Jorge Alberto de Mendonça Paulino
Jorge Mendonça | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Jorge Alberto de Mendonça Paulino | ||
Nacemento | 19 de setembro de 1938 (85 anos) | ||
Lugar de nacemento | Luanda | ||
Altura | 1,84 m. | ||
Posición | Dianteiro | ||
Carreira xuvenil | |||
1955–1956 | Sporting CP | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1956–1958 | Braga | 24 | (15) |
1958 | Deportivo | 7 | (3) |
1958–1967 | Atlético | 167 | (59) |
1967–1969 | Barcelona | 33 | (9) |
1969–1970 | Mallorca | 5 | (1) |
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Jorge Alberto de Mendonça Paulino, nado en Luanda (Angola) o 19 de setembro de 1938, é un exfutbolista portugués, de orixe angolana. Xogaba de dianteiro.
Tras comezar a súa carreira en Portugal, chegou á Coruña en 1958 xunto a seus irmáns Fernando e João para axudar ao Deportivo da Coruña a lograr a permanencia en Segunda División, pois este atopábase en postos de descenso. Tras logralo fichou polo Atlético de Madrid, onde estivo nove tempadas, gañando cinco títulos. Logo xogou no FC Barcelona e no Mallorca ata a súa retirada en 1970.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Inicios (1938-1958)[editar | editar a fonte]
Naceu en Luanda, capital da África Occidental Portuguesa. Súa nai era angolana e seu pai un portugués enviado a Angola para traballar no Observatorio Meteorolóxico. Este foi fundador do Sporting Clube de Luanda.[1] A familia trasladouse logo a Portugal, onde Jorge comezou a xogar na canteira do Sporting de Portugal, pasando logo ao Sporting de Braga.[2]
Deportivo da Coruña (1958)[editar | editar a fonte]
En 1958 chegou a Galicia xunto aos seus irmáns Fernando e João para tentar salvar ao Deportivo da Coruña do descenso á Terceira División, cando só faltaban unhas poucas xornadas para o remate da tempada e o club ocupaba postos de descenso directo. Finalmente João non puido xogar debido a problemas burocráticos pero si o fixeron seus irmáns, gañando case todos os partidos e conseguindo a salvación na fase de permanencia fronte ao Ourense, con dous goles de Jorge Mendonça.[3]
Atlético de Madrid (1958-1967)[editar | editar a fonte]
En 1958 marchou para o Atlético de Madrid, debutando na primeira división o 14 de setembro de 1958 na vitoria por 2 0 fronte ao Oviedo, na que Mendoça marcou o segundo gol do seu equipo.[4] En 1960 gañou a Copa do Xeneralísimo, o primeiro título de Copa da historia do Atlético de Madrid, título que revalidou ao ano seguinte. Na tempada 1961-62 proclamouse campión da Recopa de Europa, primeiro título europeo da historia do conxunto branquivermello. No partido de desempate da final fronte á Fiorentina, Mendonça marcou un dos tres goles atléticos.
Anos máis tarde sumou ao seu palmarés unha nova Copa e o campionato de liga da tempada 1965/66. O 15 de setembro de 1965 saíu a ombreiros do Stadium Metropolitano, despois de anotar un triplete fronte ao Dinamo de Zagreb na Recopa de Europa.[1][5] Xogou un total de nove tempadas co Atlético de Madrid, disputando 234 partidos e marcando 91 goles, para conseguir cinco títulos, ademais de tres subcampionatos de liga e un subcampionato da Recopa de Europa.
FC Barcelona (1967-1969)[editar | editar a fonte]
Ademais pasou á historia por ser o xogador que marcou o gol que puña punto final á mellor serie de vitorias do Real Madrid no seu estadio. O Real Madrid estivo sen perder en liga oito anos e 18 días (2.940 días, 121 partidos), converténdose no equipo que máis tempo estivo sen perder en casa na historia da liga. A xeira acabouse cando o 7 de marzo de 1965 Mendoça marcou o gol (minuto 74) que daba a vitoria ao equipo branquivermello.
En 1967 foi traspasado ao FC Barcelona por 12 millóns de pesetas.[1] Na súa primeira tempada gañou unha Copa do Xeneralísimo e conseguiu o subcampionato de liga. Permaneceu no equipo dúas tempadas, nas que marcou 16 goles. Foi apartado do club polo presidente Narcís de Carreras por motivos relixiosos, debido a que era testemuña de Xehová.[1]
RCD Mallorca (1969-1970)[editar | editar a fonte]
En 1969 marchou xogar ao Mallorca. Nesa tempada, tras a cal o equipo descendeu a Segunda división, case non dispuxo de oportunidades para xogar.
Tras deixar o fútbol (1970-actualidade)[editar | editar a fonte]
Despois de retirarse do fútbol marchou a Francia coa súa muller e alí estudou homeopatía. Tres anos despois regresou a España, onde traballou na embaixada de Angola, creou un equipo de inmigrantes e organizou un Mundial de Inmigrantes.[1][5] Logo regresou a Angola, a petición do goberno angolano, para impulsar o fútbol naquel país. Creou unha escola de fútbol e colaborou co Clube Desportivo Primeiro de Agosto, ademais de fundar a Asociación de Futbolistas Profesionais de África (AFPA).[1]
Palmarés[editar | editar a fonte]
Campionatos nacionais[editar | editar a fonte]
Atlético de Madrid[editar | editar a fonte]
FC Barcelona[editar | editar a fonte]
Copas internacionais[editar | editar a fonte]
Atlético de Madrid[editar | editar a fonte]
- 1 Recopa de Europa (1961-62)
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Giraldo, Javier (1 de febreiro de 2018). "Jorge Alberto Mendoza, la increíble historia del culé que se hizo predicador". Sport (en castelán). Consultado o 29 de outubro de 2020.
- ↑ Guijarro, Miguel Ángel (22 de decembro de 2004). "Técnica y magia angoleña" (PDF). Mundo Deportivo (en castelán). Consultado o 29 de outubro de 2020.
- ↑ "Temporada 1957-1958". RC Deportivo. Consultado o 29 de outubro de 2020.
- ↑ Pina, Nivardo (15 de setembro de 1958). "At. Madrid, 2 - Oviedo, 0" (PDF). Mundo Deportivo (Madrid). Consultado o 29 de outubro de 2020.
- ↑ 5,0 5,1 Hernández, Javier (11 de xuño de 2004). ""El balón no pide el DNI a quien le golpea"". As (en castelán). Consultado o 29 de outubro de 2020.