Saltar ao contido

Camaleónidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Camaleón»)
Camaleónidos
Chamaeleonidae
Camaleóns

Rango fósil: Paleoceno medio-Actualidade
(99,7 - 0 Millóns de anos) [1]

Chamaeleo chamaeleon
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Superclase: Tetrapoda
Clase: Sauropsida
Orde: Squamata
Suborde: Lacertilia
Infraorde: Iguania
Familia: Chamaeleonidae
Rafinesque, 1815
      Área de distribución natural dos camaleónidos
      Área de distribución natural dos camaleónidos

      Área de distribución natural dos camaleónidos
Subfamilias e Xéneros
Véxase o texto
Sinonimia
Véxase o texto

A dos camaleónidos[2] (Chamaeleonidae) é unha familia de réptiles da orde dos escamosos, suborde dos lacertilios e infraorde dos iguanios, coñecidos vulgarmente como camaleóns.[3] Trátase dun clado moi distintivo e altamente especializado dos lagartos do Vello Mundo con 202 especies descritas en xuño de 2015,[4] a maior parte delas na África subsahariana.

As súas especies presentan unha ampla variedade de cores e moitas delas teñen a capacidade de cambiar de cor.

Os camaleóns distínguense polos seus pés zigodáctilos, as súas longas linguas, moi modificadas, rapidamente protráctiles (que poden proxectarse moito cara a fóra da boca)[5] e a súa marcha balanceándose,[6] e cristas ou cornos na cabeza e no fociño. A maioría das especies, as máis grandes en particular, tamén teñen unha cola prénsil. Os ollos poden moverse independentemente o un do outro, pero para apuntar a unha presa, céntranse cara a adiante en coordinación, permitindo unha visión estereoscópica ao animal.

Os camaleóns están adaptados para a escalada e caza visual. Viven en hábitats cálidos que van desde a selva tropical até espazos desérticos, con numerosas especies que se encontran en África, Madagascar, o sur de Europa e en todo o sur de Asia até Sri Lanka. Tamén foron introducidos en Hawai, California e Florida, e a miúdo téñense como mascotas domésticas.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A familia foi descrita en 1815 polo naturalista, meteorólogo e arqueólogo estadounidense de orixe franco-xermana-italiana Constantine Samuel Rafinesque,[7] na súa obra Analyse de la nature, ou tableau de l'univers et des corps organisés. Palerme: L'Imprimerie de Jean Barravecchia. (Ver texto completo).

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome camaleón deriva do latín chămaelĕōn,[8] tirado do grego antigo χαμαιλέων chamailéōn,[8][9] voz formada polos elementos χαμαί chamaí, "en terra", "polo chan", e λέων léōv, "león".[9] Lietalmente: "león da terra".

Sinonimia

[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome válido, a familia coñeceuse tamén polos sinónimos:

  • Chamaeleoninae Rafinesque, 1815
  • Brookesinae Nopsca, 1923

Clasificación

[editar | editar a fonte]

A familia dos Chamaeleonidae foi dividida en 1986, por Klaver e Böhme en dúas subfamilias, que comprenden os xéneros que se indican:[10]

Controversias taxonómicas

[editar | editar a fonte]

Na primeira clasificación de Klaver e Böhme, a subfamilia dos Brookesiinae incluía os xéneros Brookesia e Rhampholeon, así como os dous xéneros que despois se separaron deles (Palleon e Rieppeleon),[11] mentres que a dos Chamaeleoninae incluía os xéneros Bradypodion, Calumma, Chamaeleo, Furcifer e Trioceros, así como outros xéneros despois divididos (Archaius, Nadzikambia e Kinyongia). Porén, nese momento, a validez desta clasificación en dúas subfamilias foi obxecto de moitos debates,[12] considerando que a maioría dos estudos filoxenéticos apoiban a idea de que os camaleóns pigmeos da subfamilia dos Brookesiinae non son un grupo monofilético.[13][14][15][16]

Non obstante, en 2015, Glaw reformulou a división subfamiliar situando só os xéneros Brookesia e Palleon dentro da subfamilia dos Brookesiinae, situándose todos os demais xéneros na dos Chamaeleoninae.[4]

Características físicas

[editar | editar a fonte]

Tamaño e estrutura corporal

[editar | editar a fonte]

Os camaleóns varían moito en tamaño e estrutura corporal, e as lonxitudes totais máximas varían desde os 15 mm dos machos da especie Brookesia micra (un dos réptiles máis pequenos do mundo) até os 68,5 cm dos machos de Furcifer oustaleti.[17] Moitos teñen ornamentacións na cabeza ou no rostro, como saíntes nasais, ou proxeccións en forma de corno no caso de Trioceros jacksonii, ou grandes cristas na cabeza, como Chamaeleo calyptratus. Moitas especies presentan dimorfismo sexual e os machos están normalmente moito máis ornamentados que as femias.[18]

Algúns camaleóns teñen unha crista de pequenas puntas que se estenden ao longo da columna vertebral dende a parte proximal da cola até o pescozo; tanto a extensión como o tamaño dastas espiñas varía entre especies e individuos. Estas puntas axudan a romper o contorno do camaleón, que os axuda a confundirse coa súa contorna.

Extremidades

[editar | editar a fonte]

Os pés dos camaleóns están moi ben adaptados á locomoción arbórea, e mesmo especies como Chamaeleo namaquensis que dopataron un hábito terrestre conservan a mesma morfoloxía do pé con poucas modificacións. En cada pé, os cinco dedos claramente distinguíbeis agrúpanse en dous fascículos. Os dedos de cada fascículo están unidos nun grupo de dous ou tres, dándolle a cada pé un aspecto similar á pinzas ou tenaces. Nos pés dianteiros, o grupo exterior, lateral, contén dous dedos, mentres que o grupo interno, medial, contén tres. Nos pés traseiros, esta disposición invírtese, o grupo medial contén dous dedos e o grupo lateral tres. Estes pés especializados permiten que os camaleóns se agarren firmemente sobre pólas estreitas ou ásperas. Ademais, cada un dos pés está equipado cunha garra afiada para permitir un agarre en superficies como a casca ao subiren. É común referirse aos pés de camaleóns como didáctilos ou zigodáctilos, aínda que ningún dos dous termos é plenamente satisfactorio, xa que ambos os dous empregánse na descrición de pés totalmente diferentes, como os pés zigotáctilos de papagaios ou os pés didáctilos das avestruces, ningún deles son exactamente como os dos camaleóns. Aínda que o "zigodactilo" é razoabelmente descritivo da anatomía do pé dos camaleóns, a súa estrutura non se asemella á dos papagaios, á que se aplicou o termo por primeira vez. En canto á didáctilidade, os camaleóns teñen visibelmente cinco dedos en cada pé, non dous.

Captura do alimento

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Protráctil.

Móvese con extrema lentitude. Para apañaren ás súas presas, utilizan a súa lingua protráctil como se fose un dardo. Conseguen, cunha velocidade sorprendente, estender a lingua case un metro. A punta pegañenta prende o insecto, que é despois tragado. Ese proceso só se pode capturar en detalle con fotografías tomadas con cámaras de alta velocidade.[18]

Visión e mobilidade dos ollos

[editar | editar a fonte]

Os camaleóns teñen os ollos máis distintivos de todos os outros réptiles. As pálpebras superiores están unidas ás inferiores, deixando entre elas un único espazo libre o suficientemente grande como para que queden descubertos o iris e a pupila. Cada ollo pode moverse e centrarse de forma independente do outro, permitindo que o camaleón observe dous obxectos diferentes simultaneamente. Isto dálles un arco de visión de 360 ​​graos arredor dos seus corpos. Ás súas presas sitúanas usando a percepción monocular, non a binocular ou estereoscópica.[19] Teñen a mellor vista de todos os réptiles, permitíndolles ver pequenos insectos a unha distancia de 5 a 10 m. De feito, os camaleóns teñen a maior visión (por tamaño) de calquera vertebrado.[20]

Os camaleóns poden ver tanto con luz natural como con luz ultravioleta.[21] Os camaleóns expostos á luz ultravioleta mostran uns maiores comportamentos sociais e niveis de actividade, están máis inclinados a alimentarse e tamén son máis propensos a reproducírense, xa que esta radiación ten un efecto positivo na glándula pineal.

Sentido do oído

[editar | editar a fonte]

Do mesmo xeito que as serpes, os camaleóns non teñen oido externo nin medio, polo que non hai un orificio auditivo externo nin tímpano. Porén, os camaleóns non son xordos: poden detectar frecuencias sonoras no intervalo de 200-600 Hz.[22]

Estrutura da pel

[editar | editar a fonte]

A súa pel ten bastante queratina, o que presenta unha serie de vantaxes (en especial, a resistencia). Mais esta característica fai que o camaleón teña que facer a "muda" de pel durante o seu crecemento (a pel antiga descama, dando lugar a outra), como as cobras.[18]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Os camaleóns son especies ovíparas. As posturas varían entre 30 e 40 ovos, que son depositados no solo. A incubación é longa, dura de 8 a 9 meses. Alcanzan a madurez sexual ao cabo dun ano de vida, e poden vivir de 4 a 5 anos.

Os machos son normalmente máis coloridos e con ornamentacións máis preminentes na cabeza.

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

A maior parte dos camaleóns vive en África e en Madagascar, aínda que algunhas especies tamén se encontran en partes do sur de Europa, Sri Lanka, India, Asia Menor e até na Amazonia. As diferentes especies habitan diferentes ambientes, como montañas, forestas pluviais, sabanas e ás veces desertos e estepas. Crese que os individuos que viven nos sectores mediterránicos europeos derivan de exemplares introducidos polo ser humano en épocas remotas.

Os camaleóns habitan, na súa maior parte, árbores, mais tamén son achados nalgúns arbustos, e algunhas especies viven no chan, embaixo das follas. Poden pasar dunha árbore a outra grazas á súa cauda, e aos pés en forma de pinzas.

Comportamento

[editar | editar a fonte]

Todos os camaleóns son animais diúrnos. O seu período de maior actividade é a mañá e o final do entardecer. Os camaleóns non son cazadores activos. Ao contrario, prefiren esperar horas inmóbiles, esperando unha presa. Aliméntanse basicamente de artrópodos, especialmente insectos, e de pequenos vertebrados. En catividade tamén comen froitas como papaia, banana, e até ovos fritos, mais esa dieta só é válida para animais adultos: os fillos pequenos son case exclusivamente insectívoros.

Os camaleóns viven a maior parte das súas vidas solitariamente, e son bastante agresivos con outros membros da súa mesma especie, mesmo que sexan femias. O hábito solitario só é abandonado na época de emparellamento, cando o macho descende das árbores á procura de femias.

Mudanza de cor

[editar | editar a fonte]
Camaleón listado

Ao contrario da crenza popular, o camaleón non muda de cor de acordo coa cor do ambiente: na verdade, o cambio da súa cor básica é expresión dunha condición física ou psicolóxica do lagarto.

A pel troca de cor baixo a influencia do seu humor, da luz ou da temperatura.

A mudanza de cor tamén ten un papel importante na comunicación durante loitas entre camaleóns: as cores indican se o opoñente está asustado ou furioso.

Acidentalmente, a mudanza de cor pode axudar no mimetismo do animal, aínda que esta non sexa unha ocorrencia frecuente senón ocasional.

Os camaleóns teñen células especializadas en dúas capas baixo a súa pel externa transparente. As células na capa superior, chamadas de cromatóforas, conteñen pigmentos amarelos e vermellos. Baixo as células cromatóforas hai outra capa de células: as guanóforas, que conteñen unha substancia cristalina e incolora (a guanina). Os guanóforos reflicten, entre outras, a cor azul da luz incidente. Se a capa superior de cromatóforas for amarela, a luz reflectida tórnase verde (azul máis amarelo). Unha capa de pigmento escuro (melanina) contendo melanóforos está situada aínda máis profundamente, baixo as guanóforas reflectoras de luz azul e branca. Estes melanóforos dominan o brillo e a claridade da luz reflectida.

Todas esas diferentes células pigmentarias poden recolocar os seus pigmentos, influenciando así a cor da luz que é reflectida.

Camaleóns na cultura e nas artes

[editar | editar a fonte]

En todo o occidente, o termo "Camaleón" é usado na linguaxe figurada como sinónimo dunha persoa volúbel e maleábel, que adapta o seu comportamento e características conforme o ambiente. Nin sempre o termo ten connotación negativa (de falsidade), podendo significar tamén "flexibilidade". Tamén é bastante utilizado para adxectivar bos actores.

Na simboloxía dalgunhas tribos africanas, o camaleón é un animal sagrado, visto como o criador dos primeiros seres humanos. Nunca é morto polas persoas, e cando é encontrado no camiño, tírano con precaución, con medo de maldicións.

Na Amazonia, encontrar un camaleón indica boa sorte, e matalos trae mal agoiro. Aínda así, hai quen ignora as lendas e mata os camaleóns da Amazonia para comelos.

Os camaleóns son personaxes frecuentes de fábulas, onde xeralmente representan bichos lentos, astutos e pouco confiábeis.

Camaleón tamén é o nome dun conxunto de carnaval na Baía, e dunha pequena constelación.

Na banda deseñada brasileira, Kamaleão con "K" é un personaxe moi divertido e festeiro criado polo debuxante marañense Petrus Cintra.

  1. Chamaeleonidae Gray 1825 Arquivado 22 de abril de 2020 en Wayback Machine. en Fossilworks.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para camaleónidos.
  3. camaleón, 1ª acep., no Dicionario da RAG.
  4. 4,0 4,1 Glaw, F. (2015). "Taxonomic checklist of chameleons (Squamata: Chamaeleonidae)". Vertebrate Zoology 65 (2): 167–246. 
  5. protráctil no Dicionario da RAG.
  6. Edmonds, Patricia (Setembro de 2015). "True colors". National Geographic: 98. 
  7. Chamaeleonidae Rafinesque, 1815 en Wikispecies.
  8. 8,0 8,1 chămaelĕon, -ōnis en: Charlton T. Lewis & Charles Short (1879): A Latin Dictionary. Oxford: Clarendon Press.
  9. 9,0 9,1 χαμαιλέων en: Henry George Liddell & Robert Scott (1843): A Greek–English Lexicon. Oxford: Oxford University Press.
  10. Klaver, C.; Böhme, W. (1986). "Phylogeny and classification of the Chamaeleonidae (Sauria) with special reference to hemipenis morphology". Bonner Zoologische Monographien 22: 1–64. 
  11. Subfamily Brookesiinae no ITIS.
  12. Tilbury, Colin (2010). Chameleons of Africa, An Atlas including the chameleons of Europe, the Middle East and Asia. Frankfurt: Edition Chimaira. ISBN 978-3-8997-3451-5. 
  13. Townsend, T.; Larson, A. (2002). "Molecular phylogenetics and mitochondrial genomic evolution in the Chamaeleonidae (Reptilia, Squamata)". Molecular Phylogenetics and Evolution 23 (1): 22–36. PMID 12182400. doi:10.1006/mpev.2001.1076. 
  14. Raxworthy, C. J.; Forstner, M. R. J.; Nussbaum, R. A. (2002). "Chameleon radiation by oceanic dispersal" (PDF). Nature 415 (6873): 784–787. PMID 11845207. doi:10.1038/415784a. 
  15. Townsend, T. M.; Tolley, K. A.; Glaw, F.; Böhme, W.; Vences, M. (2011). "Eastward from Africa: Palaeocurrent-mediated chameleon dispersal to the Seychelles islands". Biological Letters 7 (2): 225–228. PMC 3061160. PMID 20826471. doi:10.1098/rsbl.2010.0701. 
  16. Tolley, K. A.; Townsend, T. M.; Vences, M. (2013). "Large-scale phylogeny of chameleons suggests African origins and Eocene diversification". Proceedings of the Royal Society B 280 (1759): 20130184. PMC 3619509. PMID 23536596. doi:10.1098/rspb.2013.0184. 
  17. Glaw, Frank; Vences, Miguel (1994). A Field Guide to Amphibians and Reptiles of Madagascar (2nd ed.). Köln: Verlags GbR. ISBN 978-3-9294-4901-3. 
  18. 18,0 18,1 18,2 Camaleão (en portugués).
  19. Ott, M.; Schaeffel, F.; Kirmse, W. (1998). "Binocular vision and accommodation in prey-catching chamaeleons". Comparative Physiology A 182 (3): 319–330. doi:10.1007/s003590050182. 
  20. Ott, M. & F. Schaeffel (1995): "A negatively powered lens in the chameleon". Nature 373: 692-694.
  21. "Chamaeleon News, August 2004". Chameleonnews.com. Arquivado dende o orixinal o 22 de xaneiro de 2008. Consultado o 13 de novembro de 2019. 
  22. Le Berre & Bartlett 2009, p. 31.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Anderson, C. V.; Deban, S. M. (2010). "Ballistic tongue projection in chameleons maintains high performance at low temperature". Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America 107 (12): 5495–5499. 
  • Anderson, C. V.; Deban, S. M. (2012). "Thermal effects on motor control and in vitro muscle dynamics of the ballistic tongue apparatus in chameleons". Journal of Experimental Biology 215 (24): 4345–4357. 
  • Anderson, C. V.; Sheridan, T.; Deban, S. M. (2012). "Scaling of the ballistic tongue apparatus in chameleons". Journal of Morphology 273 (11): 1214–1226. 
  • Davison, Linda J. (1997): Chameleons: Their Care and Breeding. Surrey, Columbia Británica, Canadá: Hancock House Publishers. ISBN 978-0-8883-9353-1.
  • de Groot, J. H.; van Leeuwen, J. L. (2004). "Evidence for an elastic projection mechanism in the chameleon tongue. .". Proceedings of the Royal Society of London B 271 (1540): 761–770. 
  • Herrel, A.; Meyers, J. J.; Nishikawa, K. C.; De Vree, F. (2001). "Morphology and histochemistry of the hyolingual apparatus in chameleons". Journal of Morphology 249 (2): 154–170. 
  • Le Berre, François; Bartlett, Richard D. (2009): The Chameleon Handbook. 3rd Edition. Hauppauge, Estado de Nova York: Barron's Educational Series. ISBN 978-0-7641-4142-3.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]