada en dous locais, un é o arquivo, ao que só teñen acceso o persoal investigador previa autorización da dirección da biblioteca e con persoal da mesma presente, e outro a biblioteca, de libre acceso para todo o mundo. Tamén entre dous andares hai unhas vitrinas que teñen carautas e debuxos das representacións teatrais que forman tamén parte do arquivo pero que están en exposición permanente para que todo o mundo poida desfrutalos.

Fondos[editar | editar a fonte]

Entre a biblioteca e o arquivo o total dos seus fondos son máis de 6000 exemplares de libros de teatro e unha gran cantidade de documentación [6]. Todos eles catalogados e informatizados; os da biblioteca pódense consultar no catálogo xeral de libros das bibliotecas da Universidade e os do arquivo pódense consultar tamén no catálogo xeral da UDC coa palabra chave “colección” e tecleando “Colección Francisco Pillado Mayor”. Os carteis e fotografías pódense ver online a través da imaxe dixitalizada no RUC, Repositorio da Universidade da Coruña, dentro do apartado “Biblioteca UDC-coleccións especiais”.

O conxunto doado é moi valioso, cuantioso e diverso, pois ten uns importantes fondos bibliográficos especializados en teatro galego e internacional e un importante fondo documental, moi variado e único. Non se pode calcular o valor do fondo porque está formado por materiais de difícil adquisición e únicos.

Na biblioteca están os libros, que son de a partir dos anos 70 até a actualidade e sobre todo de teatro galego mais tamén de teatro español, francés, portugués, sobre teatro europeo. Dos cales hai monografías, textos, representacións teatrais e manuais sobre o teatro.

Pola súa banda, o arquivo, que é totalmente independente, ten unha clasificación propia, divídese en diferentes seccions. Nunha parte está a colección de prensa desde 1800 até a actualidade sobre o teatro galego que leva e selecciona o propio Francisco Pillado.

Tamén hai unha parte, a máis fundamental, que é a de organización, representación e eventos que ten todo o que son os comezos do Centro Dramático Galego e a Escola  Dramática Galega, da que Pillado foi o fundador e membro.

Despois está todo o correspondente ás representacións de teatro que facía o Centro Dramático Galego. Están os libretos, debuxos de posta en escena, debuxos de vestiario e probas de tecidos. Hai fotografías de todas as representacións teatrais que se facían, máis de 5000 fotografías en branco e negro e algunha en cor. E hai información sobre compañías de teatro galegas, tanto da Escola Dramática Galega como doutras compañías.

Noutra parte están os programas de man desde os anos 70 até a actualidade, os borradores de representacións de obras de teatro de compañías galegas e todo da publicación Casahamlet.  Tamén hai textos inéditos de teatro galego, que se presentaron para concursos de teatro ou representacións e que, moitos deles, non están publicados.

A parte disto, hai unha colección de revistas sobre teatro, algunhas da colección propia de Pillado e outras que adquiriu a biblioteca.

Por último, tamén hai escoitas radiofónicas de representacións en voz de obras de teatro que Francisco Pillado ía gravando e que ía depositando na Biblioteca-Arquivo e toda unha colección de DVDs e vídeos de teatro. A parte da colección de carteis de representacións teatrais, dos que hai máis de 700.

Publicacións editadas[editar | editar a fonte]

Cando se comezou na Biblioteca-Arquivo coa actividade editorial, constitúese un Comité Científico, integrado inicialmente por Francisco Pillado, Manuel Lourenzo e a dirección das coleccións previstas: Laura Tato Fontaíña encárgase da Serie Azul na que se editan obras da “Literatura Teatral Galega”, Francisco Salinas Portugal é o encargado da Serie Verde sobre “Literatura Teatral en Lingua Portuguesa”, Carlos Carrete Díaz encárgase da Serie Vermella sobre “Literatura Teatral en Lingua Francesa” e Carlos Paulo Martínez Pereiro é o encargado da Serie Branca sobre “Outras Literaturas Teatrais”. Tamén aparecen novas coleccións que se pensaron necesarias para completar o deseño editorial da Biblioteca-Arquivo como “Pensamento e Estética”, que está recollida baixo a Serie Gris coa dirección de Carlos P. Martínez Pereiro, e “Documenta”, baixo a Serie Ouro coa dirección de Manuel Ferreiro. E unha liña transversal para textos de autores que están recollidos nas diversas coleccións baixo a epígrafe de “Neodramática”.[6]

Foron saíndo os volumes pouco a pouco, todos eles en lingua galega, a excepción das obras portuguesas, que están en portugués, e as doutras linguas, que son sempre edicións bilingües, todas con estudos introdutorios rigorosos e edicións críticas.

A seguir, pódense observar todas a publicacións editadas de todas as series, que son un total de 71, algúns dos cales xa están esgotados.[4]

SERIE AZUL[editar | editar a fonte]

AUTOR TÍTULO ANO INTRODUCIÓN/EDICIÓN/NOTAS
Xaime Quintanilla Donosiña 1997 Laura Tato Fontaíña
Antón Villar Ponte Entre dous abismos. Nouturnio de medo e morte. 1998 Emilio Xosé Ínsua López
Ramón Otero Pedrayo O fidalgo e o teatro 1999 Xosé Manuel Sánchez Rei
Pedro P. Riobó Sanluís O teatro galego contemporáneo 1999 -
Ricardo Carballo Calero Escritos sobre teatro 2000 Laura Tato Fontaíña
Goretti Sanmartín O teatro de Xan da Cova 2002 -
Ramón Cabanillas A virxe do Cristal. Lenda de Curros Enríquez axeitada para ópera 2002 Manuel Ferreiro e Goretti Sanmartín
Manuel María Edipo 2003 Miguel Anxo Mato Fondo
Manuel Lourenzo Insomnes 2004 Carlos Paulo Martínez Pereiro (apéndice: Isaac Ferreira)
Cándido A. González ¡Mal ollo!... Comedia de ambente mariñeiro 2004 Manuel Ferreiro e Laura Tato Fontaíña
Iolanda Ogando Teatro histórico: construción dramática e construción nacional 2004 -
Euloxio R. Ruibal Minimalia. 20 pezas de teatro breve 2004 Inmaculada López Silva
Emilio Xosé Ínsua López Sobre O Mariscal, de Cabanillas e Villar Ponte 2005 -
Xesús Pisón Noite invadida 2005 Henrique Rabuñal
Afonso Becerra de Becerreá O ritmo da dramaturxia 2005 -
Maria Campo Confusión de María Balteira 2005 María Pilar García Negro
Manuel Lugrís Freire A costureira d’aldea 2006 Teresa López
Marica Campo O divino sainete 2008 -
Henrique Rabuñal O teatro en Jenaro  Marinhas del Valle 2009 -
Teresa Moure Cínicas 2010 -
Leandro Carré Alvarellos Teatro recuperado 2011 Carlos Caetano Biscainho Fernandes
De Galo Salinas a Castelao Textos recuperados 2012 Iolanda Ogando e Laura Tato Fontaíña

SERIE BRANCA[editar | editar a fonte]

AUTOR TÍTULO TÍTULO ORIXINAL ANO EDICIÓN/TRADUCIÓN IDIOMA DO TEXTO ORIXINAL
Oscar Wilde Ernest: comedia frívola para xente seria The Importance of Being Earnest: a Trivial Comedy for serious people 1999 Miguel Pérez Romero Inglés
Aristóteles Poética Περὶ Ποιητικῆς 1999 Fernando González Muñoz Grego
Hidelgarde de Bingen O desfile das virtudes Ordo Virtutum 1999 Xosé C. Santos Paz Latín
Rosvita de Gandersheim Obra dramática - 2000 Xosé C. Santos Paz Latín
Llorenç Villalonga Desbaratos Desbarats 2001 Xesús González Gómez Catalán
Alexandre Ballester Nun pregue de veludo Siau Benvingut, presentamos hoxe Dins un gruix de Vellut (Facem comedia) 2001 Xesús González Gómez Catalán
Josep Pere Peyró Desertos. Deserto de paxaros. Pranto de paxaros Deserts 2002 Xesús González Gómez Catalán
Joan Guasp O vendedor de amendoíns El venedor de cacauets 2002 Xesús González Gómez Catalán
Antoni Nadal O teatro mallorquino do século XX El teatre mallorquin des segle XX 2005 Xesús González Gómez Catalán
Manjula Padmanabhan Luces fóra! Lights Out! 2006 Antía Mato Bouzas Inglés
Carlo Gozzi Turandot. Volume I - 2007 Javier Gutiérrez Carou Italiano
Carlo Gozzi Turandot. Volume II - 2007 Javier Gutiérrez Carou Italiano
- A arca de noé Noah´s Ark de Newcastle (non-cycle) play e de The Fall of Angels do York Cicle 2011 Emilio Xosé Ínsua López e  Isabel Moscowich, Begoña Crespo e Cristina Mourón Figueroa Inglés

SERIE GRIS[editar | editar a fonte]

AUTOR TÍTULO ANO EDICIÓN
Ana Kiffer Antonin Artaud. Uma poética do pensamento 2003 -
Paulino Pereiro A música teatral 2003 -
Manuel Lourenzo/José Oliveira Barata Que (non) é teatro? 2005 -
Antonio Gramsci Escritos sobre teatro I [1916-1917] 2008 Xesús González Gómez
Antonio Gramsci Escritos sobre teatro II [1918-1920] 2008 Xesús González Gómez
Julio Montero, Paulino Pereiro e Juan Pérez Berná Música escénica (tres propostas) 2012 -

SERIE OURO[editar | editar a fonte]

AUTOR TÍTULO ANO EDICIÓN
- Documentos para a Historia do Teatro Galego (1919-1924) 2005 Silvana Castro García
Uxío Carré Aldao Memoria crítico-bibliográfica sobre el teatro regional gallego 2006 Xoán López Viñas
Laura Tato Fontaíña Relación de noticias sobre teatro nos fondos da Biblioteca-Arquivo Teatral 'Francisco Pillado Mayor' (1882--1975) 2009 -
Iolanda Ogando Almeida Garrett, retrato paratextual com teatro ao fundo 2009 -

SERIE VERDE[editar | editar a fonte]

AUTOR LUGAR DE PROCEDENCIA TÍTULO ANO EDICIÓN/INTRODUCIÓN
António Ferreira Portugal Castro 2000 Mª Rosa Álvarez Seller
José Oliveira Barata Portugal O Espaço Literário do Teatro. Estudos sobre Literatura Dramática Portuguesa I 2001 -
Alfonso Álvares Portugal Auto de Santiago 2002 Juan M. Carrasco González
- - Teatro Brasileiro: Textos de Fundação 2002 María Aparecida Ribeiro
Roberto Cordovani Brasil Teatro Brasileiro na Galiza 2002 Eisenhower Moreno
Mª Isabel Morán Cabanas Galiza Festa, Teatralidade e Escrita. Esboços Teatrais no Cancioneiro Geral de García de Resende 2003 -
Francisco Gomes de Amorim Portugal Fígados de Tigre. Paródia de Melodramas 2003 Carme Fernández-Pérez Sanjulián
Gil Vicente Portugal Farsa dos Almocreves 2003 Xoán Carlos Lagares
Duarte Ivo Cruz Portugal O Teatro Português: Estrutura e Transversalidade 2005 -
Teresa Rita Lopes Portugal Coisas de mulheres 2006 -
Francisco Manuel de Melo Portugal O fidalgo aprendiz 2007 Evelina Verdelho
Luís de Camões Portugal Auto chamado dos Enfatriões 2008 Leticia Eirín García
Camilo Castelo Branco Portugal O morgado de Fafe em Lisboa e O morgado de Fafe amoroso 2008 Carlos Paulo Martínez Pereiro
Alva Martínez Teixeiro Galiza O herói incómodo (utopia e pessimismo no teatro de Hilda Hilst) 2009 -
Pepetela Angola A revolta da casa dos ídolos 2009 Francisco Salinas Portugal
Maria de Lourdes Nunes Ramalho Brasil A feira. O trovador encantado 2011 Lourdes Nunes Ramalho, Valéria Andrade e Ria Lemaire
- - Machado de Assis e a mundana comédia: cinco peças teatrais 2017 Alva Martínez Teixeiro e Carlos Paulo Martínez Pereiro

SERIE VERMELLA[editar | editar a fonte]

AUTOR TÍTULO ANO EDICIÓN/INTRODUCIÓN/TRADUCIÓN
Denis Diderot O Paradoxo sobre o Actor 1997 X. C. Carrete Díaz e F. Sucarrat Boutet
- Tres pezas cómicas medievais 1999 Henrique Harguindey Banet
- O teatro de Charles Baudelaire. Proxectos 2000 Xesús González Gómez
François Riccoboni A arte do teatro 2002 Roberto Salgueiro
Eugène Labiche [e Marc-Michel] Un chapeu de palla italiana 2004 Ana Luna Alonso
Hélène Cixous A conquista da escola de Madhubai 2006 Purificación Cabido Pérez
Xosé Teixeiro Doutor, por favor, máteme con xeito 2009 Francine Sucarrat Boutet e Xosé Carlos Carrete Díaz
Octave Mirbeau Os malos pastores 2010 María Obdulia Luís Gamallo

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Vieites, M. F. (2007). Galaxia, ed. Cento vinte e cinco anos de teatro en galego no aniversario da estrea de "A fonte do xuramento". Santiago de Compostela. ISBN 978-84-453-4499-6. 
  2. VV., AA. (1995-2000). Galaxia, ed. Diccionario da Literatura Galega. Volume 1. Autores. Vigo. ISBN 84-8288-019-5. 
  3. Luna Sanmartín, X. (2007). Espiral Maior, ed. No Pazo de Laiovento: conversas con Francisco Pillado Maior. Culleredo. ISBN 978-84-96475-63-2. 
  4. 4,0 4,1 Investigación Lingüística Literaria Galega, (ILLA). "Biblioteca-Arquivo Teatral "Francisco Pillado Mayor"". 
  5. Universidade da Coruña, (UDC). "Biblioteca de Filoloxía: Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor". 
  6. 6,0 6,1 VV., AA. (2007). Clave Records, ed. No país da irmandade: homenaxe a Francisco Pillado Maior. Santiago de Compostela. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Entrevista a Lago Méndez, Marta, directora da Biblioteca da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]