Artigo destacado
|
Estevo de Inglaterra, nado en 1092 ou 1096 e finado o 25 de outubro de 1154, frecuentemente referido como Estevo de Blois, foi Rei de Inglaterra dende o 22 de decembro de 1135 ata a súa morte en 1154. Foi conde de Boulogne iure uxoris dende 1125 ata 1147 e Duque de Normandía dende 1135 ata 1144. O seu reinado estivo marcado pola Anarquía, unha guerra civil coa súa curmá e rival, a Emperatriz Matilde, cuxo fillo, Henrique II, sucedeu a Estevo como o primeiro dos reis anxevinos de Inglaterra.
Estevo naceu no condado de Blois, no centro de Francia, como o cuarto fillo de Estevo-Henrique, Conde de Blois e Adela, filla de Guillerme o Conquistador. O seu pai faleceu cando Estevo era aínda novo, e foi criado pola súa nai. Colocado na corte do seu tío Henrique I de Inglaterra, Estevo ascendeu en prominencia e recibiu amplas terras. Casou con Matilde de Boulogne, herdando máis propiedades en Kent e Boulogne que converteron á parella nunha das máis ricas de Inglaterra. Estevo escapou por pouco de afogarse co fillo de Henrique I, Guillerme Adelin, no naufraxio do Barco Branco en 1120; a morte de Guillerme deixou a sucesión ao trono inglés aberta á disputa. Cando Henrique morreu en 1135, Estevo cruzou rapidamente o Canal da Mancha e, coa axuda do seu irmán Henrique, Bispo de Winchester e Abade de Glastonbury, tomou o trono, argumentando que a preservación da orde en todo o reino era prioritaria fronte aos seus xuramentos previos de apoiar a reclamación da filla de Henrique I, a Emperatriz Matilde.
Os primeiros anos do reinado de Estevo foron amplamente exitosos, a pesar dunha serie de ataques ás súas posesións en Inglaterra e Normandía por parte de David I de Escocia, rebeldes galeses e o esposo da Emperatriz Matilde, Godofredo Plantagenet, Conde de Anjou. En 1138, o medio irmán da Emperatriz, Roberto de Gloucester, rebelouse contra Estevo, ameazando con iniciar unha guerra civil. Xunto co seu conselleiro próximo, Waleran de Beaumont, Estevo tomou medidas firmes para defender o seu poder, incluíndo o arresto dunha poderosa familia de bispos. Cando a Emperatriz e Roberto invadiron en 1139, Estevo non foi capaz de esmagar rapidamente a revolta, que se afianzou no suroeste de Inglaterra. Capturado na batalla de Lincoln en 1141, foi abandonado por moitos dos seus seguidores e perdeu o control de Normandía. Só foi liberado despois de que a súa esposa e Guillerme de Ypres, un dos seus comandantes militares, capturasen a Roberto no Desastre de Winchester, pero a guerra prolongouse durante moitos anos sen que ningún bando lograse unha vantaxe decisiva.
Estevo preocupábase cada vez máis por asegurar que o seu fillo Eustaquio herdase o trono. O rei tentou convencer á igrexa para coroar a Eustaquio e reforzar a súa reclamación; o papa Uxío III negouse, e Estevo atopouse nunha serie de discusións cada vez máis amargas cos altos clérigos. En 1153, o fillo da Emperatriz, Henrique, invadiu Inglaterra e formou unha alianza con poderosos baróns rexionais para apoiar a súa reclamación ao trono. Os exércitos de ambos bandos atopáronse en Wallingford, pero os baróns de ningún dos bandos estaban dispostos a loitar outra batalla campal. Estevo comezou a considerar unha paz negociada, un proceso acelerado pola repentina morte de Eustaquio. Máis tarde ese ano, Estevo e Henrique acordaron o Tratado de Winchester, no que Estevo recoñeceu a Henrique como o seu herdeiro a cambio de paz, pasando por alto a Guillerme, o segundo fillo de Estevo. Estevo morreu ao ano seguinte. Os historiadores modernos debateron extensamente ata que punto a súa personalidade, os acontecementos externos ou as debilidades do estado normando contribuíron a este prolongado período de guerra civil.
|
Sobre Galicia
|
|
Tal día coma hoxe no ano...
|
|
|
|
Imaxe do día
|
|
Presentación
|
|
Participación
|
|
Comunidade
|
De acordo coas nosas estatísticas, temos un total de 150 926 contas de usuario rexistradas na Galipedia, e entre elas 277 estiveron activas durante o último mes. Todas as persoas que editan a Galipedia son voluntarias, integrando unha comunidade colaborativa e coordinando os esforzos por medio de proxectos temáticos e diversos espazos de conversa.
|
|