Menxeviques

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Os menxeviques Pavel Axelrod, Julius Martov e Alexander Martínov, Estocolmo, maio de 1917.

Os menxeviques (en ruso меньшевики, mensheviki) eran a facción moderada do Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia.

Os menxeviques, encabezados por Julius Martov, sostiñan que non había que esixir pertencer a unha das organizacións de base do partido, como condición para ser recoñecido como membro del; pensaban que era preferible contar cunha base partidaria ampla, a diferenza do modelo de partido único de vangarda do proletariado que propuña Lenin. Consideraban que en Rusia debía cumprirse en primeiro lugar unha revolución burguesa durante a que ó partido obreiro lle correspondería ser a facción da esquerda. Nunha liña socialdemócrata, formulaban a instauración dunha democracia representativa mantendo a estrutura de produción capitalista.

A posición organizativa de Martov sobre o partido contou co apoio maioritario dos delegados presentes no congreso, inmediatamente achouse en minoría á hora de escoller o comité diretivo, debido a que algúns delegados se retiraron do congreso porque este non aceptou certas propostas do seu interese; o alcume de menxeviques, "a minoría", provén disto.

Pese ás diferenzas, os menxeviques mantivéronse formalmente dentro do partido e foron moi activos na organización dos soviets durante a Revolución de 1905; porén, tras o fracaso desta abandonaron a idea da loita armada, centráronse en trataren de formaren un partido legal e avogaron por unha liquidación progresiva do tsarismo cara a unha revolución burguesa, na que o terceiro estado compartise o poder. A súa separación do partido fíxose definitiva en 1912.

A guerra[editar | editar a fonte]

En 1914, Martov, ó igual que os bolxeviques, opúxose frontalmente á participación na I Guerra Mundial. Porén, en medio da Segunda Internacional, os menxeviques mantiveron posicións diferenciadas e ata diverxentes sobre a guerra: Alexander Potrésov, Piotr Máslov Kusmá Gvósdev e Emanuel Smirnov chamaron a "defender a patria", incluso Georgi Plekhanov tornouse defensista; o resto dos menxeviques uníronse nun principio ó sector "internacionalista", aínda que Nikolay Chkheidze, deputado na Duma, publicaba Nashe Dielo ("A Nosa Causa") cunha posición máis conciliadora co defensismo que a posición oficial do Comité de Organización menxevique, expresada por Spectator, Martínov e Pavel Axelrod, mentres que Martov, sendo integrante deste comité, chegou a colaborar con Trotski en Nashe Slovo (A Nosa Palabra) cunha posición de rexeitamento a todo defensismo.

Tras a Revolución de Febreiro de 1917, ó chegaren ó goberno os menxeviques en alianza cos socialrevolucionarios e os liberais, mantivo a participación do Exército Ruso no fronte e asumiron a responsabilidade de continuaren a guerra en alianza con Francia, Gran Bretaña e máis Serbia. Aínda que Martov se opuxo abertamente a esta política e Axelrod aconsellou abrir as negociacións de paz con Alemaña e Austria, os menxeviques apoiaron as políticas de Fiódor Dan e o ministro do goberno provisional Irakli Tsereteli de seguiren a guerra e aprazaren a reforma agraria; con isto perdeu a simpatía das masas obreiras, que se volcaron cara ós bolxeviques, e os campesiños, que apoiaran os socialrevolucionarios.

Anos posteriores[editar | editar a fonte]

O partido menxevique foi proscrito tras a Rebelión de Kronstadt en 1921. Uns poucos dos seus membros emigraron, publicaron o xornal O Mensaxeiro Socialista fundado por Martov e mantiveron o Centro Menxevique en Berlín, París e Nova York ata comezos da década de 1970. Actualmente algunhas formacións políticas rusas reivindícanse herdeiras do patrimonio político dos menxeviques.