Glicolípido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estrutura química dos glicolípidos (= azucre + lípido). Os glicoglicerolípidos están formados por azucre + glicerina + ácidos graxos. Os glicoesfingolípidos están formados por azucre + ceramida.

Os glicolípidos son lípidos que levan unido un carbohidrato. Funcionan na célula como constituíntes das membranas celulares e como marcadores para o recoñecemento celular.

Os termos glicolípido e glicoesfingolípido non son sinónimos. O termo glicolípido ten un significado máis amplo e inclúe varios subgrupos de substancias, un dos cales son os glicoesfingolípidos [1].

Os glicolípidos son moléculas anfipáticas, xa que teñen unha parte polar (o glícido) e unha parte apolar (o lípido). O glícido dos glicolípidos da membrana proxéctase alén da bicapa lipídica no medio acuoso extracelular, onde actúa como un sitio de recoñecemento para substancias específicas e para manter a estabilidade da membrana e unir unhas células a outras nos tecidos. A estrutura do carbohidrato dos glicolípidos está controlada por glicosiltransferases e por glicosilhidrolases, que modifican os azucres despois da súa adición á molécula.

As esfingolipidoses, como a enfermidade de Gaucher [2] e a enfermidade de Fabry, están asociadas con defectos metabólicos que causan a acumulación de glicolípidos nos lisosomas da célula. Foi moi estudado o papel dos gangliósidos na patoxénese da enfermidade de Alzheimer[3].

Principais tipos de glicolípidos[editar | editar a fonte]

Son moi variados. Os máis importantes son os que conteñen esfingosina ou glicerol. Xeralmente non teñen fosfato, polo que a maioría non son fosfolípidos, pero tamén hai grupos con fosfato. A IUPAC definíaos nas súas recomendacións de 1997 como: "compostos que conteñen un ou máis residuos de monosacáridos unidos por enlace glicosídico a un residuo hidrofóbico como un acilglicerol, un esfingoide, unha ceramida (N-acilesfingoide) ou un prenil fosfato" [1]. Os principais tipos son:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 IUPAC-IUB Joint Commission on Biochemical Nomenclature (JCBN) Nomenclature of Glycolipids (Recommendations 1997) Nomenclatura e clasificación dos glicolípidos
  2. James, William D.; Berger, Timothy G.; et al. (2006). Andrews' Diseases of the Skin: clinical Dermatology. Saunders Elsevier. ISBN 0-7216-2921-0.
  3. Role of ganglioside metabolism in the pathogenesis of Alzheimer's disease - a review-JOURNAL OF LIPID RESEARCH Volume: 49 Issue: 6 Pages: 1157-1175 Published: JUN 2008

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]