Mineralocorticoide

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fludrocortisona, un mineralocorticoide sintético.

Os mineralocorticoides son unha clase de hormonas esteroides caracterizadas pola súa similaridade coa aldosterona e a súa influencia no equilibrio de sales e auga no corpo. Utilizan un receptor de mineralocorticoides intracelular.

Fisioloxía[editar | editar a fonte]

O nome mineralocorticoide deriva das primeiras observacións sobre a función destas hormonas, que estaban implicadas na retención do sodio, un compoñente mineral do noso organismo. O principal mineralocorticoide endóxeno é a aldosterona, aínda que existen outras hormonas endóxenas que teñen función mineralocorticoide, como a desoxicorticosterona ou mesmo a proxesterona.

A aldosterona actúa sobre os riles para orixinar unha activa reabsorción de sodio e unha absorción pasiva asociada de auga, e unha activa secreción de potasio [1] nas células principais dos túbulos colectores corticais dos riles e unha secreción activa de protóns polas ATPases na membrana luminal das células intercalares do túbulo colector. Isto á súa vez causa un incremento da presión arterial e do volume sanguíneo.

A aldosterona é producida no córtex da glándula suprarrenal e a súa secreción está mediada principalmente pola anxiotensina II [2] pero tamén pola hormona adrenocorticotropa (ACTH) e os niveis locais de potasio.

A aldosterona foi descuberta en 1953 por Simpson e Tait [3] [4]

Biosíntese[editar | editar a fonte]

O precursor dos mineralocorticoides é o colesterol. A biosíntese da aldosterona realízase por unha serie de modificacións encimáticas nas que o colesterol orixina primeiro pregnenolona, que se deshidroxena formando proxesterona, que despois se hidroxila sucesivamente para formar primeiro a desoxicorticosterona (DOC) e de novo no carbono 11 para orixinar a corticosterona, precursor común das hormonas corticoides. A corticosterona é oxidada na posición 18 pola aldosterona sintase para dar lugar finalmente á aldosterona. A aldosterona é a principal hormona mineralocorticoide no home, pero nos roedores este papel exérceo a corticosterona. Estas reaccións son efectuadas por encimas citosólicos ou mitocondriais da familia do citocromo P450. [5]

Modo de acción[editar | editar a fonte]

Os efectos dos mineralocorticoides están mediados por un receptor intracelular, que actúa no núcleo, e por mecanismos asociados a cascadas sinalizadoras.

Esteroidoxénese, na que se mostran os mineralocorticoides na elipse da parte superior dereita. Nótese que non forman un grupo estrito, senón un continuo de estruturas cun efecdto mineralocorticoide crecente, ata chegar ao máximo na aldosterona.

Os mineralocorticoides únense a un receptor de mineralocorticoides citosólico. O receptor actívase ao unirse ao seu ligando (a hormona). Despois de que a hormona se une ao seu receptor, o complexo que forman ambos diríxese ao núcleo celular, onde se une no ADN a moitos elementos de resposta ás hormonas situados na rexión promotora de certos xenes, que son a diana da hormona e que se activarán xerando unha serie ded accións na célula.

O mecanismo oposto chámase transrepresión. O receptor da hormona sen o seu ligando interacciona con certas proteínas (heat shock proteins) e impide a transcrición dos xenes diana, que quedan inactivos.

A aldosterona e o cortisol (un glicoesteroide) teñen unha afinidade similar polo receptor mineralocorticoide; porén, os glicocorticoides circulan a unhas concentracións unhas 100 veces maiores ca a dos mineralocorticoides. Nos tecidos diana dos mineralocorticoides existe un encima que impide a sobreestimulación dos glicocorticoides. Este encima é o 11-beta hidroxiesteroide deshidroxenase tipo II (Proteína:HSD11B2), e cataliza a desactivación dos glicocorticoides a metabolitos 11-deshidro. A regalicia é un inhibidor deste encima e o seu consumo crónico pode orixinar unha condición chamada pseudohiperaldosteronismo.

Fisiopatoloxía[editar | editar a fonte]

O hiperaldosteronismo (a síndrome causada por niveis altos de aldosterona) orixínase xeralmente por cánceres suprarrenais. Os dous principais problemas que causa son:

  1. Hipertensión e edema debido á excesiva retención de Na+ e auga.
  2. Excreción acelerada de K+. Cunha perda extrema destes ións acaba por producirse debilidade muscular e parálise.

A baixa produción de aldosterona ou hipoaldosteronismo, causa o estado de perda de sales minerais asociado coa enfermidade de Addison, aínda que outras enfermidades como a hiperplasia adrenal conxénita pode orixinar tamén esta situación.

Farmacoloxía[editar | editar a fonte]

Un exemplo de mineralocorticoide sintético é a fludrocortisona [6] (Florinef). Uns importantes inhibidores dos mineralocorticoides son a espironolactona e a eplerenona.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. LG Palmer, G Frindt. Aldosterone and potassium secretion by the cortical collecting duct. Kidney Int (2000) 57: 1324-8. [1] PMID 10760062. Acceso 8/4/2011
  2. Williams GH, Dluhy RG (November 1972). "Aldosterone biosynthesis. Interrelationship of regulatory factors". Am J Med 53 (5): 595–605. DOI:10.1016/0002-9343(72)90156-8. PMID 4342886. http://linkinghub.elsevier.com/retrieve/pii/0002-9343(72)90156-8.
  3. Biological Studies with Electrocortin (Aldosterone) Endocrinology Vol. 55, No. 2 236-241
  4. Isolation from the adrenals of a new crystalline hormone with especially high effectiveness on mineral metabolism. Simpson SA, Tait JF, Wettstein A, Neher R, Von Euw J, Reichstein T., Experientia, 1953 Sep;9(9):333-5.
  5. Williams GH, Dluhy RG (November 1972). "Aldosterone biosynthesis. Interrelationship of regulatory factors". Am J Med 53 (5): 595–605. DOI:10.1016/0002-9343(72)90156-8. PMID 4342886. http://linkinghub.elsevier.com/retrieve/pii/0002-9343(72)90156-8.
  6. Taplin CE, Cowell CT, Silink M, Ambler GR (December 2006). "Fludrocortisone therapy in cerebral salt wasting". Pediatrics 118 (6): e1904–8. doi:10.1542/peds.2006-0702. PMID 17101713. http://pediatrics.aappublications.org/cgi/pmidlookup?view=long&pmid=17101713.