Alleeiros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Rafael Dieste
Manuel Antonio
Arturo Souto

Alleeiros é un termo que empregaban, de maneira despectiva, os autores da Xeración Nós (os vellos) para referirse aos autores da nova xeración. Os novos eran Rafael Dieste, Carlos Maside García, Manuel Antonio, Arturo Souto, Otero Espasandín, Fernández Mazas, Bal y Gay e Johán Carballeira. Esta xeración dará paso en 1930 a unha terceira xeración, que se move por medios de comunicación como El Pueblo Gallego, Resol, Yunque, Guión e Papel de Color. Os membros que integraban este grupo eran Luís Seoane, Álvaro Cunqueiro, Santiso Girón e Santiago Montero Díaz.

Axentes[editar | editar a fonte]

Alleeiros foi un grupo de mozos, denominados a si mesmos como novos, que estaba composto por Rafael Dieste, Carlos Maside, Manuel Antonio, Arturo Souto, Xosé Otero Espasandín, Cándido Fernández Mazas, Jesús Bal y Gay e Johán Carballeira.

Os vellos defendían unha idea de nación construída a partir da saudade, da etnia, da Terra, do Universalismo (galeguista), da literatura, do nacionalismo, da estética (arte pura) e da tradición. En cambio, os novos eran partidarios de que a nación galega se construíra con consciencia, vontade, inspirada no cosmopolitismo europeo, nas artes e na música, no socialismo, na política e na vangarda. Debido a este enfrontamento, os vellos denominaron aos novos alleeiros, xa que tiñan unha ideoloxía oposta á súa, inspirada nas vangardas europeas e non na tradición galega.

Institucións[editar | editar a fonte]

Os novos tiñan como medio de comunicación os diarios Galicia, de curta vida, e El Pueblo Gallego, os dous xornais de Vigo. Un testemuño que verifica isto é unha entrevista feita a Rafael Dieste en El Ideal Gallego (10-V-1981):

Neste intre de tanto esplendor [El Pueblo Gallego] que dou entrada a tanta xente moza,: cunha verdadeira resonancia popular, había un pouco, por parte de algúns vellos- nome que se puideron : eles, porque eu nunca lle chamei vello a ninguén- a idea dos alleeiros.[1]

Outro testemuño é unha serie de artigos publicados no diario vigués El Pueblo Gallego en marzo de 1927. O seu autor, o musicólogo lucense Bal y Gay, non soamente defende as notas esenciais das que deben rodearse os novos, senón que tamén sinala os defectos dos vellos para tentar arredarse deles:

Lo primero es matar ese mal antiguo de suspicacias y egolatrías que esterilizó tan cumplidamente los grupos anteriores. Luego, inmunizarse contra la cordialidad limitada que constituye el pandillismo.
Evitemos que haya un grupo en Santiago, otro en La Coruña, otro en Pontevedra, etc [sic].[2]

En consonancia con isto, están as recensións da revista Alfar, que engaden sempre a súa orixe alleeira. Así, no número 26 do 15 de febreiro de 1926 de Nós, no que se dá conta do Alfar correspondente a decembro e xaneiro de 1925-26:

Númaro como todol-os d’esta pubricación que ven ser o órgao do avangardismo en Galiza, principalmente : nas súa formas estranxeiras, d’eiquí é d’afora, luxosamente presentado [sic].[3]

Esta recensión contrasta fortemente coa que lle fai á revista Ronsel (III, xullo, 1924):

Alfar, La Coruña. Labor y esfuerzo de un buen poeta uruguaio, Julio J. Casal, es esta admirable y fraterna revista continuidade perfeccionada de Vida y del Boletín de Casa América y Galicia [sic].[4]

El Pueblo Gallego sufriu a furia de Víctor Casas:

(…) El Pueblo Gallego, o único xornal que nos fai concebir certas esperanzas galeguistas, ademita nas súas columnas artigos como o que deixo comentado que non lle dan prestixio ningún e perjudican moito [sic].[5]

Este tipo de ataques ao diario vigués vai ser bastante continuo, dado que nel escriben os novos e adoitan xurdir diverxencias. Así, no número 252 do 15 de setembro de 1928 de A Nosa Terra, nun artigo titulado “Mocedade e Mimética. Estreitos de peito e fallos de corazón" pódense ler estas descualificacións:

Están xurdindo unhos rapaces na Galicia que mesmo dan xenio. Unhos rapaces que con catro cousas que lêron é que tratan d´imitar e c´un fondo espírito de contradición por toda orixinalidade queren imporse. A estes rapaces, si Curros voltara â vida, niñ si quer categoría de sapos lle daría. Emporiso : ahí un xornal que se chama Galeguista que lles abre as suas colunas trocándoas en vertedeiro de parvadas.[6]

Programa[editar | editar a fonte]

Programa político[editar | editar a fonte]

A nivel político, os membros da nova xeración romperon co nacionalismo moderado galego dos vellos, unha teoría que estaba fundada no lirismo, no subxectivismo, no sentimentalismo, no enxebrismo, etc., e defendían a idea de que para que Galiza fose considerada unha nación, primeiro os galegos debían sentirse un pobo.

Manuel Antonio, unha das figuras máis salientábeis da nova xeración, foi o único redactor do manifesto ¡Máis alá!, a pesar de que tamén colaboraron o debuxante Álvaro Cebreiro e Antón Vilar Ponte. Este manifesto publícase o 28 de xuño de 1922 e, polas súas características, é considerado o xénero da vangarda. Este texto de proclamas diferénciase dos manifestos dos diferentes ismos en que non é un medio de expresión para dar a coñecer as ideas nas que se basea unha determinada corrente vangardista Ademais, neste texto, denúnciase a submisión da literatura e cultura galega, proclámase a súa liberación e o uso exclusivo da lingua galega.

Vicente Risco publicou o artigo “Do ¡Máis alá¡ e mais do foulard”, e nel amosa unha postura ambigua porque, por unha parte, admira o espírito dos novos, mais, por outra, reflicte o seu desgusto coa publicación deste manifesto ao ver rotos os seus ideais. Aínda así, a crítica máis dura que recibiu este texto é por parte dun mozo vangardista chamado Euxenio Montes. O autor lanzou numerosas críticas contra os novos como a descualificación coa que caracteriza aos membros desta xeración.

As iniciais diferenzas culturais entre os novos e os vellos derivaron, baixo o punto de vista político, nunha segunda etapa que xurdiu arredor de 1930. Desta maneira, apareceu unha terceira xeración formada por Luís Seoane, Laureano Santiso Girón, Álvaro Cunqueiro e Santiago Montero Díaz, que publicaron noutros medios de comunicación como El Pueblo Gallego, Resol, Yunque, Guión e Papel de Color.

Programa literario[editar | editar a fonte]

No campo literario, a vangarda convive con ismos, novas tendencias literarias, nova literatura, arte nova etc. Ao mesmo tempo que entran en contacto coas primeiras teorías vangardistas e coas revistas e manifestos dos distintos movementos, os novos comezan a empregar termos como cubismo, futurismo, creacionismo, dadaísmo etc.

Debido ao afán que sente Risco por coñecer as novidades literarias, o autor relaciónase coa xuventude. Por iso, ofrece a Manuel Antonio información sobre os ismos europeos, e intenta harmonizar o nacionalismo e os movementos vangardistas nas seccións das súas obras Xente nosa/xente de fora e Letras nosas e alleas.

A máxima expresión do vangardismo literario en Galiza é o libro De catro a catro, de Manuel Antonio. Esta obra é publicada en 1928 pola editorial Nós, e é a única que o autor publicou en vida. De catro a catro é o primeiro poemario creacionista galego, polo que se converte nunha obra orixinal, pois supón unha ruptura coas formas galegas tradicionais. Este libro consta de dezanove poemas, e nel aparecen citadas as influencias de autores de vangarda como Vicente Huidobro ou Pierre Reverdy.

Outros autores da nova xeración reflicten nas súas obras a influencia das vangardas. Rafael Dieste transformou a linguaxe narrativa nos relatos de Dos arquivos do trasno (1926), e Carlos Maside crea obras pictóricas coas que leva a cabo unha renovación plástica en Galiza.

Programa artístico[editar | editar a fonte]

A partir de 1928, os novos e os vellos comezan a discrepar sobre a concepción da arte. Esta discrepancia tradúcese en arte pura (vellos) e arte social (novos). Risco condena toda manifestación social da arte, e rexeita a arte imitativa que ten á natureza como modelo. Para Risco a arte ten que ser pura, é dicir, unha arte que represente a tradición do pobo galego (saudade, etnia, terra...). En cambio, para os novos, a arte non podía centrarse no pasado porque levaría ao fracaso, polo que había que renovar o sistema a través dos novos movementos artísticos que estaban a xurdir en Europa (vangardas) e de diferentes tipos de artes como as plásticas ou a música. Ademais, estes queren que a arte reflicta unha fala totalmente galega non corrompida por académicos e puristas. Tamén exaltan a individualidade e fan un chamamento á mocidade para que continúe reivindicando os seus ideais.

Traxectoria posterior[editar | editar a fonte]

A discusión entre arte pura e arte social provoca en 1928 unha lenta pero definitiva desaparición dos novos do panorama de Galiza. Esta polémica provoca que a xeración dos novos abandonen as súas ansias galeguistas e loiten pola súa parte, a pesar do que di Fernández del Riego no artigo "Tres xeracións literarias", publicado en El Pueblo Gallego en 1934:

Non lle faltaba ren â xeración aquela contando con muitos máis números dos que citamos, pra lle dar a : Galicia a categoría que necesitaba. Pero os intelectuais da nova xeración perderon a fe nos mitos. : [...]
E o grupo que camiñara xunto, espallouse logo como a perdigonada incrustándose cada un en sitio : distinto. Carecía de disculpa a traición de algúns i era inaxeitado o estatismo dos outros. Perdeu a : Patria Galega e perdeu a Literatura nova [sic].

Tras a desaparición dos novos do panorama de Galiza, os seus integrantes continuaron por distintos camiños.

  • Rafael Dieste. Dieste, en 1932, trasladouse a Madrid para iniciar a súa carreira como escritor. En 1935 viaxou por Francia, Italia e Bélxica para estudar o teatro europeo. Durante a Guerra Civil española, formou parte da Alianza de Intelectuais Antifascistas e decidiu viaxar a Francia, Róterdam e Uruguai para logo establecerse en Bos Aires, onde traballou como director literario na Editora Atlántica. En 1961, regresou a Rianxo e publicou en Galaxia. En 1970, Dieste instalouse na Coruña e ingresou na Real Academia Galega.
  • Xosé Otero Espasandín. Cando chega a Guerra Civil, a vida de Xosé Otero Espasandín trúncase. O autor é mobilizado no bando republicano e trasládase a Barcelona. En 1939 viaxa a Francia acompañado de Rafael Dieste, entre outros compañeiros das Misións Pedagóxicas. En 1941 marcha a Bos Aires e en 1947 trasládase a Estados Unidos como lector de castelán. Otero Espasandín non retornará do exilio.
  • Jesús Bal y Gay. En 1927, Jesús Bal y Gay implícase no Seminario de Estudos Galegos. Coa Guerra Civil española, exíliase a México en 1938, onde desempeña unhas actividades similares ás que realizaba en Galiza (musicólogo, ensaísta, tradutor, colaborador en prensa e compositor). En 1965, regresou a España, onde tras realizárselle algunhas homenaxes, retirouse da actividade musical pública.
  • Manuel Antonio. Asina en 1922 con Álvaro Cebreiro o manifesto "¡Máis Alá!". Nel defendían que só se empregase o galego e que a literatura galega fose considerada independente da española. Este manifesto estaba dirixido esencialmente á mocidade da época, que quería apartar da literatura e cultura galegas ao sector máis conservador do galeguismo. Este manifesto, para o pesar dos seus autores, non alcanzou o éxito que esperaban. Entre 1924 e 1925, estaba ao tanto do que pasaba na actualidade literaria en Galicia grazas á prensa e a charlas que mantiña cos seus amigos, mais en Rianxo non tiña a ninguén con quen compartir as súas preocupacións artísticas. Deste xeito, Manuel Antonio comezou a sentirse só e moi triste, até o punto de deixar de enviar poemas á prensa. Entre 1926 e 1927, traballa na súa obra poética De catro a catro, que dedica a Augusto Lustres Rivas, capitán do barco no que Manuel Antonio fixo as prácticas de piloto. Dieste e Maside interviñeron na publicación do libro, ocupándose das cuestións editoriais e das ilustracións, respectivamente. Entre 1928 e 1929, viaxa tres veces a América e desembarca en Cádiz debido ao empeoramento da tuberculose que sufría. Finalmente, o 28 de xaneiro de 1930, Manuel Antonio morre na aldea de Asados, en Rianxo, e en 1979, dedícaselle o Día das Letras Galegas.
  • Carlos Maside García. En 1932, tras o contacto coa Xeración Nós, Carlos Maside frecuentaba dous parladoiros composteláns: o do café Derby e o do Español. Alí o autor rodeábase de outros intelectuais da época tanto de literatura galega (Luís Seoane) como de literatura española (Ramón María del Valle-Inclán e Federico García Lorca). As súas obras pictóricas triunfaron no estranxeiro (especialmente en Estados Unidos, polo que percorre distintos estados do país). Co levantamento militar de 1936, Maside, que imparte clases en Vigo, é inhabilitado para exercer como profesor e participante de actividades culturais debido á súa simpatía coa Fronte Popular. Como resultado, viviu afastado da vida social e política. O autor plasmou nas súas obras as consecuencias da Guerra Civil española. Na década de 1950 Maside expón as súas obras no Centro Galego de Bos Aires na exposición Artistas Gallegos, mais a súas últimas exposicións foron na Sala de Turismo en Santiago. Finalmente, tras unha longa enfermidade, morre en Santiago de Compostela o 10 de xuño de 1958. A Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas do Centro Lucense de Bos Aires cuanto con Rafael Dieste, Laxeiro, Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane homenaxearon a súa figura.
  • Cándido Fernández Mazas. En 1926 fundou a revista Galaxia con Augusto María Casas e en 1929 encargouse da parte artística da revista Gaceta de Galicia. Logo, viaxou a Madrid para participar en distintas publicacións e actos culturais. Cando estalou a Guerra civil en 1936, Mazas decide desprazarse de Madrid a Valencia, mais é detido polo exército sublevado e é liberado pouco despois. Este feito afectou psicolóxica e fisicamente ao autor, polo que se traslado a Penedo, en Castro Candelas, para abandonar definitivamente toda actividade plástica e intelectual. Finalmente, falece prematuramente nesta parroquia en 1942.
  • Arturo Souto. Coa separación dos novos, Souto continúa en contacto coas novas correntes estéticas que estaban a florecer en Europa, especialmente en Francia e Italia. As súas obras pictóricas triunfan no estranxeiro e son expostas en cidades como Berlín, Florencia e París. Cando empeza a guerra, Souto regresa a España tras a súa estancia en París. Únese rapidamente ao bando republicano e ingresa na Alianza de Intelectuales Antifascistas. Finalizada a guerra, exíliase nun primeiro momento a Bordeos, á Habana, a Nova York, Os Ánxeles e a Filadelfia, para logo trasladarse a México en 1942, onde continúa coa súa actividade artística. En 1982 embarca no Guadalupe para regresar a España. Desembarca na Coruña e a súa primeira exposición realízaa en Vigo, que resultou ser un fracaso. Os seus amigos ignórano e ao sentirse traizoado afástase desas amizades e expón en cidades como Madrid, Bilbao e Compostela. En 1984 regresa a México para rematar arranxar asuntos pendentes e así volver a España definitivamente, mais falece repentinamente debido a un infarto neste mesmo ano.
  • Johán Carballeira. Xosé Francisco Gómez de la Cueva, coñecido polo seu pseudónimo Johán Carballeira, continuou dedicándose exclusivamente ao xornalismo, mais deixou de abordar cuestións lingüísticas para comprometerse socialmente co pobo galego. Ao militar o Partido Galeguista, abríronselle as portas da alcaldía de Bueu, en Vigo, e apoiou, xunto con outros galegos, o plebiscito sobre o Estatuto de Autonomía de Galicia en 1936. Co inicio da Guerra Civil foi destituído do seu cargo, detido e acusado de acción es de guerra e de resistencia ao levantamento. Finalmente foi sentenciado a norte e fusilado en 1937.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. X.A. Gaciño. Entrevista a Rafael Dieste. El Ideal Gallego, 1981.
  2. Bal y Gay, Jesús. La Nueva Generación Gallega. El Pueblo Gallego, 1927.
  3. Nós, 1926.
  4. Alfar, 1924.
  5. Casas, Víctor.
  6. Mocedade e Mimética. Estreitos de peito e fallos de corazón. A Nosa Terra, 1928.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]