Torpedo marmorata

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Torpedo marmorata
Estruga, ortiga, raia tembladeira
Estado de conservación
Datos insuficientes[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Chondrichthyes
Subclase: Elasmobranchii
Orde: Torpediniformes
Familia: Torpedinidae
Xénero: Torpedo
Especie: T. marmorata
Nome binomial
Torpedo marmorata
Risso, 1810

Torpedo marmorata é unha especie de peixe elasmobranquio batoideo da orde dos torpediniformes, familia dos torpedínidos, integrada no xénero Torpedo.

Habita nas costas do Atlántico oriental, desde as illas Británicas e o mar do Norte até Suráfrica, así como en todo o Mediterráneo, agás no mar Negro.

Coñécese vulgarmente, entre outros nomes, como estruga, ortiga e raia tembladeira.

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

As principais características morfolóxicas desta especie son:[2][3][4][5]

  • Corpo subcircular, co bordo anterior rectilíneo ou lixeiramente cóncavo, cuberto por unha pel lisa, sen dentículos dérmicos.
  • Lonxitude máxima de até 1 m (aínda que ordinariamente adoita medir entre os 39 e os 49 cm), cun peso máximo rexistrado de 3 kg. (Moito máis pequeno que a especie máis grande da familia, Tetronarce nobiliana).
  • Presenta dúas series de aberturas branquiais paralelas entre si.
  • Parte superior do disco de cor parda con manchiñas brancas, mentres que a inferior é abrancazada, cunha orla negra nos bordos (carácter distintivo). Porén, ás veces atópanse exemplares de cor agrisada ou rosada, máis ou menos clara, ás veces uniforme e outras con manchas pardas.[5]
  • Os espiráculos son de forma oval, cos bordos provistos de papilas moi comprimidas que se tocan na parte central (carácter distintivo).
  • Aletas dorsais máis ou menos arredondadas, coa base 1,50 veces maior que a altura.
  • Aleta caudal curta e grosa, en forma de pa.
  • A ambos os lados da cabeza, o tecido muscular e o nervioso están modificados para formaren os órganos eléctricos, grazas aos cales pode facer breves descargas.

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Distribución de Torpedo marmorata.

É unha especie mariña, costeira, que tamén pode frecuentar augas salobres, ás veces asociada a arrecifes, que vive a profundidades de entre os 2 e os 370 m.[3]

É unha especie común que se encontra nas costas do Atlántico oriental, entre os 60° N e os 35°S, e entre os 18° W e os 36° E, desde o norte das illas Británicas até o cabo da Boa Esperanza, en Suráfrica, e no mar Mediterráneo. No mar do Norte e no Kattegat é pouco común, e no mar Negro está ausente.[1][3]

Costumes[editar | editar a fonte]

De costumes nocturnos, o peixe permanece xeralmente enterrando no fondo durante o día, sobresaíndo só os ollos e os espiráculos. Cos seus órganos eléctricos pode producir descargas de até 200 volts e 8 ampères. As súas electrocélulas comezan a funcionar cando o embrión pesa aproximadamente 1 g, e os órganos eléctricos son funcionais antes mesmo do nacemento, polo que as crías acabadas de nacer poden utilizar xa as descargas para a captura das súas presas[1]

Nutrición[editar | editar a fonte]

Aliméntase basicamente de pequenos peixes, moluscos e crustáceos bentónicos.[1][2][4]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Ovovivíparo, as femias teñen un período de xestación de dez meses. O número de crías, que nacen ao final do verán, varía entre 5 e 30, segundo o tamaño da nai.[2][4]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A especie Torpedo marmorata foi descrita por primeira vez polo naturalista nizardo Giuseppe Antonio Risso, máis coñecido como Antoine Risso,[3][6][7] na súa obra Ichthyologie de Nice ou Histoire naturelle des poissons du département des Alpes Maritimes. Ler en liña, editada en París por F. Schoell.

Sinónimos[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome que lle impuxo Risso, e actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos seguintes:[6]

  • Narcacion marmoratus (Risso, 1810)
  • Narcobatus marmoratus (Risso, 1810)
  • Torpedo (Torpedo) marmorata Risso, 1810 (aceptado como nome alternativo)
  • Torpedo diversicolor Davy, 1834
  • Torpedo galvani Risso, 1810
  • Torpedo immaculata Rafinesque, 1810
  • Torpedo picta Lowe, 1843
  • Torpedo punctata Rafinesque, 1810
  • Torpedo trepidans Valenciennes, 1843
  • Torpedo vulgaris Fleming, 1828

En Galicia[editar | editar a fonte]

A primeira cita desta especie nas costas galegas débese a Cornide, en 1788, co nome de Raya torpedo, no seu pioneiro Ensayo de una historia de los peces y otras producciones marinas de la costa de Galicia. Xa no século XX as primeiras citas son de de Buen.[2]

Nomes vernáculos galegos[editar | editar a fonte]

Sendo unha especie frecuente nas costas de Galicia, e debido á unha das súas prinicpais características (comúns a todos os torpedos) de producir descargas eléctricas, non é de estrañar que teña moitos nomes vernáculos. Así, Ríos Panisse, no volume I da súa monumental Nomenclatura recolle, entre outros, o seguintes:

  • estruga (en 11 localidades),
  • ortiga (en 8 localidades),
  • raia estruga, e variantes (en 6 localidades),
  • raia ortiga (en 6 localidades),
  • tembladeira, e variantes (en 7 localidades),
  • trémello, e variantes (en 9 localidades)
  • e outras, como raia eléctrica, e variantes; ra estriga, e variantes; ra roxa, e variantes; raia roxa, e variantes etc.
  • finalmente, e só en Portosín, raia tembladeira, que é o nome escollido por Rodríguez Villanueva et al. na súa Guía.[2]

A Real Academia Galega oficializa, no seu Dicionario on line, torpedo,[8] estruga,[9] e ortiga,[10]

Pola súa parte, o Gran dicionario Xerais da lingua propón raia eléctrica, ao lado de ortiga, pero non recolle estruga (só o fai para os significados de planta, e de actinia), aínda que remite as voces tembla e tembladoira ao non recollido estruga (peixe).[11]

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

A especie Torpedo marmorata parece ter unha ampla área de distribución no Atlántico oriental e no mar Mediterráneo, e a súa bioloxía é relativamente ben coñecida; porén, a súa abundancia e as posíbeis ameazas que ten que soportar non son ben coñecidas en toda a súa área de dispersión. Datos obtidos da pesca de arrastre indican que esta especie de torpedo é máis común que outras da familia no norte do mar Mediterráneo, e pode que estea aumentando nas augas costeiras de Italia. Pero pouco se sabe das tendencias da evolución da súa poboación ou do impacto das pescarías de África occidental e do resto da súa área, onde o esforzo da pesca de arrastre é alto. Polo tanto, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) avalía na actualidade o status da especie como DD (datos insuficientes), mentres que non se poida obter información sobre o estado da poboación en toda a súa área de despersión.[1]

Principais ameazas[editar | editar a fonte]

Capturado como captura incidental en pescarías de arrastre, trasmallos costeiros e redes e palangres de fondo. Non se pesca comercialmente e a miúdo bótase no mar debido ao seu baixo valor comercial.[12] Hai pouca información dispoñíbel nas capturas desta especie como resultado dos descartes no mar e dos poucos datos obtidos nos desembarques. A presión da pesca de arrastre é relativamente intensiva na plataforma continental da África occidental.[1]

Accións de protección[editar | editar a fonte]

As medidas para asegurar a conservación da especie deben incluír os descartes dos individuos vivos, a mellora do coñecemento dos datos pesqueiros, a identificación de áreas de cría importantes e o establecemento de áreas protexidas para as especies demersais. Tamén é necesaria a investigación sobre a abundancia, ameazas, tendencias da poboación e capturas na pesca en toda a área de dispersión da especie.[1]

A raia tembladeira e o home[editar | editar a fonte]

A pesar de que se captura adoito polos pecadores de arrastre, rara vez é utilizado como alimento para os humanos. Historicamente, no mar Adriático, afumábase e vendíase, aínda que a súa carne tiña pouco valor comercial.[13]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Notarbartolo di Sciara, G.; Serena, F.; Ungaro, N.; Ferretti, F.; Pheeha, S. & Human, B. (2009): Torpedo marmorata na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2016-3. Consultada o 17 de decembro de 2016.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Rodríguez Villanueva el al. (1992), pp. 112-113.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Torpedo marmorata Risso, 1810 en FishBase.
  4. 4,0 4,1 4,2 Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-1161-2, p. 62.
  5. 5,0 5,1 Bauchot, M. L. e Pras, A. (1982): Guía de los peces de mar de España y Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-0685-6, pp. 88-89.
  6. 6,0 6,1 Torpedo marmorata Risso, 1810 no WoRMS.
  7. Torpedo marmorata Risso, 1810 no ITIS.
  8. torpedo, 1ª acep., no dicionario da RAG.
  9. estruga Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine., 2ª acep., no dicionario da RAG.
  10. ortiga, 2ª acep., no dicionario da RAG.
  11. raia eléctrica, ortiga, tembla e tembladoira, no Gran dicionario Xerais da lingua, volume II. Vigo, Xerais, 2009. ISBN 978-84-9914-072-8.
  12. Minervini, A.; Giannotta, M. & Bianchini, M. L. (1985): "Observation on the fishery of Rajformes in central Tyrrhenian Sea". Oebalia XI (5): 583-591.
  13. Ninni, Emilio (1912): Catalogo dei pesci del mare Adriatico. Venezia: Tip. Carlo Bertotti.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Burton, Maurice & Robert Burton (1984): Encyclopedia of Fish. Saint Louis, EE.UU: BPC Publishing. ISBN 0-7064-0393-2.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Ríos Panisse, M. C. (1983): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I. Invertebrados y peces. Verba, anejo 7. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compoostela. ISBN 84-7191-008-X.
  • Rodríguez Villanueva, Xosé Luís e Xavier Vázquez Álvarez (1992): Peixes do mar de Galicia (I). Lampreas, raias e tiburóns. Vigo: Xerais. ISBN 84-7507-654-8.
  • VV. AA. (2005): "Peces cartilaginosos". Animal. La definitiva e impactante guía visual de la vida salvaje en nuestro planeta. Madrid: Pearson Educación, S. A. ISBN 84-205-3616-4.
  • Whitehead, P. J. P.; Bauchot, M.-L.; Hureau, J.-C.; Nielsen, J. & Tortonese, E. eds, (1985): Fishes of the North-eastern Atlantic and the Mediterranean. París: UNESCO. ISBN 978-9-2300-2215-0.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]