Wikipedia:Civismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O civismo é parte das normas de conduta da Wikipedia, que a súa vez forman parte dos cinco piares, e describe o comportamento esperado dos usuarios fornecendo indicacións de como tratar as disputas que poidan darse na Wikipedia. Explicado de forma sinxela, os editores deberían tratarse sempre con consideración e respecto os uns aos outros, co propósito principal de mellorar a enciclopedia mentres manteñen un ambiente de edición agradábel, para o que se require un comportamento amable, calmado e razoable.

A política de civismo aplica a tódolos editores en tódalas interaccións da Wikipedia, incluíndo as conversas nos artigos, páxinas de conversa de usuarios, resumos de edición, votacións e calquera outra conversa con ou sobre outros editores.

Cooperación e civismo[editar a fonte]

As diferentes opinións son inevitables nos proxectos colaborativos. Ao discutir estas diferenzas algúns editores poden semellar demasiado severos, cando en realidade só intentan ser sinceros. Outros poden reaccionar de forma desproporcionada cando se discute a súa opinión. A conversa escrita non transmite por enteiro os matices da conversa verbal, o que pode levar á interpretación incorrecta dos comentarios dun editor. Unha afirmación non cívica pode escalar unha conversa animada nunha rifa persoal lonxe da discusión obxectiva do problema orixinal. A resolución destas disputas deben facerse de forma cívica, é posible estar en desacordo sen chegar a ser desagradable.

Espérase que os editores sexan razoablemente cooperativos, sen facer ataques persoais, actuando de acordo coas políticas e normas e respondendo as preguntas de boa fe. Cómpre ser especialmente amable e paciente cos usuarios novos que contribúen de forma construtiva.

Carencia de civismo[editar a fonte]

O incivismo consiste en ataques persoais, comentarios maleducados e descorteses. Cando isto ocorre de forma agresiva provoca a hostilidade de outros editores e perturba ao proxecto introducindo estrés e conflito. Malia que os casos illados de incivismo non son necesariamente unha preocupación, un patrón continuo de falta de civismo é inaceptable. En casos de acoso repetido ou ataques persoais graves, o usuario en cuestión pode chegar a ser bloqueado. En casos extremos de falta de civismo que inclúan abuso verbal, insultos ou ameazas a outro editor, pode darse o bloqueo do usuario en cuestión aínda sendo unha única ocorrencia.

Tratamento do incivismo[editar a fonte]

  1. Primeiro de todo, considera se o caso é só un malentendido. Clarifica e pide clarificación.
  2. Considera a posibilidade de que algunha das túas accións ou comentarios puidesen provocar unha resposta defensiva ou irada. Prepárate para pedir desculpas por calquera cousa que poidas ter feito ou dito mellor. (Nota: se moitos editores semellan parecer frustrados contigo, o problema podes ser ti mesmo.)
  3. Se aínda te sentes ofendido, tenta estar calmado e razoable na medida do posible na túa resposta. Ata que haxa unha evidencia clara do contrario, asume que a ofensa non foi intencionada. Tenta non responder o incivismo de forma incívica tamén, e explica claramente o que consideras incívico.
  4. Se todo isto non funciona, procura a axuda doutros editores para que medien no conflito ou deixa unha mensaxe no taboleiro dos administradores para que revisen o conflito en cuestión.

Resolución de disputas[editar a fonte]

Perante un caso de incivismo, o primeiro é decidir se cómpre facer algo ao respecto. Enfrontarse a alguén por un incidente menor, particularmente se é un malentendido, pode producir máis estrés e drama que o propio incidente.

En orde ascendente de seriedade, as vías de resolución de disputas que se poden usar se a propia conversa é insuficiente son as seguintes:

  • Páxina de conversa do usuario. De requirir unha acción, primeiro considera discutilo na páxina de conversa do usuario en cuestión, tentando non escalar a situación e explicando claramente a obxección.
  • A Taberna. O foro da taberna pode empregarse para pedir a asistencia e mediación dun terceiro usuario non involucrado na disputa en cuestión.
  • Taboleiro dos administradores. O taboleiro está indicado para informar sobre incidentes graves de incivismo que precisen a intervención dos administradores.

Ameazas de violencia[editar a fonte]

As ameazas violentas contra outros ou contra si mesmo, incluíndo ameazas de morte en xeral e de suicidio en particular, deben reportarse de forma inmediata por correo electrónico á Fundación Wikimedia na dirección emergency@wikimedia.org. En caso de ameazas legais, ataques persoais intolerantes ou outros tipos de discurso de odio que requiran acción, use o Taboleiro dos administradores para que eles revisen o caso e tomen as accións pertinentes.

Pedir desculpas[editar a fonte]

As disputas e malentendidos poden levar a situacións nas que unha das partes se sinta ofendida pola outra. Non hai perda de respecto por pedir desculpas. Todo o mundo pode ter un erro ou dicir algo incorrecto, e todo o mundo ten malos momentos persoais. Se pensas que lle debes unha desculpa a alguén, ofrécea, as desculpas non fan dano a ninguén. Porén, non se debe esixir unha desculpa doutra persoa, xa que iso adoita levar a que a desculpa nunca teña lugar ou que non sexa sincera, sendo sempre recomendable ser o primeiro en desculparse.

Bloqueos por incivismo[editar a fonte]

Os bloqueos por falta de civismo son posibles cando o incivismo cause problemas de rotura de edición. Porén, esta política non está pensada para ser empregada coma arma e o bloqueo non debería ser a primeira opción na maioría dos casos.

  1. Ten en conta todo o historial relevante. Evita os xuízos rápidos sen coñecer antes toda a información relevante á situación.
  2. Pensa polo miúdo as vantaxes dos outros métodos de actuación antes de proceder ao bloqueo. O bloqueo só debe ter lugar como última medida, sendo normalmente máis axeitado aplicalos apoiándose en normas máis concretas (Wikipedia:Romper a edición, Wikipedia:Non fagas ataques persoais)
  3. Os bloqueos por falta de civismo deben aplicarse cando os motivos son obvios e claros, cando o editor en cuestión cruza a liña de forma obvia para o resto de editores.
  4. Os usuarios deben recibir advertencias previas de forma clara na maioría de circunstancias antes de seren bloqueados, dándoselle tempo suficiente para que se retracten ou expliquen de forma axeitada. As excepcións a isto poden incluír aqueles usuarios que violen de forma clara a norma, fagan ameazas persoais ou xa teñan recibido advertencias múltiples anteriormente.

Véxase tamén[editar a fonte]