Anna Tsing

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaAnna Tsing

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento20 de outubro de 1952 Editar o valor em Wikidata (71 anos)
Datos persoais
País de nacionalidadeEstados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade Stanford - Doutor en filosofía (–1984)
Universidade Stanford - mestría en artes (–1976)
Universidade Yale - grao en Artes (–1973) Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoAntropoloxía Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónantropóloga , profesora universitaria Editar o valor em Wikidata
EmpregadorUniversidade de Aarhus (2013–)
Universidade de California (1989–)
Universidade de Massachusetts Amherst (pt) Traducir (1986–1989)
Universidade de Colorado en Boulder (1984–1986) Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Obra
Obras destacables
Premios

Anna Lowenhaupt Tsing, nada o 20 de outubro de 1952, é unha antropóloga estadounidense. É profesora do departamento de Antropoloxía da Universidade de California en Santa Cruz. En 2018 recibiu a Huxley Memorial Medal do Royal Anthropological Institute of Great Britain and Ireland.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Tsing licenciouse na Universidade de Yale. Completou na Universidade Stanford o seu posgrao en 1976 e o doutoramento en 1984.[1]

Exerceu como profesora axudante visitante na Universidade de Colorado en Boulder entre 1984 e 1986 e como profesora axudante na Universidade de Massachusetts Amherst entre 1986 e 1989. Posteriormente, entrou a formar parte do profesorado da Universidade de California en Santa Cruz.[1]

Tsing publicou máis de 40 artigos en revistas destacadas como Cultural Anthropology e Southeast Asian Studies Bulletin. Gañou o premio Henry J. Benda polo seu libro In the Realm of the Diamond Queen (1994) e o Senior Book Award polo seu segundo libro, Friction: An Ethnography of Global Connection (2005) da American Ethnological Society.[1]

En 2010 recibiu unha bolsa de estudos Guggenheim polo seu proxecto On the Circulation of Species: The Persistence of Diversity, un estudo do cogomelo matsutake.[1]

En 2013 concedéuselle a cátedra Niels Bohr na Universidade de Aarhus en Dinamarca polas súas achegas á obra interdisciplinar en humanidades, ciencias naturais, ciencias sociais e artes. Alí desenvolveu un programa de investigación interdisciplinar sobre o Antropoceno.[2] Tsing dirixiu o AURA (Aarhus University Research on the Anthropocene) na antedita universidade.[3] O proxecto foi financiado pola Danmarks Grundforskningsfond (Fundación Nacional para a Investigación) para un período de cinco anos, dende o 1 de setembro de 2013 até o 31 de decembro de 2018.

Entre outras institucións, Tsing é membro da American Anthropological Association, o American Ethnological Society e a Association for Asian Studies.[1]

O Plantacionoceno[editar | editar a fonte]

Tsing, xunto coa académica Donna J. Haraway, cuñou «Plantacionoceno» como termo alternativo a Antropoceno. Centra a actividade humana na transformación do planeta e os seus efectos negativos no uso da terra, os ecosistemas, a biodiversidade e a extinción das especies.

Tsing e Haraway sinalan que non todos os seres humanos contribúen de igual xeito aos desafíos ambientais que afronta a Terra. Sitúan a orixe do Antropoceno como un equivalente á do colonialismo en América aos inicios da Idade Moderna e destacan a violenta historia que agocha con base na historia das plantacións. Os colonialismos español e portugués importaron modelos de plantacións á América contra o século XVI que desenvolveran o século anterior en illas do Atlántico. Estes modelos baseábanse en escravizar poboación migrante, unha agricultura intensiva, a globalización e unha violencia racial constante. Estes feitos transformaron a vida e as vidas en todo o planeta.

Os modelos de plantación actuais e pasados proporcionan datos importantes das historias do colonialismo, o capitalismo e o racismo que non poden ser separadas das cuestións ambientais. De feito, algúns seres humanos están máis expostos ca outros a riscos como os aumentos da temperatura global e do nivel do mar, a exposición a toxinas e o dereito ao uso da terra.[4]

Obras destacadas[editar | editar a fonte]

In the Realm of the Diamond Queen: Marginality in an Out-of-the-way Place (1993)[editar | editar a fonte]

O primeiro libro de Tsing céntrase no pobo Meratus Dayak, que habita a rexión indonesia de Kalimantan Selatan, ao sur da illa de Borneo.[5] Uma Adang, membro do pobo, convida a Tsing á súa casa. Uma e as súas amigas móstranlle a Tsing de maneira teatralizada, mais formal, as súas ideas sobre o xamanismo, a política e a mitoloxía en relación coa identidade étnica.[6] O libro aborda o tema da marxinalidade dentro dun estado e o contexto de comunidade nunha análise de xénero.[7]

Friction: An Ethnography of Global Connection (2004)[editar | editar a fonte]

Os estudos etnográficos de Tsing baséanse na cordilleira Meratus de Kalimantan Selatan (Indonesia).[8] O termo «fricción» é descrito como «as complicadas, desiguais, inestábeis e creativas características da interconexión a través das diferenzas.»[8] Esta etnografía ten a súa base nos casos consecutivos do traballo de campo a curto prazo, cuns métodos baseados en «anacos de etnografía».[8]

O libro constitúe un estudo de paisaxes dominadas polos seres humanos. Inclúe temas como a explotación empresarial, a globalización, o activismo ambiental e a degradación ambiental.[9] A «fricción» converteuse nunha cuestión recorrente en seminarios universitarios de xeografía, socioloxía, teoría crítica, estudos feministas, estudos ambientais e economía política, entre outras áreas.[1]

Desde a súa investigación, Tsing é capaz de conceptualizar a «fricción» como unha teoría alternativa ao desenvolvemento «sinxelo dunha sociedade globalizada». Tsing analiza este paradigma coma o eixo dunha perspectiva imperialista, en que o desenvolvemento se sitúa nunha estrutura máis similar á dos países ricos e poderosos e se vencella coa moral. A idea do «globo» como sinónimo do mundo é algo difícil de medir e estudar e crea unha dicotomía entre as sociedades que forman parte desa comunidade global.

Tsing comeza explicando o ilóxico das tendencias da administración de terra en Indonesia, malia que a poboación e as exixencias para a infraestrutura non parecen estar a aumentar a nivel local. A cuestión da deforestación levou a unha maior comunicación e solidariedade entre comunidades urbanas e rurais no país. Sinala que parte da razón da unidade das diferentes comunidades indonesias en relación con este asunto era que ningunha delas obtiña beneficios coa destrución dos bosques, ao teren como obxectivo produciren recursos para o estranxeiro.

A destrución do ambiente non é compatíbel coa concepción positiva dun movemento global, segundo indican quen están en contra deste. Por contra, revela como o poder e a desigualdade se reflicten na destrución dos recursos naturais e o activismo como resposta a estas accións. Tsing sostén que o paradigma actual da teoría da globalización é que todas as interaccións globais teñen como obxectivo crear unha era global. No canto de describir interaccións globais e culturais coa diferenza como «fricción», Tsing recoñece os efectos destas na traxectoria das sociedades sen atacar as súas perspectivas morais ou monolíticas.

A antropóloga tamén suxire que botar man do concepto de fricción para entender o impacto da interacción elimina a percepción de que a globalización é un proceso uniforme e inevitábel. Elimina algúns elementos da idea xeral da globalización ao recoñecer que se trata dun concepto «confuso» e non sempre xera cambios no mesmo sentido. A súa conceptualization de «fricción» para describir a interacción a escala global ofrece un xeito novo de entender a diversidade dos efectos destas interaccións en mundos diferentes.[10]

The Mushroom at the End of the World: On the Possibility of Life in Capitalist Ruins (2015)[editar | editar a fonte]

A análise etnográfica de Tsing do cogomelo matsutake ofrece ao público lector unha ollada a este raro, apreciado e custoso fungo, moi estimado no Xapón.[11] O cogomelo medra en paisaxes que foron considerabelmente modificadas polo ser humano, en simbiose con certas especies de piñeiros.[12] As súas achegas sobre o matsutake contribúen ao campo da antropoloxía co fin de estudar as múltiples interaccións de especie. Utiliza, amais, aspectos non relacionados cos seres humanos para pescudar máis sobre o mundo humano.[13]

Tsing fai un seguimento da viaxe internacional do matsutake para mostrarlle ao público lector a complexa cadea produtiva do cogomelo mediante reflexións sobre o capitalismo.[11] Utiliza, amais, o matsutake para revelar de xeito máis amplo como a interferencia humana condiciona a ecoloxía.[11] O libro foi galardoado cos premios Gregory Bateson[14] e o Victor Turner.[15]

Arts of Living on a Damaged Planet: Ghosts and Monsters of the Anthropocene (2017)[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Anna Lowenhaupt Tsing". John Simon Guggenheim Memorial Foundation (en inglés). Consultado o 4 de decembro de 2022. 
  2. Lasnier, Guy (12 de xuño de 2013). "Anthropology professor Anna Tsing wins $5 million Danish research award". Newscenter - UC Santa Cruz (en inglés). Consultado o 4 de decembro de 2022. 
  3. "anthropocene.au.dk". Aarhus Universitet (en dinamarqués). Consultado o 4 de decembro de 2022. 
  4. Sapp Moore, Sophie; Allewaert, Monique; F. Gómez, Pablo; Mitman, Gregg (22 de xaneiro de 2019). Center for Culture, History, and Environment (CHE) - Nelson Institute for Environmental Studies (University of Wisconsin–Madison), ed. "Plantation Legacies". Edge Effects (en inglés). 
  5. Lowenhaupt Tsing, Anna (1993). In the realm of the diamond queen (en inglés). Princeton: Princeton University Press. ISBN 9780691000510. 
  6. Connel, Raewyn; Pearse, Rebecca (2018). Género: Desde una perspectiva global (en castelán). Traducido do inglés por Arantxa Grau Muñoz e Almudena Adelaida Navas Saurin. València: Publicacions de la Universitat de València. ISBN 9788491343332. 
  7. Sian, Jay (xaneiro de 1995). "Anna Lowenhaupt Tsing: In the realm of the Diamond Queen: marginality in an out-of-the-way place. xvi, 350 pp. Princeton, NJ: Princeton University Press, 1993. £10.95.". Bulletin of the School of Oriental and African Studies (en inglés) (1ª ed.) 58: 206–207. ISSN 1474-0699. doi:10.1017/S0041977X00012660. 
  8. 8,0 8,1 8,2 Lowenhaupt Tsing, Anna (2005). Friction: An Ethnography of Global Connection (en inglés). Princeton University Press. ISBN 9780691120652. 
  9. McKenzie, Don (2 de maio de 2006). "Connectivity and scale in cultural landscapes: A.L. Tsing, Friction: an Ethnography of Global Connection". Landscape Ecology (en inglés) (Princeton: Princeton University Press) (22): 157–158. ISBN 069112065X. ISSN 0921-2973. doi:10.1007/s10980-006-9000-7. 
  10. Lowenhaupt Tsing, Anna (2005). Friction: an ethnography of global connection (en inglés). Princeton: Princeton University Press. ISBN 9781400830596. OCLC 774293600. 
  11. 11,0 11,1 11,2 Lowenhaupt Tsing, Anna (2015). The Mushroom at the End of the World: On the Possibility of Life in Capitalist Ruins (en inglés). Princeton: Princeton University Press. ISBN 9780691178325. 
  12. Lowenhaupt Tsing, Anna. "Blasted Landscapes (and the gentle art of Mushroom Picking)". The Multispecies Salon (en inglés). 
  13. Lowenhaupt Tsing, Anna (2010). "Arts of Inclusion, or How to Love a Mushroom". Manoa (University of Hawai'i Press ed.) 22 (2): 191–203. ISSN 1527-943X. 
  14. Ochoa Gautier, Ana María (21 de setembro de 2016). "Anna Lowenhaupt Tsing Awarded the 2016 Bateson Prize". Society for Cultural Anthropology (en inglés). Consultado o 8 de decembro de 2022. 
  15. "2016 Victor Turner Book Prizes in Ethnographic Writing". Society for Humanistic Anthropology (en inglés). Consultado o 8 de decembro de 2022.