Medio dólar da Exposición Internacional California Pacífico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Medio dólar da Exposición Internacional
California Pacífico [1]
A/: Minerva sedente, con lanza nunha man e escudo na outra, rodeada por unha cornucopia, un oso pardo e un mineiro de ouro, cun barco e as montañas ao fondo. Marca de gravador (RA).

Lendas: · UNITED · .STATES · OF · AMERICA · / EVREKA / LIBERTY / HALF · DOLLAR.

R/: Vista da capela de San Francisco e a Torre de California. Data. Marca de ceca (D ou S).

Lendas: CALIFORNIA · PACIFIC · INTERNATIONAL · EXPOSITION / SAN DIEGO / IN GOD WE TRUST

O medio dólar da Exposición Internacional California Pacífico é unha moeda conmemorativa de prata emitida pola Casa da Moeda dos EEUU, con motivo da celebración desta mostra internacional, celebrada en San Diego, California entre 1935 e 1936.[2][3]

O seu deseño é obra de Robert I. Aitken e cuñouse na Ceca de San Francisco en 1935 e na Ceca de Denver en 1936. No seu anverso reprodúcese unha imaxe de Minerva e outros elementos do Gran Selo do Estado de California, e no seu reverso edificios característicos construídos para a Exposición.

A lei que autorizaba esta moeda de medio dólar foi aprobada sen oposición polo Congreso dos EEUU a principios de 1935 e ao pouco tempo cuñáronse 250.000 exemplares na Ceca de San Francisco. Como as vendas non foron as esperadas e destas quedaron 180.000 moedas por vender, a organización solicitou ao Congreso que as refundise e fixese unha nova emisión datada en 1936, coa esperanza de que esta nova tiraxe tivese mellor acollemento entre o público. Mais as vendas seguiron a ser inferiores ás esperadas e desta segunda emisión quedaron sen distribuír 150.000 exemplares, que tamén acabaron sendo fundidos novamente na casa da moeda.

No mercado do coleccionismo estas moedas véndense hoxe en prezos que roldan os centos de dólares, en función do seu estado de conservación..

Antecedentes e autorización[editar | editar a fonte]

Selo do Servizo Postal dos EEUU para a Exposición (1935).

A Exposición Internacional California Pacífico foi unha feira mundial que tivo lugar no parque Balboa de San Diego en 1935 e 1936. Tratouse dnha das maiores exposicións deste tipo ata aquel momento: ocupou unha extensión de 570 hectáreas, e tivo un custo de 20 millóns de dólares e atraeu uns 3.750.000 visitantes durante os seus dous anos de duración.[4]

Naquela época, as moedas conmemorativas dos Estados Unidos non eran comercializadas polo Goberno senón que o Congreso, ao aprobar a lei que permitía a súa emisión, adoitaba designar unha organización á que se lle atribuía o dereito exclusivo de adquirilas ao seu valor nominal para logo vendelas ao público cunha prima.[5] No caso do medio dólar conmemorativo da Exposición Internacional California Pacífico esta entidade foi a California Pacific International Exposition Company.[6]

O senador George Burnham, promotor da lei pola que se creou a moeda

O republicano de California George Burnham presentou na Cámara de Representantes, o 19 de febreiro de 1935, un proxecto de lei para a creación dunha moeda de medio dólar conmemorativa desta exposición internacional, e o proxecto foi remitido á Comisión de Moeda, Pesos e Medidas.[7] John J. Cochran, de Missouri, daquela presidente en funcións desa comisión, informou a Cámara o 12 de abril coa recomendación de que se aprobase o proxecto de lei, logo de levar a cabo pequenas modificacións de índole técnica. O proxecto prevía a emisión dun máximo de 250.000 exemplares. Cochran indicou que o congresista Burnham comparecera ante a comisión e declarara que a emisión non suporía ningún gasto para o Goberno e que tamén deixara constancia disto por escrito. Ademais, Burnham tamén escribira que a exposición contaba cunha participación moi considerable do Goberno federal e que os seus funcionarios esperaban que asistisen entre sete e dez millóns de persoas.[8] Cochran logrou que o día seguinte a Cámara tomase en consideración o seu proxecto de lei, que foi aprobado sen debate previo ningún.[9]

O Senado dos EEUU recibiu o proxecto de lei o 15 de abril e remitiuno á Comisión de Banca e Moeda.[10] O 23 de abril, o senador por Florida Duncan U. Fletcher, presidente desta comisión, recomendou a súa aprobación, cun informe similar ao da Cámara de Representantes.[11] Finalmente, o 26 de abril o proxecto foi aprobado polo Senado por proposta de Fletcher, tamén sen debate previo,[12] e o presidente Franklin D. Roosevelt asinouno o 3 de maio de 1935, para o converter na Lei Federal 74-50.[13][14]

Preparación[editar | editar a fonte]

Inicio[editar | editar a fonte]

O senador californiano William G. McAdoo, que fora secretario do Tesouro baixo a presidencia de Woodrow Wilson, escribiulle ao secretario do Tesouro en funcións, Henry Morgenthau, para lle propor que o defunto presidente aparecese na moeda de medio dólar; Morgenthau contestoulle que a idea lle parecía "interesante" e suxeriulle que se dirixise á Comisión da Exposición, que era a entidade responsable da elección dos deseños.[15] O número de xaneiro de 1935 da publicación The Numismatist —o xornal da American Numismatic Association—, que se imprimiu antes do trámite do proxecto de lei no Congreso, informou de que os plans eran producir 50.000 moedas dun dólar de prata e outras 150.000 de medio dólar, tamén de prata, coa imaxe do presidente Roosevelt.[16]

Os 50 dólares de ouro da Exposición Panamá Pacífico de 1915, tamén deseñados por Aitken, locen igualmente o busto de Minerva.[17]

O elixido para levar a cabo os deseños da moeda de medio dólar aprobada foi o escultor Robert I. Aitken, creador doutras moedas conmemorativas anteriores, como a de 50 dólares da Exposición Panamá-Pacífico de 1915. Aitken presentoulle modelos en xeso á Comisión de Belas Artes, que era a encargada —por unha orde executiva de 1921 do presidente Warren G. Harding— de facer recomendacións acerca das obras de arte públicas, incluídas as moedas. O escultor Lee Lawrie foi o membro da comisión encargado de examinar os modelos, que foron aprobados o 5 de xullo de 1935, aínda que Lawrie cuestionou a legalidade de que as moedas omitisen os característicos lemas LIBERTY e E PLURIBUS UNUM. Posteriormente, Aitken engadiu a palabra LIBERTY no anverso.[18] Logo da aprobación final, os modelos foron enviados á compañía Medallic Art Company, de Nova York, para os reducir a cubos do tamaño real da moeda, cos que despois se produciron os cuños na Ceca de Filadelfia, que logo se trasladarían á Ceca de San Francisco.[4]

Deseño[editar | editar a fonte]

Gran Selo do Estado de California.[19]

O anverso de Aitken amosa varios elementos do Gran Selo do Estado de California e está protagonizado por unha imaxe sedente de Minerva con casco, que sostén unha lanza na súa man dereita, en tanto que a esquerda descansa sobre un escudo que ten gravada a palabra EUREKA.[20] Sobre o escudo hai unha éxida coa cabeza de Medusa, e entre a deusa e o escudo hai unha cornucopia chea de produtos, símbolo dos vastos recursos de California. Á esquerda de Mireva reprodúcese a imaxe dun oso pardo.[21] Detrás deste conxunto, na distancia, hai un mineiro do ouro e un barco veleiro no mar, coas montañas de Sierra Madre ao fondo.[20] O nome do país emisor e o valor facial da moeda rodean este deseño central, coa palabra LIBERTY aos pés de Minerva e un monograma coas siglas do deseñador ao lado do oso.[1][14]

No reverso aprécianse dous edificios que foron construídos para a Exposición Internacional California Pacífico: a torre California e a capela de San Francisco —posteriormente sede do Museo do Home de San Diego—. Para algúns, a contorna que rodea estes edificios suxire a arquitectura das misións españolas, aínda que Anthony Swiatek e Walter Breen, no seu traballo sobre es moedas conmemorativas estadounidenses, a identifican cunha orla heráldica, habitual nalgunhas moedas de ouro medievais. O nome da exposición rodea o deseño, coa data, o lema IN GOD WE TRUST, a marca de ceca e o topónimo SAN DIEGO entre os dous edificios.[1][21]

A torre California e a capela de San Francisco, en San Diego.

O escritor e investigador numismático Don Taxay cualificou o deseño do medio dólar como "unha moeda moi distinguida artisticamente",[22] e dixo acerca do seu reverso: "non podo pensar noutro motivo arquitectónico que fora tratado con tanto éxito nunha moeda dos Estados Unidos".[23] Pola súa banda, o historiador da arte Cornelius Vermeule tamén gabou a moeda e considerou que a representación de Minerva era "un dous usos máis poderosos da figura na arte numismática americana".[24] Vermeule considerou que o deseño de Aitken estaba influído polos frontóns e outras obras que este escultor creara durante as décadas de 1920 e de 1930, entre eles o do edificio do Tribunal Supremo dos Estados Unidos. Para el, a representación destes edificios no reverso era "o suficientemente boa como para o que pretendía amosar" e indicou que Gilroy Roberts imitou o estilo monogramático das iniciais do artista ao asinar o seu anverso do medio dólar Kennedy de 1964. Vermeule indicou ademais que a tipografía das lendas "confirma a forza e o equilibrio da experiencia visual total".[25]

Produción, distribución e coleccionismo[editar | editar a fonte]

En agosto de 1935 cuñáronse 250.132 exemplares do medio dólar na Ceca de San Francisco. Deles, 132 foron enviados a Filadelfia e retidos para a súa inspección na reunión da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos de 1936. As 250.000 moedas restantes enviáronse desde San Francisco ata a sucursal do Bank of America en San Diego, que se encargaría da súa distribución, e puxéronse á venda na Exposición o día 12 de agosto ao prezo dun dólar por unidade. Malia o amplo despregamento publicitario, só se venderon 68.000 exemplares, e as autoridades da feira quedaron con outros 2.000 máis.[4][20]

Aínda que o coleccionismo de moedas conmemorativas e de investimento comezaba xa a popularizarse en 1935, a cuñaxe dun cuarto de millón de moedas, moi superior á doutras emisións conmemorativas da época, fixo que os investidores se amosasen indiferentes nesta ocasión. As vendas do medio dólar de 1935 cuñado en San Francisco estancáronse e a Comisión da Exposición era consciente de que iso supuña un poema económico. Neste contexto, solicitaron ao Congreso unha lei que lles permitise devolver as moedas non vendidas e substituílas por outras novas, datadas en 1936. Con esta medida procurábase que os coleccionistas visen a nova moeda como unha variante interesante e que moitos deles adquirisen as de ambas as datas; ademais, a refundición das moedas devoltas suporía unha diminución da oferta e podería aumentar o atractivo dos restantes exemplares cuñados en 1935.[26][27]

Consonte David M Bullowa na súa obra de 1938 sobre as moedas conmemorativas estadounidenses:[28]

Aproximadamente nesta época [finais de 1935], os coleccionistas de moedas conmemorativas de todo o país comezaron a tomar consciencia das tiraxes das moedas. As cantidades de moedas determinaron durante un tempo os seus valores de venda ao público. As grandes autorizacións significaban unha tremenda oferta flotante de moedas, que terían pouco valor para o coleccionista de moedas e tamén para o especulador de moedas conmemorativas.

Consecuentemente, o 6 de xaneiro de 1936 o congresista Burnham presentou un proxecto de lei para lograr este propósito.[29] O 17 de febreiro a Comisión informou a través de Andrew Somers, de Nova York, quen sinalou que o proxecto de lei establecía que o intercambio se levaría a cabo sen gastos para os Estados Unidos, polo que recomendaba a súa aprobación.[30] Cando Burnham levou este asunto ao pleno da cámara o 16 de marzo, Jesse Wolcott, de Míchigan, preguntou como se realizaría a operación sen gastos para o Goberno, e Burnham afirmou que a Comisión da Exposición correría con todos os gastos. Explicou que as moedas iniciais se recibiran tan tarde que non dera tempo de comercializalas axeitadamente. Non houbo máis debate e o proxecto foi aprobado pola Cámara sen obxeccións.[31]

A comisión do Senado emitiu o seu informe o 17 de abril, e nel engadiu disposicións que esixían que as moedas amosasen a data de 1936, independentemente do momento en que se cuñasen, e que se producisen nunha soa ceca, en consonancia con outros proxectos de lei de moedas conmemorativas sobre os que a comisión informara anteriormente.[32] O escritor numismático David M. Bullowa significou que estas disposicións, concibidas para evitar a creación de variantes, se inserían así nun proxecto de lei que, pola súa vez, estaba a crear unha variante.[33] O Senado tomou en consideración o proxecto de lei o 24 de abril e foi emendado e aprobado sen debate nin oposición.[34] Como as dúas versións aprobadas do texto non eran idénticas, o proxecto volveu á Cámara de Representantes, onde se aprobaron as emendas do Senado o 27 de abril.[35] Finalmente, o presidente Roosevelt asinou o proxecto o 6 de maio para o converter na Lei Federal 74-566.[36][37]

O presidente da Comisión da Exposición, G. Aubrey Davidson, escribiulle o 16 de maio de 1936 á directora interina da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Mary M. O'Reilly, para lle solicitar que as moedas —que nesta ocasión se cuñarían na Ceca de Denver e amosarían a marca de ceca D— se producisen o antes posible, xa que se esperaba unha gran asistencia á feira a finais de maio, co gallo da celebración do Día dos Caídos.[38]

O medio dólar da Exposición Internacional California Pacífico foi a primeira moeda conmemorativa estadounidense que se produciu nas cecas sucursais de San Francisco e de Denver, pero non na Ceca de Filadelfia, a principal da US Mint.[39] Cuñouse un total de 180.092 exemplares da moeda de 1936, que representaban exactamente a cantidade devolta da tiraxe de 1935 mais 92 moedas para o exame pola Comisión de Ensaios.[40] As novas moedas puxéronse á venda ao prezo dun dólar e medio.[20]

Anuncio de 1937, da venda do conxunto das moedas de medio dólar de 1935-S e de 1936-D polo prezo de tres dólares.

En 1936 disparáronse os prezos de moitas moedas conmemorativas,[41] mais por mor das tiraxes relativamente altas do medio dólar de 1935-S e de 1936-D, as moedas conmemorativas da Exposición Internacional California Pacífio non gozaron de éxito comercial e cando a feira pechou as súas portas a finais de 1936 vendéranse menos de 30.000 exemplares da de 1936.[42] O 27 de xaneiro de 1937, o presidente da Comisión da Exposición, Davidson, escribiulle á directora da US Mint, Nellie Tayloe Ross, para lle solicitar a devolución de 150.000 moedas e o seu correspondente rembolso, xa que o exceso se debía a que o período para a súa venda fora excesivamente curto. A casa da moeda concedeu o seu permiso e a Comisión da Exposición puxo á venda as moedas restantes polo prezo de tres dólares para a parella de ambas as moedas: a de 1935-S e a de 1936-D.[43] Anthony Swiatek, no seu traballo de 2012 sobre as moedas conmemorativas estadounidenses, dixo que o aumento de prezo foi "para crear a aparencia de demanda e de rareza no futuro, aínda que isto non ocorreu".[40]

Evolución dos prezos[editar | editar a fonte]

En 1938, Emil Klicka, tesoureiro da Exposición, puxo á venda os exemplares restantes de 1936-D polo prezo dun dólar, cun límite de compra de dez exemplares,[40] en tanto que as moedas de 1935-S estaban dispoñibles por dous dólares. Durante décadas houbo grandes acaparamentos de exemplares de ambas as datas en mans de especuladores con información privilexiada, un deles dono dun lote de 31.050 moedas de 1935-S, case a metade da tiraxe. Estes lotes fóronse esparexendo progresivamente no mercado entre a década de 1960 e a de 1980.[44]

En 1962, a moeda de 1935-S en estado de conservación "sen circular" tiña un prezo de nove dólares, en tanto que a de 1936-D acadaba os once dólares.[45] A edición de 2018 de A Guide Book of United States Coins (Red Book) valora a moeda de 1935-S entre 100 e 160 dólares, en función do seu estado de conservación, e a de 1936-D entre os 100 e os 225 dólares.[46] Entre as excepcións, un espécime de 1935-S nunha condición e cun brillo orixinal excepcionais, que o converteron en practicamente único pola súa beleza, acadou o récord de 9.200 dólares para esta moeda nunha poxa pública realizada pola casa de poxas numismáticas Heritage Auctions o 24 de febreiro de 2005.[47]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "½ Dollar - San Diego California-Pacific Exposition". Numista.com
  2. "San Diego-California-Pacific Exposition Half Dollar". United States Mint.
  3. "1935-1936 California-Pacific Exposition (San Diego) Half Dollar". American Numismatic Association.
  4. 4,0 4,1 4,2 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 38.
  5. Slabaugh, A. R. (1975). Páxinas 3-5.
  6. Flynn, K. (2008). Páxina 352.
  7. Congressional Record. Vol. 79. 19 de febreiro de 1935. Páxina 2.259.
  8. USHRCCWM (12 de abril de 1935). Páxinas 1-2.
  9. Congressional Record. Vol. 79. 13 de abril de 1935. Páxinas 5.606-5.607.
  10. Congressional Record. Vol. 79. 15 de abril de 1935. Páxina 5.624.
  11. USSCBC (15 de abril de 1935). Páxinas 1-2.
  12. Congressional Record. Vol. 79. 26 de abril de 1935. Páxina 6.444.
  13. "San Diego California-Pacific Exposition Commemorative Coin Legislation". United States Mint.
  14. 14,0 14,1 Bowers, Q. D. (1991). Páxina 313.
  15. Flynn, K. (2008). Páxinas 316, 322-323.
  16. "Status of Commemorative Half Dollars of 1934". En The Numismatist. 26 de xaneiro de 1935.
  17. "50 Dollars Panama–Pacific Exposition". Numista.com
  18. Taxay, D. (1967). Páxinas 172-174.
  19. "2009 California Government Code - Section 399-405: Chapter 1. Great Seal Of The State". https://law.justia.com
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 Bowers, Q. D. (1991). Páxina 314.
  21. 21,0 21,1 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 37.
  22. Taxay, D. (1967). Páxina 172.
  23. Taxay, D. (1967). Páxina 174.
  24. Vermeule, C. (1971). Páxina 190.
  25. Vermeule, C. (1971). Páxina 191.
  26. Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 105.
  27. Swiatek, A. (2012). Páxinas 260-261.
  28. Bullowa, D. M. (1938). Páxina 124.
  29. Congressional Record. Vol. 80. 6 de xaneiro de 1936. Páxina 120.
  30. USHRCCWM (17 de febreiro de 1936). Páxina 1.
  31. Congressional Record. Vol. 80. 16 de marzo de 1936. Páxina 3.799.
  32. USSCBC (17 de abril de 1936). Páxina 1.
  33. Bullowa, D. M. (1938). Páxinas 125-126.
  34. Congressional Record. Vol. 80. 24 de abril de 1936. Páxina 6.063.
  35. Congressional Record. Vol. 80. 27 de abril de 1936. Páxina 6.246.
  36. "San Diego California-Pacific Exposition Commemorative Recoinage Legislation". United States Mint.
  37. Flynn, K. (2008). Páxina 354.
  38. Flynn, K. (2008). Páxina 323.
  39. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 214.
  40. 40,0 40,1 40,2 Swiatek, A. (2012). Páxina 261.
  41. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 26-27.
  42. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 314-315.
  43. Flynn, K. (2008). Páxina 324.
  44. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 315.
  45. Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 104.
  46. Yeoman, R. S. (2018). Páxina 1.080.
  47. "1935 S San Diego 50C MS". Numismatic Guaranty Company.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • (USHRCCWM) United States House of Representatives Committee on Coinage, Weights and Measures (12 de abril de 1935). Coinage of 50-cent pieces in connection with the California Pacific International Exposition to be held in San Diego, Calif., in 1935 and 1936. United States Government Printing Office, Washington.
  • (USHRCCWM) United States House of Representatives Committee on Coinage, Weights and Measures (17 de febreiro de 1936). To authorize the recoinage of 50-cent pieces in connection with the California-Pacific International Exposition to be held in San Diego, Calif., in 1936. United States Government Printing Office, Washington.
  • (USSCBC) United States Senate Committee on Banking and Currency (15 de abril de 1935). Coinage of 50-cent pieces in connection with the California Pacific International Exposition to be held in San Diego, Calif., in 1935 and 1936. United States Government Printing Office, Washington.
  • (USSCBC) United States Senate Committee on Banking and Currency (17 de abril de 1936). Authorize recoinage of 50-cent pieces in connection with California-Pacific International Exposition, San Diego, Calif., 1936. United States Government Printing Office, Washington.

Outros artigos[editar | editar a fonte]