Torpedo marmorata
Torpedo marmorata Estruga, ortiga, raia tembladeira | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Datos insuficientes[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Torpedo marmorata Risso, 1810 |
Torpedo marmorata é unha especie de peixe elasmobranquio batoideo da orde dos torpediniformes, familia dos torpedínidos, integrada no xénero Torpedo.
Habita nas costas do Atlántico oriental, desde as illas Británicas e o mar do Norte até Suráfrica, así como en todo o Mediterráneo, agás no mar Negro.
Coñécese vulgarmente, entre outros nomes, como estruga, ortiga e raia tembladeira.
Morfoloxía
[editar | editar a fonte]As principais características morfolóxicas desta especie son:[2][3][4][5]
- Corpo subcircular, co bordo anterior rectilíneo ou lixeiramente cóncavo, cuberto por unha pel lisa, sen dentículos dérmicos.
- Lonxitude máxima de até 1 m (aínda que ordinariamente adoita medir entre os 39 e os 49 cm), cun peso máximo rexistrado de 3 kg. (Moito máis pequeno que a especie máis grande da familia, Tetronarce nobiliana).
- Presenta dúas series de aberturas branquiais paralelas entre si.
- Parte superior do disco de cor parda con manchiñas brancas, mentres que a inferior é abrancazada, cunha orla negra nos bordos (carácter distintivo). Porén, ás veces atópanse exemplares de cor agrisada ou rosada, máis ou menos clara, ás veces uniforme e outras con manchas pardas.[5]
- Os espiráculos son de forma oval, cos bordos provistos de papilas moi comprimidas que se tocan na parte central (carácter distintivo).
- Aletas dorsais máis ou menos arredondadas, coa base 1,50 veces maior que a altura.
- Aleta caudal curta e grosa, en forma de pa.
- A ambos os lados da cabeza, o tecido muscular e o nervioso están modificados para formaren os órganos eléctricos, grazas aos cales pode facer breves descargas.
Bioloxía
[editar | editar a fonte]Hábitat e distribución
[editar | editar a fonte]É unha especie mariña, costeira, que tamén pode frecuentar augas salobres, ás veces asociada a arrecifes, que vive a profundidades de entre os 2 e os 370 m.[3]
É unha especie común que se encontra nas costas do Atlántico oriental, entre os 60° N e os 35°S, e entre os 18° W e os 36° E, desde o norte das illas Británicas até o cabo da Boa Esperanza, en Suráfrica, e no mar Mediterráneo. No mar do Norte e no Kattegat é pouco común, e no mar Negro está ausente.[1][3]
Costumes
[editar | editar a fonte]De costumes nocturnos, o peixe permanece xeralmente enterrando no fondo durante o día, sobresaíndo só os ollos e os espiráculos. Cos seus órganos eléctricos pode producir descargas de até 200 volts e 8 ampères. As súas electrocélulas comezan a funcionar cando o embrión pesa aproximadamente 1 g, e os órganos eléctricos son funcionais antes mesmo do nacemento, polo que as crías acabadas de nacer poden utilizar xa as descargas para a captura das súas presas[1]
Nutrición
[editar | editar a fonte]Aliméntase basicamente de pequenos peixes, moluscos e crustáceos bentónicos.[1][2][4]
Reprodución
[editar | editar a fonte]Ovovivíparo, as femias teñen un período de xestación de dez meses. O número de crías, que nacen ao final do verán, varía entre 5 e 30, segundo o tamaño da nai.[2][4]
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Descrición
[editar | editar a fonte]A especie Torpedo marmorata foi descrita por primeira vez polo naturalista nizardo Giuseppe Antonio Risso, máis coñecido como Antoine Risso,[3][6][7] na súa obra Ichthyologie de Nice ou Histoire naturelle des poissons du département des Alpes Maritimes. Ler en liña, editada en París por F. Schoell.
Sinónimos
[editar | editar a fonte]Ademais de polo nome que lle impuxo Risso, e actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos seguintes:[6]
- Narcacion marmoratus (Risso, 1810)
- Narcobatus marmoratus (Risso, 1810)
- Torpedo (Torpedo) marmorata Risso, 1810 (aceptado como nome alternativo)
- Torpedo diversicolor Davy, 1834
- Torpedo galvani Risso, 1810
- Torpedo immaculata Rafinesque, 1810
- Torpedo picta Lowe, 1843
- Torpedo punctata Rafinesque, 1810
- Torpedo trepidans Valenciennes, 1843
- Torpedo vulgaris Fleming, 1828
En Galicia
[editar | editar a fonte]A primeira cita desta especie nas costas galegas débese a Cornide, en 1788, co nome de Raya torpedo, no seu pioneiro Ensayo de una historia de los peces y otras producciones marinas de la costa de Galicia. Xa no século XX as primeiras citas son de de Buen.[2]
Nomes vernáculos galegos
[editar | editar a fonte]Sendo unha especie frecuente nas costas de Galicia, e debido á unha das súas prinicpais características (comúns a todos os torpedos) de producir descargas eléctricas, non é de estrañar que teña moitos nomes vernáculos. Así, Ríos Panisse, no volume I da súa monumental Nomenclatura recolle, entre outros, o seguintes:
- estruga (en 11 localidades),
- ortiga (en 8 localidades),
- raia estruga, e variantes (en 6 localidades),
- raia ortiga (en 6 localidades),
- tembladeira, e variantes (en 7 localidades),
- trémello, e variantes (en 9 localidades)
- e outras, como raia eléctrica, e variantes; ra estriga, e variantes; ra roxa, e variantes; raia roxa, e variantes etc.
- finalmente, e só en Portosín, raia tembladeira, que é o nome escollido por Rodríguez Villanueva et al. na súa Guía.[2]
A Real Academia Galega oficializa, no seu Dicionario on line, torpedo,[8] estruga,[9] e ortiga,[10]
Pola súa parte, o Gran dicionario Xerais da lingua propón raia eléctrica, ao lado de ortiga, pero non recolle estruga (só o fai para os significados de planta, e de actinia), aínda que remite as voces tembla e tembladoira ao non recollido estruga (peixe).[11]
Estado de conservación
[editar | editar a fonte]A especie Torpedo marmorata parece ter unha ampla área de distribución no Atlántico oriental e no mar Mediterráneo, e a súa bioloxía é relativamente ben coñecida; porén, a súa abundancia e as posíbeis ameazas que ten que soportar non son ben coñecidas en toda a súa área de dispersión. Datos obtidos da pesca de arrastre indican que esta especie de torpedo é máis común que outras da familia no norte do mar Mediterráneo, e pode que estea aumentando nas augas costeiras de Italia. Pero pouco se sabe das tendencias da evolución da súa poboación ou do impacto das pescarías de África occidental e do resto da súa área, onde o esforzo da pesca de arrastre é alto. Polo tanto, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) avalía na actualidade o status da especie como DD (datos insuficientes), mentres que non se poida obter información sobre o estado da poboación en toda a súa área de despersión.[1]
Principais ameazas
[editar | editar a fonte]Capturado como captura incidental en pescarías de arrastre, trasmallos costeiros e redes e palangres de fondo. Non se pesca comercialmente e a miúdo bótase no mar debido ao seu baixo valor comercial.[12] Hai pouca información dispoñíbel nas capturas desta especie como resultado dos descartes no mar e dos poucos datos obtidos nos desembarques. A presión da pesca de arrastre é relativamente intensiva na plataforma continental da África occidental.[1]
Accións de protección
[editar | editar a fonte]As medidas para asegurar a conservación da especie deben incluír os descartes dos individuos vivos, a mellora do coñecemento dos datos pesqueiros, a identificación de áreas de cría importantes e o establecemento de áreas protexidas para as especies demersais. Tamén é necesaria a investigación sobre a abundancia, ameazas, tendencias da poboación e capturas na pesca en toda a área de dispersión da especie.[1]
A raia tembladeira e o home
[editar | editar a fonte]A pesar de que se captura adoito polos pecadores de arrastre, rara vez é utilizado como alimento para os humanos. Historicamente, no mar Adriático, afumábase e vendíase, aínda que a súa carne tiña pouco valor comercial.[13]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Exemplar de Córsega
-
Exemplar de Turquía
-
Exemplar de Portugal
-
Ilustración do ano 1810
-
Exemplar en actitude defensiva fotografado en Córsega
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Notarbartolo di Sciara, G.; Serena, F.; Ungaro, N.; Ferretti, F.; Pheeha, S. & Human, B. (2009): Torpedo marmorata na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2016-3. Consultada o 17 de decembro de 2016.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Rodríguez Villanueva el al. (1992), pp. 112-113.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Torpedo marmorata Risso, 1810 en FishBase.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-1161-2, p. 62.
- ↑ 5,0 5,1 Bauchot, M. L. e Pras, A. (1982): Guía de los peces de mar de España y Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-0685-6, pp. 88-89.
- ↑ 6,0 6,1 Torpedo marmorata Risso, 1810 no WoRMS.
- ↑ Torpedo marmorata Risso, 1810 no ITIS.
- ↑ torpedo, 1ª acep., no dicionario da RAG.
- ↑ estruga Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine., 2ª acep., no dicionario da RAG.
- ↑ ortiga, 2ª acep., no dicionario da RAG.
- ↑ raia eléctrica, ortiga, tembla e tembladoira, no Gran dicionario Xerais da lingua, volume II. Vigo, Xerais, 2009. ISBN 978-84-9914-072-8.
- ↑ Minervini, A.; Giannotta, M. & Bianchini, M. L. (1985): "Observation on the fishery of Rajformes in central Tyrrhenian Sea". Oebalia XI (5): 583-591.
- ↑ Ninni, Emilio (1912): Catalogo dei pesci del mare Adriatico. Venezia: Tip. Carlo Bertotti.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Torpedo marmorata |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Torpedo marmorata |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Burton, Maurice & Robert Burton (1984): Encyclopedia of Fish. Saint Louis, EE.UU: BPC Publishing. ISBN 0-7064-0393-2.
- Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
- Ríos Panisse, M. C. (1983): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I. Invertebrados y peces. Verba, anejo 7. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compoostela. ISBN 84-7191-008-X.
- Rodríguez Villanueva, Xosé Luís e Xavier Vázquez Álvarez (1992): Peixes do mar de Galicia (I). Lampreas, raias e tiburóns. Vigo: Xerais. ISBN 84-7507-654-8.
- VV. AA. (2005): "Peces cartilaginosos". Animal. La definitiva e impactante guía visual de la vida salvaje en nuestro planeta. Madrid: Pearson Educación, S. A. ISBN 84-205-3616-4.
- Whitehead, P. J. P.; Bauchot, M.-L.; Hureau, J.-C.; Nielsen, J. & Tortonese, E. eds, (1985): Fishes of the North-eastern Atlantic and the Mediterranean. París: UNESCO. ISBN 978-9-2300-2215-0.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Torpedo marmorata Risso, 1810 en Données d'Observations pour la Reconnaissance et l'Identification de la faune et la flore Subaquatiques (DORIS) (en francés). Consultada o 18 de decembro de 2016.
- Torpedo marmorata Risso, 1810 en FishBase (en inglés). Consultada o 18 de decembro de 2016.
- Torpedo marmorata Risso, 1810 no ITIS. Consultada o 18 de decembro de 2016.
- Torpedo marmorata na ADW. Consultada o 18 de decembro de 2016.
- Torpedo marmorata Arquivado 20 de decembro de 2016 en Wayback Machine. na EOL. Consultada o 18 de decembro de 2016.
- Torpedo marmorata no Florida Museum of Natural History Ichthyology Department (en inglés). Consultada o 18 de decembro de 2016.
- Torpedo marmorata no NCBI. Consultada o 18 de decembro de 2016.
- Torpedo marmorata na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2016-3. Consultada o 17 de decembro de 2016.
- Torpedo marmorata (Risso, 1810) Arquivado 02 de decembro de 2013 en Wayback Machine. en Encyclopedia of Marine Life of Britain and Ireland (en inglés).
- Torpedo marmorata en BOLDsystems (en inglés).