Eduardo Viso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Eduardo Viso Abella»)
Viso
Información persoal
Nome Eduardo Viso Abella
Nacemento 16 de decembro de 1919
Lugar de nacemento Melón
Falecemento 6 de xullo de 1995
Posición Dianteiro
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1938–1939 Deportivo da Coruña 15 (1)
1939–1942 Club Coruña 15 (7)
1942–1943 Valladolid 10 (1)
1943–1946 Deportivo da Coruña 40 (10)
1946 Club Santiago 0 (0)
1946–1950 Real Zaragoza 36 (12)
Total 116 (31)
Adestrador
1950–1951 Arenas de Zaragoza
1951–1952 Sporting Ciudad
1952 Club Santiago
1954–1955 Xuvenil
1955–1956 Braga
1958–1961 Deportivo Saprissa
1962-1963 Alajuelense
1965 Herediano
1965 Costa Rica
1969–1970 Alajuelense
1970 Costa Rica
1974 Alajuelense
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Eduardo Viso Abella, nado en Melón o 16 de decembro de 1919 e finado o 6 de xullo de 1995, foi un futbolista e adestrador galego.

Como futbolista, xogaba de extremo e desenvolveu a súa carreira principalmente no Valladolid, Deportivo da Coruña e Zaragoza. Como adestrador pasou por varios equipos modestos e dirixiu ao Xuvenil en Segunda División e ao Sporting de Braga en Portugal, antes de marchar a Costa Rica, país no que estivo á fronte dos tres principais equipos do país (Deportivo Saprissa, LD Alajuelense e Herediano), así como da selección costarriqueña.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Como xogador[editar | editar a fonte]

Naceu en Melón, na provincia de Ourense, e criouse futbolisticamente na Coruña. Disputou co Deportivo da Coruña o Campionato de Galicia, na tempada 1937/38,[1] e logo xogou no Club Coruña ata 1942.[2][3][4] Tras probar en marzo de 1942 co Atlético Aviación,[5] co que xa probara anteriormente, chegando a enfrontarse a un equipo da Luftwaffe da Alemaña nazi en novembro de 1941,[6] recalou finalmente no Real Valladolid, de Segunda División. Disputou todos os partidos de Copa (a liga xa rematara), debutando na vitoria por 4-0 fronte ao Celta de Vigo. Tras eliminar ao Murcia (con gol de Viso) e ao Atlético Aviación, o Valladolid xogou as semifinais, perdendo contra o Atlético de Bilbao.[7] na seguinte tempada xogou case todos os partidos, rematando o equipo en postos de promoción, pero sen lograr o ascenso. No verán de 1943 quedou libre e volveu á Coruña.[8]

Fichou a continuación polo Deportivo da Coruña, adestrado por Ramón de la Fuente, debutando na tempada 1943–44 en Primeira División, e sendo o primeiro ourensán en vestir a camiseta branquiazul.[9] O seu debut produciuse o 6 de febreiro de 1944 nun partido contra a Real Sociedad que rematou en empate (0–0). O seu primeiro gol conseguiuno na xornada seguinte, nun empate contra o Sevilla FC (2–2) a domicilio. Disputou 14 partidos e anotou sete goles. Na tempada seguinte disputou 26 partidos e marcou seis goles, descendendo o equipo a Segunda División. Na súa terceira tempada no club coruñés dispuxo de poucos minutos nun centro do campo no que destacaban Molaza, Bienzobas, Guimeráns e Reboredo. Xogou só cinco partidos, naquel equipo que acabou logrando o ascenso no campo do Inferniño.[10] A continuación pasou brevemente polo Club Santiago, co que disputou a Copa Galicia, sufrindo unha fractura nun brazo durante un partido ante o Galicia de Ferrol.[11]

En agosto de 1946 fichou polo Real Zaragoza, que militaba en Segunda División.[12] Na súa primeira tempada en Aragón xogou 17 partidos e marcou 5 goles, que non serviron para evitar o descenso do club á Terceira División. En xaneiro de 1949, co equipo aínda en Terceira, sufriu unha grave lesión no partido fronte ao Arenas SD, que o mantivo varios meses de baixa.[13] A finais dese ano xogouse no Estadio de Torrero un partido de homenaxe a Viso entre o Zaragoza e o Deportivo, no que o futbolista xogou unha parte en cada equipo.[14] Ao mesmo tempo que xogaba no Deportivo e no Zaragoza, estudou a carreira de Química na Universidade de Santiago e na de Zaragoza.[15]

Como adestrador[editar | editar a fonte]

Tras retirarse como futbolista comezou a súa carreira de adestrador no Arenas de Zaragoza, de Terceira División, na tempada 1950/51. Despois pasou polo Sporting Ciudad, da Cidade Vella da Coruña, e polo Club Santiago,[16] e foi nomeado director da Escola Rexional de Adestradores.[17]

En agosto de 1954 tomou as rendas do Xuvenil na histórica tempada 1954/55, a primeira e única do club coruñés en Segunda División, cun cadro de xogadores entre os que estaban entre outros Carlitos, Manín, Tino, os curmáns Botana e o mítico porteiro Acuña.[18][19] Adestrou o equipo ata a súa dimisión tras a xornada 21, na que perdeu 7-1 contra Osasuna, quedando o equipo ao bordo dos postos de descenso. Foi substituído polo xogador do equipo Waldo Botana.[20]

En decembro de 1955 asinou como novo adestrador do Sporting Clube de Braga, da Primeira Liga, en substitución do arxentino Antonio Imbelloni, que deixara o equipo na última posición da táboa.[21] Aínda que conseguiu algunhas vitorias na parte final da tempada non conseguiu salvar o equipo, que acabou descendendo a Segunda.[22]

En 1958 foi contratado como adestrador do Deportivo Saprissa, o equipo máis importante de Costa Rica. Durante os seus tres anos á fronte do club, obtivo dous subcampionatos da liga costarriqueña e gañou a Copa Presidente de 1960,[23] ademais de traballar como químico e dirixir un coro galego de música.[24][25] En 1962 pasou a adestrar a Liga Deportiva Alajuelense, coa que logrou un novo subcampionato de liga. En 1965, despois de pasar polo Club Sport Herediano, converteuse no adestrador da selección de Costa Rica, nun triunvirato formado por el, Alfredo Chato Piedra e Mario Catato Cordero. Dirixiron ao equipo no Campionato de Nacións da CONCACAF dese ano pero non conseguiron revalidar o título da edición anterior.[26]

En 1970 volveu dirixir brevemente a selección, así como outra vez a LD Alajuelense, conquistando o título de liga. En 1974 volveu de novo ao banco do Alajuelense, e gañou unha nova Copa.

Ademais dende 1973 ocupou un alto cargo no Ministerio de Agricultura durante a presidencia de José Figueres, estando a cargo do Departamento do Rexistro de Praguicidas.[27][28]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou con María Nieves González Valiño, irmá do tamén futbolista do Deportivo Chacho, e tivo un fillo, Eduardo,[29] o cal faleceu en 1974 nun accidente de tráfico en San Xosé (Costa Rica) xunto á súa muller Concepción e o único fillo do matrimonio.[30]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Vázquez y Chacho en el Inferniño". El Correo Gallego (en castelán). 11 de marzo de 1938. Consultado o 30 de outubro de 2020. 
  2. "Deportes". El Correo Gallego (en castelán). 23 de outubro de 1939. p. 2. Consultado o 30 de outubro de 2020. 
  3. "El Coruña pierde en El Ferrol por la mínima diferencia". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de setembro de 1941. p. 2. 
  4. "El Coruña-Langreano comenzará a las cuatro". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 1 de febreiro de 1942. p. 2. 
  5. "El Aviación venció al Lugo". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 24 de marzo de 1942. p. 4. 
  6. "Viso, además de Acuña, jugará el jueves con el Aviación". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de novembro de 1941. 
  7. "El Barcelona y el Atlético de Bilbao se han clasificado finalistas". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 16 de xuño de 1942. p. 3. 
  8. "Completamente libres de compromisos y dispuestos a pasar tranquilamente el verano entre los suyos, acaban de llegar Eduardo Viso y Waldo Botana". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de xullo de 1943. p. 2. 
  9. "Un Ourense blanquiazul". DxT Campeón (en castelán). 13 de xullo de 2017. Arquivado dende o orixinal o 06 de novembro de 2020. Consultado o 30 de outubro de 2020. 
  10. "El Deportivo, en Primera División". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de marzo de 1946. p. 1. 
  11. "Viso resultó con un brazo fracturado en el partido de Santiago". El Ideal Gallego (en castelán) (8987). 7 de maio de 1946. p. 7. Consultado o 13 de abril de 2024. 
  12. "Breve noticiario deportivo". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 21 de agosto de 1946. p. 2. 
  13. "Viso, lesionado gravemente, en Zaragoza". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de xaneiro de 1949. p. 3. 
  14. "El Deportivo salió ayer para Barcelona". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 17 de novembro de 1949. p. 5. 
  15. "Futbolistas en Santiago". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 10 de xaneiro de 1947. p. 3. 
  16. "Viso entrenador del Santiago". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 5 de setembro de 1952. p. 5. 
  17. "Eduardo Viso, director de la Escuela Regional de Preparadores". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 10 de xaneiro de 1954. p. 5. 
  18. "Eduardo Viso, nuevo entrenador del Juvenil". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 11 de agosto de 1954. p. 5. 
  19. "Rodrigo, el Cid deportivista". Canal Deportivo (en castelán). 4 de marzo de 2016. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 30 de outubro de 2020. 
  20. "Waldo Botana es el nuevo entrenador del Juvenil". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 2 de febreiro de 1955. p. 5. 
  21. "Un entrenador español, como recurso de salvación..". La Vanguardia (en castelán). 18 de xaneiro de 1956. Consultado o 30 de outubro de 2020. 
  22. "Partidos do SC Braga na tempada 1955/56". zerozero.pt (en portugués). Consultado o 30 de outubro de 2020. 
  23. "Costa Rica 1960". RSSSF (en inglés). Consultado o 30 de outubro de 2020. 
  24. "Regresó Toba". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 11 de maio de 1962. p. 6. 
  25. "El técnico coruñés el mejor pagado" (en castelán) (A Coruña ed.). 27 de marzo de 1965. p. 4. 
  26. "Costa Rica acumula alegrías y fracasos en los torneos de la CONCACAF" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 30 de outubro de 2020. 
  27. Padilla Monge, María Mayela. "Nuestra huella en el tiempo" (PDF) (en castelán). Consultado o 30 de outubro de 2020. 
  28. "Eduardo Viso ocupa un alto puesto en el ministerio de agricultura de Costa Rica". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 21 de xullo de 1973. p. 21. 
  29. "Esquela". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 25 de agosto de 1970. p. 11. 
  30. "En Costa Rica". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 3 de agosto de 1974. p. 1. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]