Mosteiro de Santa María de Oia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Mosteiro de Oia")

Coordenadas: 42°00′12″N 08°52′35″O / 42.00333, -8.87639

Fachada da igrexa e o mosteiro.

O mosteiro de Santa María de Oia é un mosteiro da orde do Císter e de longa historia (1137 a 1835) na que foi a comunidade monástica de maior importancia socioeconómica da diocese de Tui. Sitúase en Santa María de Oia, a capital do concello, á beira do mar, na estreita lingua de terra chá que deixa o macizo da Groba e conforma a costa neste lugar. Na actualidade a igrexa monacal é a igrexa parroquial de Santa María de Oia, estando en mans privadas o resto de construcións monásticas conservadas.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Fundación[editar | editar a fonte]

Alzado norte das dependencias monacais.

Algúns autores xa falan da súa existencia en tempos de Martiño de Dumio no século VI; outros atribúen a súa fundación a san Froitoso de Braga un século máis tarde.

Porén, a falla de documentos que sexan concluíntes debemos situarnos no século XII para atopar referencias a unha comunidade monástica no lugar. Esta comunidade pertencente a Orde de San Bieito debeu ser froito da fusión de tres comunidades xa existentes na comarca: Oia, outra de San Cosme e San Damián situada por riba da vila de Erizana[2] e unha terceira en San Mamede de Loureza.

Deste xeito, seguindo a Manrique, pódese situar a fundación do mosteiro no ano 1137, incorporándose á Orde do Císter no ano 1185.

Doazóns reais[editar | editar a fonte]

O 26 de xuño de 1137 o emperador Afonso VII, na cidade de Tui concedeulle grandes favores, ampliados anos despois, o 23 de abril de 1149 a propiedade de toda a parroquia.

Deste xeito a comunidade atopouse cun gran poderío económico que comezou de seguido a ampliar, chegando os seus dominios ás mesmas portas de Lisboa en pouco tempo.

No ano 1159 o rei Fernando II asinou o 16 de maio en Tui novos privilexios a favor da comunidade. A esta continuaron novas doazóns de Afonso IX nos anos 1201 e 1228, ano este en que estando en Ponte Sampaio doou a Illa de San Martiño ao mestre Pedro, establecendo que á súa morte a illa pasase a depender do mosteiro.

As doazóns reais continuaron: Sancho IV o Bravo, na vila de Pontevedra o 25 de agosto de 1286, concedeu ao mosteiro vinte pescadores para que poboasen o couto do mosteiro. Este real privilexio foi confirmado por Henrique III nas cortes de Burgos do 20 de febreiro de 1392.

No século XIV as súas propiedades en Portugal fóronlles arrebatadas polo rei don Dinís.

Incorporación á Congregación de Castela[editar | editar a fonte]

No século XV a inobservancia das regras monacais nas comunidades relixiosas da Península Ibérica era un mal xeneralizado, ao que se lle unía o abuso da figura dos abades comendatarios. Ante esta situación os Reis Católicos promoveron unha total reforma que levou a cabo Frei Martín de Vargas, a través da Congregación de Castela. Os cenobios galegos foron incorporándose gradualmente á reforma, facéndoo o mosteiro de Oia no ano 1547.

O abade dese momento Gregorio Nieto e o prior Juan Rois ao ter noticias da chegada dos monxes reformadores fuxiron a Portugal "levando todo o pan e o viño do mosteiro e 100 cabezas de gando vacún, ademais de dúas cruces de prata, unha custodia dourada e un cáliz".

Chegou o reformador Frei Ignacio de Collantes e, acompañado dos abades de Meira e Sobrado, pronuncian sentenza en capítulo contra o abade fuxitivo privándolle do seu cargo. O abade instalouse na Granxa de Silva, pertencente ao mosteiro. Logo dun tempo acudiu a Roma a demandar o seu cargo e tras recuperalo, na viaxe de volta a España, morreu de xeito repentino.

Trala exclaustración, no ano 1838 o bispo Francisco García Casasrrubias y Melgar fixo as licenzas necesarias para converter a igrexa monacal en parroquia anexa a Pedornes, e o mesmo bispo declarou a parroquia de Santa María de Oia totalmente independente da de Pedornes o 25 de xaneiro de 1841.

A Virxe do Mar[editar | editar a fonte]

Conta a tradición que no ano 1581 uns labregos atoparon nun acantilado no lugar coñecido como A Orelluda unha imaxe da virxe atada a unha cadea que no seu extremo enganchada ao colar dun lebrel.

A imaxe foi levada e venerada no mosteiro pero ao pouco tempo o Xeral de Congregación de Castela decidir levala ao actual convento de relixiosas cistercienses de Xesús de Salamanca. Para a comunidade de Oia fíxose unha reprodución a que na actualidade séguese a rendérselle culto como A Nosa Señora do Mar ou A Nosa Señora do Desterro e sitúase no centro do retablo do altar maior.

Poder económico e xurisdicional[editar | editar a fonte]

Da cría de cabalos por parte da comunidade do mosteiro consérvanse testemuñas documentais dos cabalos e eguas que o mosteiro tiña nos seus montes xa desde o século XIII, documentación que continúa testemuñando a actividade e o valor económico desta actividade ata a desaparición da comunidade coa desamortización de Mendizábal.

Descrición[editar | editar a fonte]

A igrexa[editar | editar a fonte]

Interior[editar | editar a fonte]

Pinturas sobre o arco triunfal.

A igrexa ten planta de cruz latina, composto o brazo principal por tres naves curtas de catro tramos, cun marcado cruceiro, cuns brazos de dous tramos e a cabeceira composta de cinco capelas rectangulares e escalonadas.

O interior caracterízase pola simplicidade propia do ideario arquitectónico da Orde do Císter.

A nave central é de maiores dimensións que as laterais e cóbrese con bóveda de canón apuntado, que se apoia en arcos simples e de arestas vivas sobre ménsulas prismáticas escalonadas. Os piares compostos en forma de T son de gran groso e apóianse en sinxelos basamentos.

As naves laterais cóbrense tamén con bóvedas de canón apuntado, pero perpendicular a bóveda da nave central. Deste xeito os catro tramos das naves laterais comunícanse entre elas por medio de arcos apuntados simples.

Tanto a nave central como a norte (que dá cara ao claustro) non teñen iluminación lateral. Na sur ábrense vanos simples, dos que se conservan dous, con dobre derramo e rematados en arco de medio punto apoiado directamente nas xambas. Aos pés da igrexa o coro alto datado no último terzo do século XVI sostido por bóvedas enervadas.

No muro lateral norte ábrense dúas portas, unha no primeiro tramo que comunica co claustro e data do século XVI, e a segunda máis antiga sitúase no último tramo e na actualidade atópase tapiada. Era a chamada porta dos conversos.

Os brazos do cruceiro tamén se cobren con bóveda de canón apuntado. Estas son máis altas que as bóvedas das naves laterais. No brazo setentrional do transepto ábrense tres portas: a máis antiga atópase tapiada. Das outras dúas a inferior comunica coa sancristía e a superior comunica coa galería alta do claustro procesional.

Como o resto do templo as 5 capelas do testeiro cóbrense con bóvedas de canón apuntado. Os arcos triunfais son simples apoiados en pilastras acaroadas destacando en tamaño o central sobre os intermedios e estes sobre os laterais.

Detalle dunha bóveda.

Por encima do arco triunfal ábrense tres ventás, de maior tamaño a central. A superficie decórase con pinturas representado os emblemas das ordes militares e imaxes coa lenda de Afonso VII e Sancho O Desexado coa seguinte inscrición:

El Emperador Don Alfonso, rey de España y Fundador de este Monasterio. Y don Sancho el Deseado, Fundador de Calatrava y bienhechor de esta casa.

A capela maior desenvólvese en dous tramos. O muro testeiro cóbrese cun retablo datado aproximadamente no ano 1600. No muro abríanse tres vanos de igual altura e sobre eles un gran rosetón, tapiado na actualidade.

As capelas laterais teñen todas un mesmo deseño cun muro meridional, unha credencia e unha xanela no testeiro con derramo interno. Compóñense dunha arquivolta de medio punto apoiada en columnas acaroadas, de fustes monolíticos lisos sobre bases áticas e con capiteis con motivos maioritariamente vexetais, e entre eles un moi deteriorado representando un cuadrúpede.

Exterior[editar | editar a fonte]

A fábrica é de aparello de perpiaño granítico disposto con certa regularidade. A austeridade decorativa do interior volve a manifestarse no exterior.

O conxunto destaca pola acusada horizontalidade do deseño, en gran medida a falta dun cruceiro destacado que lle da unha continuidade visual á nave central, da que semella ser parte.

O testeiro enmárcase entre contrafortes prismáticos e é o resultado de importantes modificacións, principalmente as levadas a cabo no século XVIII. Consérvanse escasos vestixios dunha pequena sancristía de planta rectangular. Das tres ventás coas que contaba só conserva a central e do antigo rosetón só conserva o círculo sen a trazaría e na actualidade está tapiado.

As capelas laterais cóbrense con un tellado común a unha vertente. Presentan sinxelas seteiras rematadas en arco de medio punto. A nave principal cóbrese cun tellado a dúas augas e os dous muros divídense en tramos por contrafortes prismáticos de pouco resalte.

A nave meridional foi moi alterada pola construción do coro alto e a da actual fachada conservando só dous tramos da fábrica orixinal.

A fachada principal rematouse no ano 1740 e substituíu a anterior fachada medieval que seguiría as pautas da arquitectura cisterciense.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pertence a empresa consignataria viguesa Vasco Gallega de Consignaciones
  2. Actual vila de Baiona

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • BAQUERO Alonso, Avelino. Breve historia del Monasterio y Parroquia de Santa María de Oia. Coruxo, Vigo - FAMA. ISBN 84-88272-25-1. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]