Nicolao Copérnico
Nicolao Copérnico,[1] nado o 19 de febreiro de 1473 en Toruń e finado o 24 de maio de 1543, foi un astrónomo e matemático que viviu a cabalo dos séculos xv e xvi e que revolucionou a concepción do universo grazas á súa teoría heliocéntrica do Sistema Solar, que desprazou a Terra coma centro do universo,[2] concibida en primeira instancia por Aristarco de Samos. O seu libro de referencia, De Revolutionibus Orbium Coelestium (Sobre as revolucións das esferas celestes), onde expresa a súa débeda coas obras de Azarquiel e al Battani,[3] publicado en 1543, pouco antes da súa morte, adoita ser considerado como o punto inicial ou fundador da astronomía moderna, ademais de ser unha peza clave no que se chamou a revolución científica na época do Renacemento. Copérnico pasou preto de vinte e cinco anos traballando no desenvolvemento do seu modelo heliocéntrico do universo. Naquela época resultou difícil que os científicos a aceptasen, xa que supoñía unha auténtica revolución.
Copérnico foi matemático, astrónomo, xurista, físico, gobernador, diplomático e economista, estudoso dos clásicos, tradutor e artista.[4] ademais de políglota multilingüe[5] tamén foi clérigo católico e líder militar. Xunto coas súas extensas responsabilidades, a astronomía figuraba como pouco máis ca unha distracción, con todo, foi neste campo no que marcou un fito para a humanidade. Pola súa enorme contribución á astronomía, en 1935 déuselle o nome «Copernicus» a un dos maiores cráteres lunares, situado no Mare Insularum.[6]
Ata Copérnico, a ciencia e a Igrexa consideraban que a Terra estaba no centro do universo. Copérnico revitalizou as antigas teorías sobre o heliocentrismo pero, ademais, realizou as demostracións e cálculos astronómicos que apoiarían esta hipótese. A teoría heliocéntrica, que publicou en 1543, o ano da súa morte, é considerada unha das teorías máis importantes na historia da ciencia occidental.
Copérnico é considerado o fundador da astronomía moderna, por canto estableceu as bases que permitirían a Galileo e Isaac Newton culminar a revolución astronómica —ao pasar dun universo xeocéntrico a un cosmos heliocéntrico— e cambiar de forma irreversible a visión do cosmos prevalecente ata entón, tendo a admiración das autoridades eclesiásticas da Igrexa católica; porén, os seus libros serían incluídos no Index Librorum Prohibitorum, moitos anos despois da súa morte, co caso Galileo.[7][8]
Nome
[editar | editar a fonte]Hai documentadas numerosas variantes do nome do astrónomo e os seus familiares.
Durante a infancia, o nome do seu pai rexistrouse en Toruń como Niclas Koppernigk.[9] En Boloña, en 1496, foi rexistrado coma "Nicolaus Kopperlingk de Thorn" e nado como alemán.
Maximilian Curtze, no prefacio da tradución o alemán (1879) do De revolutionibus, chega á conclusión de que o nome de familia debíase deletrear Koppernigk. O astrónomo latinizárase a Coppernicus, como se pode apreciar en 23 dos 31 documentos estudados e na firma, especialmente nos documentos oficiais.[10]
Ao final da vida, o nome aparece reducido a unha letra pe, e na portada do De Revolutionibus, Rheticus publicara o nome como Nicolai Copernici.
A forma polaca do seu nome é Mikołaj Kopernik. O apelido significa "cobres, quen traballa o cobre",[11] facendo referencia ao oficio de seu pai.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]

Familia
[editar | editar a fonte]
Nicolao Copérnico naceu nunha casa da rúa Santa Ana (hoxe rúa de Copérnico) na cidade de Toruń (na actualidade en Polonia). Esta cidade, situada na beira do Vístula, desde o ano 1466 era parte da provincia da Prusia Real, nos territorios da Coroa do Reino de Polonia.[12][13]
Puxéronlle Nicolao, o mesmo nome de seu pai, quen cara ao 1458 trasladouse a Toruń desde Cracovia, entón a capital de Polonia na Pequena Polonia. O pai era un rico comerciante de cobre que se convertería nun respectado cidadán de Toruń. A nai de Nicolao, Barbara Watzenrode, nacera nunha familia de comerciantes ricos, que foi parte da clase patricia da cidade.
Nicolao era o menor de catro irmáns. Seu irmán Andrés chegou a ser cóengo agostiño en Frombork (entón chamada Frauenburg). Súa irmá Bárbara (que levaba o mesmo nome que a súa nai) fíxose monxa beneditina, nos seus últimos anos foi priora dun convento en Chełmno (Kulm); morreu despois de 1517. . E a súa irmá Katharina casou con Barthel Gertner, un empresario e concelleiro da cidade de Toruń, esta a súa morte deixou cinco fillos, a quen Copérnico coidou ata o final da súa vida.[14]
Copérnico nunca casou e non se sabe si tivo fillos, pero desde polo menos 1531 até 1539 as súas relacións con Anna Schilling, unha ama de chaves que vivía con el, foron consideradas escandalosas por dous bispos de Warmia que lle instaron ao longo dos anos a romper as relacións coa súa «amante».[15]
Familia paterna
[editar | editar a fonte]A familia paterna de Copérnico remóntase a un pobo de Silesia entre Nysa (Neiße) e Prudnik (Neustadt). O nome do pobo escribiuse de diversas formas: Kopernik,[a] Copernik, Copernic, Kopernic, Coprirnik e o moderno Koperniki.[16]
No século XIV, os membros da familia comezaron a trasladarse a outras cidades de Silesia, á capital polaca, Cracovia (1367), e a Toruń (1400).[16] O pai, Mikołaj o Vello (ou |Niklas Koppernigk[17]), probablemente o fillo de Jan (ou Johann[18]), procedía da liña de Cracovia.[16]
Nicolao recibiu o seu nome en honra ao seu pai, que aparece nos rexistros por primeira vez como un comerciante acomodado que comerciaba con cobre, vendéndoo principalmente en Danzig (Gdańsk).[19][20] Mudouse de Cracovia a Toruń ao redor de 1458. Toruń, situada a beiras do río Vístula, estaba nese momento inmersa na guerra dos Trece Anos, na que o Reino de Polonia e a Confederación Prusiana, unha alianza de cidades, nobreza e clero de Prusia, loitou contra a Orde Teutónica polo control da rexión. Nesta guerra, cidades hanseáticas como Danzig e Toruń, cidade natal de Nicolao Copérnico, optaron por apoiar ao rei polaco, Casimiro IV Jagellón, quen prometeu respectar a vasta independencia tradicional das cidades, que a Orde Teutónica había desafiada. O pai de Nicolao participou activamente na política da época e apoiou a Polonia e ás cidades contra a Orde Teutónica. En 1454, mediou nas negociacións entre o cardeal polaco Zbigniew Oleśnicki e as cidades prusianas para o reembolso dos préstamos de guerra. Na Segunda Paz de Torún (1466), a Orde Teutónica renunciou formalmente a todas as reclamacións sobre as terras conquistadas, que volveron a Polonia como Prusia Real e permaneceron como parte dela até a Primeira (1772) e Segunda (1793) particións de Polonia.
O pai de Copérnico casou con Bárbara Watzenrode, a nai do astrónomo, entre 1461 e 1464. [16] Morreu arredor de 1483.[14]
Familia materna
[editar | editar a fonte]
A nai de Nicolao, Barbara Watzenrode, era filla dun rico patricio e concelleiro de Toruń, Lucas Watzenrode o Vello (falecido en 1462), e de Katarzyna (viúva de Jan Peckau), mencionada noutras fontes como Katarzyna Rüdiger xente Modlibóg (falecida en 1476)..[14] Os Modlibógs eran unha prominente familia polaca que fora moi coñecida na historia de Polonia desde 1271. A familia Watzenrode, do mesmo xeito que a familia Kopernik, procedía de Silesia, preto de Schweidnitz (Świdnica), e estableceuse en Toruń despois de 1360. Pronto se converteron nunha das familias patricias máis ricas e influentes.[14] A través das extensas relacións familiares por matrimonio dos Watzenrode, Copérnico estaba emparentado con familias adiñeiradas de Toruń (Thorn), Danzig (Gdansk) e Elbing (Elbląg), e con destacadas familias nobres polacas de Prusia: os Czapski, Działyński, Konopacki e Kościelecki.[14] Lucas e Katherine tiveron tres fillos: Lucas Watzenrode o Mozo (1447-1512), que se convertería en bispo de Warmia e mecenas de Copérnico; Barbara, a nai do astrónomo (falecida despois de 1495); e Christina (falecida antes de 1502), que en 1459 casou co comerciante e alcalde de Toruń, Tiedeman von Allen.[14]
Lucas Watzenrode o Vello, un rico comerciante e presidente do tribunal xudicial entre 1439 e 1462, foi un decidido opositor dos cabaleiros teutónicos.[14] En 1453 foi o delegado de Toruń na conferencia de Grudziądz (Graudenz) na que se planeou a revolta contra eles.[14] Durante a posterior guerra dos trece anos, apoiou activamente o esforzo bélico das cidades prusianas con importantes subvencións monetarias (das que posteriormente reclamou só unha parte), con actividade política en Torún e Danzig, e loitando persoalmente nas batallas de Łasin (Lessen) e Malbork (Marienburg).[14] Morreu en 1462.[14]
Lucas Watzenrode, tío materno e mecenas do astrónomo, formouse na Universidade de Cracovia e nas universidades de Colonia e Boloña. Era un acérrimo opositor da Orde Teutónica,[b] e o seu Gran Mestre referiuse unha vez a el como "o demo encarnado".[c] En 1489, Watzenrode foi elixido bispo de Warmia (Ermeland, Ermland) en contra da preferencia do rei Casimiro IV, que esperaba colocar ao seu propio fillo nese posto.[23] Como resultado, Watzenrode puxose a mal co rei até a morte deste tres anos despois. Watzenrode puido entón establecer estreitas relacións con tres monarcas polacos sucesivos: Xoán I Alberto, Alexandre Jagellón e Sexismundo I o Vello. Foi amigo e conselleiro clave de cada un destes gobernantes, e a súa influencia fortaleceu enormemente os lazos entre Warmia e a propia Polonia.[24] Watzenrode chegou a ser considerado o home máis poderoso de Warmia, e a súa riqueza, as súas conexións e a súa influencia permitíronlle garantir a educación e a carreira de Copérnico como cóengo na Catedral de Frombork.[23][d]
Educación
[editar | editar a fonte]Educación temperá
[editar | editar a fonte]En 1483, cando tan soo tiña 10 anos, morreu seu pai, quedando o neno na custodia de seu tío materno, o sacerdote Lucas Watzenrode (1447-1512), quen chegaría a príncipe-bispo de Warnia e que tería unha influencia decisiva na educación e carreira de Copérnico.[14] Seis anos máis tarde, Watzenrode foi elixido bispo de Warmia. Watzenrode mantivo contactos con destacadas figuras intelectuais de Polonia e foi amigo do influente humanista e cortesán de Cracovia nacido en Italia, Filippo Buonaccorsi.[26] Non se conservan documentos primarios sobre os primeiros anos da infancia e educación de Copérnico.[14] Os biógrafos de Copérnico supoñen que Watzenrode enviou primeiro ao mozo Copérnico á escola de San Xoán, en Toruń, onde el mesmo fora mestre.[14] Máis tarde, segundo Armitage,[n. 1] o neno asistiu á Escola Catedral de Włocławek, río Vístula arriba desde Toruń, que preparaba aos alumnos para ingresar na Universidade de Cracovia.[27]
Universidade de Cracovia 1491–1495
[editar | editar a fonte]
No semestre de inverno de 1491-92, Copérnico, como "Nicolaus Nicolai de Thuronia", matriculouse xunto co seu irmán Andrés na Universidade de Cracovia.[14] Copérnico comezou os seus estudos no Departamento de Artes (desde o outono de 1491, presumiblemente ata o verán ou outono de 1495) no apoxeo da escola astronómica-matemática de Cracovia, adquirindo as bases para os seus posteriores logros matemáticos.[14] Segundo unha tradición posterior pero crible (Jan Brożek), Copérnico foi alumno de Albert Brudzewski, quen para entón (desde 1491) era profesor de filosofía aristotélica pero ensinaba astronomía en privado fóra da universidade; Copérnico familiarizouse co comentario amplamente lido de Brudzewski do Theoricæ novæ planetarum de Georg von Peuerbach e case con toda seguridade asistiu ás conferencias de Bernardo de Biskupie e Wojciech Krypa de Szamotuły, e probablemente a outras conferencias astronómicas de Jan de Głogów, Michał of Wrocław (Wrocław), Wojciech of Pniewy, e Marcin Bylica de Olkusz.[28][29].
Nesa época, Polonia atravesaba unha verdadeira idade de ouro cultural e a Universidade de Cracovia gozaba dun gran prestixio en matemáticas e en astronomía. Comezou a reunir unha gran biblioteca sobre o tema, que máis adiante sería espoliada coma botín de guerra polos suecos durante o Potop (O Diluvio)[30], e, por iso, agora atópase en Uppsala, na biblioteca da Universidade. Durante esta época estudantil, latiniza o seu nome como Nicolaus Copernicus.
Astronomía matemática
[editar | editar a fonte]Os estudos de Copérnico en Cracovia proporcionáronlle unha base sólida na astronomía matemática que se ensinaba na universidade (aritmética, xeometría, óptica xeométrica, cosmografía, astronomía teórica e computacional) e un bo coñecemento dos escritos filosóficos e de ciencias naturais de Aristóteles (De coelo, Metafísica) e Averroes, o que estimulou o seu interese pola aprendizaxe e familiarizoulle coa cultura humanística. [23] Copérnico ampliou os coñecementos que adquiriu nas aulas universitarias coa lectura independente de libros que adquiriu durante os seus anos en Cracovia (Euclides, Haly Abenragel, as Táboas Afonsinas, Johannes Regiomontanus Tabulae directionum); probablemente, tamén datan deste período as súas primeiras notas científicas, conservadas en parte na Universidade de Uppsala.[23] En Cracovia, Copérnico comezou a reunir unha gran biblioteca sobre astronomía, que máis tarde sería levada como botín de guerra polos suecos durante o Diluvio na década de 1650 e que se conserva na biblioteca da Universidade de Uppsala.[31]
Contradicións nos sistemas de Aristóteles e Tolomeo
[editar | editar a fonte]Os catro anos que Copérnico pasou en Cracovia desempeñaron un papel importante no desenvolvemento da súa capacidade crítica e deron inicio á súa análise das contradicións lóxicas nos dous sistemas «oficiais» de astronomía: a teoría de Aristóteles das esferas homocéntricas e o mecanismo de Tolomeo de excéntricas e epiciclos—, cuxa superación e descarte sería o primeiro paso cara á creación da propia doutrina de Copérnico sobre a estrutura do universo.[23]
Warmia 1495–96
[editar | editar a fonte]Sen obter un título, probablemente no outono de 1495, Copérnico deixou Cracovia pola corte do seu tío Watzenrode, quen en 1489 fora elevado a príncipe-bispo de Varmia e pronto (antes de novembro de 1495) tratou de colocar ao seu sobriño na coenxía de Varmia, vacante desde o 26 de agosto de 1495 pola morte do seu inquilino anterior, Jan Czanow. Por razóns pouco claras, probablemente debido á oposición dunha parte do cabido que apelou devandita decisión a Roma, a toma de posesión de Copérnico atrasouse, o que inclinou a Watzenrode a enviar aos seus dous sobriños a estudar dereito canónico en Boloña (Italia), aparentemente con miras a promover as súas carreiras eclesiásticas e, por tanto, tamén fortalecendo a súa propia influencia no cabido de Varmia,[32] onde ingresa na súa famosa Escola de Xuristas. Nesta escola ademais de dereito canónico continúa ampliando os seus coñecementos sobre astronomía grazas ás leccións de Doménico María de Novara. En Boloña tamén estudou medicina, grego e filosofía.

O 20 de outubro de 1497, Copérnico, por poder, logrou acceder formalmente á coenxía de Varmia que lle foi outorgada dous anos antes. A isto, mediante un documento datado o 10 de xaneiro de 1503 en Padua, agregaría unha sinecura na Colexiata da Santa Cruz e San Bartolomé en Breslavia (por entón na Coroa de Bohemia). A pesar de recibir un indulto papal o 29 de novembro de 1508 para recibir máis beneficios, ao longo da súa carreira eclesiástica Copérnico non só non adquiriu máis prebendas e estacións máis altas (prelado) no cabido, senón que en 1538 renunciou á sinecura de Breslavia. Non está claro si algunha vez foi ordenado sacerdote,[32][n 1] aínda que sería probable, xa que en 1537 foi un dos catro candidatos para a sede episcopal de Varmia, cargo que requiría a ordenación.[35] Copérnico tomou ordes menores, que foron suficientes para asumir unha coenxía capitular.[32]
Italia
[editar | editar a fonte]Universidade de Boloña 1496-1501
[editar | editar a fonte]Mentres tanto, tras abandonar Warmia a mediados de 1496 —posiblemente co séquito do chanceler do capítulo, Jerzy Pranghe, que se dirixía a Italia—, no outono, probablemente en outubro, Copérnico chegou a Boloña e uns meses máis tarde (despois do 6 de xaneiro de 1497) inscribiuse no rexistro da "nación alemá" da Universidade de Xuristas de Boloña, que incluía a mozos polacos de Silesia, Prusia e Pomerania, así como a estudantes doutras nacionalidades.[23]
O 9 de marzo de 1497 Copérnico observa o tránsito da Lúa sobre a estrela Aldebarán, da constelación de Tauro. Grazas a esta observación, puido constatar que a teoría astronómica de Tolomeo, entón dominante, estaba errada. Mediante o cálculo da paralaxe lunar puido determinar que a distancia entre a Terra e a Lúa era a mesma durante os cuartos (minguante e crecente) que durante o plenilunio, en contra do sostido pola teoría ptolomeica.

Copérnico comezou entón un estudo sistemático dos astrónomos clásicos dende Aristóteles. Axiña se interesou naqueles que refutaban o xeocentrismo de Tolomeo como Aristarco de Samos, quen xa no 270 a. C. afirmou que o Sol era o centro do universo. Tamén leu a Filalo, Heríclides, Ecfanto, Jabir de Sevilla, Nicolao Oresmes, Nicolao de Cusa, Georg von Peuerbach, Johan Müller (alcumado Regiomontano) etc.
En 1500 doutórase en Astronomía en Roma, e en 1501 volveu á súa patria onde foi nomeado cóengo na catedral de Frombork coa axuda do seu tío Lucas Watzenrode. Pese ao seu cargo, volveu a Italia, esta vez a Padua (1501-1506) onde estuda Dereito Canónico e Medicina. Finalmente, doutorase en Dereito Canónico en Ferrara en 1503. Ese mesmo ano regresa a Polonia, concretamente a Lidzbark, para ser o asesor e o médico persoal de seu tío ata 1510 (ou pode que ata a morte do seu tío en 1512).
Reinstalado definitivamente en Warmia en 1523, dedicouse á administración da diocese de Warmia, exerceu a Medicina, ocupou certos cargos administrativos e levou a cabo o seu inmenso e primordial traballo no campo da astronomía.
Morte
[editar | editar a fonte]Faleceu o 24 de maio de 1543 en Frombork, Polonia. En 2005 un equipo de arqueólogos polacos afirmou ter achado os seus restos na Catedral de Frombork, feito que foi corroborado en 2008 ao analizar un dente e parte do cranio e comparalo cun pelo seu encontrado nun dos seus manuscritos.[36] A partir do cranio, expertos policiais, reconstruíron o seu rostro, coincidindo este co do seu retrato.[36]
O 22 de maio de 2010 recibiu un segundo funeral nunha misa oficiada por Józef Kowalczyk, nuncio papal en Polonia e posteriormente nomeado Primado de Polonia. Os seus restos foron de volta enterrados no mesmo lugar, na Catedral de Frombork. Unha lápida de granito negro identíficao agora como o fundador da teoría heliocéntrica, e leva ademais a representación do modelo de Copérnico do sistema solar: un sol dourado rodeado por seis dos planetas.[37][38]
Teoría heliocéntrica copernicana
[editar | editar a fonte]O sistema de Copérnico descansa sobre a observación de que a Terra xira sobre o seu eixo ao longo do día, o cal explica o movemento diúrno da esfera celeste. Postula, igualmente, que a Terra da unha volta ao Sol (heliocentrismo) cada ano. Afirma tamén que os outros planetas tamén xiran ó redor do Sol. Copérnico avanza igualmente que a Terra oscila sobre o seu eixo de rotación, o cal explicaría a formación do día e a noite.
A teoría de Copérnico contradi a cosmoloxía e a física de Tolomeo, así como a filosofía de Aristóteles. Así mesmo, vulnera as ensinanzas contidas nas Escrituras sobre a inmobilidade da Terra e o movemento do Sol. Copérnico conserva, de todos os xeitos, algúns elementos do antigo sistema, como é a idea das esferas sólidas ou a esfera dos fixos.
O novo sistema proposto por Copérnico ten certas vantaxes sobre o do seu predecesor. Explica, entre outros, o movemento diario do Sol e das estrelas por medio da rotación terrestre. Tamén explica o movemento do Sol durante o ano. Igualmente explica o movemento retrógrado dos planetas exteriores coñecidos entón: Marte, Xúpiter e Saturno. A súa teoría ten en conta tamén os planetas interiores: Venus e Mercurio. Copérnico avanza tamén unha teoría sobre a orde dos planetas, as súas distancias, e, por conseguinte, o seu período orbital. Copérnico contradi a Tolomeo cando di que canto máis longa é a órbita dun planeta, máis grande é o tempo que fará falta para que faga unha revolución completa ao Sol.

Copérnico estudara os escritos dos filósofos gregos buscando referencias no problema do movemento terrestre, especialmente os pitagóricos e Aristarco de Samos, o cal estableceu por primeira vez a teoría heliostática.
As hipóteses fundamentais da Teoría Copernicana son:
- O mundo (o Universo) é esférico.
- A Terra tamén é esférica.
- O movemento dos corpos celestes é regular, circular e perpetuo ou composto por movementos circulares. Distingue varios tipos de movementos:
- Movemento diúrno: causado pola rotación da Terra en 24 horas e non de todo o Universo.
- Movemento anual do Sol: causado pola translación da Terra ao redor do Sol nun ano.
- Movemento mensual da Lúa ao redor da Terra.
- Movemento planetario: causado pola composición do movemento propio e o da Terra. A retro gradación do movemento dos planetas non é máis que aparente e non un movemento verdadeiro, debido ao movemento de translación da Terra ao redor do Sol.
- O ceo é inmenso comparado coa magnitude da Terra.
- A orde das órbitas celestes. Despois de criticar a orde que a astronomía tolomemaica asignaba aos planetas, dá a orde correcta de acordo co afastamento do Sól.
É indubidable que 2.000 anos de teoría xeocéntrica non acabaron só pola aparición illada das teorías de Copérnico: xusto é dicir que confluíu unha necesidade social froito dos novos aires do Renacemento e do neoplatonismo que se respiraban na época.
Traballos astronómicos: De revolutionibus
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: De Revolutionibus Orbium Coelestium.
En 1507 redacta os Commentariolus (Nicolai Copernici de hipothesibus motum coelestium a se constitutis commentariolus) na que expón sumariamente a súa teoría heliocéntrica. Porén, os Commentariolus carecían da armazón matemática e das observacións necesarias para demostrar as súas teorías heliocéntricas. A este empeño consagrou a súa vida Copérnico.
A primeira obra publicada de Copérnico é, non obstante, unha tradución do latín das Cartas de Ética de Teofilatos de Simocrata, un filósofo que escribiu durante o século VII en Bizancio.
En 1512, trala morte do seu tío, ten que asumir o seu cargo canónico o cal o obriga a mudarse de novo a Frombrock. Ó longo dese ano realiza as minuciosas observacións de Marte que o levan a corrixir os seus Commentariolus.
Aínda que Copérnico se negaba sistematicamente a dar publicidade ás súas teorías sobre o universo, o seu prestixio coma astrónomo era moi grande polo cal é chamado a participar no Concilio de Letrán para tratar sobre a reforma do calendario.
Durante 1517, no castelo de Olsztyn Copérnico redacta a súa Táboa Solar que estaría na base da demostración das súas ideas sobre o Sol.
Ademais de cóengo e astrónomo, Copérnico tamén era un líder político e militar. De feito, durante 1520 liderou a loita dos vilegos de Olsztyn contra os cabaleiros teutóns.

Tamén durante 1520 comeza a redactar De Revolutionibus, a súa obra cumio. Con todo, Copérnico, consciente das polémicas que ían espertar a súa revolucionaria concepción do universo, resistiuse a dar ó prelo este libro. Antes, en 1529 editou De octava sphaera (tamén coñecida como Carta a Wapowski, por ir dirixida ó seu amigo Bernard Wapowski) onde critica as teorías astronómicas contidas no libro Do movemento da oitava esfera de Xoán Werner de Nuremberg. Anos máis tarde, Copérnico está a piques de publicar un almanaque do sistema solar calculado a partir das táboas astronómicas nas que se baseaba De revolutionibus, pero a morte do seu editor, Bernard Wapowski, provoca a cancelación da publicación e que o almanaque se perda para sempre.
A azarosa publicación de De revolutionibus
[editar | editar a fonte]
A chegada a Frombork en 1539 do astrónomo Georg Joachim de Porris, máis coñecido por Rheticus, axudou a Copérnico a perfeccionar De revolutionibus. Rheticus traduce para Copérnico o Almagesto de Tolomeo e o De triangulis omnimodis de Regiomontano, obras que deixarían unha importante pegada en De revolutionibus. Ademais, en 1540, Rheticus escribe De libris revolutionum Nicolai Copernici narratio prima, unha extensa compilación das descubertas de Copérnico. Pero en 1541 Rheticus debe regresar a Wittenberg onde é profesor. Con todo, en 1542, Rheticus viaxa a Nuremberg para imprimir De revolutionibus. Lamentablemente debe abandonar a cidade antes de que a impresión estea rematada. O manuscrito de Copérnico caeu nas mans do editor Andrés Osiander, quen publicará De revolutionibus orbium coelestium, introducindo no texto orixinal unha serie de modificacións debidas á súa fe luterana. En marzo de 1543 este libro ve a luz. Non se sabe se Copérnico chegou a velo antes do seu pasamento o 24 de maio de 1543. A lenda di que o recibiu a mesma mañá da súa morte.
A recepción das teorías de Copérnico durante o século XVI
[editar | editar a fonte]
Xa en vida Copérnico temeu que a súa teoría heliocéntrica fose mal recibida. Por iso, durante moitos anos negouse a publicar de forma completa os seus estudos. Só o fixo animado polos amigos e grazas, sobre todo, ó labor de Rheticus.
Os primeiros en opoñérense á revolución copernicana foron os protestantes. Lutero rexeitou o heliocentrismo por ser contrario á Biblia. En realidade, o heliocentrismo enfrontábase a unha tradición xeocentrista moi longa e remota e resultaba moi difícil cambiar as mentalidades.
Curiosamente, a Igrexa católica mantivo durante os primeiros anos unha tímida aceptación dos postulados copernicanos. Por exemplo, Copérnico é invitado a participar nas discusións para a modificación do calendario durante o Concilio de Letrán. Ademais, o dominico Nicolao Schonberg, cardeal e procurador xeral da orde de Santo Domingo, alentou a Copérnico para que publicase as súas investigacións nunha famosa carta. Non obstante, a tradición escolástica puido finalmente e o Papado mantivo na lista de libros prohibidos o De revolutionibus dende 1616 ata 1835.
É ben sabido que a posición dos luteranos e dos católicos ás teorías heliocéntricas expostas por Copérnico baséanse nun pasaxe da Biblia, concretamente do Eclesiastés, en que Xosué ordena ó Sol que se deteña o cal só sería posible se o Sol xirase en torno á Terra e non o revés.
De revolutionibus resultou ser finalmente un extenso e complexo libro formado por seis volumes, dedicados na súa meirande parte a demostrar a teoría que expón no primeiro destes volumes. Basicamente, as ideas de Copérnico consistían en afirmar que a Terra xira sobre si mesma e en torno ó Sol. Esta idea estendeuna ó resto dos planetas coñecidos do Sistema Solar co cal conseguiu explicar o aparente movemento retrógrado de Marte, Xúpiter e Saturno (debido a que os vemos dende a Terra e que están máis afastados ca nós do Sol)
Copérnico tamén sostivo que o eixo de rotación da Terra está inclinado respecto ó plano da súa órbita arredor do Sol.
Porén, o maior inconveniente do sistema copernicano era que aínda mantiña as órbitas circulares de Tolomeo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ «O nome do pobo, similar ao da familia do astrónomo, escribiuse de diversas formas. Un gran atlas alemán de Silesia, publicado por Wieland en Nuremberg en 1731, escríbeo Kopernik. (ref. Mizwa, p. 36).
- ↑ "En 1512, o bispo Watzenrode morreu repentinamente tras asistir ao banquete de vodas do rei Segismundo en Cracovia. Correron rumores de que o bispo fora envelenado por axentes do seu inimigo acérrimo, a Orde Teutónica."[21]
- ↑ "[Watzenrode] tamén era firme, e aos cabaleiros teutónicos, que seguían sendo unha ameaza constante, non lles gustaba en absoluto; o gran maestre da orde describiuno unha vez como "o diaño encarnado". [Watzenrode] foi o amigo e conselleiro de confianza de tres reis [polacos] sucesivos: Xoán Alberto, Alexandre (que non debe confundirse co papa envelenado) e Sexismundo; e a súa influencia fortaleceu enormemente os lazos entre Warmia e a propia Polonia."[22]
- ↑ "Para obter para os seus sobriños [Nicolaus e Andreas] o apoio necesario [para os seus estudos en Italia], o bispo [Lucas Watzenrode o Mozo] procurou a súa elección como cóengos polo cabido de Frauenburg (1497-1498)."[25]
- Referencias
- ↑ "Nome segundo a EGU". Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2012. Consultado o 30 de decembro de 2010.
- ↑ Un matemático grego, Aristarco de Samos, elaborou unha hipótese heliocéntrica xa no século iii a.C. Con todo, hai poucas probas de que se desenvolveran as súas ideas máis aló dun esquema moi básico (Dreyer, 1953,pp. 135–48, Linton, 2004, p. 39).
- ↑ A. Zahoor. "AbuIshaq Ibrahim ibn Yahyà al-Zarqalí (Arzachel) (1028 - 1087 C.E.)" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 11/11/2013. Consultado o 11/11/2013.
- ↑ Un autorretrato axudou a confirmar a identidade do seu cranio, cando se descubriu na Catedral de Frombork en 2008.
- ↑ Usaba o latín e o alemá, sabía grego para traducir a prosa latina dos versos do poeta bizantino do século VII Teofilacto Simocatta (Armitage, O mundo de Copérnico, pp. 75 - 77), e "hai bastantes probas que sabía polaco" (Norman Davies, God's Playground , vol. II, p. 26). Durante os seus anos de estudos en Italia, Copérnico, presumiblemente, tamén aprendeu italiano. O profesor Stefan Melkowski da Universidade Nicolaus Copernicus de Torun afirma que Copérnico falaba tanto polaco coma alemán. ("O historii io współczesności"'' Arquivado 24 de xaneiro de 2004 en Wayback Machine. ("sobre a historia e a contemporaneidade"), maio de 2003)
- ↑ Ficha do cráter lunar «Copernicus», Gazeteer of Planetary Nomenclature Enlace consultado o 4 de xullo de 2009.
- ↑ Jesús Sánchez Navarro (2003). "Las Matemáticas y la Cultura: Matemáticas, Arte y Ciencia en los comienzos de la Revolución Científica" (PDF) (en castelán). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 18 de maio de 2024. Consultado o 4 de decembro de 2015.
- ↑ Carlos Tello Díaz (2003). "En el centro del universo" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 03 de outubro de 2015. Consultado o 4 de decembro de 2015.
- ↑ Existen documentos da cidade de Thorn mencionándoo coma Niclas Koppernigk ao redor de 1480. Véxase Nicolaus Copernicus Gesamtausgabe:Urkunden, Akten und Nachrichten: Texte und Übersetzungen, ISBN 3-05-003009-7, páxina 23 (online) ou Marian Biskup:Regesta copernicana (calendari dels documents de Copèrnic), (Ossolineum, 1973, páxina 32 online)[1].
- ↑ Maximilià Curtze.Ueber die Orthographie des Namens Coppernicus, de 1879, en alemán.
- ↑ Melkowski, Stefan (2003). "O historii i o współczesności" (en polaco). Arquivado dende o orixinal o 24/01/2004. Consultado o 12/11/2013.
- ↑ Barbara Bieńkowska, O mundo científico de Copérnico: Con motivo do 500 aniversario do seu nacemento, 1473-1973, 1973, p. 137: "O seu país foi o da antiga provincia da Prusia Real, composta pola súa Toru natal e Warmia, ambos formando parte do estado polaco desde 1454 ."
- ↑ Jean W. Sedlar (1994). "East Central Europe in the Middle Ages, 1000-1500" (en inglés). pp. 281–82. Consultado o 12/11/2013.
Os propios prusianos consideran o seu territorio unido a Polonia só a través da persoa do rei .... As diferenzas sociais e étnicas reforzan esta separación.
- ↑ 14,00 14,01 14,02 14,03 14,04 14,05 14,06 14,07 14,08 14,09 14,10 14,11 14,12 14,13 14,14 14,15 Dobrzycki and Hajdukiewicz (1969), p. 4.
- ↑ John Freely, Celestial Revolutionary, I.B. Tauris, 2014, ISBN 978-1780763507, pp. 103–104, 110–113.
- ↑ 16,0 16,1 16,2 16,3 Dobrzycki and Hajdukiewicz (1969), p. 3.
- ↑ Freely, John (2014). Celestial Revolutionary: Copernicus, the Man and His Universe. I.B. Tauris. p. 2. ISBN 978-0857734907.
- ↑ "Copernicus, Nicolaus". NDB-online.
- ↑ Bieńkowska (1973), p. 15
- ↑ Rybka (1973), p. 23.
- ↑ Hirshfeld, p. 38.
- ↑ Moore (1994), pp. 52, 62.
- ↑ 23,0 23,1 23,2 23,3 23,4 23,5 Dobrzycki e Hajdukiewicz (1969), p. 5.
- ↑ Moore (1994), p. 62.
- ↑ "Nicolaus Copernicus", New Advent (online version of the 1913 Catholic Encyclopedia). Consultado o 28 de agosto do 2025.
- ↑ Czesław Miłosz, The History of Polish Literature, p. 38.
- ↑ Angus Armitage, The World of Copernicus, p. 55.
- ↑ Dobrzycki and Hajdukiewicz (1969), pp. 4–5.
- ↑ Vernet, Juan (2000). Astrología y astronomía en el Renacimiento. La revolución copernicana. (en castelán). Barcelona: Acantilado. p. 34. ISBN 84-95359-11-1.
Estudou na Universidade de Cracovia entre 1491 e 1495 e aquí parece que tivo os seus primeiros contactos coa astronomía. Posiblemente seguiu as clases do astrónomo-astrólogo Albert Brudzewski, quen desde 1490 «lía» o De coelo de Aristóteles. Brudzewski coñecía ben a astronomía tradicional e escribira en 1482 un Commentatorium super theoricas novas planetarium Georgii Peuerbachii que foi editado en 1495. Pero é moi difícil que puidese suxerir aos seus alumnos as ideas dun novo sistema planetario, aínda que coñecese as dúbidas sobre o tradicional por Averroes e outros pensadores musulmáns, como Alpetragio.
- ↑ Potot ou Delug en polaco significa diluvio e é o nome co que se coñece a unha serie de guerras acontecidas en Polonia durante o século XVII.
- ↑ Sobel (2011), pp. 7, 232.
- ↑ 32,0 32,1 32,2 Dobrzycki y Hadjukiewicz 1969, p. 5.
- ↑ Rosen 1960.
- ↑ Rosen 1995, pp. 47-56.
- ↑ Hagen 1908, pp. 352-353.
- ↑ 36,0 36,1 El Mundo, ed. (20/11/2008). "El ADN confirma que los restos hallados en 2005 son los de Copérnico" (en castelán). Consultado o 4 de decembro de 2015.
- ↑ Easton, Adam (21/11/2008). "Polish tests 'confirm Copernicus'". BBC News. Consultado o 18 de xaneiro de 2010.
- ↑ El Mundo (ed.). "Copérnico será enterrado en Polonia 467 años después de su muerte" (en castelán).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Commons ten máis contidos multimedia sobre: Nicolao Copérnico |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Arbaizar Gil, Benito (200). Nicolao Copérnico. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 978-84-96128-00-2.
- Armitage, Angus (1951). The World of Copernicus. New York: Mentor Books.
- Armitage, Angus (1990). Copernicus, the founder of modern astronomy. Dorset Press. ISBN 978-0-88029-553-6.
- Bell, Eric Temple (1992) [1940]. The development of mathematics. New York: Dover Publications. ISBN 978-0-486-27239-9.
- Bieńkowska, Barbara (1973). The Scientific World of Copernicus: On the Occasion of the 500th Anniversary of His Birth, 1473–1973. Springer. ISBN 978-90-277-0353-8.
- Biskup, Marian (1973). Regesta Copernicana: (calendar of Copernicus's papers) (en polaco). Ossolineum.
- Carrier, Martin (2001). Nikolaus Kopernikus. C. H. Beck. ISBN 978-3-406-47577-1.
- Coyne, George V. (2005). The Church's Most Recent Attempt to Dispel the Galileo Myth. In McMullin (2005, pp. 340–59).
- Danielson, Dennis Richard (2006). "1 Patrons and Poets (footnote 13)". The First Copernican: Georg Joachim Rheticus and the Rise of the Copernican Revolution. New York: Walker & Company. p. 421. ISBN 978-0-8027-1530-2.
- Davies, Norman, God's Playground: A History of Poland, 2 vols., New York, Columbia University Press, 1982, ISBN 0-231-04327-9.
- Dobrzycki, Jerzy, and Leszek Hajdukiewicz, "Kopernik, Mikołaj", Polski słownik biograficzny (Polish Biographical Dictionary), vol. XIV, Wrocław, Polish Academy of Sciences, 1969, pp. 3–16.
- Dreyer, John Louis Emil (1953) [1906]. A History of Astronomy from Thales to Kepler. New York: Dover Publications.
- Esposito, John L. (1999). The Oxford history of Islam. Oxford University Press. ISBN 978-0-19-510799-9.
- Fantoli, Annibale (2005). The Disputed Injunction and its Role in Galileo's Trial. In McMullin (2005, pp. 117–49).
- Feldhay, Rivka (1995). Galileo and the Church: Political Inquisition Or Critical Dialogue?. Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-34468-5.
- Finocchiaro, Maurice A. (1989). The Galileo Affair: A Documentary History. Berkeley: University of California Press. ISBN 978-0-520-06662-5.
- Finocchiaro, Maurice A. (2010). Defending Copernicus and Galileo: Critical Reasoning in the Two Affairs. Springer Science & Business Media. ISBN 978-90-481-3201-0.
- Gagné, Marc (2005). Finocchiaro, Maurice A., ed. "Texts from The Galileo Affair: A Documentary History". Traducido por Finocchiaro. West Chester University course ESS 362/562 in History of Astronomy. Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2007. Consultado o 15 January 2008. (Extracts from Finocchiaro (1989))
- Gassendi, Pierre; Thill, Olivier (setembro de 2002). The Life of Copernicus 1473–1543. Xulon Press. ISBN 978-1-59160-193-7.
- Gingerich, Owen (2004). The Book Nobody Read. Londres: William Heinemann. ISBN 978-0-434-01315-9.
- Gingerich, Owen (2014). "God's Planet". Harvard University Press. Bibcode:2014gopl.book.....G. ISBN 978-0-674-41710-6.
- Gingerich, Owen (2016). Copernicus: A Very Short Introduction. Oxford & New York, NY: Oxford University Press. Bibcode:2016cvsi.book.....G. ISBN 978-0-19-933096-6.
- Goddu, André (2010). Copernicus and the Aristotelian tradition. Leiden, Netherlands: Brill. ISBN 978-90-04-18107-6.
- Goodman, David C.; Russell, Colin A. (1991). The Rise of Scientific Europe, 1500–1800. Hodder Arnold H&S. ISBN 978-0-340-55861-4.
- Heath, Sir Thomas (1913). Aristarchus of Samos, the ancient Copernicus; a history of Greek astronomy to Aristarchus, together with Aristarchus's Treatise on the sizes and distances of the sun and moon : a new Greek text with translation and notes. Londres: Oxford University Press.
- Graney, Christopher M. (2015). Setting Aside All Authority: Giovanni Battista Riccioli and the Science Against Copernicus in the Age of Galileo. Notre Dame, IN: University of Notre Dame Press. ISBN 978-0-268-02988-3.
- Heilbron, John L. (2005). Censorship of Astronomy in Italy after Galileo. In McMullin (2005, pp. 279–322).
- Hirshfeld, Alan W. (1 May 2002). Parallax: The Race to Measure the Cosmos. Henry Holt and Company. ISBN 978-0-8050-7133-7.
- Hoskin, Michael (18 March 1999). The Cambridge Concise History of Astronomy. Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-57600-0.
- Johnson, Lonnie (28 de setembro de 1996). Central Europe: Enemies, Neighbors, Friends. Oxford University Press, US. ISBN 978-0-19-802607-5.
- Koeppen, Hans; et al. (1973). Nicolaus Copernicus zum 500. Geburtstag. Böhlau Verlag. Bibcode:1973ncz..book.....K. ISBN 978-3-412-83573-6.
- Koestler, Arthur (1963) [1959]. The Sleepwalkers: A History of Man's Changing Vision of the Universe. New York: Grosset & Dunlap. ISBN 978-0-448-00159-3. Edición orixinal publicada por Hutchinson (1959, Londres)
- Koestler, Arthur (1968). The Sleepwalkers. Macmillan.
- Koyré, Alexandre (1973). The Astronomical Revolution: Copernicus – Kepler – Borelli. Ithaca, NY: Cornell University Press. ISBN 978-0-8014-0504-4.
- Kuhn, Thomas (1957). The Copernican Revolution: Planetary Astronomy in the Development of Western Thought. Cambridge: Harvard University Press. Bibcode:1957crpa.book.....K. OCLC 535467.
- Lindberg, David C.; Numbers, Ronald L. (1986). "Beyond War and Peace: A Reappraisal of the Encounter between Christianity and Science". Church History 55 (3). pp. 338–354. JSTOR 3166822. doi:10.2307/3166822.
- Linton, Christopher M. (2004). From Eudoxus to Einstein: A History of Mathematical Astronomy. Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-82750-8.
- Malagola, Carlo (1878). Della vita e delle opere di Antonio Urceo detto Codro: studi e ricerch. Fava e Garagnani.
- Manetho; Ptolemy (1964) [1940]. Manetho Ptolemy Tetrabiblos. Loeb Classical Library edition, translated by W.G.Waddell and F.E.Robbins PhD. Londres: William Heinemann.
- McMullin, Ernan, ed. (2005). The Church and Galileo. Notre Dame, IN: University of Notre Dame Press. ISBN 978-0-268-03483-2.
- Miłosz, Czesław, The History of Polish Literature, second edition, Berkeley, University of California Press, 1969, ISBN 0-520-04477-0.
- Mizwa, Stephen, Nicolaus Copernicus, 1543–1943, Kessinger Publishing, 1943.
- Moore, Patrick (1994). The great astronomical revolution 1543–1687 and the Space Age epilogue. Albion. ISBN 978-1-898563-18-1.
- Owen, John (1869) [1671]. "Of the Original of the Sabbath". En Goold, William H.; Quick, Charles W. The Works of John Owen XI. Philadelphia: The Leighton Publications. pp. 286–326.
- Ptolemy, Claudius (1964) [1940]. Tetrabiblos. translated by F.E. Robbins (Loeb Classical Library ed.). Londres: William Heinemann.
- Rabin, Sheila (2005). "Nicolaus Copernicus". En Zalta, Edward N. The Stanford Encyclopedia of Philosophy (Summer 2005 ed.). Consultado o 26 May 2008.
- Repcheck, Jack (2007). Copernicus' Secret: How the Scientific Revolution Began. New York: Simon & Schuster. ISBN 978-0-7432-8951-1.
- Rosen, Edward (1960). "Calvin's Attitude toward Copernicus". Journal of the History of Ideas 21 (3): 431–41. JSTOR 2708147. doi:10.2307/2708147.
- Rosen, Edward (1995). Hilfstein, Erna, ed. Copernicus and his Successors. Londres: Hambledon Press. Bibcode:1995cops.book.....R. ISBN 978-1-85285-071-5.
- Rosen, Edward (2004) [1939]. Three Copernican Treatises:The Commentariolus of Copernicus; The Letter against Werner; The Narratio Prima of Rheticus (Second Edition, revised ed.). New York: Dover Publications. ISBN 978-0-486-43605-0.
- Russell, Jeffrey Burton (1997) [1991]. Inventing the Flat Earth – Columbus and Modern Historians. New York: Praeger. ISBN 978-0-275-95904-3.
- The Review of the Polish Academy of Sciences. "Ossolineum", the Polish Academy of Sciences Press. 1973.
- Josh Sakolsky (1 October 2004). Copernicus And Modern Astronomy. The Rosen Publishing Group. ISBN 978-1-4042-0305-1.
- Saliba, George (2009). Islamic reception of Greek astronomy (PDF). in Valls-Gabaud & Boskenberg (2009) 260. pp. 149–65. Bibcode:2011IAUS..260..149S. doi:10.1017/S1743921311002237.
- de Santillana, Giorgio (1976) [1955]. The Crime of Galileo (Midway reprint). Chicago, Ill: University of Chicago Press. ISBN 978-0-226-73481-1.
- Sedlar, Jean W. (1994). East Central Europe in the Middle Ages 1000–1500. University of Washington Press. ISBN 978-0-295-97290-9.
- Sobel, Dava (2011). A More Perfect Heaven: How Copernicus Revolutionized the Cosmos. New York: Walker Pub. ISBN 978-0-8027-1793-1.. [Verificar credibilidade] Features a fictional play about Rheticus' visit to Copernicus, sandwiched between chapters about the visit's pre-history and post-history.
- Somervill, Barbara A. (1 January 2005). Nicolaus Copernicus: Father of Modern Astronomy. Capstone. ISBN 978-0-7565-0812-8.
- Stone, Daniel (2001). The Polish-Lithuanian State: 1386–1795. University of Washington Press. ISBN 978-0-295-98093-5.
- Swerdlow, Noel (December 1973). "The Derivation and First Draft of Copernicus's Planetary Theory—A Translation of the Commentariolus with Commentary". Proceedings of the American Philosophical Society. pp. 423–512. Falta a
|url=(Axuda) - Swerdlow, Noel Mark; Neugebauer, Otto Eduard (1984). "Mathematical Astronomy in Copernicus' De Revolutionibus: In Two Parts". New York: Springer Verlag. ISBN 978-1-4613-8264-5.
- Thoren, Victor E. (1990). The Lord of Uraniborg. Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-35158-4. (A biography of Danish astronomer and alchemist Tycho Brahe.)
- Valls-Gabaud, D.; Boskenberg, A., eds. (2009). The Role of Astronomy in Society and Culture. Proceedings IAU Symposium No. 260.
- Weissenbacher, Manfred (setembro de 2009). Sources of Power: How Energy Forges Human History. ABC-CLIO. ISBN 978-0-313-35626-1.
- Westman, Robert S. (2011). The Copernican Question: Prognostication, Skepticism, and Celestial Order. Los Angeles: University of California Press. ISBN 978-0-520-25481-7.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- El ADN confirma que los restos hallados en 2005 son los de Copérnico El Mundo, 20 de novembro de 2008. (en castelán)
- Los científicos ponen cara a Nicolás Copérnico El País, 20 de novembro de 2008. [Consultado:21 de novembro do 2015] (en castelán)