Apareceu en novembro de 1950.[1] Fundada por Manuel Fabeiro Gómez e Andrés Rodríguez Millares, que foron os seus directores ata a súa desaparición. Ramón Patiño Ronquete e Eduardo Ces Iglesias eran os administradores. A cabeceira da revista foi creada polo debuxante Argimiro Suárez Ferreiro, que deseñou tamén a portada. Os primeiros catro números, publicados en novembro e decembro, constan de 16 páxinas. A partir do cuarto número teñen problemas coa Delegación Provincial de Información e Turismo que esixía a censura previa dos orixinais. Os responsables non acataron esta decisión e, previo acordo co alcalde Manuel Blanco Ons, que tamén formaba parte do equipo da revista, decidiron convertela nun Programa de Festas Patronais. Así apareceu, cun maior número de páxinas (entre 40 e e 70), nos meses de agosto de 1951, 1952, 1953, 1954 e 1955. Non chegou a editarse o número 10, previsto para agosto de 1956, ao eliminar a censura todos os orixinais de tema municipal.