Wikipedia:O que a Wikipedia non é

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Atallo:
WP:NON

A Wikipedia é unha enciclopedia en liña e, en consecuencia, unha comunidade en liña de xente interesada en construír unha enciclopedia de alta calidade cun espírito de respecto mutuo. Debido a isto, existen certas cousas que a Wikipedia non é.

Estilo e formato[editar | editar a fonte]

A Wikipedia non é unha enciclopedia impresa[editar | editar a fonte]

Atallo:
WP:NON#IMPRESA

A Wikipedia non é unha enciclopedia impresa, senón un proxecto de enciclopedia dixital. Isto significa que non existe un límite no número de temas a tratar nos seus artigos nin no tamaño dos mesmos, sempre que estes sexan verificables e cumpran o resto de puntos presentes nesta páxina. Non obstante, cómpre facer unha importante distinción entre o que se pode facer e o que se debería facer, tratado na sección "Contidos".

Conseguir que o tamaño dos artigos sexa razoable é importante para que a Wikipedia teña unha mellor accesibilidade, sobre todo desde conexións lentas e dispositivos móbiles; para logralo, os artigos poden dividirse noutros menores axudando a medrar o tratamento dun tema. Algunhas enciclopedias impresas recollen certos temas de xeito breve e cunha redacción xeral, algo que aquí non é necesario dado que a información se actualiza en calquera momento. Os outros aspectos nos que a Wikipedia difire das publicacións en papel están recompilados no noso libro de estilo.

Contidos[editar | editar a fonte]

A Wikipedia non é un dicionario[editar | editar a fonte]

Atallo:
WP:NON#DICIONARIO

A Wikipedia non é un dicionario nin unha guía de uso ou libro de instrucións. Os artigos non son:

  1. Definicións. Aínda que o mellor xeito de comezar un artigo sexa cunha boa definición e descrición do tema que vai abordar, tamén deben achegar outro tipo de información sobre o tema. Os artigos que non contan con máis ca unha definición teñen que se ampliar con contidos enciclopédicos adicionais, se fose posible.
  2. Entradas de dicionario. Os artigos da enciclopedia son sobre unha persoa ou un grupo, un concepto, un lugar, unha cousa, un acontecemento etc. En consecuencia, o normal é non proporcionar unha definición distinta da que indica o título do artigo; os artigos sobre os termos non comprendidos pola xente inexperta deberían aclarar estes conceptos.
    O proxecto irmán que si é un dicionario é o Galizionario; as definicións de dicionario da Galipedia deben trasladarse alí.
  3. Guías de uso ou explicacións de xergas. A enciclopedia non é un dicionario ortográfico nin un libro xenealóxico ou biográfico; tampouco é unha guía de uso de xergas sociais ou profesionais.
    O proxecto irmán que si é unha guía é o Galilibros; os libros e guías de uso deben ir aló.

A Wikipedia non é unha fonte orixinal de datos[editar | editar a fonte]

Atallos:
WP:NON#FONTE
WP:NON#FORO

A Wikipedia non é o lugar para publicar os propios pensamentos e análises ou nova información. Segundo a nosa política de non sermos unha fonte primaria, a Wikipedia non se pode empregar para:

  1. Investigacións orixinais. As novas teorías e solucións propostas, ideas orixinais, palabras inventadas etc. non son cousas válidas. No caso de haber unha investigación sobre un tema publicada en fontes, libros, xornais ou revistas, acreditadas e fiables, así como en sitios web respectados e de confianza cómpre fornecer referencias e citas das devanditas fontes para demostrar que os contidos e materiais son verídicos e non expresan meramente a opinión do editor, de xeito que se poida comprobar que aquilo que está escrito é certo.
  2. Invencións persoais. As palabras inventadas ou empregadas en ambientes familiares para describir accións, obxectos ou calquera outra cousa non posúen relevancia abonda para ter un artigo de seu ata que diferentes fontes secundarias dean mostras de aceptalas.
  3. Ensaios persoais. Os escritos que declaran un sentimento en particular sobre un tema, máis aló do consenso entre expertos, tampouco están permitidos. Aínda que se supón que a Wikipedia está a compilar a suma de todo o coñecemento humano, non é un vehículo para conseguir que opinións persoais se convertan en parte dese coñecemento. No caso pouco usual de que as opinións dun individuo sexan importantes dabondo para facer mención, é preferible deixar que outros escriban sobre elas.
  4. Foro de discusión. Hai que ter en mente a tarefa de crear unha enciclopedia, e deste xeito, é posible conversar cos usuarios nas súas páxinas de conversa sobre asuntos relacionados coa Wikipedia. Tamén se deben resolver os problemas dos artigos nas súas páxinas de conversa asociadas, pero sen levar o obxecto de discusión aos artigos. Ademais, cómpre lembrar que estas conversas existen co propósito de debater o xeito de mellorar os artigos; non son meras discusións xerais sobre o tema do artigo, nin sitios onde pedir e obter axuda, instrucións ou asistencia técnica.
  5. Xornalismo. A Wikipedia non ofrece as novas recentes ou acontecementos actuais de primeira man. Malia isto, a Wikipedia contén artigos enciclopédicos sobre temas de importancia histórica que aparecen nos telexornais ou na prensa, e que poden actualizarse con información verificable actual.

A Wikipedia non fai propaganda[editar | editar a fonte]

Atallo:
WP:NON#PROPAGANDA

A Wikipedia non é un taboleiro de anuncios ou un vehículo para facer propaganda e anuncios. Isto aplícase a calquera dos espazos de nomes da Wikipedia. Por este motivo, os contidos almacenados na base de datos da Wikipedia non son para:

  1. Apoio, propaganda ou recrutamento de ningún tipo: comercial, político, relixioso ou calquera outro. Por suposto, un artigo pode informar obxectivamente sobre tales cousas, sempre intentando describir o tema desde un punto de vista neutral. Existen outros lugares para convencer xente, como poden ser blogues ou foros, máis aló da Wikipedia onde isto non ten cabida.
  2. Opinións. Malia que algúns temas, en particular aqueles relacionados con afinidades políticas, poden incitar paixóns e levar a impor unha forma de pensar, a Wikipedia non é o medio para facelo. Os artigos deben ter contidos equilibrados, sen decantarse por ningunha postura, e estar redactados desde unha perspectiva razoable que represente un punto de vista neutral. Ademais, os editores da Wikipedia deben esforzarse por escribir artigos que non queden obsoletos ao pouco tempo.
  3. Dixomedíxomes. Os artigos sobre persoas vivas necesitan cumprir un estándar de alta calidade, para non conter mentiras nin difamacións mediante ruxerruxes ou infrinxir o dereito á privacidade do suxeito. Deste xeito, os artigos non poden atacar a reputación dunha persoa.
  4. Promocións propias. Non está permitido escribir sobre un mesmo ou sobre algún dos proxectos nos que un está persoalmente involucrado xa que é difícil manter a obxectividade. O mellor é agardar a que outros se encarguen da creación, edición, corrección e ampliación do artigo para non caer nun conflito de intereses.
  5. Publicidade. Aqueles artigos sobre compañías, empresas ou produtos tamén necesitan neutralidade e ser verificables por terceiras partes alleas, o único modo de comprobar que o artigo ten relevancia. As ligazóns externas cara a organizacións comerciais tan só son aceptables se as identifican.

A Wikipedia non é un espello ou unha colección de ligazóns e imaxes[editar | editar a fonte]

Atallo:
WP:NON#COLECCIÓN

A Wikipedia non é un espello ou un repositorio dixital de ligazóns e imaxes. Os artigos da Wikipedia non son:

  1. Meras coleccións de ligazóns externas ou directorios da internet. Non hai nada malo en engadir unha ou máis ligazóns con contidos útiles e que completan a información dun artigo; porén, un exceso de ligazóns en forma de listas pode desviar a Wikipedia do seu propósito. Nos artigos sobre temas que posúen moitas páxinas web de afeccionados, por exemplo, abonda con incluír unha ligazón externa cara ao principal ou máis importante.
  2. Meras coleccións de ligazóns internas. Agás as páxinas de homónimos que serven para aqueles artigos que comparten título e algúns artigos en forma de listas, non é necesario repetir na sección "Véxase tamén" aquelas ligazóns que xa aparecen no texto.
  3. Meras coleccións de materiais no dominio público ou procedentes doutras fontes. Libros, documentos históricos, cartas, leis, proclamacións e outros materiais semellantes que soamente son útiles presentes na súa redacción orixinal poden achegarse en anacos ou pequenos fragmentos no texto dos artigos, mesmo en forma de citas, indicando a orixe mediante unha referencia.
    O proxecto irmán que si ten copias ao completo de fontes orixinais son as Galifontes; estes textos presentes na Galipedia deben trasladarse alí.
  4. Meras coleccións de fotografías. Agás algúns artigos en forma de galerías, aqueles que conten con imaxes carentes de texto que achegue contidos enciclopédicos non teñen razón de ser na Wikipedia.
    O proxecto irmán que si é un repositorio de imaxes, vídeos e sons é o Commons.

A Wikipedia non é un blogue ou rede social[editar | editar a fonte]

Atallo:
WP:NON#BLOGUE
Véxase tamén: Wikipedia:Páxina de usuario.

A Wikipedia non é unha rede social como o Facebook, Twitter, Tuenti ou MySpace. Non se pode empregar a Wikipedia como se fose unha páxina web, un blogue ou un wiki propio. As páxinas da Wikipedia non son:

  1. Páxinas web persoais. Cada wikipedista ten a súa propia páxina de usuario, pero estas soamente poden usarse para presentar información relevante relacionada co traballo na enciclopedia. Unha presentación moi xeral sobre un mesmo para darse a coñecer á comunidade é axeitada, mais a Wikipedia non ten como obxectivo o ser unha rede social. Hai moitos servidores na internet que ofrecen espazos para crear páxinas web ou blogues persoais onde cadaquén pon o que cre oportuno.
  2. Servizos de citas. A Wikipedia non é o sitio apropiado para establecer relacións amorosas ou encontros sexuais. Non obstante, na Wikipedia acaban por forxarse novas amizades a medida que se avanza na mellora da enciclopedia.
  3. Memoriais. A Wikipedia non é o lugar para lembrar os familiares, amigos e coñecidos finados. Os suxeitos que posúan artigo de seu na enciclopedia téñeno pola súa relevancia.

A Wikipedia non é un directorio[editar | editar a fonte]

Atallo:
WP:NON#DIRECTORIO

A Wikipedia non é un directorio de todo o que existe ou existiu. Os artigos da Wikipedia non son:

  1. Entradas xenealóxicas. Os artigos biográficos só deben ser para aquelas persoas con algún tipo de fama, logro ou, quizais, notoriedade. Unha medida disto son as mencións a alguén que se puideran facer en fontes externas. A xente menos coñecida pode citarse no interior doutros artigos.
  2. As páxinas brancas ou amarelas. A información de contacto, como números de teléfono e fax e enderezos de correo electrónico, non é enciclopédica.
  3. Catálogos de rebaixas. Os prezos dos produtos non se deben citar nos artigos a menos que haxa un motivo xustificado para a súa mención. Ademais, os prezos poden variar segundo os vendedores individuais, segundo o lugar e ao longo do tempo. A Wikipedia non é un servizo para comparar os prezos de diferentes produtos.
  4. Categorizacións desproporcionadas. Meter xente dentro de categorías por etnia, cultura ou grupo relixioso que traballe para unha determinada organización ou incluír nunha categoría os restaurantes especializados nun certo tipo de comida nunha determinada cidade pode resultar nunha categorización excesiva e completamente innecesaria.
  5. Unha exposición completa de todos os posibles detalles. No canto diso, un artigo é un resumo de todo o coñecemento aceptado con respecto ao tema. Os datos verificables e referenciados deben ter un tamaño apropiado e axustado á relevancia.

A Wikipedia non é un manual, guía, libro de texto ou xornal científico[editar | editar a fonte]

Atallo:
WP:NON#MANUAL

A Wikipedia é unha referencia enciclopédica, non un manual de instrucións, unha guía ou un libro de texto. Os artigos da Wikipedia non deberían ter aspecto de:

  1. Manuais de instrucións. Aínda que a Wikipedia contén descricións de xente, lugares e cousas, os artigos non deben ter un estilo de manual de instrucións, columna de consellos e suxestións, guía ou receita.
    O proxecto irmán que si é unha guía é o Galilibros; os libros e guías de uso deben ir aló.
  2. Guías de viaxe. Un artigo sobre París debe mencionar puntos destacados, como poden ser a Torre Eiffel e mais o Museo do Louvre, pero non o número de teléfono ou a rúa dun hotel ou o prezo actual dun café au lait nos Campos Elisios. A Wikipedia non é o sitio axeitado para pór os contidos que irían nunha guía culinaria ou nun documental ou unha reportaxe sobre a cidade.
  3. Guías da internet. Os artigos da Wikipedia non deben existir soamente para describir a natureza, o aspecto ou os servizos que unha páxina web ofrece, senón que deben dar detalles sobre os logros da devandita web ou o seu impacto ou significancia histórica.
  4. Libros de texto. O obxectivo da Wikipedia é presentar feitos, non ensinar a materia que haxa sobre algún tema. Non é xeitoso crear ou editar artigos dándolles unha redacción de libro de texto, con formulación de preguntas e solucións sistemáticas a problemas como exemplos. Daquela, os textos deben informar, máis ca instruír.
  5. Xornais científicos. Unha artigo da Wikipedia non pode presentarse dando por suposto que o lector coñece de que vai o asunto. A lingua da introdución e as primeiras seccións do artigo debe empregar termos sinxelos e dar conceptos que calquera sen coñecementos no campo poida saber. Logo xa se poderá afondar en explicacións máis detalladas, tendo en conta que as ligazóns internas achegan información máis avanzada. Non obstante, a redacción dos artigos débese facer supoñendo que o lector non vai ou non pode seguir estas ligazóns, para non desviar a lectura do texto principal.
  6. Linguaxe académica. Os textos deben estar escritos para calquera tipo de lector, non para académicos. Os títulos dos artigos deben reflectir usos comúns, evitando terminoloxías académicas, agás cando non sexa posible.

A Wikipedia non é unha bóla de cristal[editar | editar a fonte]

Atallo:
WP:NON#BÓLA

A Wikipedia non é unha colección de especulacións non verificables. Todos os artigos sobre acontecementos anticipados deben ser verificables, e o asunto tratado debe ser o suficientemente amplo para ter un bo artigo unha vez que o acontecemento pase. Cómpre evitar artigos sobre:

  1. Acontecementos programados e futuros. Este tipo de artigos teñen cabida se o acontecemento posúe relevancia e está a piques de se celebrar. Na meirande parte dos casos, as datas non son definitivas ata que o evento toma lugar. Se a preparación xa se está levando a cabo, as especulacións deben estar moi ben documentadas. Algúns exemplos disto poden ser os vindeiros Xogos Olímpicos ou eleccións xerais. Pola contra, as Olimpíadas ou as eleccións a oito anos vista son máis difíciles de referenciar e non sería correcto engadilos.
  2. Elementos dunha lista predeterminada debido a un patrón de nomes. Por exemplo, o nome provisional dun elemento documentado pola IUPAC antes de ser illado no laboratorio.
  3. Extrapolacións, especulacións e historia futura. Mentres que as ciencias e culturas evolucionan continuamente, cómpre agardar a que ocorra esta evolución, e non intentar predicila.
  4. Aínda que existen paradigmas científicos que poden ser rexeitados posteriormente, e hipóteses previamente controvertidas ou ás veces incorrectas que remataron por ser aceptadas pola comunidade científica, a Wikipedia non é o lugar para aventurar este tipo de proxeccións.

A Wikipedia non é unha colección indiscriminada de información[editar | editar a fonte]

Atallo:
WP:NON#INFORMACIÓN

Que algo sexa verdade ou verificable non implica que sexa axeitado incluílo na enciclopedia. Os artigos da Wikipedia non deben ser:

  1. Soamente descricións das tramas de obras de ficción. A Wikipedia trata a ficción dunha maneira enciclopédica, expoñendo a recepción e importancia de obras relevantes. Os argumentos, sempre que sexan concisos e breves, son parte desta cobertura que se lles debe dar.
  2. Bases de datos de letras de cancións. A meirande parte das letras de cancións compostas a partir de 1922 están protexidas baixo as leis de dereitos de autor, e calquera cita delas debe manterse ao mínimo posible. En calquera caso, o seu uso está basicamente limitado ao propósito de comentar ou ilustrar algún aspecto do estilo. Naqueles casos en que a canción estea no dominio público o artigo tampouco debe consistir unicamente na letra, senón que cómpre achegar datos e información sobre autoría, data de publicación, impacto social e moitas outras cousas. Aínda así, nunca se debe incluír o texto ao completo.
    O proxecto irmán que si ten copias ao completo de fontes orixinais son as Galifontes; estes textos presentes na Galipedia deben trasladarse alí.
  3. Listas excesivas de estatísticas. Longas listas de estatísticas poden confundir os lectores e reducir a lexibilidade e elegancia dos artigos. Ademais, os artigos deben conter o suficiente texto explicativo como para conter estatísticas polo medio cun fin contextual. Ás veces, as táboas poden ser de grande axuda para expor máis en orde os datos.
  4. Reportaxes informativas. A Wikipedia ten en conta a relevancia de persoas e acontecementos. As novas poden ser unha fonte moi útil de material, pero moitos temas de interese xornalístico non están ben aquí. Por exemplo, novas que saen a diario sobre declaracións, deportes ou persoas famosas non contan co suficiente fundamento para incluírse na enciclopedia. Mentres que engadir información sobre desenvolvementos recentes é a miúdo adecuado, non se debe pór máis énfase nas novas de última hora ca o que se lle dea noutro tipo de información presente noutros artigos.

A Wikipedia non está censurada[editar | editar a fonte]

Atallo:
WP:NON#CENSURA
Véxase tamén: Wikipedia:Aviso de contido.

A Wikipedia pode incluír contidos que algúns lectores considerarían molesto ou ofensivo. Calquera persoa pode editar un artigo, e os cambios aparecen inmediatamente, así que a Wikipedia non pode garantir que os artigos ou imaxes sexan sempre aceptadas por todos os lectores.

Obviamente, os contidos inapropiados elimínanse decontado. No entanto, algúns artigos poden conter textos, imaxes ou ligazóns que certa xente considere molestos, aínda que estes materiais sexan relevantes para o tratamento do tema. Os debates sobre contidos potencialmente ofensivos non se deben centrar na súa ofensividade, senón en se é axeitado que estean no artigo en cuestión.

A Wikipedia non eliminará contidos debido a regulamentos internos dalgunhas organizacións que prohiben que esa información apareza na rede. Calquera regra que prohiba ou obrigue aos membros dunha organización, fraternidade ou relixión publicar un nome ou unha imaxe non aplica na Wikipedia porque a Wikipedia non pertence a ningunha desas organizacións.

Comunidade[editar | editar a fonte]

A Wikipedia non é unha democracia[editar | editar a fonte]

Atallo:
WP:NON#DEMOCRACIA

A Wikipedia non é un experimento democrático nin outro sistema político. O máis importante método para acadar o consenso é mediante a edición e discusión, non a través de votacións. Malia que ocasionalmente se abran votacións como intento de chegar a un consenso maioritario, estas votacións deben empregarse con precaución, e non son máis definitivas ca calquera outra decisión consensuada nun debate.

A Wikipedia non é unha burocracia[editar | editar a fonte]

Atallo:
WP:NON#BUROCRACIA

A Wikipedia non está gobernada por un estatuto: non hai un parlamento ou unhas cortes; as regras non son o propósito que debe ter a comunidade. As regras escritas non fixan por si mesmas prácticas aceptadas, pero si documentan consenso comunitario con respecto ao que se debería aceptar e ao que se debería rexeitar.

Aínda que as políticas e normas deben tomarse en serio, pódese facer un mal uso delas. Non sempre é bo facer unha interpretación demasiado estrita da redacción da política sen considerar o principio para o que foi creada. Se existe unha política que impide mellorar a enciclopedia, o máis sensato é ignorala. As discordancias resólvense mediante debates que cheguen a un consenso, sen necesidade de acomodarse estreitamente ás regras. Ademais, as políticas e normas poden cambiar en calquera momento para reflectir unha evolución no consenso.

A Wikipedia non é un campo de batallas[editar | editar a fonte]

Atallo:
WP:NON#BATALLA

A Wikipedia non é o lugar para sentir envexa, manter conflitos persoais e liortas ideolóxicas ou facer medrar prexuízos, odios ou medos. As batallas persoais que cadaquén poida ter quedan fóra dos límites das páxinas de conversa da Wikipedia. E á parte de evitar pelexas nas conversas, non está permitido modificar contidos ou políticas para apoiar un punto de vista ante alguén que discrepe.

Agárdase civismo, calma e un espírito de cooperación por parte de todos os usuarios. Non se permiten insultos, acosos ou intimidacións. O mellor é enfocar a materia intelixentemente e abordar unha conversa educada. Por outra banda, o feito de que alguén faga calquera das cousas antes citadas non dá dereito ao outro usuario a responder do mesmo xeito en defensa.

Nas disputas longas, cómpre resistir o impulso de converter a Wikipedia nun campo de batalla entre dúas partes. Asumir a boa fe de cada editor nestes casos é vital para non afastar a mellora da enciclopedia. Pódese traballar en conxunto mesmo con xente que non comparte mesmos puntos de vista; desta forma, feito ben, tamén se garante unha maior neutralidade.

Tampouco se pode empregar a Wikipedia como medio para emprender ameazas legais ou de calquera outro tipo contra a mesma Wikipedia, os wikipedistas ou a Fundación Wikimedia.

A Wikipedia non é unha anarquía[editar | editar a fonte]

Atallo:
WP:NON#ANARQUÍA

A Wikipedia é libre e aberta, pero restrinxe a súa liberdade e apertura ao interferir coa creación dunha enciclopedia. En consecuencia, a Wikipedia non é un foro onde se poida abusar dunha liberdade de expresión sen regular. O feito de que a Wikipedia sexa un proxecto aberto que se rexa por si só non significa que parte do seus obxectivos sexa explorar a viabilidade das comunidades anárquicas. O noso propósito é o de construír unha enciclopedia, lonxe de probar os límites do anarquismo.

A Wikipedia non é un sitio de aloxamento na web[editar | editar a fonte]

Atallo:
WP:NON#ALOXAMENTO
Véxase tamén: Wikipedia:Páxina de usuario.

Moitas das restricións antes expostas aplícanse tamén ás páxinas de usuario e conversas de usuario. A páxina de usuario dun usuario non é unha páxina persoal, nin un blogue. E algo aínda máis importante: a páxina de usuario dun usuario non pertence a tal usuario. É parte da Wikipedia, e existe para facer máis doada a colaboración entre wikipedistas, non para facer promoción propia.

Para rematar...[editar | editar a fonte]

Atallo:
WP:NON#IDEAS

A Wikipedia non é unha lista moi longa de moitas outras ideas terribles. É imposible anticipar cada mala idea, polo que non teñen por que estar todas aquí recollidas.

Que facer en caso de violación das normas?[editar | editar a fonte]

A mellor maneira de saber o que se debería ou non se debería facer nun artigo, é preguntándose que esperaría un lector atopar nun artigo de enciclopedia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]