Bienio Progresista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Bienio Progresista é o nome co que se coñece o breve período da Historia de España transcorrido entre xullo de 1854 e xullo de 1856, durante o cal o Partido Progresista pretendeu reformar o sistema político do reinado de Isabel II, dominado polo Partido Moderado dende 1844, afondando nas características propias do réxime liberal, tras o fracaso dos gobernos moderados da década anterior.

Historia[editar | editar a fonte]

Ao final da Década moderada apreciábase que había corrupción entre os políticos, pois sempre eran os mesmos os que dirixían a política e a economía do país. Por outra parte, ao cabo de dez anos de moderantismo, os que non tiñan rendas altas non tiñan dereito ao voto e por suposto non tiñan dereito a ser elixidos para formar parte das Cortes, pois a Constitución de 1845 impedíallo, xa que o sufraxio censatario limitaba o dereito de voto para os máis ricos.

Esta situación provocou protestas e movementos subversivos en resposta a estas inxustizas. Estes movementos eran liderados polos propios liberais que non estaban de acordo coa forma de actuar do goberno; a maioría destes grupos liberais eran progresistas, pero tamén había grupos de moderados descontentos pola situación política, como é o caso do moderado xeneral Leopoldo O'Donnell.

Decadencia[editar | editar a fonte]

A partir da dimisión de Bravo Murillo a finais do ano 1852 xa comezara a decadencia gobernamental con disposicións por decreto que vulneraban o ordenamento constitucional. As principais figuras moderadas, descontentas co gabinete, foran apartadas pola nai da raíña, María Cristina de Borbón, que exercía o control sobre as filas moderadas. Así Francisco Martínez de la Rosa, Alejandro Mon y Menéndez e Leopoldo O'Donnell, homes de gran peso e que desexaban formar parte dun gabinete que restaurase a confianza na Coroa sen deixar en mans do Partido Progresista o Goberno, quedando excluídos de calquera iniciativa política.

Primeiras protestas[editar | editar a fonte]

En febreiro de 1854 producíronse as primeiras protestas na rúa en Zaragoza, que até xullo estendérense por toda España. O 28 de xuño de 1854, o xeneral Leopoldo O'Donnell, que se ocultara en Madrid durante as persecucións contra liberais e diferentes sectores moderados de toda España, uniuse a diversas forzas e enfrontouse as tropas leais ao goberno en Vicálvaro esixindo un goberno novo e que se acabase coa corrupción. Respectan á Raíña pero denuncian o mal goberno. Este pronunciamento militar recibe o nome de La Vicalvarada, sen que resultara un vencedor claro. Ao largo de xuño e xullo uníronse ao alzamento outras tropas en Barcelona. O 17 de xullo, en Madrid, pero tamén en Alzira, Cuenca, Logroño, Valencia e Zaragoza, civís e militares saíron á rúa nunha sucesión de actos violentos, poñendo en perigo a vida da mesma nai da Raíña, que debeu de buscar refuxio.

Manifesto[editar | editar a fonte]

Ante esta situación o xeneral O'Donell e as súas tropas retiráronse cara ao sur, onde conectaron co xeneral progresista Serrano e xuntos lanzaron o 7 de xullo de 1854 o Manifesto de Manzanares ao país para mobilizar a poboación civil:

"Nosotros queremos la conservación del Trono, pero sin la camarilla que lo deshonra, queremos la práctica rigurosa de las leyes fundamentales mejorándolas, sobre todo, la electoral y la de imprenta (...), queremos que se respeten en los empleos militares y civiles la antigüedad y el merecimiento (...), queremos arrancar a los pueblos de la centralización que les devora, dándoles la independencia local necesaria para que se conserven y aumenten sus intereses propios, y como garantía de todo esto queremos y plantearemos bajo sólidas bases la Milicia Nacional. Tales son nuestros intentos, que expresamos francamente sin imponerlos por eso a la Nación. Las Juntas de gobierno que deben irse constituyendo en las Provincias libres, las Cortes generales que luego se reúnan, la misma Nación, en fin, fijará las bases definitivas de la regeneración liberal a que aspiramos. Nosotros tenemos consagradas a la voluntad nacional nuestras espadas y no las envainaremos hasta que ella esté cumplida."

Este manifesto difundiuse entre a poboación invitando ao pobo a levantarse en apoio destas ideas. A reacción popular foi inmediata, pois proliferaron as axitacións e revoltas populares por todo o país apoiando o Manifesto, de modo que se converteu nunha revolución a que se uniron os obreiros cataláns.

A vista dos acontecementos Isabel II tivo que atender e conceder o que o manifesto lle esixía. Comezaba o Bienio Progresista. Este novo período estaba cheo de ilusión e esperanza para grandes sectores do pobo. O novo goberno, liderado por Espatero aplicouse a poñer en práctica o prometido conforme ao Manifesto do Manzanares.

Textos constitucionais[editar | editar a fonte]

Os progresistas querían unha Constitución progresista, polo que anularon a Constitución moderada de 1845 e sobre as bases da Constitución do 37 trataron de elaborar un novo texto constitucional. Ao final non chegou a aprobarse debido ao desacordo entre as forzas políticas. Non obstante outorgáronse dereitos aos cidadáns, tales como a liberdade de expresión, liberdade de imprenta e liberdade de asociación política. Xurdiron outros partidos como o partido demócrata e o partido republicano non que militaban socialistas e federalistas. O panorama político complicouse moito. Aproveitando as liberdades, o movemento obreiro pasou a acción, sobre todo a través das folgas xerais. Os campesiños tamén se uniron as protestas para mellorar a súa situación.

Os concellos xa estaban descentralizados polo que os cargos municipais elixidos polo pobo, exercían presión sobre o goberno. Por outra parte os elementos moderados nas Cortes acusaban constantemente ao goberno, atacándoo a través dos medios de comunicación.

O goberno, en medio de toda esta inestabilidade política, levou a cabo unha reforma económica importante. Por unha parte a desamortización civil de Madoz, pola cal se poñían a venda, despois de ser expropiados, os bens dos municipios , ordes militares, hospitais, hospicios e casas de misericordia, co obxecto de obter beneficios para o Estado. As consecuencias negativas non so as sufriron os axentes destas institucións senón que tamén as sufriron os aldeáns de baixas rendas, xa que empregaban as terras comunais dos municipios para subsistir e ao quedar estas terras en propiedade privada non as poderían empregar. Por outra parte levouse a cabo a Lei de Ferrocarrís, pola que se daban grandes beneficios e privilexios a quen investiran na construción do ferrocarril, posto que o medio de transporte era imprescindible ao proceso de industrialización que se estaba desenrolando en España. Con esta lei os inversores estranxeiros, especialmente Francia e Reino Unido, empregaron capitais na construción de vías férreas realzando ademais a actividade dos bancos. Finalmente reguláronse as leis liberalizadoras das Sociedades Anónimas e dos bancos que permitiran a expansión do sistema financeiro para o desenvolvemento industrial.

Golpe de Estado e fracaso[editar | editar a fonte]

A pesar destas medidas, o país estaba sumido no caos, polo que ante esta inestabilidade e conflitividade existente, o Xeneral O'Donell deu un golpe de Estado en xullo de 1856. O Bienio Progresista fracasou.