Ernest Bloch

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ernest Bloch fotografado cuns pícaros.
Este artigo trata sobre o compositor. Para o filósofo do mesmo nome, vexa Ernst Bloch.

Ernest Bloch, nado en Xenebra o 24 de xullo de 1880 e finado en Portland, Oregón o 15 de xullo de 1959, foi un compositor nacido en Suíza naturalizado estadounidense.

Biografía[editar | editar a fonte]

Ernest Bloch naceu en Xenebra e estudou música e composición no conservatorio de Bruxelas con, entre outros, Eugène Ysaÿe; posteriormente cursou estudos no Hoch Conservatory de Frankfurt. Viaxou por toda Europa antes de establecerse nos Estados Unidos en 1916, converténdose en cidadán dese país oito anos máis tarde.

En decembro de 1920, ocupou o cargo de director musical do recentemente creado Instituto de Música de Cleveland, posto que desempeñou até 1925. Entre este último ano e 1930, foi director do conservatorio de San Francisco. Entre os seus alumnos máis coñecidos atópanse George Antheil e Roger Sessions.

Pasou en Suíza a maior parte da década dos anos trinta do século XX, antes de regresar aos Estados Unidos. Faleceu en Portland, con setenta e oito anos, vítima dun cancro.

Composicións[editar | editar a fonte]

As obras temperás de Bloch inclúen a súa ópera Macbeth (1910) e amosan a influencia tanto do compositor alemán Richard Strauss como do impresionismo musical de Claude Debussy. As súas obras de madurez inspíranse na liturxia e a música folclórica xudías. Entre ditas composicións encóntranse: Schelomo (1916) para violonchelo e orquestra; a Sinfonía Israel (1916); Baal Shem para violín e piano (1923, cunha versión posterior para violín e orquestra) e Avodath Hakodesh (Servizo Sagrado, 1933) para barítono, coro e orquestra.

Outras obras deste período inclúen un concerto para violín escrito para Joseph Szigeti e a rapsodia América para coro e orquestra.

As pezas musicais escritas despois da Segunda Guerra Mundial son un pouco máis variadas estilisticamente, se ben persiste nelas un ton esencialmente romántico. Algunhas, como a Suite hebraica de 1950 continúan coa temática xudía; outras, como o segundo concerto grosso (1952) demostran o interese do autor polo neoclasicismo (se ben aquí a linguaxe harmónica é basicamente romántica, baixo unha forma barroca); e outras, incluíndo o último cuarteto para cordas, inclúen elementos atonais.

Obras principais[editar | editar a fonte]

  • Macbeth, ópera en tres actos (1909 Xenebra-París)
  • Schelomo, rapsodia hebraica para violonchelo e orquestra (17-7-1916).
  • Tres poemas xudeus para orquestra (1917).
  • Quinteto con piano (25-9-1924).
  • Concerto para violín e orquestra (20-7-1938).
  • Suite hebraica para orquestra (1951).
  • Catro cuartetos para corda.
  • Tres Suites para Violonchelo só

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]