Nacionalismo aranés

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Concellos do Val de Arán.

O nacionalismo aranés ou aranesismo é un movemento que reivindica a creación dun pacto de libre unión do Val de Arán respecto a Cataluña. Fundaméntase sobre a base da súa lingua (o aranés), cultura e identidade diferentes das de Cataluña.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Escultura en homenaxe á lingua e cultura aranesas.

O Val de Arán tivo un recoñecemento político propio dende o século XIV, aínda que esta identidade non se institucionalizou ata o século XXI. Formaba parte do Reino de Aragón e en 1313 os cabezas de familia do val votaron a favor de manterse ligados ao Principado de Cataluña. Como consecuencia, o rei Xaime II firmou a Querimònia, que se convertería na Carta Magna do Aran e manteríase ata finais do século XIX, cando o Estado español anulou as institucións de autogoberno e incorporou o Arán á provincia de Lleida. Coa restauración da Generalitat de Cataluña en 1979 creouse a Lei de Arán de 1990, que recoñecía as institucións de autogoberno e a lingua propia, convertida en vehicular no ensino e feita oficial en todo o territorio de Cataluña dende 2010.[2]

O primeiro en falar de aranesismo foi Unitat d'Aran (UA). En 2006, un ano antes de que Paco Boya fora nomeado Síndico de Arán, UA fixo público un documento de mellora da xestión política e de obxectivos de autogoberno no que incidía no concepto do aranesismo: «Construír un novo aranesismo, máis cívico e transversal, claro defensor dunha identidade aberta, onde o cidadán, independentemente das súas orixes, preferencias ou pertenza social, sexa o centro de gravidade das políticas das nosas institucións».[3]

O aranesismo tamén forma parte da ideoloxía de Convergéncia Democratica Aranesa (CDA), que en 2014 aprobou o documento Camí de l'aranesisme modern, que expoñía que este movemento enténdese dende unha óptica de defensa dun país milenario, histórico e democrático; establecía tamén un vínculo directo entre os beneficios dunha Cataluña independente e o Val de Arán.[3]

Actualmente o Val de Arán conta cunha asemblea propia chamada Consello Xeral de Arán. O Consello aprobou por unanimidade en 2005 un documento no que solicitaba que o novo estatuto de autonomía de Cataluña establecera un pacto de libre unión do Arán con Cataluña.[4] Finalmente, en 2015 aprobouse no Parlamento de Cataluña a nova Lei de Arán, que protexe a identidade e cultura aranesas, incrementa as competencias do Consello Xeral e recoñece o Val de Arán como "realidade nacional occitana", ademais de outorgar aos araneses o dereito de decidir o seu futuro.[5]

O Val de Arán conta cun himno nacional, chamado Montanhes araneses, oficializado en 2008 polo Consello Xeral, e unha bandeira baseada na de Occitania.

Movementos políticos aranesistas[editar | editar a fonte]

Bandeira do Val de Arán.

Os partidos políticos que se definen como aranesistas son:[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. López Alonso, Eduardo (21 de setembro de 2014). El Periódico de Catalunya, ed. "As outras tensións soberanistas de España". Consultado o 10 de outubrp de 2015. 
  2. 2,0 2,1 Marín, David (13 de xaneiro de 2013). El Punt Avui, ed. "Dereito a «escuélher»". Consultado o 10 de outubro de 2015. 
  3. 3,0 3,1 Segura, Cristian (27 de agosto de 2015). El País, ed. "A retórica do proceso adáptase ao Val de Arán". Consultado o 10 de outubro de 2015. 
  4. El Mundo, ed. (23 de febreiro 2005). "A comarca do Val de Arán pide un 'pacto de libre unión' con Cataluña". Consultado o 10 de outubro de 2015. 
  5. 324.cat, ed. (21 de xaneiro de 2015). "O Parlament aproba a nova lei de Arán". Consultado o 10 de outubro de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]