Gilroy Roberts

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaGilroy Roberts
Biografía
Nacemento11 de marzo de 1905 Editar o valor em Wikidata
Filadelfia, Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Morte26 de xaneiro de 1992 Editar o valor em Wikidata (86 anos)
Actividade
Ocupacióngravador , medallista Editar o valor em Wikidata

Find a Grave: 149622672 Editar o valor em Wikidata

Gilroy Roberts, nado o 11 de marzo de 1905 en Filadelfia e finado o 26 de xaneiro de 1992 en Havertown, Pensilvania, foi un escultor, gravador e deseñador de medallas e moedas, que ocupou o posto de gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos (1948-1964).[1][2][3]

A súa marca de gravador, que estampou nas moedas e medallas da súa creación, é GR.[2][3][4]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Gilriy Roberts naceu o 11 de marzo de 1905 en Filadelfia, fillo de John Taylor Roberts (1978-1922) e de Blanch Dawson Gilroy (1872-1954).[1] Desde os seus primeiros anos estivo en contacto coa arte, xa que o seu pai era tamén escultor profesional. Isto permitiulle aprender a esculpir xa desde neno. Na súa adolescencia perfeccionou a súa técnica asistindo a clases nocturnas cun escultor chamado Paul Remy, en tanto que cursaba o ensino secundario.[2]

Selo co busto de Stephen Foster (1940), deseñado por Gilroy Roberts.

En 1936 produciuse un paso moi salientable cara á súa profesionalización, cando Roberts solicitou o seu ingreso na Casa da Moeda dos Estados Unidos, como gravador e escultor axudante. A súa solicitude foi aceptada, mais por vontade proia abandonou a ceca estadounidense logo dun ano e medio de exercicio, e marchou a ocupar un posto como titular na Oficina de Gravado e Impresión, en Washington, onde se imprimen os billetes e os selos de correo dos EEUU. Nesa institución acadou sona polo deseño de retratos para selos de personaxes como Stephen Foster, Eli Whitney ou Ralph Waldo Emerson.[2][3][4][5]

Entre 1939 e 1943 continuou a súa formación na escola da Galería de Arte Corcoran, na cidade de Washington.[3]

O 1 de maio de 1944 reingresou na Casa da Moeda como axudante principal de gravado, no equipo do daquela gravador xefe, John R. Sinnock.[3] Logo duns anos traballando xuntos, a saúde de Sinnock resentiuse e en 1947 faleceu, cando estaba en proceso de concluír unha moeda de medio dólar co busto de Benjamin Franklin; o anverso estaba concluído, mais non así o reverso, e Roberts tivo que asumir a culminación do deseño e o gravado da tradicional campá da liberdade que o caracteriza.[2][4]

Logo do falecemento de Sinnock, o daquela presidente dos EEUU, Harry Truman, designou a Gilroy Roberts como sucesor no posto de gravador xefe da US Mint, o 22 de xullo de 1948.[3] Ao longo dos 16 anos que ocupou este posto foi o responsable da cuñaxe de diversas medallas presidenciais, como as de Harry Truman, Dwight Eisenhower, John F. Kennedy e Lyndon Johnson. Nesa época, a US Mint recibiu encargas para o deseño e a cuñaxe de moedas para outros países, labor que o propio Roberts asumiu persoalmente en moitos casos.[4] Entre estes países están Colombia, Dinamarca (para Groenlandia), Cuba, Etiopía, Haití, Liberia, o Líbano, O Salvador e o Uruguai.[2][3][5][6]

Anverso do 1/2 dólar co busto de Kennedy, deseñado por Gilroy Roberts e cuñado, con diferentes reversos, desde 1964 ata a actualidade.[7]

O 1/2 dólar de Kenedy[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Medio dólar Kennedy.

O asasinato de John F. Kennedy o 22 de novembro de 1963 foi o detonante para a creación dunha moeda na súa memoria, que por decisión da súa viúva foi a de medio dólar. Como base para o deseño da nova moeda escolleuse unha medalla presidencial xa existente, obra do propio Roberts (anverso) e do seu axudante Frank Gasparro (reverso), e ambos encargáronse de facer as modificacións oportunas para o deseño do medio dólar, para o que contaron coas suxestións e coa aprobación de Jackie Kennedy. Esta moeda atribuíulle a Roberts moita notoriedade, xa que se mantén en circulación (con diferentes reversos) desde 1964 ata os nosos días, e está considerada como o seu traballo cumio como gravador da US Mint.[2][4]

Tan só uns meses despois da posta en circulación desta moeda, Gilroy Roberts xubilouse como gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos o 8 de outubro de 1964, e o ata entón axudante, Frank Gasparro, sucedeuno no cargo. A partir dese momento, Roberts continuou traballando como medallista independente; pouco despois pasou a presidir a compañía General Numismatics Corporation e tamén tivo vinculación coa ceca privada The Franklin Mint, desde a súa fundación no propio 1964 ata 1972, na que ocupou postos de dirección.[2][3][4] Na Franklin Mint deseñou e gravou moedas por encarga de países como Belize, as Illas Virxes Británicas e Panamá.[6]

A súa xubilación completa non se produciu ata 1980, cando tiña 75 anos. No entanto, en 1986 recibiu a encarga da Encyclopaedia Britannica para a elaboración dunha medalla que servise como Premio Britannia; este foi un dos seus derradeiros traballos.[2]

Gilroy Roberts finou o 26 de xaneiro de 1992, un ano despois de doar a súa colección de ferramentas de gravado á American Numismatic Association.[2] Roberts foi soterrado no cemiterio Ivy Hills, de Filadelfia, xunto coa súa esposa, Lilian Sharpless Pancoast (1908-1989), coa que casara o 25 de novembro de 1927.[1][3][5]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Outros traballos de Gilroy Roberts[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
John R. Sinnock

Gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos

1948 - 1964
Sucesor:
Frank Gasparro