Paul McCartney

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Paul McCartney

Sir James Paul McCartney, nado en Liverpool o 18 de xuño de 1942, é un músico e activista pro-dereitos dos animais.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezou a súa carreira no mundo da música en 1957 cando se incorporou ao grupo The Quarry Men, liderado por John Lennon e que posteriormente pasaría a chamarse The Beatles. Xunto ao seu amigo Lennon, formou unha das máis exitosas parellas de compositores. Tras a disolución dos Beatles, McCartney continuou a súa andaina no mundo da música fundando o grupo Wings, xunto á súa muller Linda e o guitarrista Denny Laine, e posteriormente cunha igualmente exitosa carreira como solista.

Estímase que os Beatles venderon uns 600 millóns de copias dos seus álbums, encabezando as listas de músicos con maiores vendas, e McCartney en solitario uns 100 millóns, aproximadamente.

Xuntos cos seus compañeiros Beatles é Membro do Imperio Británico desde 1965, e desde 1997, xa en solitario, Sir. Os Beatles foron incluídos no Salón da Fama do Rock en 1988, Paul McCartney en 1999. En toda a súa traxectoria conta con numerosos premios, entre eles, 17 Grammys. "Yesterday" (unha composición Lennon/McCartney) é considerada a canción máis versionada da historia, cunhas 3.700 versións, e o seu tema con Wings, "Mull Of Kyntrae" é o sinxelo non benéfico máis vendido da historia[Cómpre referencia], con máis de 2.000.000 de copias. No ano 2010 confirmouse que McCartney contaría tamén coa súa estrela do Paseo da Fama.

No 2004, a revista Rolling Stone, colocou aos Beatles no número un da súa lista The Immortals:100 Greatest Artists of All-Time, e no 2008 a mesma revista situou a McCartney no undécimo posto da lista 100 Greatest Singers of All Time. É considerado por moitos como un dos grandes da música contemporánea.