Benidorm

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Benidorm
Escut de Benidorm.svg
Situación xeográfica
Benidorm2.jpg
Localización de Benidorm respecto ao País ValencianoLocalización de Benidorm respecto á comarca da Marina Baixa
País España España
Comunidade autónoma Flag of the Valencian Community (2x3).svg País Valenciano
Provincia Alacant
Comarca Marina Baixa
Xeografía
Altitude 15 msnm
Superficie 38,51 km²
Poboación
Poboación 70.280 hab. (2008)
Densidade 1824,98 hab./km²
Xentilicio Benidormense
Información
Código postal 03501 - 03508
Alcalde Agustín Navarro (Grupo Socialista de Benidorm)
Páxina web http://www.benidorm.org

Benidorm é un concello da provincia de Alacant (País Valenciano), situado na costa mediterránea, ao sueste da Península Ibérica. Está a 40 km da capital da provincia, Alacant.

Segundo datos de 2005, contaba con 67.492 habitantes, aínda que se calcula unha poboación aproximada de 100.000 habitantes durante a meirande parte do ano debido ó gran número de estranxeiros non censados[Cómpre referencia]. Benidorm é unha cidade eminentemente turística grazas o seu clima e temperaturas medias, que varían ó longo do ano entre os 12 °C no inverno e os 28 °C ós que se chega no verán.

O atractivo de Benidorm baséase nas súas tres praias con bandeira azul. Estas tres praias son: Levante, Poniente e Mal Pas. Benidorm é tamén coñecida por ter un animado e variado ambiente nocturno.

Demografía e urbanismo[editar | editar a fonte]

Benidorm experimentou nos últimos anos unha transformación urbanística extraordinaria, que fixo que a súa poboación pasara dos 5000 habitantes a finais da década dos 50, ata chegar á cifra actual.

Por outra banda, Benidorm é a localidade con máis rañaceos por habitante do mundo e a segunda en relación ó número deles por metro cadrado, despois de Manhattan. Un dos maiores edificios de España, o Gran Hotel Bali, que ademais é o hotel máis alto de Europa, atópase en Benidorm. Tamén deu comezo a construción do edifico residencial máis alto de Europa (200 m).

Evolución da poboación desde 1857 ata 2008
1857 1887 1910 1930 1950 1960 1970 1981 1991 1996 2001 2008
3720 3181 3498 3113 2726 6259 12.124 25.544 42.442 50.040 51.873 70.280

Historia[editar | editar a fonte]

No termo municipal atópanse restos iberos e romanos. Parece ser que no momento da Reconquista había unha alquería árabe na Partida de Lliriets; de calquera xeito, a poboación sería de pouca importancia. O nome de Benidorm aparece por vez primeira no Llibre del Feyts de Xaime I de Aragón, que conquistou esta parte da provincia de Alacant no ano 1245. As terras de Benidorm, e a meirande parte do resto da bisbarra, foron outorgadas ó almirante Bernat de Sarriá. Este importante señor feudal pode considerarse o verdadeiro fundador da cidade, ó outorgar Carta Puebla a Benidorm o 8 de maio de 1325, creando o castelo e a vila. A función deste documento era marcar os límites do término da nova poboación (que se separou así administrativamente da baronía de Polop), e tamén intentar atraer o estabelecemento exclusivo de familias cristiás. Estratexicamente, a orixe da vila debeuse ó medo imperante naquel tempo ó superior número de mouriscos existentes na zona, e as posibles alianzas destes cos seus irmáns de relixión no Reino de Granada e no norte de África.

En 1335 o señor territorial é o Infante Pedro de Aragón e de Anjou, seguido polo seu fillo Afonso de Aragón e de Foix. Posteriormente, Benidorm pasou a mans dos condes de Dénia, volveu á coroa, e finalmente vendeuse ó nobre Ruy Díaz de Mendoza, debido as dificultades financeiras do monarca con motivo de conflitos bélicos que lle obrigaron a desprenderse de moitos dos seus señoríos.

Vista de Benidorm

A poboación sufriu dous terribles ataques piratas berberiscos, o primeiro en 1410 e o segundo en 1448, que asolaron a vila e o castelo. En concreto, no ataque de 1448, os piratas leváronse escravizados a meirande parte dos habitantes de Benidorm, coa resultante despoboación

No século XVI ampliouse e reparouse o castelo, pero a vila urbana, que volvera a pertencer á baronía de Polop, atopábase case completamente despoboada.

A mellora das construcións defensivas e o establecemento, a partir de 1666, dunha canle que podía achegar auga desde o interior da bisbarra permitiron atraer novos poboadores ó lugar. En 1701, por iniciativa aristocrática, outorgouse unha nova Carta de poboación á vila, que volveu a ser municipalidade independente.

En 1715 Bendidorm contaba cuns 216 veciños, cifra que aumentou a 2700 a finais do século XVIII. Esta forte expansión demográfica púidose realizar grazas, esencialmente, a unha importante actividade pesqueira baseada na pesca con almadraba (pesca de atúns durante a súa viaxe de migración, mediante dun cerco de redes), na que os seus habitantes se especializaron.

Na guerra da Independencia española, as tropas napoleónicas profanaron o cemiterio e destruíron o castelo.

Durante o século XIX continuou o crecemento e comezaron tímidas aventuras turísticas como a inauguración do Balneario de la Virgen del Sufragio. Aínda que nos anos posteriores melloraron as comunicacións con Alacant e con Madrid, os demais sectores económicos non estaban pasando polo seu mellor momento, a mariña mercante entraba en crise pola perda das últimas colonias españolas de ultramar en 1898 (Cuba, Porto Rico e Filipinas) e pouco despois o "boom" da agricultura da vide (viño e uvas pasas) arruinouse coa chegada dun parasito da vide a comezos do século XX. Esta desaceleración económica foi unida a unha certa emigración a Cuba, ó barrio marítimo de Barcelona e á costa de Cádiz.

Durante estes anos, produciuse a ampliación do porto e, en 1925, a construción dos primeiros chalés na Praia de Levante. Trala Guerra civil española, pouco a pouco fóronse recuperando as actividades socioeconómicas, coa pesca como ramo produtivo máis destacado. Foi na década dos 50 cando se deron os primeiros pasos para producir unha verdadeira transformación: por unha banda, en 1952, pechouse por baixo rendemento nas capturas a almadraba máis importante, algo traumático para moitas familias. Ó mesmo tempo, en 1956, o Concello aprobaba o ordenamento urbanístico da vila para crear unha cidade concibida para o ocio turístico baseada en rúas ben trazadas e amplas avenidas seguindo a configuración das praias. A partir dese momento, produciuse un forte desprazamento das actividades tradicionais (pesca e agricultura) ó sector servizos orixinado polo turismo, que se converteu na base da prosperidade da cidade. O turismo español comezou a compartir o espazo cos visitantes doutras partes de Europa, primeiro chegados cos seus vehículos e máis adiante, coa apertura do aeroporto de L'Altet en 1967, cun importante número de estranxeiros chegados en voos charter. Actualmente, Benidorm é unha das primeiras cidades turísticas de toda a costa mediterránea.

Festas e celebracións[editar | editar a fonte]

Benidorm é unha cidade na que as festas adquiren un especial protagonismo. As festas patronais, en honor á virxe do Sufraxio e San Xaime Apóstolo, xunto con numerosas celebracións ó longo de todo o ano, son un atractivo importante para aqueles que a visitan. Teñen comezo en novembro, de sábado a martes a partir do segundo domingo do mes. Tamén se celebran Fallas, en marzo, Fogueiras de San Xoán en xuño e, en outubro, a festa de Mouros e cristiáns.

Un dos acontecementos máis coñecidos de Benidorm é a celebración anual, desde 1954, do Festival Internacional de la Canción.

Parques temáticos e de atraccións[editar | editar a fonte]

Dentro da grande oferta de ocio de Benidorm, destacan os seus parques temáticos e de atraccións:

  • Terra Mítica: un dos grandes parques temáticos de España, está inspirado nas distintas civilizacións que habitaron o Mediterráneo.
  • Aqualandia: atraccións de auga (tobogáns, rápidos...).
  • Mundomar: parque de observación de animais.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Benidorm