Rogier van der Weyden
Rogier van der Weyden, tamén chamado Rogier de la Pasture, tradución francesa exacta do seu nome (Tournai, ca. 1399 - Bruxelas, 1464), foi un pintor flamengo, discípulo de Robert Campin. Foi pintor oficial da cidade de Bruxelas e da Casa de Este.
Índice |
Biografía[editar]
O seu pai, Henry de la Pasture, era forxador de coitelos. Pouco ou case nada é o que se sabe da súa mocidade. O 5 de marzo de 1427 ingresou no obradoiro de Robert Campin e cinco anos despois, o 1 de agosto de 1432, foi nomeado mestre de pintura en Tournai. Pouco tempo despois, Rogier atopábase en Bruxelas, onde casou con Elisabeth Goffaert, filla do zapateiro Jan Goffaert, e coa que tivo dous fillos: Jan, que chegará a ser ourive, e mais Peter, que seguíu o oficio do pai. Houbo un outro Van der Weyden que figura na historia da pintura: Goossen, sobriño de Rogier.
En 1436 ou 1437 foi nomeado pintor oficial da cidade de Bruxelas, época en que pasa a usar a tradución flamenga do seu nome. Traballou para a corte de Filipe o Bo, poderoso duque de Borgoña e gran mecenas, para o cal realizará retratos. Nos primeiros retratos reflíctese a influencia do seu mestre Robert Campin, mais libérase paseniñamente da mesma ao introducir un maior realismo e emotividade na expresión dos persoaxes. Apréciase no novo tratamento que adopta o influxo de Jan van Eyck, grazas ao cal aprende a explotar os recursos dun novo medio: a pintura ao óleo. Moi logo se torna o pintor flamengo máis solicitado da época, só por detrás de van Eyck
Arredor de 1450, ano de Xubileo romano, van der Weyden viaxa a Italia, verosimilmente a Roma e a Florencia. Inspírase con Fra Angelico e aprende novas técnicas desenvolvidas polos pintores italianos. Durante esta tempada, traballa para a familia Este e os seus retratos, especialmente o de Francesco d'Este, contribuíron ao xurdimento da pintura ao óleo na Italia dos anos finais do século XV.
Entre 1460 e 1461 foi mestre do pintor italiano Zanetto Bugatto.
Rogier foi un dos primeiros pintores que traballaron sobre tea no norte dos Alpes. Iso influíu en moitos outros pintores do seu tempo, como Dirk Bouts, Hans Memling, Joos van Cleef e Frans Floris. Á idade de 65 anos morreu, o día 18 de xuño de 1464, en Bruxelas.
Obras[editar]
- Retrato de muller nova (entre 1432 e 1435), Gemäldegallerie, Berlín.
- Descendemento da cruz, (ca. 1436), Museo do Prado, Madrid.
- Tríptico do Calvario, (ca. 1440), Kunsthistorisches Museum, Viena.
- San Lucas retratando á Virxe (ca. 1440), Boston Museum of Fine Arts.
- Tríptico dos Sete Sacramentos (ca. 1445), Museo de Anveres.
- Políptico do Xuízo Final, (ca. 1445-1449), Hôtel-Dieu, Beaune.
- Santo Enterro, (ca. 1460-1463), Galería Uffizi, Florencia.
- Retablo de Santa Comba, (entre 1450 e 1460), Alte Pinakothek, Múnic.
- Crucifixión, chamada a Gran Crucifixión, (despois de 1456), Mosteiro do Escorial, Madrid.
- Retrato de Filippe o Bon, (ca. 1456-1458), Anveres.
- Retrato de Carlos el Temerario (ca. 1456-1458), Museos Reais de Belas Artes, Bruxelas.
Galería de imaxes[editar]
-
Retrato de muller nova, National Gallery of Art, Washington
-
Retrato de Francesco d'Este, 1450, 29,8 × 20,3 cm, Metropolitan Museum of Art, New York
-
Lamento pola morte de Cristo, ca. 1456-59, Museo do Prado, Madrid
-
Políptico do Xuízo final, cara a 1445-1448, óleo sobre táboa e follas de ouro, 215 × 560 cm (aberto), Museo del Hôtel-Dieu, Beaune