Petrus Christus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Petrus Christus, Retrato dunha muller nova, c. 1470, Gemäldegalerie, Berlín. Óleo sobre táboa
Petrus Christus, S. Eloi no seu obradoiro, 1449, MOMA, Nova York. Óleo sobre táboa

Petrus Christus (Baarle-Hertog, Antuerpen, circa 1410Bruxas, circa 1475) foi un dos principais pintores flamengos do século XV.

Biografía[editar | editar a fonte]

As noticias sobre a súa vida son tan escasas que nin sequera se coñece o seu verdadeiro nome (o de Petrus Christus está deducido da súa sinatura, petr. XPI).

O catálogo das súas obras, preto de corenta pezas, foi reconstruído en base ás oito pinturas subsistentes que levan a súa asinatura, datadas entre 1446 e e 1457.

Cronoloxicamente documéntase por vez primeira o 7 de xullo de 1444, cando obtivo a cidadanía, xunto coa súa muller, en Bruxas. No 1458 aparece inscrito na confraría da Nosa Señora da Árbore Seca, unha das máis prestixiosas asociacións da época, que contaba entre os seus membros aos duques de Borgoña e banqueiros italianos activos en Bruxas, como os Arnolfini e os Portinari.

É considerado o herdeiro espiritual da arte de Jan van Eyck, do que incluso ata poido ter sido discípulo, mais o seu estilo evidencia influencias doutros grandes artistas flamengos do seu tempo como Dirk Bouts, Robert Campin e Rogier van der Weyden.

Algúns historiadores suxiren que Christus viaxou a Italia. Seguramente se fundan nos numerosos comitentes italianos, sobre todo toscanos, que tiña. Mesmo debeu ter en conta nas súas obras os gustos dos seus clientes italianos, por exemplo adoptando unha perspectiva cun punto de fuga único. As coincidencias da técnica artística de Petrus Christus coa de Antonello da Messina, inducen a pensar que houbo contactos entre este artista siciliano e o flamengo.