Eugène Ysaÿe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Eugène Ysaÿe

Eugène Ysaÿe, nado en Liège o 16 de xuño de 1858 e finado en Bruxelas o 12 de maio de 1931, foi un violinista, compositor e director de orquestra belga. Foi elixido como un dos Cen Valóns do século polo instituto Jules Destrée, en 1995.

Biografía[editar | editar a fonte]

Comeza a estudar violín co seu pai aos cinco anos. Con sete entra no conservatorio da súa cidade natal, de onde é expulsado catro anos máis tarde polas súas críticas das clases. Henri Vieuxtemps tómao como alumno, faino traballar e consegue que o reintegren no conservatorio na clase de Rodolphe Massart. Con quince anos obtén o diploma de fin de estudos. A través de Viuextemps, recibe unha bolsa para traballar con Henryk Wieniawski en Bruxelas (quen substituía alí a Vieuxtemps, pola parálise dun brazo). Dous anos máis tarde vai para París, para traballar con Vieuxtemps, que residía alí.

En 1879, o violinista alemán Joseph Joachim introdúceo na vida musical de Colonia, onde interpreta con Clara Schumann a Sonata en dó menor de Ludwig van Beethoven. En 1880 é o primeiro violín na orquestra de Benjamin Bilse, en Berlín; orquestra que máis tarde sería a Filharmónica de dita cidade. Franz Liszt e Antón Rubinstein van sempre a Berlín a escoitar o que eles chaman "der famosen Kerl" (Ysaÿe coñecéraos en París en 1876 durante as veladas musicais na casa de Vieuxtemps, e desenvolvérase unha admiración mutua). A partir de 1881, emprende xiras de concertos con Anton Rubinstein entre outros, por Rusia, Noruega (onde se encontra con Edvard Grieg) e París. Alí, establece amizade co seu compatriota de Liège César Franck, que compoñerá para el a súa célebre sonata como agasallo de voda. O alumno de Franck, Ernest Chausson, dedícalle o seu Poema para violín e orquestra e o seu Concerto para piano e cuarteto de cordas. Outros músicos célebres dedícanlle tamén numerosas obras: Claude Debussy o seu cuarteto; Camille Saint-Saëns unha sonata; Gabriel Fauré o seu segundo quinteto; Edward Elgar, e numerosos compositores belgas. Durante as súas viaxes a Viena e Bordeos, cabe mencionar a súa interpretación do Poema de Chausson, que integra no seu programa; negándose a tocar se os organizadores non a querían incluír.

En 1894 crea e dirixe os Concertos Ysaÿe en Bruxelas, así como os Cuartetos de Cordas Yasÿe con Mathieu Crickboom de segundo violín. Ese mesmo ano preséntase en EUA. De 1886 a 1898, traballa de profesor no Real Conservatorio de Bruxelas. Os seus alumnos máis prestixiosos son Josef Gingold, William Primrose, Louis Persinger, Alberto Bachmann e Mathieu Crickboom. De 1918 a 1922, acepta o posto de director permanente da orquestra de Cincinnati.

Os seus instrumentos persoais son: primeiro, un Stradivarius, o Hércules, que lle roubaron nun concerto en Rusia; e un Guadagnini. Despois, un Guarnerius del Gesù (que despois pertenceu a Isaac Stern).

Convértese enseguida no conselleiro musical da Raíña Sabela de Bélxica. O concurso creado pola raíña, que levaba o seu nome, foi chamado en 1951 Concours musical international Reine-Élisabeth-de-Belgique (CMIREB) (concurso musical internacional Raíña-Sabela-de-Bélxica). Pouco antes de morrer, puido oír desde a súa cama do hospital a estrea da súa derradeira obra, unha ópera en lingua valoa: Pier li Houyeu.

Familia[editar | editar a fonte]

  • Théo Ysaÿe (Verviers, 1865 - Niza, 23 de marzo de 1918): irmán de Eugène, pianista e compositor, fixo os seus estudos musicais en Liège, Berlín e París. De saúde débil non podía seguir o ritmo das xiras co seu irmán e dedicouse á composición. Foi profesor do conservatorio de Xenebra e foi autor de numerosas obras.
  • Marc Ysaÿe: bisneto de Eugène e batería do grupo Machiavel e director de programas da Classic 21, unha das radios da RTBF (Radio-Télévision belge de la Communauté française).

Obras[editar | editar a fonte]

  • Numerosos poemas para violín e orquestra (por exemplo: "poème élégigiaque", "chant d'hiver" ou "les neiges d'antan".
  • Unha fantasía para violín e orquestra
  • Un divertimento, op 24
  • Unha ópera: Pier li Houyeu (Pedro o mineiro)

Debilitado pola diabetes non puido terminar a súa segunda ópera: L’avièrge di pièr (A virxe de pedra)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]